Venres, 14 Novembro de 2025

Mos inviste na mellorará a Pista de San Eleuterio

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e o edil de Deportes, José Areal, informaron hoxe de que se atopa en procedemento de contratación, e a piques de ser contratada, a obra de mellora da pista polideportiva de San Eleuterio.

Para a devandita mellora a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia concedeulle ao Concello de Mos unha subvención de preto de 31.000 euros.

O importe total do proxecto ascede a 44.198,5 euros, dos cales a Xunta achega unha axuda de 30.938,95 € e os 13.259,55 € restantes serán aportación do Concello de Mos con fondos propios municipais.

A obra estará rematada antes de finais do vindeiro mes de outubro. Consistirán en traballos de mellora da pista polideportiva da Urbanización de San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, coa finalidade de renovar os pavimentos, os elementos de peche e protección, así como os elementos vinculados ao desenvolvemento da actividade deportiva.

As obras previstas abarcan os conceptos seguintes: Limpeza do pavimento da Pista Polideportiva. Limpeza dos muretes perimetrais da Pista Polideportiva. Desmonte do Peche Perimetral da Pista para a súa substitución. Pavimentación da Pista Polideportiva sobre o pavimento actual. Pintado do murete perimetral e dos xogos sobre o pavimento. E reposición do peche perimetral.

Comezarán os traballos procedendo a desmontar o peche perimetral da pista polideportiva, así como a retirada dos elementos deportivos que forman parte do mobiliario. Levarse a cabo a limpeza do pavimento da pista así como dos muretes perimetrais con lanza de auga a presión.

Sobre o pavimento actual, unha vez levados a cabo os traballos de limpeza, procederase á aplicación do pavimento multicapa acrílico- epoxi, así como ao marcado das pistas de baloncesto, balonmán e fútbol sala. Da mesma maneira, pintaranse os muretes perimetrais con pintura ao cemento.

Por último, dotarase á pista polideportiva de dúas porterías en substitución das existentes. Repoñerase o peche perimetral a base de malla metálica de simple torsión, con acabado plastificado.

Pazos de Reis recibe ao equipo da Axenda Urbana de Tui

0

O presidente da Entidade Local Menor de Pazos de Reis e a membros da directiva da Asociación Cultural Aloia reuníronse co equipo da Axenda Urbana de Tui para trasladarlles as súas necesidades, analizar o seu día a día e abordar o futuro das súas parroquias.

Na sede da Entidade no lugar da Macoca adiantaron ao equipo da Axenda Urbana a necesidade de construír un novo centro escolar ao ter xa cedido o terreo ao Concello, tamén salientaron como urxente a renovación dos parques infantís e o deseño de itinerarios a pé para conectarse entre barrios e co centro urbano ao carecer de beirarrúas na estradas principais.

Resolver o conflito coa titularidade dos camiños tamén é outra das inquedanzas da veciñanza de Pazos de Reis que tamén viu con bos ollos a creación dunha ventanilla única á que trasladar instancias e trámites coa administración evitando desprazamentos e a duplicidade das xestións.

A posibilidade de ir introducindo o emprego de enerxías limpas nos seus edificios, o soterramento de cableado e a carencia de transporte público tamén foron temas de conversa e análise entre os e as asistentes.

Potenciar o Aloia como atractivo turístico, recuperar sendas e camiños antigos e coidar do patrimonio etnográfico sumáronse á listaxe de peticións. Por último subliñaron a importancia de soterrar unha parte da liña de tren para permitir un acceso directo co centro urbano.

A Axenda Urbana de Tui avanza no seu proceso de participación que recalará mañá mércores, 22 de xuño, na parroquia de Malvas, Randufe, Rebordáns e Ribadelouro.

Co proceso de participación e a diagnose, o Concello de Tui continúa a redacción da súa Axenda Urbana, documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

O obxectivo do proceso participativo é redactar unha estratexia consensuada que marque dun xeito estudado e planificado o crecemento de Tui nos vindeiros dez anos.

O proceso de participación realizou tamén encontros con todos os voceiros/as dos grupos da Corporación,  técnicos municipais e organizacións vencelladas xeográfica e politicamente con Tui. O primeiro paso desta Axenda Urbana é realizar unha análise profunda da situación actual para emitir unha diagnose que dará paso á redacción do plan de acción.

Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que  a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

O alcalde, Enrique Cabaleiro, lembra que dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.

O programa da Deputación “Música no Ar” percorre a provincia

A Deputación de Pontevedra ven de dar o tiro de saída ao programa de música clásica en espazos patrimoniais da provincia “Música no Ar”, que arrancará o vindeiro martes, 28 de xuño, ás 22.00 horas no Castelo de Soutomaior co proxecto “Retrato musical”, a cargo da Orquestra Clásica de Vigo e Cintaadhesiva. O “potente” programa, que este ano celebra a súa terceira edición, “chegará –tal e como explicou a presidenta Carmela Silva- a todas as comarcas da provincia cun proxecto de música clásica adaptada ao século XXI en espazos dun patrimonio espectacular que temos que poñer en valor”. Así, a música de cámara soará en pazos, castelos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos entre xuño e finais de setembro. En todos eles a entrada será libre ata completar aforo salvo nos castelos de Soutomaior e Sobroso, para os que cómpre formular a inscrición a través de [email protected].

O proxecto “Retrato musical”, co que abre “Música no Ar” no Castelo de Soutomaior, trátase dunha innovadora e interdisciplinaria proposta da Orquestra Clásica de Vigo e Cintaadhesiva que combina música clásica, poesía e audiovisual. Así, no castelo soará, tal e como adiantou a presidenta, música de Mozart con textos poéticos de Silvia Penas e unha proposta visual de Jesús Andres Tejada con imaxes da pioneira do cine Alice Guy.

Tralo paso polo Castelo de Soutomaior o programa recalará o 1 de xullo no Pazo da Crega de Barro onde actuará Nox Trío, integrado pola violinista Olga Alexandrowskaya, a pianista Natalia Méndez e a violonchelista Xusa Hervás, que interpretarán un repertorio de mulleres compositoras do Barroco e Romanticismo. O día 2 de xullo ás 21.00 horas na Praza da Igrexa de Vila de Cruces será a quenda do Quintento de metais  e o 17 de xullo ás 20.00 horas na Casa reitoral de Santa Mariña de Covelo actuará o cuarteto de saxofóns Dextrum Ensemble. O domingo 24 de xullo ás 21.00 horas no Pazo de Pías de Nigrán soará a voz da soprano Begoña Salgueiro e a música de piano de Andrea García e o 30 de xullo ás 21.30 horas no Pazo de Mos actuarán a soprano lírica Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo que interpretarán baladas e zarzuelas galegas.

Xa en agosto o mércores 3 ás 20.30 horas a Capela de San Bartolomeu  de Moaña acollerá a Airas Ensemble. O domingo 14 de agosto ás 21.00 horas no Mosteiro da Armenteira de Meis actuará Concerto das Donas, o grupo instrumental de cámara especializado na recuperación e interpretación de obras de mulleres compositoras, e o xoves 25 de agosto ás 19.00 horas no exterior da Igrexa da Guarda a soprano Mila UT coa música de piano de Ana Belén Rodríguez.

“Música no Ar” rematará no mes de setembro con catro concertos. O primeiro deles o 8 de setembro ás 19.00 horas no Castelo de Sobroso co Cuarteto de Corda da OV430 xunto ao clarinete de Melissa David. O venres 9 de setembro ás 19.00 horas no Xardín da Casa das Navegacións de Baiona actuará o Trío Bórea, grupo de cámara fundado para explorar o progreso de novos modelos de interacción co público e desenvolver experiencias a través dos medios dixitais aplicados á música clásica. O sábado 17 de setembro ás 19.00 horas no Mosteiro de Oia soará a voz da soprano Teresa Novoa co acompañamento ao piano de Carlos E. Pérez. O programa rematará o 25 de setembro ás 19.00 horas na Igrexa de Reboreda de Redondela coa pianista Andrea González e Clara Panas, cun espectáculo interactivo, con proxeccións audiovisuais e narracións, e a alegre e colorida estética da deseñadora Ágatha Ruiz de la Prada, que dará a coñecer a fascinante historia de Rosendo Salvado.

O programa “Música no Ar” naceu co obxectivo de garantir o acceso igualitario á cultura para todas as persoas, ademais de poñer en valor espazos de memoria, arte e identidade, achegando a música clásica a todo o territorio. Cuartetos, tríos e dúos de música de cámara con repertorios que van dende o clásico ao contemporáneo levan xa dous anos deleitando ao público.

A Guarda programa “Miúdo Verán”, actividades para os máis pequenos da casa

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, programa “Miúdo Verán”, con actividades que terán lugar entre o 7 de xullo e o 11 de agosto, pensadas para os máis pequenos da casa e que contan con cinema, maxia, danza, humor, música e moito máis.

A programación de actividades de “Miúdo Verán” arranca na xornada do xoves día 7 de xullo ás 22:30h coa proxección da película de animación infantil “El Principito” cinema de rúa na Praza do Reló.

Nesta sesión de cinema de rúa, unha nena pequena vive nun mundo de adultos xunto a súa nai, quen intenta preparala para a dura realidade, esperando que a súa filla creza rápido. Pero, grazas ao excéntrico e amable aviador que ten como veciño, a xoven descubrirá que existe outro mundo onde todo é posible. Así, escoitará fascinada as interesantes historias sobre o Principiño, á vez que comprende a importancia de prestar atención as cousas realmente importantes.

*En caso de choiva cambiaría de data a comunicar nos días previos.

Para continuar coa programación de “Miúdo Verán”, na xornada do xoves día 14 de xullo ás 20:30h o Auditorio de San Benito será o escenario para a realización do espectáculo de danza e humor “Sofá”.

Nesta actividade dirixida a público infantil, xuvenil e adulto atopamos a unha parella e o seu sofá. A parella son Marta e Pablo, dúas persoas normais. O sofá é o lugar no que descansan e esquecen o que está fóra. O mundo: traballo mal remunerado, guerra, ameazas nucleares, catástrofes ecolóxicas, virus asasinos invisibles, normas arbitrarias, pobreza, esgotamento. Pablo e Marta están enfermos. Enfermos de cansazo e aburrimento. Pero téñense a unha ó outro, teñen un sofá, e saben bailar. Non todo está perdido.

*En caso de choiva cambiaría de data a comunicar nos días previos.

Para o xoves día 21 de xullo regresa o cinema de rúa coa proxección da película de animación infantil “Bella y el circo mágico”  ás 22:30h na Praza do Reló.

Bela está a organizar un circo para o seu mellor amigo, Henry. Está moi emocionada e espera ser a atracción principal cun fantástico truco de maxia. Pero o mesmo día do circo, un mozo molón, se muda á veciñanza. Ten unha idea espléndida para o espectáculo: quere facer un truco en bicicleta. Henry está asombrado polo mozo novo, mentres que ela sente que está a perder ao seu mellor amigo. Non pode soportalo máis e obriga a Henry a elixir entre o novo mozo ou ela. Henry non quere magoar a ninguén, sae correndo e desaparece. É cando ela ten que ir buscar ao seu inimigo, para que lle axude a atopar a Henry. Ten que salvar o circo, pero sobre todo a súa amizade.

*En caso de choiva cambiaría de data a comunicar nos días previos.

O xoves día 28 de xullo chega a música a “Miúdo Verán” co concerto de Pakolas “Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo”, ás 20:30h na Praza do Reló.

En “Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo” Pakolas preséntanos o seu último libro disco, editado en Sonárbore, na Editorial Galaxia (Agosto-2020).

Neste novo traballo contaremos e cantaremos a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel, que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, e ademais ten  unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas.

*En caso de choiva o evento realizarase no Centro Cultural.

Xa no mes de agosto, o xoves día 4 terá lugar ás 20:30h no Auditorio de San Benito “Carman”, un espectáculo de humor, malabares, equilibrio e clown.

“Carman” de Javier Ariza, é unha comedia de rúa para un excéntrico showman e un Seat 600, un divertido espectáculo para todos os públicos no que un coche icónico cobra vida e terminará por moverse sen condutor nunha rutina musical e circense que pode levarlles incluso a eurovisión.

*En caso de choiva cambiaría de data a comunicar nos días previos.

O xoves 11 de agosto ás 20:30h o Auditorio de San Benito da Guarda acolle o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia “Galicia Ilusiona”, un espectáculo de maxia para público familiar e amantes da maxia e ilusionismo.

Galicia Ilusiona é un Festival de Ilusionismo que pretende levar maxia e ilusión por toda Galicia entre os meses de Agosto a Outubro. O Festival preve á realización de espectáculos de gran calidade para todos os públicos que se levarán a cabo en máis de 100 concellos repartidos polas 4 provincias galegas.

*En caso de choiva o espectáculo trasladaríase ao Centro Cultural.

A asistencia aos eventos de “Miúdo Verán” é de balde ate completar o aforo dispoñible en cada caso, a alternativa no posible caso de choiva comunicarase nos días previos a cada evento.

O Concello da Guarda convida a toda a veciñanza, especialmente aos máis cativos, a gozar desta programación especialmente dedicada para eles. A programación da axenda de verán 2022 será comunicada nos vindeiros días.

O alumnado do curso de xardinería embelece os xardíns de Covelo

0

O alumnado do curso de xardinería planta flor de tempada nos xardíns municipais. Enmarcado no VI Plan de Formación do Concello de Covelo, este curso conta cunha parte teórica e outra práctica cun total de 50 horas repartidas en 10 xornadas.

De 9 a 14 horas o alumnado de xardinería estuda e ademais contribúe a crear un espazo público máis agradable e máis amable.

As persoas participantes adquiren coñecementos de poda, plantación, coidados, mantemento de xardíns, manexo de maquinaria e ferramenta e prevención de riscos laborais, entre outros contidos. O Concello adianta que os coñecementos adquiridos e o diploma obtido terase en conta e valorarase nas sucesivas bolsas de emprego. Co obxectivo de mellorar o currículo das persoas, o Concello puxo en marcha este novo curso despois de ter recollido a través dun proceso de participación ás necesidades formativas da veciñanza. Con isto, e analizadas as demandas do mercado laboral, o concello de Covelo realiza arredor de sete cursos no 2022 sumando un total de 36 cursos de formación ao longo destas seis edicións orientados a un mellor acceso á inserción laboral.

A Escola Municipal de Música do Porriño celebra o Festival de Fin de Curso

A Escola Municipal de Música do Porriño celebra mañá o seu Festival de Fin de Curso no que participarán todas a agrupacións.

O evento comezará ás 19 h na Praza Arquitecto Antonio Palacios e, en caso de choiva, trasladarase ao Círculo Recreativo Cultural.

Os asistentes poderán disfrutar das actuacións da Banda, do Conxunto de Cordas, do Colectivo de Guitarras, o Conxunto de Música Tradicional, as corais de nenos e adultos, así como dos grupos de Música e Movemento.

Salvaterra de Miño convoca axudas para a adquisición de material escolar

Un ano máis O Concello de Salvaterra de Miño ven de aprobar en xunta de gobernó local as bases para a concesión das axudas para adquisición de material escoclar infantil para o curso académico 2022/2023.

O obxecto destas axudas é promover o principio de igualdade no exercicio da educación e compensar ás familias con escasos recursos para facer fronte aos gastos derivados da escolarización dos seus fillos/as, entendendo por tales a adquisición de libros e material escolar, dirixido a alumnos/as dos cursos de Educación Infantil matriculados/as nos centros escolares de Salvaterra de Miño.

O prazo de presentación de solicitudes fíxase do 12 de xullo ao 12 de agosto de 2022, ambos inclusive. Os interesados/as deberán presentar as solicitudes acompañadas da documentación xustificativa da súa situación no Departamento de Servizos Sociais, concertando cita previa no teléfono 697911050 ou 986658126. Máis información en www.concellodesalvaterra.org.

A Concellería de Turismo organiza novos roteiros para dar a coñecer o patrimonio cultural e natural de Redondela

0

A Concellería de Turismo do Concello de Redondela, xestionada por María Castro Abad, vén de dar a coñecer o programa das novas rutas guiadas que se desenvolverán dende este mes de xuño e ata o vindeiro mes de outubro. Esta iniciativa realizada en colaboración con Citania Arqueoloxía e encamiñada a dar a coñecer o patrimonio cultural e paisaxístico do municipio, acadou un importante éxito de participación nas rutas desenvolvidas con anterioridade.

“Redondela ten moito que ver”, afirma a alcaldesa Digna Rivas quen destaca que a iniciativa da Concellería de Turismo “permite poñer en valor todo o potencial que temos en cultura, patrimonio e natureza a través de rutas, nas que as e os participantes, reciben detalladas explicacións sobre os lugares polos que pasan”.

O primeiro dos roteiros, que se desenvolverán os últimos domingos de cada mes, terá lugar xa o vindeiro domingo 26 de xuño coa denominada Ruta das Pedras de Ventosela.

A esta primeira saída guiada seguirán a Ruta nocturna polos Petroglifos da Pedreira en Ventosela, na noite do 30 ao 31 de xullo; Ruta diurna a Monte Buxelen Reboreda, o 25 de setembro e pecharase esta nova quenda de roteiros coa Ruta nocturna polos Petroglifos de Penide/Mirallo, na noite do 29 ao 30 de outubro.

Cómpre lembrar que no caso das visitas nocturnas as prazas serán limitadas. As persoas interesadas en participar en calquera dos roteiros, poderán facelo no teléfono 600 381 782 (dende o luns anterior a cada visita) e poden obter máis información na páxina de Facebook https://www.facebook.com/ACitaniaGalicia/.

Concello de Nigrán e dirección do Centro Comercial ‘Nasas-Nigrán’ cederán un local para ‘JuanMariaByLolola’

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, e o director xeral de Lopez Real 21, promotores del parque comercial ‘Nasas Nigrán’, José Antonio García, comunicaron oficialmente este venres ao CEE Juan María o acordo para ceder un local comercial á firma de moda inclusiva ‘JuanMariaByLolola’. Esta tenda en Porto do Molle, sumada á que xa teñen nas mesmas condición en Vialia, contribuirá a reforzar enormemente a marca. Precisamente, este proxecto de formación dual nado no 2019 froito da colaboración entre a deseñadora Lola Rande e o Centro de Educación Especial, foi seleccionado a semana pasada pola Fundación Alares como finalista dos ‘XI Premios a la Excelencia en la Inclusión Laboral y la Prevención de Riesgos Laborales de las Personas con Discapacidad’, resultado que se dará a coñecer nunha gala en Madrid este mércores 22 de Xuño.

“Nasas non só será un motor de emprego e riqueza para a comarca, se non que contribuirá á consolidación de ‘JuanMariaByLolola’ como marca e como empresa”, destaca o alcalde, Juan González, quen louba o talante social e solidario do grupo López Real 21. “A marca JuanmariaByLolola é a mellor embaixadora do ‘Nigrán para todos’ que estamos a construír, por iso considerábamos fundamental que contase coa súa propia tenda precisamente en NASAS, e nese sentido hai que dicir que a dirección do parque comercial acolleu a idea con entusiasmo e, de feito, o ceden”, subliña o rexedor. “Para nos é unha oportunidade marabillosa porque garante a continuidade de ‘JuanMaríaByLolola’ e, de seguro, permite contratar a máis persoas con diversidade, porque compre recordar que o noso obxectivo é o beneficio social, non o económico”, destacan desde o centro educativo.

“Somos un grupo inversor amable onde o que importan son as persoas, por iso temos a nosa propia Fundación López Mariscal con proxectos de diferente tipo e, tendo en conta que estamos en Nigrán, tiñamos claro que queríamos colaborar de xeito directo con entidades como o CEE Juan María”, sinala o seu director xeral, José Antonio García, quen visitou persoalmente o centro o pasado ano e quen destaca tamén o emprego inclusivo que xerarán as diferentes marcas con presencia no parque. “Será un centro comercial e de ocio moderno, competitivo, accesible e sostible” con especial atención a puntos de recarga para vehículos eléctricos, aparcadoiros de bicicletas, plazas familiares ou un punto click&collect para recoller pedidos de comercio electrónico.

Redondela presenta o programa para conmemorar o Día LGTBIQ+

0

O Concello de Redondela vén de presentar o programa de actos que, con motivo da conmemoración do Día LGTBIQ+, se desenvolverán entre o luns 27 de xuño e o xoves 30 de xuño. Un programa elaborado pola concellería de Igualdade que xestiona Iria Vilaboa en colaboración coas asociacións Pvlse de Vigo e Irisar de Redondela.

O lugar elixido para a presentación do cartel foi o Banco da Diversidade do CEIP Porto Cabeiro, e a alcaldesa, Digna Rivas, estivo acompañada pola concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, e Susana Crespo, titora de Educación Infantil; Cecilia Rodríguez, directora e especialista en Audición e Linguaxe e Celia Ledo, secretaria e orientadora do Centro.

O Banco da Diversidade do Porto Cabeiro foi instalado o pasado ano ano polo Concello dende o convencemento que “a aprendizaxe de valores como a diversidade, a tolerancia e a igualdade, –piares sobre os que se ten que sustentar unha sociedade xusta– teñen que comezar polos máis pequenos e pequenas”, asegura a alcaldesa Digna Rivas.

O programa presentado hoxe arrincará xa o luns 27 de xuño, véspera do Día LGTBIQ+, ás 12 horas terá lugar no multiúsos da Xunqueira a inauguración da exposición “Coñece LGTBIQ+” e, xa polo serán a Casa do Concello e a ponte de madeira da Alameda Castelao –que o fixo o pasado ano por primeira vez– tinguiranse coas cores do arco da vella nun acto simbólico que expresa o compromiso de Redondela coa diversidade.

O martes 28, Día do Orgullo LGTBIQ+, ás 19 horas terá lugar a lectura do manifesto para, deseguido, proceder a inauguración do Mural da Diversidade na traseira do Multiúsos da Xunqueira.

A xornada rematará co concerto do grupo Girl’s Gang na pista da Xunqueira ás 20 horas que contará coa colaboración de Carolina Smith.

O día 30 de xuño ás 18 horas, e dirixido aos e ás máis pequenas, a Biblioteca Xela Arias de Chapela terá unha actividade de contacontos que se desenvolverá baixo o título Voando libres.

Recolle as plantas aromáticas típicas de San Xoán co Concello de Ponteareas

O Concello de Ponteareas pon en marcha a actividade ‘As plantas aromáticas no ritual de San Xoán’, unha xornada na que todas as persoas interesadas “aprenderán a recoñecer as plantas empregadas nesta noite tan sinalada. Os e as participantes sairán ademais a recollelas acompañadas dunha persoa experta, co que terán xa todo listo para continuar coa tradición e deixar plantas e flores en auga baixo a rosada da noite”, sinala o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. 

A actividade desenvolverase na capela de Santa Lucía, en Ganade-Areas, o vindeiro xoves 23 de xuño a partir das 19.00 horas. As persoas participantes poderán desfrutar nunha primeira parte dunha charla lúdica e didáctica para, ao rematar, facer un percorrido polos montes de Ganade para recoñecer e recoller estas herbas e plantas ventureiras.

O encontro será de balde e contará con prazas limitadas, polo que é imprescindíbel inscribirse previamente a través do correo electrónico [email protected].

Os Obradoiros de Verán 2022 chegan ao Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra abre hoxe –ata o día 27- o prazo de inscrición para os seus Obradoiros de Verán 2022 cunha variada proposta de actividades para nenas e nenos entre 6 e 12 anos. Baixo os títulos ‘O club dos pinceis’, ‘Arte Rupestre’, ‘Pintura Contemporánea’ e ‘Obxectivo Galicia’ as crianzas explorarán a través das coleccións propias do Museo temáticas e creatividades relacionadas coa arte feita por mulleres  -sobre todo no eido da arte contemporánea-, a arte prehistórica, e a cultura galega en sesións que se desenvolverán entre o 5 de xullo e o 26 de agosto

A inscrición debe facerse a través da dirección de correo electrónico [email protected]. En cada correo só poderá inscribirse unha ou un participante e as prazas outorgaranse por estrita orde de entrada. No caso de que o obradoiro desexado xa estivese cuberto ou quedasen prazas vacantes noutros, poderase indicar na solicitude cales son as alternativas, poñéndoas por orde de preferencia.

No mes de xullo a actividade comezará co obradoiro ‘O club dos pinceis’, impartido por  Leucoíña Pasea, no que as e os participantes experimentarán con diferentes formas de expresión plástica e coñecerán algunhas das mulleres artistas da colección propia do Museo. O número de participantes é de 15 e terá unha duración de catro sesións (repartidas en catro días) en horario de 11 horas a 13 horas. Desenvolverase do 5 ao 8 de xullo para nenas e nenos de 6 a 9 anos e do 12 ao 15 de xullo para rapazada de 10 a 12 anos.

O segundo obradoiro será o de ‘Arte rupestre’ e estará impartido por Galipat . Pretende

achegarse ao mundo da arte rupestre, coñecendo diferentes manifestacións artísticas realizada sobre roca mediante debuxo, pintura ou gravado. O número de rapazas e rapaces participantes tamén será dun máximo de 15 e a duración, igualmente, de catro sesións en catro días diferentes en horario de 11.30h a 13 h. Para nenas e nenos de 6 a 9 anos impartirase do 19 ao 22 de xullo e para idades entre 10 e 12 anos do 26 ao 29 de xullo.

O terceiro obradoiro será o de ‘Pintura contemporánea’, que estará desenvolvido por Lúa Gándara. Trátase dunha actividade infantil baseada na arte contemporánea no que partindo da obra de Maruja Mallo, Maria Antonia Dans, Almudena Fernández e Tatiana Medal exploraranse diferentes conceptos plásticos e conceptuais. A cabida máxima é de 15 persoas e tamén se desenvolverá en catro sesións (catro días)  en horario de 11h a 13 h

Do 2 ao 5 de agosto será a quenda para a rapazada de 6 a 9 anos e do 9 ao 12 de agosto para nenas e nenos de 10 a 12 anos.

Finalmente, o último obradoiro do verán será ‘Obxectivo Galicia’, a cargo do propio departamento de Educación do Museo de Pontevedra. Traballarase en relación coa exposición de fotografía de Ruth Matilda Anderson -que terá lugar do 4 de agosto ao 23 de outubro-, e a cativada coñecerá diferentes elementos da cultura galega como a vestimenta ou a artesanía. O número máximo de participantes é de quince nenas e nenos, que acudirán durante catro sesións (catro días) ao Museo en horario de 11h a 13 h. As quendas repártense tamén do 16 ao 19 de agosto para crianzas de 6 a 9 anos e do 23 ao 26 de agosto para rapazada de 10 a 12 anos.

O Concurso de Patrullas da Brilat sairá este mércores dende o centro de Tui

0

O Paseo da Corredoira de Tui será este mércores o punto de partida da XXI edición do Concurso de Patrullas que organiza a Brilat, que percorrerá a distancia entre Tui e Santiago de Compostela. Nesta proba os e as militares de cada patrulla poñerán a proba a súa capacidade de sacrificio, a súa habilidade e a súa resiliencia.

Ao longo deste percorrido, dunha gran esixencia física, terán que facer sete probas de carácter militar, percorrido topográfico, lanzamento de granadas lastradas, rapel, paso a nado dun río, tiro, paso de pista de aplicación e percorrido cronometrado, probas que endurecen o desenrolo da proba, tanto no aspecto físico como no psicolóxico, que poñen a proba a súa capacidade e a súa instrución militar.

A saída realizarase dende o centro da cidade de Tui, no Paseo da Corredoira, este mércores, 22 de xuño, a partir das 08.30 horas. A meta e entrega de trofeos terá lugar na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, o xoves 23 a partir das 18.30 horas.

Este ano foron introducidos cambios no regulamento coa intención de estudiar a posibilidade da apertura da proba ao mundo civil, establecéndose dúas categorías, “COMPOSTELA”, formada por equipos de tres militares e que realizarán os 120 quilómetros do camiño incluíndo as sete probas e a categoría “AZOR”, na que participan equipos de tres patrullas de tres compoñentes cada unha que, por relevos, percorren un tercio do percorrido cada unha. En total participarán 210 militares de unidades da propia Brilat, como de outras unidades do Exército de Terra, da Armada e do Exército do Aire.

A Concellería de Igualdade clausura con gran éxito o programa “Con Voz Propia”

0

Nun escenario inigualable, o Mosteiro de Oia, clausurouse está mañá o programa “Con Voz Propia”, unha actividade posta en marcha pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, a través do Centro Municipal de Información á Muller.

Una intervención psicopedagóxica no que a práctica vocal (coral e solista) se utiliza para incrementar o empoderamento das mulleres na que participaron vecinñas do municipio.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, e a directora do CIM de Baiona, Elena Otero, acudiron o acto de clausura no que coñeceron de primeira man o traballo realizado polas participantes a asistiron a un pequeño concerto no que as protagistas foron as mulleres que participaron nesta actiidade de 25 horas  de duración.

“Con Voz Propia” desenvolveuse no Cetro Multiusos Ángel Bedriñana de Baiona ao longo do mes de abril e maio os mércores en horario de mañá . Na metodoloxía estivo previsto o ensino das habilidades de base do canto, utilizando o método de Maga de Voz . Ao mesmo tempo utilizaráronse moitos recursos da musicoterapia, a danzaterapia e a dramaterapia para fomentar a libre expresión o arraigamento e empoderamento do corpo e a voz das participantes. Ademáis se traballou coas letras das para reenfocar a visión do percorrido vital.

A cabalo entre a canto-terapia e a aula de música común, o programa combinou as estratexias propias do ensino convencional do canto co enfoque musicoterapéutico, facendo da expresión musical un vehículo para a expresión emocional.

Este proxecto parte do presuposto de que a aprendizaxe de canto, como conxunto de técnicas e habilidades vocais e musicais unidas á expresión de emocións auténticas, pode incrementar a seguridade e a confianza, axudando na descuberta e valorización de sí e da/s outra/s, favorecendo a inclusión e mellorando a propia estima e realización. No acto de clausura tamén particiron veciñas de A Guarda que tamén impartiron este curso neste municipio.

A alcaldesa de Tomiño é convidada a un foro internacional sobre o futuro dos territorios transfronteirizos

0

Sandra González, alcaldesa de Tomiño, intervirá o vindeiro 22 de Xuño no Foro sobre Fronteiras organizado en París no marco do semestre da presidencia francesa do Consello da Unión Europea (UE) que finaliza este mesmo mes de xuño. A súa participación está prevista na mesa redonda que abordará o papel da mocidade e da sociedade civil na construción dos territorios transfronteirizos.

Para os organizadores, teñen especial interese as experiencias da Eurocidade Cerveira Tomiño no ámbito da participación pública, nomeadamente o Orzamento Participativo Transfronteirizo e as iniciativas das Valedoras da Cidadanía Transfronteiriza.

O Foro decorrerá os días 21 e 22 de xuño na Cidade Internacional Universitaria de París e poderase seguir tamén online. Para a rexedora tomiñesa, que falará ás 14.30h do día 22, “é un orgullo representar aos veciños e veciñas de Tomiño nun foro internacional que se interesa pola cooperación que desenvolvemos na Eurocidade cos amigos portugueses de Vila Nova de Cerveira”.

Organizado pola asociación gobernamental francesa MOT (Mission Opérationnelle Transfrontalière), coa colaboración da Comisión Europea, o Comité Europeo das Rexións (CoR) e ESPON, o Foro ten entre os seu principais obxectivos “amosar o papel clave das áreas transfronteirizas na construción de cidadanía europea e as súas potencialidades para un desenvolvemento sustentable e inclusivo”. O Foro busca ademais, segundo o recollido na súa páxina web https://bordersforum.eu: “convencer as autoridades europeas e dos diferentes estados da necesidade de colocar estes territorios no corazón da súa acción pública”.

Teñen anunciada a súa presenza a Comisaria Europea de Cohesión, Elisa Ferreira; a Ministra francesa para a Transición Ecolóxica e a Cohesión Territorial; eurodeputados e gobernantes de distintos países, municipios e estados europeos;  ou representantes da Association of European Border Regions (AEBR) e do Secretariado da Conferencia sobre o Futuro de Europa.

As prácticas de gobernanza participativa da Eurocidade Cerveira-Tomiño xa foron recoñecidas nos últimos anos como experiencias relevantes para a cooperación nos territorios de fronteira. Así, o Orzamento Participativo Transfronteirizo, instaurado en 2016, foi premiado en 2018 como unha das 5 mellores prácticas de Participación Cidadá en Portugal. Pola súa parte, as Valedoras da Cidadanía Transfronteiriza foron distinguidas como Boa Práctica en Participación Cidadá 2019 polo Observatorio Internacional da Democracia Participativa, entidade que agrupa 800 cidades, vilas e organizacións de todo o mundo.

Lembramos que hai unhas semanas, a alcaldesa asistiu na cidade eslovena de Nova Gorica, a un novo encontro internacional no marco do Proxecto BRIDGE, no que participaron tamén outros 11 socios europeos, coa finalidade de crear redes de cooperación en materia transfronteiriza e intercambiar boas prácticas.

O Porriño incorporará 11 novos traballadores

O Concello do Porriño reforzará o seu cadro de persoal con 11 novos traballadores e traballadoras que desenvolverán as súas tarefas en diferentes áreas municipais.

Estas contratacións formalizaranse en base a dúas achegas de iniciativa social da Xunta de Galicia.

A primeira delas ascende a 103.244 euros para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga e, ao seu abeiro incorporaranse 2 operarios de mantemento na área de Deportes, 3 peóns de obra pública, 3 peóns forestais e 2 conserxes. A duración destes contratos será de 9 meses con xornada parcial ao 75%.

A segunda, conta cun orzamento de preto de 14.000 euros para a contratación de 1 peón forestal, a xornada completa durante 9 meses, no marco da liña de subvencións para o fomento do emprego no rural (APROL Rural).

“Ademais de supoñer unha nova oportunidade laboral para estas persoas que están en situación de desemprego, estas contratacións mellorarán a resposta do Concello e  reforzarán os servizos que ofrece á cidadanía”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, “As institucións deben ser un instrumento útil para mellorar a vida da veciñanza e iso pasa por ambas cousas”.

O rexedor incidiu en que o goberno municipal continuará desenvolvendo políticas que “prioricen a prestación destes servizos básicos con persoal propio”.

As persoas interesadas en optar a estes postos de emprego deberán estar anotadas no Servizo Público de Emprego, que será quen faga a selección, nos seguintes códigos:

  • 71911023 – Operario de mantemento
  • 96011029 – Peón de obra pública
  • 95431028 – Peón forestal
  • 58331022 – Conserxe

O Concello pon en coñecemento da veciñanza a suspensión da feira do 21 de xuño

0

Mañá martes, 21 de xuño, non se celebrará o tradicional mercado quincenal de Redondela ao estar ocupado, o seu lugar emprazamento, polas atraccións da Festa da Coca. A suspensión fóralle xa comunicada polo Concello, a través da Concellería de Feiras e Mercados que xestiona Vicente Lamas, ao colectivo de vendedores e vendedoras ambulantes na pasada feira do día 6.

Dores Pereira e Paula Lago presentan en Ponteareas a primeira guía expresionista das herbas de San Xoán

Aínda que guías para recoñecer as herbas de San Xoán hai moitas, ningunha se parecía á que tiña Paula Lago en mente. A arquitecta e artista convenceu á súa nai para que lle axudara nun proxecto que acabou converténdose en ‘Herbas da noite. Unha guía expresionista das Herbas de San Xoán’, un libro que recolle os usos populares e propiedades das plantas que se apañan na véspera do 24 de xuño e que recompila información que foi transmitíndose de xeración e xeración na contorna familiar e veciñal das autoras.

Dores Pereira e Paula Lago estarán este mércores 22 de xuño no museo municipal de Ponteareas a partir das 20.00 horas presentando esta obra inspirada en herbarios como o que publicou Emily Dickinson en 1845. Trátase dunha creación conxunta de nai e filla na que Pereira fíxose cargo da información e dos textos, mentres que Lago encargouse da ilustración e da edición. O resultado é unha guía que reúne un total de 27 plantas da súa zona coa súa denominación popular e latina, recollendo os trazos morfolóxicos básicos e información adicional sobre os seus usos máis populares, ditos e receitas.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a achegarse á presentación deste libro que cobra especial relevancia na propia semana de San Xoán e que pode axudar a ponteareás e ponteareáns a recoñecer as principais herbas empregadas dende tempos ancestrais na noite máis curta do ano.

A presentación será con entrada libre ata completar aforo. 

As alfombras florais voltaron a encher de cor as rúas guardesas

0

Esta fin de semana celebrouse a festividade do Corpus na vila da Guarda, unha festividade que se retoma despois da parada por mor da pandemia da Covid-19. Dende fai semanas moitas persoas traballaron con moito esforzo e dedicación na preparación dos diferentes materiais que se empregaron dende a tardiña do pasado sábado para a confección das Alfombras Florais.

A choiva fixo acto de presencia na tarde do sábado, polo que se optou por retrasar a procesión para as 19:00h, algo que axudou á confección das diferentes alfombras e motivou unha ampla e numerosa participación de veciños e visitantes que ateigaron as rúas da guarda para presenciar os tapetes florais.

En total realizáronse uns 2300 metros cadrados de superficie en tapices florais que luciron, no seu máximo esplendor, na tarde do domingo cando remataron os traballos dos centos de alfombristas das 10 rúas que se engalanaron para esta ocasión.

Existen informacións antigas que deixan constancia da importancia da celebración da Festa do Corpus na Guarda xa dende o século XVIII, sendo a celebración do Corpus Christi e do Santísimo Sacramento as principais festas cívico-relixiosas do pobo da Guarda.

A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é a encargada na actualidade de velar pola promoción e manter a tradición histórica das alfombras florais do Corpus na Guarda, así como dar a coñecer, por en valor e visualizar o traballo e orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores e a poboación guardesa en xeral.

Dende o Concello da Guarda se quere agradecer o labor de todas as persoas que traballaron para que esta celebración continúe e para que visitantes e locais gocer das mesmas, un enorme esforzo que se ve recompensado polos espectaculares resultados, sendo auténticas obras de arte en flor.

A Xunta convoca para agosto e setembro os titulates dos terreos para o acondicionamento da PO-400

0

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para os meses de agosto e de setembro dos titulares dos terreos necesarios para executar as actuacións de acondicionamento e mellora da seguridade viaria do antigo trazado da estrada PO-400, no concello de Arbo.

Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade suporá un investimento autonómico de preto de 1,3 millóns de euros.

De cara á súa execución, a intervención dividirase en dúas fases: unha primeira de acondicionamento do treito antigo da PO-400, que se licitará xa nas próximas semanas; e unha segunda de mellora da intersección co actual trazado da estrada, co fin de construír unha glorieta.

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o día 2 de agosto, de 10:00 a 13:40 horas; e o 3 e o 4 de agosto de 10:00 a 13:30 horas na Casa do Concello de Arbo. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo os días 28, 29 e 30 de setembro, no mesmo lugar e ás mesmas horas. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse o detalle desta información: https://bit.ly/3xL23y2.

Con esta actuación no trazado antigo da PO-400, o departamento de Infraestruturas da Xunta levará a cabo a rehabilitación do firme e a execución de beirarrúas e sendas nos treitos urbanos, así como o acondicionamento das interseccións inicial e final da estrada e a creación dunha rotonda na contorna do punto quilométrico 24 da estrada actual.

O proxecto inclúe a execución dun novo tramo de conexión desde a antiga estrada ata a citada glorieta do quilómetro 24, así como o acondicionamento do acceso á glorieta prevista desde a estrada que discorre en dirección ao núcleo do Picoto.

Executarase, ademais, un carril de parada de autobús e a colocación dun refuxio no punto quilométrico 24+240 da PO‐400, xunto coa construción dunha zona de aparcadoiro entre os puntos quilométricos 1+250 e 1+300 da estrada PO‐400A.

Destaca tamén na intervención a mellora da seguridade peonil no antigo trazado da PO‐400, mediante a execución dun itinerario cun ancho de 1,80 metros, incluído bordo, e unha rígola de 0,30 metros entre a estrada e o dito bordo, na maioría do seu trazado.

As actuacións financiaranse con fondos europeos REACT-EU, de resposta fronte á pandemia da Covid-19.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos, sendo os peóns os usuarios máis vulnerables das estradas.

Redondela mantén a súa aposta polo Meirande potenciando a súa web cunha completa visita virtual

0

A Concellería de Turismo do Concello de Redondela, que xestiona María Castro Abad, vén de dar un novo paso na posta en valor do Meirande –Centro de Interpretación da Batalla e Patrimonio Cultural de Rande–, dotando ao seu portal web dunha completa visita virtual que permite que calquera persoa poida percorrer, polo miúdo, o espazo museístico dende a súa propia casa.

Ao acceder á web do Meirande –https://meirande.redondela.gal/– o botón Visita Virtual, permítenos situarnos ná recepción do espazo museístico para, dende aí, poder realizar un detallado percorrido a todos e cada un dos recunchos do museo. Seguindo os puntos marcados no chan e utilizando as frechas do teclado ou o rato, as e os visitantes poden pasear pola instalación, gozar do contido das salas dende distintas perspectivas e dispoñer da posibilidade de achegarse a aqueles detalles que lles interesen especialmente a través dun zoom que se activa coa roda do rato.

A visita virtual, que ‘engancha’ ao visitante dende o primeiro momento, conta amais coa posibilidade de, en determinados puntos, activar vídeos onde as personaxes da época explican detalles sobre a Batalla ou outros datos de interese sobre o espazo de Rande.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asegurou que “a iniciativa da Concellería de Turismo permite dar unha maior difusión, e de xeito moi atractivo e ameno, aos contidos do Meirande”. A alcaldesa amosou o seu convencemento de que a visita virtual “espertará nas persoas que a fagan o interese por achegarse posteriormente ao Meirande para realizar o percorrido, in situ, e coñecer o excepcional enclave no que está situado.

Digna Rivas lembrou que, dende que María Castro se fixo cargo da Concellería de Turismo, “a potenciación do Meirande, como punto de interese turístico, “foi unha das prioridades do Goberno local” como o demostra remodelación total da páxina web, que permite acceder a contidos audivisuais e, incluso a unha recreación da propia batalla naval, ou a inclusión, dende setembro do 2021, do Meirande na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) á que, ata entón, non pertencía.

A rexedora redondelá non dubida en salientar que o Meirande “era un espazo museístico de primeira orde totalmente infrautilizado”. Era preciso poñelo en valor e, sobre todo, “colocalo no mapa dos museos costeiros de Galicia, norte de Portugal e Asturias”.

A Deputación abre hoxe o prazo para novas rutas dos ‘Bosques terapéuticos’

A partir deste luns 20 de xuño as persoas interesadas poden xa inscribirse nas dez rutas do programa provincial “Bosques Terapéuticos” previstas para o vindeiro mes de xullo. A Deputación ofrece un total de 300 prazas nestes novos percorridos, do total de 1.140 que oferta este verán. Para tomar parte nos baños de bosque, as persoas deben inscribirse co formulario que atoparán na web provincial www.depo.gal.

En concreto, no mes de xullo, as rutas comezarán o día 2 pola Ruta da Pedra e da Auga de Meis e continuarán ao día seguinte polos Salóns do Lérez. O día 9, os baños de bosque chegarán ao Río Eifonso, no Espazo natural de Bembrive (Vigo), mentres que para a Illa de Tambo haberá dous percorridos, os días 10 e 24. Tamén haberá dous rutas pola Ponte Colgante do Lérez, nos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, os días 17 e 30, e pola Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade) os días 16 e 31 de xullo. A actividade na Illa de Arousa será o día 23. Hai que lembrar que a Deputación decidiu dobrar as prazas de cada un dos percorridos debido á altísima demanda desta actividade.

Os Bosques Terapéuticos, que chegan este 2022 a súa terceira edición, constitúen unha actividade integral e participativa na que se prima a propia experiencia das persoas co medio natural da contorna, conxugada coa interpretación do patrimonio. Todo nunha ruta guiada que busca dar a coñecer os espazos naturais da provincia e, de xeito especial a posta en valor dos beneficios dos “baños de bosque”, que permiten conectar coa natureza empregando todos os sentidos, amais de ser unha terapia que cada vez máis estudos definen como beneficiosa para a saúde e para a prevención dalgunhas enfermidades.  

En cada unha das rutas hai unha dinámica específica relacionada cos beneficios dos “Bosques Terapéuticos”, adaptada aos contidos desenvolvidos na ruta e ao espazo no que se desenvolve. Foméntase o uso dos sentidos favorecendo, por exemplo, a percepción de diversas texturas ou cheiros na natureza, sempre coa premisa da conservación. As visitas están destinadas a público xeral (os e as menores deberán ir acompañados) e teñen unha duración de entre hora e media e 2 horas. Comezarán ás 10h polas especiais características de procura de tranquilidade e conexión coa natureza e as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.

SmartPeme imparte catro novas accións formativas

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana catro novas accións formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como a fabricación dixital con laminador, promoción do negocio con Google My Business, como crear campañas de email para aloxamentos e como usar LinkedIn.

O martes 21 de xuño, Manuel Freire, experto universitario en Robótica, programación e Impresión 3D, será o encargado de impartir o obradoiro “Fabricación Dixital. Laminador resina preparación de impresións”. Este curso ten como obxectivo dar a coñecer e familiarizarse coas ferramentas implicadas no proceso de produción dixital. O taller consta de 50 horas de duración e inclúese no formato mixto, que combina formación en liña (30 horas) e prácticas presenciais no Fab Lab (20 horas) do Centro Provincial de Economía dixital no Viveiro de Empresas de Barro.

O mércores 22 , dobre sesión. Na quenda da mañá, Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona, conducirá o obradoiro “Promociona o teu negocio con Google My Business” no que a principal premisa é presentar esta ferramenta de Google, enfocada a negocios locais que busquen unha maior visibilidade. Na da tarde,  as 17h, a acción formativa será “Cómo crear campañas de email que capten máis reservas ao teu aloxamento”, un exercicio práctico de cómo realizar campañas de email márketing atractivas e que capten un maior número de reservas nos aloxamentos. Patricia Cabaleiro, posgraduada en Turismo pola USC, será a encargada de impartilo. Ambas accións levaranse a cabo de xeito telemático.

O derradeiro dos obradoiros terá lugar o xoves 23, a encargada de impartilo será María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. “Cómo usar LinkedIn para empresas e profesionais” con esta ferramenta amosará como crear un perfil profesional e unha páxina de empresa optimizada e como potenciar a nosa marca na rede profesional por excelencia.

Baiona recupera o fluxo turístico

0

Baiona volve recuperar o fluxo turístico que tiña antes da pandemia, cun continuo incremento do número de visitantes. Unha tendencia á alza refreada polos datos ofrecidos pola Oficina Municipal de Turismo, que mostran que no mes de maio as persoas que solictaron información nas dependencias turísticas da vila superaron ás que o fixeron no mesmo período de 2019, antes da crise sanitaria da Covid-19.

En concreto, as estatísticas mostran que desde o 1 ao 31 de maio pasaron pola oficina de turismo un total de 6.067 persoas para solicitar información, das cales 4.510 eran visitantes de procedencia nacional e 1.519 eran estranxeiros.

Os datos mostran que na actualidade hai unha maior incidencia do turismo internacional, detéctase unha recuperación total na chegada de peregrinos e do turismo de perfil foráneo, datos que van ligados ao ser o Camiño Portugués da Costa un importante foco de atracción do turismo internacional.

Tamén é importante destacar que se recupera o perfil de visitante de día en grupo organizado, sobre todo nacional, pero tamén o perfil internacional debido á recuperación do sector cruceiros con chegada ao porto de Vigo.

Outra das grandes diferenzas con respecto aos anos anteriores á pandemia é que
se logrou a mellor ocupación hostaleira do mes de maio. Os datos de ocupación media do mes de maio foi dun 70% durante todo o mes. Trátase da maior cifra de ocupaión neste mes desde que se fan rexistros na oficina municipal fai dez anos.

O aumento de peregrinos aloxados nos diferentes establecementos, xunto coa organización da competición J52 Series, que conlevou o aloxamento en Baiona de varios equipos durante dúas semanas, así como a atracción de público achegado e público en xeral de varios países, repercute neste dato tan positivo.

Os datos recolleitos mostran dous perfís de turistas perfectamente diferenciados, o vacacional, e o peregrino, gañado este último moito terreo en Baiona.

Entre as procedencias internacionais destaca Reino Unido, Portugal, Alemaña,
Francia e Estados Unidos. O perfil maioritario de alemáns, ingleses e estadounidenses é peregrino.

A maiores, detéctase tamén un gran aumento na chegada de canadenses ou italianos.

O Camiño Portugués da Costa volve ser o terceiro roteiro de peregrinación con máis
afluencia. Tamén se detecta un aumento de peregrinos/ as que comezan o Camiño en Baiona.

En canto ao perfil nacional, destacan: Galicia, seguido de Andalucía, Castela León, Madrid e Castela A Mancha. Como foco de atracción de visitantes da comunidade galega, ademais da visita a Baiona en xeral, está a organización de diversas actividades como os roteiros de sendeirismo e safari etológico, que han enido unha gran acollida entre o público.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, á fronte tamén da Concellería de Turismo, mostra a súa satisfacción pola “dinámica positiva” do turismo e remarca que “con estes resultados “ pódese afirmar que comezamos a recuperar os resultados estatísticos de antes da pandemia e mesmo os estamos superando”. Naqueles momentos xa anunciaban un crecemento constante e continuo dos visitantes que pasaban pola vila, especialmente estranxeiros, polo forte crecemento do roteiro xacobeo pola costa e pola proximidade do Ano Santo.

“A nosa constante aposta pola calidade fai que non só cheguen novos visitantes a Baiona senón que aqueles que xa nos coñecen volvan elixir como destino vacacional”, finaliza o rexedor.

Afluencia de peregrinos de xaneiro a maio 2022

A Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela rexistrou un total de 4.633 peregrinos e peregrinas que chegaron a solicitar a Compostela tras facer o Camiño Portugués da Costa, fronte aos 3.768 que o fixeron durante o mesmo período do 2019, o que supón un aumento do 23% este ano con respecto ao 2019.

Cabe destacar que estes datos tampouco reflicten a totalidade de afluencia xa que os e as camiñantes que non queren conseguir a Compostela non acoden a esta oficina.
Con estes datos, pódese prever que a evolución será ascendente nos próximos meses e que se chegarán a superar os número de 2019, ano no que xa se bateu o récord de chegadas.

Este dato tamén nos mostra a importancia da atención no servizo de turismo municipal para, ademais de dar a atención que o visitante necesita, recompilar os máximos datos posibles para elaborar un perfil turístico.

“Estes datos vén confirmar que o Camiño Portugués da Costa está a xogar un papel crave en desestacionalizar o turismo en Baiona. O obxectivo é lograr que a Villa teña visitantes, non só durante a época estival, senón o resto do ano. Os esforzos realizados durante os últimos anos polo Concello de Baiona para promocionar e mellorar o Camiño Portugués da Costa ao seu paso polo municipio tiveron un efecto dinamizador directo sobre o número de peregrinos que cruzaron Baiona nos últimos anos e desde o departamento de turismo seguiremos traballando para que ano tras ano sexan máis os camiñantes que elixen o roteiro xacobeo que transcorre polo noso municipio”, destacou o rexedor.

Marilar Aleixandre, «Unha presa de terra»

Se fai só algunhas semanas dabamos conta neste mesmo espazo dunha reedición ampliada da novela «Sobrevivindo», coa que Arantza Portabales gañara un coñecido premio de novela por entregas organizado por un xornal galego, o que hoxe traemos é un caso que semella calcado daquel. A protagonista é agora Marilar Aleixandre quen, en 2001, fíxose con ese mesmo galardón coa novela «Unha presa de terra». Agora é Baía Edicións quen recupera aquel traballo para darlle nova vida nunha edición revisada e ampliada. Non nos debe de estrañar pois as condicións impostas para participar nese certame son en extremo precisas e duras en canto a número de capítulos e extensión de cada un deles, o que supón un importante reto á hora de enfrontarse a un traballo destas características. Reto que, por outra parte, semella deixar aos autores non de todo satisfeitos respecto do resultado final.

No caso de Arantza Portabales falabamos, practicamente, dunha novela nova que case chegaba a duplicar en estensión a orixinal. Neste caso, a revisión é máis comedida e máis fiel á estrutura da obra gañadora do certame. Estamos a falar dunha novela de intriga que nace coa aparición dun cadáver no ascensor do edificio no que vivía a vítima. Tal acontecemento implica unha auténtica revolución entre o vecindario. A carón da policía traballará Ana Candeán, unha detective que se ve comprometida a involucrarse na investigación do caso e que, no proceso, vivirá unha tórrida historia de amor co principal sospeitoso, a parella da vítima.

Marilar Aleixandre acostuma a realizar estudos detallados da psicoloxía das súas personaxes en cada novela. Neste caso, por mor dos condicionantes dos que falabamos antes, resulta moi dificultoso acometer un traballo desas características, pero a autora suple esa eiva coa presentación dun grupo de veciños ben peculiar. Tenros uns, cómicos outros, integran unha comunidade heteroxénea que pulula arredor dos investigadores buscando o seu minuto de gloria ou a maneira de agochar as súas querencias para non se ver expostos diante do resto. A pesar de xogar un papel secundario na trama, gozan dunha presencia constante no seu desenvolvemento. Son xente do común, sacada de calquera comunidade de veciños e entre todos eles danlle forma, ao meu entender, a un dos grandes acertos da historia.

A investigación en si non garda grandes sorpresas, mais aporta ao relato escenarios peculiares, como o bar Artefacto Burbur e os seus habitantes, así como referencias claras á violencia de xénero como motor do caso, unha das grandes eivas do noso tempo (20 anos despois da escrita, lembremos!). E todo cunha linguaxe áxil e directa e unha dosificación precisa da información para manter ao lector aferrado ás súas páxinas, dese xeito que só os grandes mestres saben facer. 

Marilar Aleixandre

«Unha presa de terra»

140 páxinas

Accidente sen vítimas na N-555 á altura de Cedeira, Redondela

0

Axentes da policia local de Redondela interviron, na mañanciña de hoxe, nun accidente de tráfico acontecido na estrada de Cedeira.

Os feitos aconteceron pasadas as doce da noite cando os axentes recibiron o aviso de que un vehículo saírase da calzada na N-555 nos límites da antedita parroquia redondelá.

Por causas que investiga a Policía Local, o conductor do vehículo, un mozo de 19 anos, perdia o control do mesmo cando circulaba en sentido descendente cara a Redondela, saíndose da vía e impactando contra un muro de peche dunha vivenda e tematar no medio da calzada.

Afortunadamente o conductor resultou ileso rexistrándose tan so danos materiais.

No lugar dos feitos personáronse tamén membros do GES de Mos e de mantemento de estradas.

Sometido o condutor aos obrigatorios controis de alcohol e drogas, deu negativo en ámbolos dous casos.

A Guarda acolle a presentación de “Pezas guapas, para gaita, para zanfona e acordeón”

0

O Centro Cultural da Guarda será o escenario, o vindeiro luns día 20 de xuño ás 20:00h da tarde, para a presentación dos primeiros tres volumes de “Pezas guapas, para gaita, para zanfona e acordeón” de Xosé Manuel Fernández “Muxicas”.

Nesta actividade, organizada dende o Conservatorio de Música Elemental da Guarda, obsequiarase aos asistentes cun agasallo lembranceiro.

Os libros “Pezas guapas, para gaita, para zanfona e acordeón”, forman parte de tres volumes, Tempo de Valse, Tepo de Muiñeira – Tempo de Festa e Tempo de Baile.

O primeiro volume, Tempo de Valse “Pezas guapas, para gaita, para zanfona e acordeón”, vai adicado ós valses, hai quen se refire a “Muxicas”, en chanza ou en serio, coma “meste valseiro”. En palabras do autor “O de mestre quédame grande pero si é certo que teño unha especial querenza polos valses.”  21 valses neste libriño que veu a luz no ano vinte un. En pleno século vinte un. Casualidade?. Pois pode ser …

O segundo libro, Tempo de Muiñeira – Tempo de Festa presenta 21 novas muiñeiras para tocar en de festa, de furancho, de festivais ou simplemente para desfrutar na casa.

O terceiro volume “Tempo de Baile – Rumbas, polcas, mazurcas, foxtrots, habaneras, milonga e tango”  presenta 19 novos temas, máis dous extras.

Temas que nos permiten engarzar cos vellos gaiteiros que lograron traer a gaita galega ós nosos tempos. Unha oportunidade única para empatar a rasgadura que fixo á cultura galega a “moda celta”.

A colección inclúe temas para gaiteiros solistas, para dúas, tres ou catro gaitas. Para zanfonas, para acordeóns, para bandas de gaitas, para grupos folc ou para gaitas en distintos tons.

Novas creacións para desfrutar tocando só ou cos amigos.

Inclúe as partituras para gaitas coa escrita tanto en Do coma en Re, centos de páxinas cheas de nova música con vellos arrecendos, co selo inequívoco de Xosé Manuel Fernández Costas “Muxicas”

XOSÉ MANUEL FERNÁNDEZ COSTAS  (Vigo – 1960)

Autor de numerosos temas para gaita, como “Michuca”, “Boisaca-Choupana”, “Velaí”, “DeNTe” ou o “Pasodobre e medio”.

Coautor e creador de outros moitos tamén incluídos na discografía de Muxicas, como a “Foliada de Andrea” ou “A Barroca”. Foi o responsable das montaxes e arranxos dos temas gravados por Muxicas dende o primeiro disco.

Temas compostos ou arranxados por el atopámolos na discografía de grupos coma “O cuarteto Caramuxo”, “Anxo Lorenzo”, “Susana Seivane”, “Xeito Novo”, “Riobó”, “Manxadoira” ou “Xarabal”, entre outros. Ou en bandas sonoras de películas como “Gallego”

Ós seis anos de idade encomeza a súa andaina polo mundo da música, de xeito autodidacta, mareando entre múltiples instrumentos de corda e vento, dando dende moi novo algúns que outros concertos benéficos.

No mes de abril do ano 1977 entra no mundo da gaita galega, da man do seu titor no instituto, para participar na festa escolar co gallo da celebración do día das Letras Galegas.

Ese 17 de maio fai a súa primeira actuación coma gaiteiro, con instrumentos cedidos por Pucho, amigo e perruqueiro da familia, líder do grupo “Airiños do Monte” de Sampaio, primeiro grupo profesional no que desenrolará o seu quefacer. Primeiro como percusionista e logo tamén como gaiteiro.

No ano 1978 crea, xunto con catro compañeiros máis, o grupo Muxicas.  Grupo que liderará dende a súa fundación e no que desenrolará toda a súa carreira musical durante os seus vinte dous anos de existencia. Gravando un total de oito discos oficiais, facendo tamén o traballo de produtor discográfico dos sete últimos.

Entre 1981 e 1985 deseña, dirixe e presenta o “Festival Folclórico de Inverno” de Vigo, que organiza coa colaboración dos seus compañeiros de Muxicas.

En 1982 é “fichado” polo periodista Segundo Mariño para dirixir e presentar un programa radiofónico que chama “A volta da Festa”. Primeiro en Radio Cadena Española e logo en Radio Nacional de España, cunha frecuencia de emisión que flutúa entre semanal e diaria durante varios anos, labor que desenrola ata o ano 1987.

Participa como músico colaborador nos traballos discográficos de, entre outros, Os Carunchos, Alberto Conde, Cuchús Pimentel, Na Lúa, Ollo ó can, Na virada, Bombeiros Voluntarios ou o Coro Ultreia.

É membro fundador da Asociación de Gaiteiros Galegos, compoñente da mesa directiva no proceso de creación. Así mesmo figura como director, redactor e deseñador en diversos números da revista “A GAITA GRILEIRA” primeira publicación editada pola AGG.

Estivo presente activamente na creación e planificación da “Festa da Reconquista” de Vigo, actuando na representación teatral nos primeiros anos como relator dos feitos acontecidos mediante un cantar de cego composto por el, con cartel deseñado e pintado por Liño Figueroa, compañeiro de Muxicas. Dirixindo e coordinando tamén, durante varios anos, a animación musical do evento e ós numerosos grupos contratados.

Tras a desaparición de Muxicas no ano 2000, logo dalgunhas tempadas máis actuando coma cego solista co nome artístico de “Casimiro, o cego da zanfona”,  retírase da escena pública musical.

A partires do ano 2015, e a instancias dalgúns amigos, retoma o rexistro físico de temas, maiormente para gaita, pito, requinta, acordeón ou zanfona, que se lle ocorren acotío e que ata ese momento deixaba correr, sen reflectir.

Porque poñer os pes no pasado para turrar cara ó futuro é o que nos fai progresar.

Ponteareas quenta motores para o XII Open Tenis Vila do Corpus

As pistas da Freixa xa están listas para acoller o XII Open Tenis Vila do Corpus, un encontro organizado polo Club Tenis Ponteareas coa colaboración do Concello que se disputará do 23 de xuño ao 3 de xullo na vila e que como cada ano acollerá a máis dun cento de deportistas da categoría benxamín, alevín, infantil, cadete, absoluto masculino e feminino e veteranos +35 e +45 masculino.

“Dende o Concello agradecemos ao club o esforzo que fai cada ano para organizar este torneo que xa é un clásico nas nosas festas do Corpus”, sinalou o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó. O edil destacou tamén “a alta participación feminina coa que conta habitualmente este open incluído no calendario da Federación Española de Tenis e que, cada ano, conta cun maior número de participantes chegados de toda Galicia”.

Campións e subcampións de cada categoría recibirán os seus trofeos, así como premios en metálico por valor de 2.000 euros a repartir entre os gañadores e gañadoras das categorías Absoluto Masculino e feminino. 

Todas as persoas interesadas en competir neste torneo poden inscribirse ata mañá 19 de xuño a través da plataforma Ibertenis. Aínda que a situación sanitaria é máis favorable, o open disputarase seguindo o protocolo Covid-19 marcado pola Federación Galega de Tenis.

O Concello de Oia formará á veciñanza no uso da banca electrónica desde o móbil

0

O Concello de Oia organiza o curso “Mobilízate coa banca electrónica”, co obxectivo de ofrecer formación e asesoramento no uso seguro dun tipo de servizos que actualmente teñen moita demanda. A actividade é gratuíta baixo inscrición previa e desenvolverase os martes e xoves do vindeiro mes de xullo.

O curso será impartido por Infortastiera e vai dirixido a persoas interesadas en familiarizarse no uso da banca electrónica a través de dispositivos móbiles (teléfono smartphone). As sesións formativas desenvolverase na Aula de Novas Tecnoloxías (baixo da casa do Concello) os martes e xoves 5, 7, 12, 14 e 19 de xullo en horario de 10.00 a 12.00 horas.

As prazas son limitadas, polo que é obrigatorio inscribirse no rexistro do Concello de Oia ata o 1 de xullo.  O único requisito para recibir a formación será a obrigatoriedade de levar ás sesións un teléfono móbil co que poder traballar.

Para máis información sobre esta actividade pódese chamar ao Concello ao teléfono 986362125.    

“Ilustrando Rías Baixas” chega á sede da Deputación de Vigo

Sete artistas da provincia debuxarán as Rías Baixas desde as diferentes técnicas da ilustración na nova mostra que ofrecerá a Deputación na Sala Rosalía de Castro da súa sede de Vigo. “Ilustrando Rías Baixas” chega este vindeiro mércores, 22 de xuño, ao Casco Vello e ata o 19 de agosto Andrea Jano, Kiko da Silva, Clara Cerviño, Carlos Castro, Eduardo Baamonde, Lara Lars e o dúo Nuvi & Éxfico, creadores de diferentes xeracións, encherán este espazo expositivo da sede provincial de cor, xesto e sentimento coa súa visión sobre o paraíso no que vivimos, reflectida en obras que amosarán sendas e bosques, rutas polas cidades, espazos patrimoniais ou lugares e persoas tan especiais como senlleiros. A apertura da mostra, á que asistirán representacións do movemento cultural e social da cidade viguesa, terá lugar ás 19 horas e contará cunha acción artística que mestura ilustración e narración, “Pincel e voz para unha illa portátil”, que ofrecerá unha das participantes, Andrea Jano, xunto á autora Silvia Penas. Para asistir á inauguración é preciso inscribirse no correo [email protected].

“Ilustrando Rías Baixas”, unha das exposicións máis ambiciosas do ano, porá en relación a  artistas que debuxan, pintan e crean sobre a provincia, con obras que na súa maioría foron realizadas ex professo para esta mostra e que conformarán no seu conxunto un auténtico caderno de viaxes polo territorio. Deste xeito, na Sala Rosalía poderán verse as ilustracións destes creadores realizadas a acuarela, sobre lenzo, en forma de libro ilustrado ou dixitais, pasando polas caixas de luz (esculturas iluminadas) entre outras.

Talleres de ilustración

Ao abeiro da exposición, están previstas actividades complementarias, como a mesa redonda sobre “A ilustración en Galicia hoxe“, que terá lugar o 26 de xullo coa participación de Kiko da Silva, Lara Lars, Eduardo Baamonde e Nuvi & Éxfico. Amais, haberá dous obradoiros dirixidos ao público xeral durante o mes de agosto. O primeiro, o día 1, ofrecerao Carlos Castro, baixo o título “Urban sketching”, mentres que o segundo terá lugar o día 9 e impartirao Clara Cerviño, co título de “Ilustrando faros”.

No primeiro caso, Carlos Castro achegará ás persoas participantes ao “Urban sketching” ou pintura ao aire libre urbana, unha forma de arte directa realizada en contacto coa paisaxe. Trátase de “fotografar con métodos tradicionais de pintura” e, deste xeito, amais das nocións teóricas, as persoas poderán poñer en práctica estes coñecementos na propia rúa. O obradoiro está aberto a persoas maiores de 15 anos e hai 15 prazas (as inscricións poden facerse no correo [email protected]).

O taller que ofrecerá Clara Cerviño está dirixido a persoas maiores de 14 anos interesadas no ámbito da ilustración e tamén ten 15 prazas, co mesmo método de inscrición. “Ilustrando faros” estará enfocado á estas construcións, testemuñas de todo o que sucede na costa e á maxia que desprenden. Traballarase con lapis, tinta e sobre todo coas cores que ofrecen as acuarelas. Non fan falta coñecementos previos, só ganas de aprender e pasalo ben.

A Xunta visita o centro residencial e ocupacionaldas Esclavas de la Virgen Dolorosa de Mos

0

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou o venres pola mañá o centro residencial e ocupacional da orde das Esclavas de la Virgen Dolorosa en Mos, dirixido a mulleres con discapacidade intelectual.

Durante a visita, Fernando González Abeijón destacou a importancia de contar con centros especializados que atendan as necesidades das persoas que máis precisan de apoios na súa vida diaria. Ademais, puxo en valor a colaboración do Goberno galego con entidades como Esclavas de la Virgen Dolorosa para garantir o benestar destas persoas e as súas familias.

Mondariz mellora e amplía as instalacións de lecer para a mocidade

0

As obras de mellora no parque infantil de Mondariz –situado no Monte da Ovella, xunto á biblioteca pública municipal– xa foron licitadas e comezarán estes días. Esta é unha actuación financiada pola Deputación de Pontevedra, dentro do Plan Concellos 2021, que leva tempo na axenda do Goberno municipal de Mondariz. Está previsto que se cambie o chan e se renove o mobiliario para dar maior seguridade a estas instalacións.

Unhas instalacións xa ampliadas en 2021

Estas obras de mellora no parque infantil veñen a complementar actuacións anteriores impulsadas polo Goberno municipal para modernizar as instalacións. No ano 2021, sen ir máis lonxe, levantouse unha ampliación cuberta do parque infantil valorada en case 50.000 euros, con fondos da Deputación de Pontevedra, dentro do Plan Concellos 2020, e da Xunta de Galicia.

Construción de infraestruturas para a mocidade

Nas proximidades do Monte da Ovella, así mesmo, o Goberno municipal está promovendo a construción dun novidoso Centro de Ocio e Deporte Urbano no Campo da Minada, situado ao lado do CPI de Mondariz e moi ben conectado coas principais praias fluviais da localidade.

O ano pasado, aproveitando a financiación do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, levantouse un circuíto asfaltado de pump track sobre un decrépito campo de fútbol construído hai anos que estaba en desuso por non cumprir as medidas regulamentarias para competición. O ambicioso proxecto de construír un Centro de Ocio e Deporte Urbano no Campo da Minada –con pistas multideportivas, circuíto de calistenia e pequeno rocódromo para unha iniciación na escalada de bloques que complementan o xa construído circuíto asfaltado de pump track–, poderá executarse este ano, dentro do plan Reacciona Pontevedra (ReacPon), que financiará as obras con 392.079 euros, o 90% do orzamento previsto.

“Estas obras, cando se executan, son o resultado de meses e mesmo anos de traballo político e administrativo. Detrás hai ideas e proxectos que buscan mellorar a calidade de vida da poboación, así como múltiples xestións para acadar os recursos necesarios. Este Goberno municipal tiña claro desde o principio do seu mandato que había que realizar investimentos para mellorar as infraestruturas, e así contribuír a fixar poboación e atraer visitantes”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

A Deputación de Pontevedra ten aplaudido estas iniciativas municipais. Sobre o Centro de Ocio e Deporte Urbano, durante a sinatura do convenio correspondente no marco do plan ReacPon, a presidenta da institución comentou que ten a capacidade de xerar “atracción e actividade económica” para toda a contorna. “Estamos diante dun proxecto que é un gran acerto, porque cumpre moitos obxectivos”, dixo naquel momento.

A Deputación sitúase como primeira do Estado en liderar a expasión de Destinos Turísticos Intelixentes

A Deputación de Pontevedra tense convertido de novo na punta de lanza da innovación turística no Estado co convenio que hoxe asinaron a presidenta Carmela Silva e o presidente de Segittur, Enrique Martínez, para o desenvolvemento conxunto de actuacións para a promoción e impulso dos Destinos Turísticos Intelixentes na provincia. Así, a Deputación sitúase xa como a primeira do Estado en liderar a expansión do modelo DTI impulsado pola Secretaría do Estado de Turismo a través de Segittur. O convenio, dixo Carmela Silva “convértenos no instrumento para que o coñecemento, ideas e proxectos que nacen da Rede DTI se espalle ao mundo local, aos concellos, e construír así o turismo do século XXI”.

Para a presidenta provincial “hoxe é  un día moi importante porque a colaboración, saber traballar xuntas e xuntos e crear redes é o presente da boa acción política”. Carmela Silva amosou o seu orgullo de ver que a Deputación tense convertido, con este convenio, “en promotora do territorio, no instrumento para levar o turismo intelixente a todos os destinos da provincia”. Neste eido, aproveitou para poñer en valor “a extraordinaria idea” da creación da Rede DTI por parte do Ministerio de Turismo comandado por Segittur. “Pódese comprobar que o mundo local se sumou de forma moi maioritaria á rede xa que vimos que era o instrumento necesario e fundamental para modernizar un sector tan importante para o noso país, que xera tanta actividade económica, crecemento e emprego e que, ademais, vertebra todo o territorio”. Tamén remarcou o papel da Deputación de Pontevedra “que entendeu que estar na Rede DTI era un eixo prioritario xa que nos permite adquirir coñecemento, boas prácticas, a carón da transformación dixital e da sostibilidade do turismo”.

Pola súa banda o presidente de Segittur, Enrique Martínez, asegurou que “sabemos que hai moitos concellos que non teñen recursos nin medios técnicos, económicos e humanos para poder implantar a metodoloxía DTI” e explicou que “con este novo modelo queremos que as deputacións e cabidos sexan quen impulsen a metodoloxía entre os seus territorios”.  Neste eido informou que a Deputación de Pontevedra e o Cabido de Lanzarote téñense convertido nos primeiros organismos do Estado en asinar “este novo modelo para impulsar a metodoloxía DTI dende as institucións provinciais”. Tamén aproveitou a ocasión para explicar a “excelente acollida” do modelo DTI entre organismos do  Estado e tamén a nivel internacional. “A proba do éxito –detallou- é que están xa aplicar a metodoloxía en Bogotá, Medellín, Tequila, Asunción e tamén en países como Brasil ou Arxentina”.

Co convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e Segittur vaise definir o procedemento para que a institución supervise a metodoloxía DTI e a implante e adapte a toda a provincia. Tamén se vai apostar pola formación, con programas de asistencia técnica, formación e xornadas para difundir o modelo e participando en obradoiros, seminarios, congresos e foros sobre DTI. Ademais, vanse sumar sinerxías interinstitucionais con ferramentas e servizos de xestión intelixente, establecendo áreas comúns e/ou espazos compartidos para intercambiar información e a coordinación e intercambio de proxectos.

A Deputación de Pontevedra é unha das institucións fundadoras da Rede estatal de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI). Forma parte da súa Comisión Executiva na que é, ademais, a única Deputación de toda España e a única administración galega no máximo órgano de dirección da Rede. Neste espazo de encontro, estase a traballar cunha metodoloxía propia que aposta pola innovación aplicada ao turismo, construíndo infraestruturas tecnolóxicas de vangarda e garantindo a sostibilidade, a accesibilidade e a calidade de vida das persoas visitantes e residentes nos territorios.

A delegación baionesa de artistas en Pornic constrúen un “Flash-Arte” con alumnado francés

0

A delegación baionesa de artistas, que viaxou ata Pornic con motivo da “Exposition d’artistes de Baiona”, enmarcada na celebración do XXV aniversario do irmandamento entre as Vilas promovida pola asociación de Jumelage de Pornic na Maison du Chapître en Pornic do 12 ao 20 xuño de 2022 en colaboración cos Concellos de Baiona e Pornic, segue inmersa en numerosas actividades na vila irmá francesa.

Este encontro enmárcase dentro do interese de ambas as corporacións e a veciñanaza das dúas localidades de manter vivo o irmandamento.

Entre estas actividades enmárcase o taller flash arte  que os artistas baioneses, Pintura,  Caíno Vasconcellos (Pintura)Irene Silva (Gravado), Víctor Lorenzo (Pintura),Carlos Padín (Pintura) y de Nieves Loperena (foto-reportaxe) levaron a cabo no colexio francés de San José.

Trátase dunha actividade complementaria a exposición. Baixo a dirección da artista Irene Silva “construíuse a instalación “Flash-Arte” coa participación activa do alumnado da colexio da vila irmá. “Mediante un breve aceno deixaremos unha pegada indeleble na memoria a través do paradoxo dun acto  fugaz.”, sinala a artista local.

O CPI Manuel Suárez Marquier inaugura tres innovadores espazos

O CPI Manuel Suárez Marquier está de estrea. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; o Xefe Territorial de Educación de Pontevedra da Xunta de Galicia, César Ares; Paz Fernández, da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Universidade; e o director, Xosé Tomás, acompañaron á dirección e alumnado do centro nunha xornada de inauguración tripla de tres espazos creados durante este curso.

Co catedrático de Física e divulgador científico Jorge Mira como mestre de cerimonia, o centro presentou a súa innovadora aula croma 360º, unha clase adaptada ao 100% que permitirá ao alumnado gravar e editar vídeos como ferramenta educativa. Ademais, o CPI conta tamén cun aula-estudo de gravación de música chamado ‘Asalto de mata’ e con ‘A despensa da Mata’, unha horta escolar.

Todos estes espazos foron creados a comezos deste curso, polo que ao longo dos últimos meses o alumnado xa realizou un importante número de producións, dinámicas de traballo e experiencias pedagóxicas nas novas instalacións, así como producións audiovisuais, gravacións musicais, experimentos botánicos ou cultivos.

O público participante foi recibido a ritmo de frauta en vivo, música que deu paso á presentación dos espazos e a un percorrido por todos eles ao que foron convidados representantes de toda a comunidade educativa, dende alumnado e familias ata ANPA, persoal docente e non docentes e membros do club de lectura e cine, entre outros.

Tui acolle a primeira proba do Campionato de España de Embarcacións T850 e GT60

0

O río Miño ao seu paso por Tui acolle esta fin de semana primeira das tres probas do Campionato de España de Embarcacións T850 e GT60. Participarán pilotos galegos, entre eles o vigués Keko Pereira, cataláns, andaluces e o inglés Cristian Burguess. As outras dúas probas celebraranse en Tarragona e Jeréz de la Frontera.

A proba que se celebrará este sábado en Tui está organizada pola Real Federación Galega de Motonáutica, en colaboración co Concello de Tui e a Comandancia Naval do Miño. Constará de catro mangas, das que serán puntuables as tres mellores de cada piloto. O circuíto, fronte as instalacións da Comandancia Naval, será rectangular cun percorrido de 1.500 metros, delimitado por boias.

A proba foi presentada este mediodía na Comandancia Naval do Miño, por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, o comandante Naval do Miño, Pablo Redondo, a deputada Iria Lamas, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o comisario xeral da proba e vicepresidente da Real Federación Galega de Motonáutica, Carlos Gago,  o piloto Keko Pereira, e o presidente de honra do Club Náutico San Telmo José Joaquín Rodríguez.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou na presentación que “ningún lugar mellor ca este para esta proba deportiva” engadindo que se trata dun “territorio privilexiado pola relación que temos con Valença”, e nunha competición que atraerá a afeccionados á motonáutica tanto galegos coma portugueses, dicía.

O rexedor tudense salientou tamén que actividades coma esta “serven para dar a coñecer e pór en valor a motonáutica” ao tempo que “contribúen á dinamización económica deste territorio”. Enrique Cabaleiro lembrou que ano pasado a proba celebrada en Tui xa foi un éxito e “ non teño a máis mínima dúbida de que este ano tamén o vai ser” afirmaba.

O comandante Naval do Miño, Pablo Redondo, indicou que “a Armada está sempre encantada de acoller este tipo de actividades e de ser anfitrións deste Campionato de España”.

Pola súa parte a deputada Iria Lamas, lembrou a “aposta polo deporte acuático” que fai a Deputación, para “que sexa un pulo para o turismo”, e nese senso afirmaba que “Tui é un sitio emblemático para dinamizar o turismo acuático”.

Carlos Gago, comisario xeral da proba e vicepresidente da Real Federación Galega de Motonáutica, agradecía a colaboración de autoridades, colaboradores e patrocinadores  indicando que “ é un orgullo para nós poder organizar unha proba neste entorno”.

Por último o piloto vigués Keko Pereira, que competirá coa embarcación coa que o ano pasado se proclamou subcampión de España, explicaba que o circuíto tudense é “moi rápido e especial pola corrente” engadindo que se trata tamén unha proba moi bonita polo enclave no que se realiza.

Mañá venres dende as 17 h terán lugar as verificacións técnicas e administrativas que continuará o sábado a partir das 8.30 h. Entre ás 10.30 e ás 11.15 h terán lugar os adestramentos libres. As mangas disputaranse ás 12.30 h, 14.00 h, 16.30 h, e 18.00 h, estando prevista a entrega de premios ás 19.30 h.

O Concello de Nigrán despide os cursos de ‘Envellecemento activo’ ata o mes de setembro

0

O Concello de Nigrán despide ata o mes de setembro os cursos de ‘Envellecemento activo’ que 130 veciños maiores están a realizar no Centro da Terceira Idade da Ramallosa (‘Informática básica’, ‘Memoria’ para previr o deterioro cognitivo e ‘Vivilo Corpo’, dirixido a potenciar as capacidades motoras a través de exercicios de movemento e coordinación). Informática é impartido polo profesor xubilado Antonio Lago de xeito altruísta e os outros dous corren a cargo de Afaga, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheímer e outras demencias de Galicia (AFAGA).

“Son cursos con moitísima aceptación, están moi contentas (as usuarias son mulleres case o 100%) e agora toca o descanso vacacional de verán porque moitas delas reciben os netos na casa ou viaxan”, explica o alcalde, Juan González, quen acudíu a esta última sesión xunto a edil de Maiores, María Mayán.

Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioros cognitivos e neles se basa este programa que ofrece o Concello de Nigrán. O caracter fundamental é preventivo, e a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.

Rematado o estaquillado marcando as cesións que serían necesarias para completar a mellora da estrada Tameiga-Pereiras

0

O tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, o edil mosense de Urbanismo, José Areal, informaron onte de que xa está realizado o estaquillado na Estrada Tameiga-Pereiras, que marca as cesións que serían necesarias para completar a mellora deste vial. A empresa contratada para realizar estes traballos, Topogray, levou a cabo tamén un estudo topográfico previo para a nova senda peonil da Estrada Tameiga-Pereiras. Esta nova senda peonil irá precedida da remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio.

Proximamente convocarase unha xuntanza cos veciños da zona, de cara a explicarlles os detalles do estaquillado, cesións necesarias, e indicarlles pormenorizadamente o trazado exacto da nova senda e o seu deseño definitivo; e así poder acometer a devandita senda. A primeira das xuntanzas coa veciñanza para explicarlles o proxecto realizouse o 1 de decembro de 2021 no Multiusos das Pozas.

Por outra banda, o Concello de Mos xa ten rematado o proxecto de remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio en Tameiga, previo ao inicio da senda, co que se transformará totalmente esta zona.

A obra na contorna da Capela de San Eleuterio é o paso previo á mellora da Estrada Tameiga-Pereiras, onde se acometerá esta senda peonil.

Contorna da Capela de San Eleuterio

Pola súa banda o proxecto de transformación da contorna da Capela de San Eleuterio, convertirá a zona nun espazo público de calidade, con nova pavimentación e dotación de vexetación, arboreda, iluminación e instalacións urbanas, establecendo prioridade peonil na totalidade do ámbito, de 4.800 m2 de superficie, mellorando as condicións de accesibilidade e poñendo en valor os elementos catalogados. Unha mellora que beneficiará á zona da Capela e o cruceiro de San Eleuterio.

Proponse a plataforma única como solución idónea de convivencia entre o peón e o vehículo, desdibuxando os límites entre a zona peonil e a zona de rodadura, permitindo que os viandantes poidan apropiarse desta zona de tránsito motorizado, que se establece no perímetro Sur e Este de o ámbito, no camiño Laxiñas e a estrada Tameiga-Pereiras. Este vial perimetral proxéctase con pavimento de formigón puído con xuntas abertas entreveradas en céspede, marcando sutilmente a zona de rodadura mediante xuntas de retracción, plantación de arces vermellos e farois de iluminación dobre.

A Xunta remata a humanización da contorna da capela de Santa Marta de Albeos, en Crecente

0

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de rematar as obras de humanización e embelecemento da contorna da capela de Santa Marta de Albeos, no Concello de Crecente, que foi financiada cunha achega de máis de 52.000 euros ao abeiro do Plan Hurbe.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou este mediodía, xunto ao alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, esta actuación de mellora urbanística e estética, que contaba cun orzamento global de 110.000 euros, xa que tamén incluíu a dotación de mobiliario urbano e vexetación.

“Seguimos colaborando cos concellos en todos os eidos e, por suposto, tamén na mellora e dotación de confortabilidade aos seus núcleos residenciais. No caso de Crecente, actuamos na zona da Capela, cun resultado excepcional, e damos continuidade a outra axuda anterior do Plan Hurbe tamén nesta contorna, neste no caso no camiño entre este lugar e Coedros, para que o municipio incremente o seu atractivo e os veciños estean cada vez máis a gusto nas súas aldeas”, detallou o representante autonómico.

O proxecto realizado na Capela consistiu na demolición do asfaltado preexistente para dotar a toda a contorna dunha nova pavimentación en formigón armado nos dous ramais de acceso ao interior do núcleo de Santa Marta e dun firme de lastro de granito de país no caso do vial cara a ermida.

Así mesmo, procedeuse á modernización e soterramento de todas as redes de servizos, entre as que figuran as canalizacións de pluviais; o sistema de abastecemento de auga potable; a liña de enerxía eléctrica; o tendido de telefonía e a rede de alumeado público, que xa conta con catro novas luminarias Led máis eficientes.

A actuación completouse coa instalación dun banco de sete metros; a plantación de camelias e oliveiras; a renovación da sinalización; a construción dun novo espazo de ocultación en madeira de pino para os contedores de lixo a carón do merendeiro; a delimitación de espazos con postes e malla, e a supresión dunha marquesiña.

A largometraxe “Welcome to ma maison” proxectarase en Redondela e Ponteareas

O Ciclo Mestre Mateo, que promoven conxuntamente a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, celebrará desde esta fin de semana, os días 18, 19, 25 e 26 de xuño, a súa cuarta sesión coa proxección nos concellos de Poio, Cambados, Ponteareas, Forcarei e Redondela da película “Welcome to ma maison”, finalista nas categorías a mellor documental e mellor montaxe nos XX premios Mestre Mateo. O ciclo, que busca dotar ós concellos da provincia dunha programación estable de cinema en galego, exhibirá ao longo do ano o resto das películas premiadas e finalistas dos Mestre Mateo 2022, polo que amais de “Welcome to ma maison” proxectaranse outras longametraxes coma “Tres”, a premiada, e as finalistas “Cuñados”, “Jacinto” e “Malencolía”.

A proxección do filme “Welcome to ma maison” terá lugar este sábado 18 de xuño ás 20 h no Centro Cultural Xaime Illa Couto de Poio; o domingo día 19 as 20:30 h no Auditorio Municipal da Xuventude de Cambados. O día 25 poderase ver esta filme no Auditorio de Soutelo de Forcarei e na Sala Multiusos do Auditorio Municipal de Ponteareas. Por último o domingo 26 ás 19:30 h proxectarase no Multiusos da Xunqueira de Redondela.

“Welcome to ma maison” conta a historia de Igor, actor que, tras un colapso emocional, decide afastarse da interpretación e centrarse na investigación cinematográfica. Igor comeza a escribir un libro sobre a linguaxe non verbal das mans na filmografía do director danés Nicolas Winding Refn, entón inicia unha viaxe a Los Ángeles para coñecelo e, ó non atopar o seu rumbo, camiña cara o interior do seu protagonista percorrendo a difusa liña entre o actor, a persoa e o personaxe. Un documental experimental construído con imaxes reais, sentimentos sinceros e problemas verdadeiros. Un falso documental, rodado a modo de making of, onde todo o que se mostra é 100% real. Unha produción de Suso López, Andrés Goteira, Laura Doval, Adrián Folgueira e Alberto Díaz en colaboración con Gaitafilmes e Mordisco Films.