11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelMarilar Aleixandre, «Unha presa de terra»

    Marilar Aleixandre, «Unha presa de terra»

    Se fai só algunhas semanas dabamos conta neste mesmo espazo dunha reedición ampliada da novela «Sobrevivindo», coa que Arantza Portabales gañara un coñecido premio de novela por entregas organizado por un xornal galego, o que hoxe traemos é un caso que semella calcado daquel. A protagonista é agora Marilar Aleixandre quen, en 2001, fíxose con ese mesmo galardón coa novela «Unha presa de terra». Agora é Baía Edicións quen recupera aquel traballo para darlle nova vida nunha edición revisada e ampliada. Non nos debe de estrañar pois as condicións impostas para participar nese certame son en extremo precisas e duras en canto a número de capítulos e extensión de cada un deles, o que supón un importante reto á hora de enfrontarse a un traballo destas características. Reto que, por outra parte, semella deixar aos autores non de todo satisfeitos respecto do resultado final.

    No caso de Arantza Portabales falabamos, practicamente, dunha novela nova que case chegaba a duplicar en estensión a orixinal. Neste caso, a revisión é máis comedida e máis fiel á estrutura da obra gañadora do certame. Estamos a falar dunha novela de intriga que nace coa aparición dun cadáver no ascensor do edificio no que vivía a vítima. Tal acontecemento implica unha auténtica revolución entre o vecindario. A carón da policía traballará Ana Candeán, unha detective que se ve comprometida a involucrarse na investigación do caso e que, no proceso, vivirá unha tórrida historia de amor co principal sospeitoso, a parella da vítima.

    Marilar Aleixandre acostuma a realizar estudos detallados da psicoloxía das súas personaxes en cada novela. Neste caso, por mor dos condicionantes dos que falabamos antes, resulta moi dificultoso acometer un traballo desas características, pero a autora suple esa eiva coa presentación dun grupo de veciños ben peculiar. Tenros uns, cómicos outros, integran unha comunidade heteroxénea que pulula arredor dos investigadores buscando o seu minuto de gloria ou a maneira de agochar as súas querencias para non se ver expostos diante do resto. A pesar de xogar un papel secundario na trama, gozan dunha presencia constante no seu desenvolvemento. Son xente do común, sacada de calquera comunidade de veciños e entre todos eles danlle forma, ao meu entender, a un dos grandes acertos da historia.

    A investigación en si non garda grandes sorpresas, mais aporta ao relato escenarios peculiares, como o bar Artefacto Burbur e os seus habitantes, así como referencias claras á violencia de xénero como motor do caso, unha das grandes eivas do noso tempo (20 anos despois da escrita, lembremos!). E todo cunha linguaxe áxil e directa e unha dosificación precisa da información para manter ao lector aferrado ás súas páxinas, dese xeito que só os grandes mestres saben facer. 

    Marilar Aleixandre

    «Unha presa de terra»

    140 páxinas