12.6 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaA Deputación recuperará unha praza histórica en Baiona

    A Deputación recuperará unha praza histórica en Baiona

    O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis 460.000 euros, o 80 % do orzamento, os traballos para a adecuación do espazo público e mellora dos servizos da praza Victoria Cadaval. O Concello, pola súa banda, achega o 20 % restante, uns 115.000 euros. A sinatura deste protocolo tivo lugar no Pazo Provincial nun acto no que Luis López amosou a súa satisfacción pola posta en marcha de proxectos que mellorarán a imaxe dos espazos urbanos e a calidade de vida da cidadanía, neste caso, do Concello de Baiona.

    A obra, valorada en preto de 600.000 euros, servirá para a humanización da praza Victoria Cadaval, un espazo emblemático da núcleo de Sabarís que conecta o ámbito do mercado coa ponte medieval e que forma parte do Camiño Portugués da Costa. O obxectivo destas obras, que estarán centradas en tres piares, pasa pola transformación deste ámbito para que os peóns recuperen o espazo que lle foi arrebatado polos coches. Para logralo, en primeiro lugar buscarase a creación dun espazo público de calidade que dinamice a actividade comercial e a vida social a través da implantación de novas zonas de estancia, novas zonas verdes, a integración da praza co río da Groba ou a colocación de novos elementos de mobiliario urbano. Por outro lado, restrinxirase o tráfico mediante a construción dunha plataforma única de preferencia peonil, a limitación da velocidade a 10 quilómetros por hora e a colocación dun sistema de semáforos intelixentes. Ao mesmo tempo, melloraranse todos os servizos coa renovación da rede de saneamento e abastecemento, o soterrado das redes de subministro eléctrico e de telecomunicacións e un novo mecanismo de rego por goteo para os xardíns que contribúan ao aforro do consumo de auga.

    Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Baiona realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

    Despois de asinar o acordo, o presidente Luis López destacou a importancia de recuperar para a cidadanía o espazo público con espazos de alta calidade que promoven a mobilidade peonil e o contacto co medio ambiente.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.