10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaOs Obradoiros de Verán 2022 chegan ao Museo de Pontevedra

    Os Obradoiros de Verán 2022 chegan ao Museo de Pontevedra

    O Museo de Pontevedra abre hoxe –ata o día 27- o prazo de inscrición para os seus Obradoiros de Verán 2022 cunha variada proposta de actividades para nenas e nenos entre 6 e 12 anos. Baixo os títulos ‘O club dos pinceis’, ‘Arte Rupestre’, ‘Pintura Contemporánea’ e ‘Obxectivo Galicia’ as crianzas explorarán a través das coleccións propias do Museo temáticas e creatividades relacionadas coa arte feita por mulleres  -sobre todo no eido da arte contemporánea-, a arte prehistórica, e a cultura galega en sesións que se desenvolverán entre o 5 de xullo e o 26 de agosto

    A inscrición debe facerse a través da dirección de correo electrónico reservas.museo@depo.gal. En cada correo só poderá inscribirse unha ou un participante e as prazas outorgaranse por estrita orde de entrada. No caso de que o obradoiro desexado xa estivese cuberto ou quedasen prazas vacantes noutros, poderase indicar na solicitude cales son as alternativas, poñéndoas por orde de preferencia.

    No mes de xullo a actividade comezará co obradoiro ‘O club dos pinceis’, impartido por  Leucoíña Pasea, no que as e os participantes experimentarán con diferentes formas de expresión plástica e coñecerán algunhas das mulleres artistas da colección propia do Museo. O número de participantes é de 15 e terá unha duración de catro sesións (repartidas en catro días) en horario de 11 horas a 13 horas. Desenvolverase do 5 ao 8 de xullo para nenas e nenos de 6 a 9 anos e do 12 ao 15 de xullo para rapazada de 10 a 12 anos.

    O segundo obradoiro será o de ‘Arte rupestre’ e estará impartido por Galipat . Pretende

    achegarse ao mundo da arte rupestre, coñecendo diferentes manifestacións artísticas realizada sobre roca mediante debuxo, pintura ou gravado. O número de rapazas e rapaces participantes tamén será dun máximo de 15 e a duración, igualmente, de catro sesións en catro días diferentes en horario de 11.30h a 13 h. Para nenas e nenos de 6 a 9 anos impartirase do 19 ao 22 de xullo e para idades entre 10 e 12 anos do 26 ao 29 de xullo.

    O terceiro obradoiro será o de ‘Pintura contemporánea’, que estará desenvolvido por Lúa Gándara. Trátase dunha actividade infantil baseada na arte contemporánea no que partindo da obra de Maruja Mallo, Maria Antonia Dans, Almudena Fernández e Tatiana Medal exploraranse diferentes conceptos plásticos e conceptuais. A cabida máxima é de 15 persoas e tamén se desenvolverá en catro sesións (catro días)  en horario de 11h a 13 h

    Do 2 ao 5 de agosto será a quenda para a rapazada de 6 a 9 anos e do 9 ao 12 de agosto para nenas e nenos de 10 a 12 anos.

    Finalmente, o último obradoiro do verán será ‘Obxectivo Galicia’, a cargo do propio departamento de Educación do Museo de Pontevedra. Traballarase en relación coa exposición de fotografía de Ruth Matilda Anderson -que terá lugar do 4 de agosto ao 23 de outubro-, e a cativada coñecerá diferentes elementos da cultura galega como a vestimenta ou a artesanía. O número máximo de participantes é de quince nenas e nenos, que acudirán durante catro sesións (catro días) ao Museo en horario de 11h a 13 h. As quendas repártense tamén do 16 ao 19 de agosto para crianzas de 6 a 9 anos e do 23 ao 26 de agosto para rapazada de 10 a 12 anos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.