A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para os meses de agosto e de setembro dos titulares dos terreos necesarios para executar as actuacións de acondicionamento e mellora da seguridade viaria do antigo trazado da estrada PO-400, no concello de Arbo.
Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade suporá un investimento autonómico de preto de 1,3 millóns de euros.
De cara á súa execución, a intervención dividirase en dúas fases: unha primeira de acondicionamento do treito antigo da PO-400, que se licitará xa nas próximas semanas; e unha segunda de mellora da intersección co actual trazado da estrada, co fin de construír unha glorieta.
Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o día 2 de agosto, de 10:00 a 13:40 horas; e o 3 e o 4 de agosto de 10:00 a 13:30 horas na Casa do Concello de Arbo. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo os días 28, 29 e 30 de setembro, no mesmo lugar e ás mesmas horas. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse o detalle desta información: https://bit.ly/3xL23y2.
Con esta actuación no trazado antigo da PO-400, o departamento de Infraestruturas da Xunta levará a cabo a rehabilitación do firme e a execución de beirarrúas e sendas nos treitos urbanos, así como o acondicionamento das interseccións inicial e final da estrada e a creación dunha rotonda na contorna do punto quilométrico 24 da estrada actual.
O proxecto inclúe a execución dun novo tramo de conexión desde a antiga estrada ata a citada glorieta do quilómetro 24, así como o acondicionamento do acceso á glorieta prevista desde a estrada que discorre en dirección ao núcleo do Picoto.
Executarase, ademais, un carril de parada de autobús e a colocación dun refuxio no punto quilométrico 24+240 da PO‐400, xunto coa construción dunha zona de aparcadoiro entre os puntos quilométricos 1+250 e 1+300 da estrada PO‐400A.
Destaca tamén na intervención a mellora da seguridade peonil no antigo trazado da PO‐400, mediante a execución dun itinerario cun ancho de 1,80 metros, incluído bordo, e unha rígola de 0,30 metros entre a estrada e o dito bordo, na maioría do seu trazado.
As actuacións financiaranse con fondos europeos REACT-EU, de resposta fronte á pandemia da Covid-19.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos, sendo os peóns os usuarios máis vulnerables das estradas.