12.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ Noticia“Ilustrando Rías Baixas” chega á sede da Deputación de Vigo

    “Ilustrando Rías Baixas” chega á sede da Deputación de Vigo

    Sete artistas da provincia debuxarán as Rías Baixas desde as diferentes técnicas da ilustración na nova mostra que ofrecerá a Deputación na Sala Rosalía de Castro da súa sede de Vigo. “Ilustrando Rías Baixas” chega este vindeiro mércores, 22 de xuño, ao Casco Vello e ata o 19 de agosto Andrea Jano, Kiko da Silva, Clara Cerviño, Carlos Castro, Eduardo Baamonde, Lara Lars e o dúo Nuvi & Éxfico, creadores de diferentes xeracións, encherán este espazo expositivo da sede provincial de cor, xesto e sentimento coa súa visión sobre o paraíso no que vivimos, reflectida en obras que amosarán sendas e bosques, rutas polas cidades, espazos patrimoniais ou lugares e persoas tan especiais como senlleiros. A apertura da mostra, á que asistirán representacións do movemento cultural e social da cidade viguesa, terá lugar ás 19 horas e contará cunha acción artística que mestura ilustración e narración, “Pincel e voz para unha illa portátil”, que ofrecerá unha das participantes, Andrea Jano, xunto á autora Silvia Penas. Para asistir á inauguración é preciso inscribirse no correo participa.cultura@depo.gal.

    “Ilustrando Rías Baixas”, unha das exposicións máis ambiciosas do ano, porá en relación a  artistas que debuxan, pintan e crean sobre a provincia, con obras que na súa maioría foron realizadas ex professo para esta mostra e que conformarán no seu conxunto un auténtico caderno de viaxes polo territorio. Deste xeito, na Sala Rosalía poderán verse as ilustracións destes creadores realizadas a acuarela, sobre lenzo, en forma de libro ilustrado ou dixitais, pasando polas caixas de luz (esculturas iluminadas) entre outras.

    Talleres de ilustración

    Ao abeiro da exposición, están previstas actividades complementarias, como a mesa redonda sobre “A ilustración en Galicia hoxe“, que terá lugar o 26 de xullo coa participación de Kiko da Silva, Lara Lars, Eduardo Baamonde e Nuvi & Éxfico. Amais, haberá dous obradoiros dirixidos ao público xeral durante o mes de agosto. O primeiro, o día 1, ofrecerao Carlos Castro, baixo o título “Urban sketching”, mentres que o segundo terá lugar o día 9 e impartirao Clara Cerviño, co título de “Ilustrando faros”.

    No primeiro caso, Carlos Castro achegará ás persoas participantes ao “Urban sketching” ou pintura ao aire libre urbana, unha forma de arte directa realizada en contacto coa paisaxe. Trátase de “fotografar con métodos tradicionais de pintura” e, deste xeito, amais das nocións teóricas, as persoas poderán poñer en práctica estes coñecementos na propia rúa. O obradoiro está aberto a persoas maiores de 15 anos e hai 15 prazas (as inscricións poden facerse no correo participa.cultura@depo.es).

    O taller que ofrecerá Clara Cerviño está dirixido a persoas maiores de 14 anos interesadas no ámbito da ilustración e tamén ten 15 prazas, co mesmo método de inscrición. “Ilustrando faros” estará enfocado á estas construcións, testemuñas de todo o que sucede na costa e á maxia que desprenden. Traballarase con lapis, tinta e sobre todo coas cores que ofrecen as acuarelas. Non fan falta coñecementos previos, só ganas de aprender e pasalo ben.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.