Mércores, 20 Agosto de 2025

Dúas interesantes publicacións para os máis cativos da man de Antonio García Teijeiro e Paula Carballeira

Aproveitamos este tempo estival para facer dúas publicacións interesantes para os máis pequenos da casa, os últimos traballos de dous dos nosos grandes referentes na literatura infantil e xuvenil: o poeta e narrador Antonio García Teijeiro, e a dramaturga, actriz, contadora e narradora Paula Carballeira.


Antonio García Teijeiro, «Que demo de monicreque!»

Non podemos deixar pasar a ocasión de recomendar «Que demo de monicreque!», un deses traballos delicados e certeiros cos que Antonio García Teijeiro é quen de sorprendernos e que supón un achegamento moi particular ao mundo da creación. O autor xoga coa poesía, co mar como escenario, coa fantasía e coa maxia das palabras, para darlle forma a un conto que nace cando, a unha praia afastada onde un Poeta sen inspiración se ve incapaz de escribir, chega Martiño. Martiño é un monicreque mariñeiro e “pescador de palabras”, segundo el mesmo di, que arrastra unha maleta máxica coa que será quen de axudar ao Poeta cunha serie de xogos e de elementos fantásticos cos que espelir a súa ansia creativa.

Deste xeito tan peculiar, García Teijeiro fálanos do proceso creativo e de toda esa maxia que o rodea, dos mundos que se encerran dentro das palabras a agardar polo escritor, da forza e necesidade da comunicación e, sobre todo, de como nos momentos máis escuros e nos que nos sentimos completamente derrotados, sempre haberá lugar para unha pinga de esperanza á que aferrarnos con forza para saír adiante.

Convértese, deste xeito, nun canto á amizade, á colaboración e á solidariedade desinteresada. E faino –non debemos esquecer que estamos diante dun poeta de primeira magnitude–, cunha linguaxe cálida, precisa e delicada, que reforza aínda máis o valor da palabra do que falabamos máis arriba. Complementan un traballo tan fermoso as ilustracións de Xosé Cobas, un dos grandes referentes neste eido, que representan un contrapunto perfecto ao traballo de García Teijeiro: trazos suaves, colorido e unha desbordante imaxinación.

Antonio García Teijeiro

«Que demo de monicreque!»

Ilustracións de Xosé Cobas

Editorial Galaxia


Paula Carballeira, «Trece avisos. Contos para ler pola noite»

O que Paula Carballeira nos propón neste novo volume é un achegamento ao medo. Os “trece avisos” de que nos fala no título son outros tantos contos breves sobre pantasmas, ánimas en pena ou aparicións. Mais, como tamén anuncia no subtítulo, pódense “ler pola noite” sen que por iso teñan que nos provocar pesadelos. E cal é o segredo? Pois velaí a cuestión: o medo avisa cando chega. Faise anunciar. E de maneiras moi diferentes. Deste xeito, o libro podería considerarse como unha pequena guía para que o medo, cando veña, non nos pille desprevidos.

Os misteriosos golpes na porta ou nos vidros da fiestra, o olor a cera, o sopro de aire frío que sentimos nas costas, o ritmo acelerado do noso corazón, os pasos no faiado, o arrepío que percorre o noso lombo, esa sensación de que hai algo canda a nós pero que non vemos… Todas estas, e outras moitas manifestacións que preceden ao medo, son outros tantos avisos que nos poden axudar a enfrontarnos a el e a superalo.

Paula mergúllase na nosa tradición oral, que tan ben coñece, para darlle forma a este monllo de relatos, pero tamén, segundo confesa no propio libro, baséase na súa experiencia persoal de medorenta incorrixible e máis en narracións recollidas ao longo das súas moitas actividades en colexios e institutos. E para presentalos emprega unha linguaxe sinxela e directa, sen adobíos, moi semellante á lingua oral da que proceden as máis destas historias. Todo un reto para os lectores máis afoutados…

Paula Carballeira

Trece avisos. Contos para ler pola noite

Ilustracións de Iria Fafián

Xerais

Máis de 150 rapaces e rapazas de toda España visitan Oia coa Ruta Quetzal

0

Un total de 156 rapaces e rapazas de diferentes puntos de España visitaron esta semana o concello de Oia, que foi unha das paradas da edición da Ruta Quetzal deste ano. Baixo o título ‘Expedición Traslatio’, esta experiencia cultural percorre terras portuguesas e galegas con destino a Santiago de Compostela.

A iniciativa, dirixida por Íñigo de la Quadra-Salcedo (fillo do reporteiro, promotor cultural e deportista Miguel de la Quadra-Salcedo, fundador desta prestixiosa ruta), recalou en terras oienses o pasado mércores, procedente de A Guarda. Durante a súa estadía no municipio, os expedicionarios e expedicionarias percorreron parte do barrio do Arrabal e o Mosteiro de Oia, enclaves de gran valor patrimonial onde puideron descubrir os principais fitos da historia local.

O grupo, composto por 156 mozas e mozos e máis os seus monitores, baixo a dirección de Íñigo de la Quadra-Salcedo; foi recibido polo concelleiro de Medio Ambiente de Oia, José Manuel Rodríguez. En nome da alcaldesa, Cristina Correa, o edil deulles a benvida e desexoulles unha grata experiencia, confesándolle aos rapaces e rapazas o orgullo que supón para o municipio telos de visita. Xunto a el estivo o director do Mosteiro, Xoán Martínez, quen tamén brindou unha calorosa benvida a todos os participantes.

O grupo, que percorre diversas localidades galegas e portuguesas na súa “Expedición Traslatio” realizou unha visita ao Mosteiro e á Praza Centinela, pernoctando nas instalacións do CEIP Mestre Manuel García, cedidas polo Concello para albergalos durante a súa estancia.

Pola súa banda, a Ruta Quetzal, da man de Íñigo de la Quadra-Salcedo, fixo entrega ao Concello dunha placa conmemorativa da visita.

A exposición fotográfica ‘Camiño Branco. Camiño Antártico’ pode visitarse en Tui até finais de agosto

0

Dende hoxe pode visitarse na Sala de Exposicións Municipal, no edificio Francisco Sánchez, a exposición ‘Camiño Branco. Camiño Antártico’ composta por 62 fotografías que documentan os máis de 14 mil quilómetros da ruta xacobea máis longa até a data.

Na inauguración visitaron esta mostra o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, a responsable de comunicación de Correos en Galicia, Rebeca Fernández Hermo, xunto ao representante da Federación Española de Asociaciones de Amigos do Camiño de Santiago e coordinador desta nova ruta xacobea, José Luis Álvarez Ruíz de la Hermosa, xunto a membros da Corporación Municipal tudense.

Enrique Cabaleiro agradeceu a Correos e á Federación Española o interese por achegar ata Tui esta mostra fotográfica que, aberta ao público nos días inmediatos á celebración da festividade do apóstolo Santiago, testemuña a dimensión universal do Camiño de Santiago.

Coa mesma, Correos rende homenaxe aos científicos e militares españois que participaron na I Peregrinación Antártica a Santiago, con 14.075 quilómetros, na ruta xacobea máis longa até o momento. Este proxecto, impulsado pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (FEAACS) en colaboración co Instituto Geográfico Nacional (IGN), arrincou desde unha das dúas bases que España mantén na Antártida: a “Gabriel de Castela”.

Desde alí partiron os “pingüirinos” –o alcume que adoptaron os compoñentes da expedición–, subindo posteriormente cara ao norte por Terra de Lume e Buenos Aires en Arxentina e, tras cruzar o Atlántico e desembarcar no porto de Cartaxena, completar o traxecto a pé até Santiago de Compostela usando o Camiño Portugués.

Son, exactamente, 14.075 quilómetros os que separan a fría Antártida de Santiago de Compostela, unha iniciativa que fixo que o Camiño Antártico convertérase na Ruta Xacobea máis longa até a data do Camiño de Santiago.

Na honra ao primeiro grupo de 80 “pingüirinos” que percorreu esta Ruta Xacobea, en tres días, e que estaba formado por membros da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, integrantes do Instituto Geográfico Nacional, científicos, militares da Armada e do Exército de Terra, Correos organizou a exposición “Camiño branco. Camiño Antártico”.

Até o 31 de agosto o público poderá gozar, na Sala Municipal de exposición, desta mostra que recolle pequenos momentos dos “pingüirinos” ao longo de todo o seu traxecto. A mostra itinerante xa estivo en 34 localidades como Barcelona, Valencia, Pontevedra, León, Antequera, Almería, Soria, Zaragoza ou diversas cidades de Arxentina.

A Axenda Urbana de Tui presentou a diagnose que da paso á redacción do plan de acción

0

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quere agradecer a toda a cidadanía participante no acto de presentación da diagnose da Axenda Urbana de Tui a súa implicación e colaboración. O alcalde fai tamén extensivo o seu agradecemento a todas as persoas participantes nas mesas de traballo, nas entrevistas semiestruturadas e nas enquisas telefónicas realizadas no proceso de participación que permitiu presentar, agora, a análise DAFO de Tui.

“Estamos moi satisfeitos coa resposta das directivas dos diferentes colectivos e asociacións culturais, veciñais, de montes, deportivas, económicas ou sociais que amosaron a súa implicación no deseño do futuro de Tui aportando a súa percepción e trasladando ao equipo da Axenda Urbana as súas inquedanzas”, explica o alcalde, Enrique Cabaleiro.

Ao longo dos últimos meses a cidadanía traballou en equipo coa Axenda Urbana para analizar as principais eivas e fortalezas e salientar os aspectos máis positivos así como aportar iniciativas ou ideas que foron recollidas na diagnose.

O equipo da Axenda Urbana resumiu, a un amplo público, os principais motores de forza cos que conta a cidade e que a fan singular e distinta respecto ao resto das da provincia e avanzou as dez liñas estratéxicas baixo as que agruparán o plan de acción. As e os participantes puideron puntuar cada unha das liñas de traballo para avaliar a importancia de cada una delas e establecer unha orde de prioridades.

A diagnose recolle a situación actual da localidade a través de datos, permitindo a comparación con outras realidades locais e coñecer os efectos da implementación da Axenda. Senta, ademais, a folla de ruta a seguir nos vindeiros dez anos ao recompilar un listado de actuacións de mellora en torno aos obxectivos da AUE (Axenda Urbana Española).

As entrevistas aos actores chave (grupos da Corporación, técnicos municipais e profesionais que interactúan co Concello) conclúen como indispensable traballar no estímulo da cooperación a nivel da Eurocidade para facer valer a centralidade do nodo Tui-Valença no contexto do Miño; consensuar ubicación de novos espazos de estacionamento, promover o contacto co tecido social para crear sinerxías que se veñen revelando como eficientes e de utilidade; elaborar unha estratexia turística que teña en conta os cambios recentes: pandemia, incremento de peso do Camiño Portugués,… ; revisión consensuada das futuras necesidades de investimentos no conxunto municipal (ante a ameaza de recesión económica, escaseza de materiais, custes enerxéticos, …); debate e contactos co empresariado local para facer máis competitivos e atractivos o comercio, hostalería e restauración tudense.

Pola súa banda as parroquias coincidiron en salientar a necesidade de mellorar as conexións peonís e de seguridade vial entre os distintos núcleos; transporte público para conectarase co centro urbano, coas parroquias e cos concellos da área metropolitana, mellorar a conectividade a internet e telefonía móbil; actuar en estradas en mal estado; conexión ás redes de saneamento onde aínda non chega e investir na protección e mantemento das estruturas municipais, camiños tradicionais e elementos etnográficos, entre outras cuestións.

No centro urbano a mellora das bolsas de aparcadoiro existentes e consenso para a apertura de novos espazos de estacionamento así como a revitalización do Conxunto Histórico (locais e vivendas) foron as principais demandas xunto as necesidades de accesibilidade, de fomento do comercio local e de apertura dos locais sen actividade, o prezo da vivenda e as bolsas de alugueiro para a mocidade.

Ao anterior súmase a petición de melloras na rede de equipamentos/infraestruturas deportivas e culturais e a simplificación de trámites burocráticos coas administracións.

Equipo da Axenda Urbana e as persoas participantes concluíron que Tui conta con fortalezas como un crecemento poboacional por enriba da media en núcleos de poboación similares en Galicia; unha situación estratéxica no Eixo Atlántico e na fronteira con Portugal, conectado a través dunha densa rede de comunicacións, unha importante riqueza en patrimonio cultural, natural e paisaxístico (río Miño, Monte Aloia, Camiño de Santiago e Centro Histórico); a existencia de camiños tradicionais e sendeiros que conectan parroquias e centro urbano; un forte movemento asociativo; o potencial do eixo entre o Monte Aloia e o río Miño, ambos conectados por sendas verdes e azuis que atravesan todo o territorio; políticas públicas en materia de mitigación do Cambio Climático e de fomento de enerxías sostibles (Plan Forestal de Galicia cara a Neutralidade Carbónica 2021-2040) e a inclusión de Tui no Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, entre outras moitas.

En base a estas fortalezas e necesidades o equipo da Axenda Urbana, da man do goberno municipal, redactará o Plan de Acción da Axenda Urbana que contemplará iniciativas de carácter normativo, de investimento e de difusión para procurar un futuro sostible. Deste xeito, agruparán os proxectos que integrarán a estratexia de crecemento arredor dos dez eixos da Axenda Urbana Española ordenando o territorio e facendo un uso racional do solo; evitando a dispersión urbana e revitalizando a cidade existente; previndo e reducindo os impactos do cambio climático; facendo unha xestión sostible dos recursos; favorecendo a economía circular; favorecendo tamén a proximidade e a mobilidade sostible; fomentando a cohesión social e buscando sempre a equidade e impulsar a economía local … pero ademais garantindo o acceso á vivenda, fomentando a innovación dixital e mellorando os instrumentos de intervención e boa gobernanza.

A Axenda Urbana de Tui está financiada cos fondos europeos Next Generation e conta cunha páxina web propia da estratexia https://axendaurbanatui.gal/

Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

Dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.

Os días 5 e 6 de agosto Redondela transfórmase nun escenario urbano para acoller o XXIII Festival de Artistas de Rúa

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada da concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, presentou na mañá de hoxe a vixésimo terceira edición do Festival de Artistas de Rúa, un evento “que segue a colocar a Redondela no eixo da cultura a nivel nacional” e que converterá ao casco urbano redondelán “nun escenario vivo e dinámico no que dar renda solta á imaxinación e á ledicia de mans de agrupacións e profesionais de recoñecido prestixio”, asegurou a rexedora local.

“Estamos ante un festival tan potente e tan consolidado, como ben demostra que esteamos hoxe a falar da vixésimo terceira edición, que nin a pandemia foi quen de suspender aínda que houbo que reducir, por motivos obvios, o número de espectáculos” afirma Digna Rivas. “Neste 2022 o Festival de Artistas de Rúa volve con máis forza, con máis espectáculos e con ganas de volver a ser un espectáculo de referencia nacional”, afirma a rexedora local redondelá.

Agradecía a alcaldesa o traballo realizado pola Concellería de Cultura que dirixie Iria Vilaboa “que permitiu artellar un programa potente, variado, para todos os públicos e que, a bo seguro, encherá de risas, ledicia, maxia e imaxinación as nosas rúas e prazas”. “Os espectáculos de rúa –engadiu Digna Rivas– son a expresión artística por natureza e nos, un ano máis, apostamos por eles”.

5 de agosto

A vixésimo terceira edición do Festival de Artistas de Rúa comezará o 5 de agosto ás 19:30 horas co pasarrúas Agamelón, Chulises e o Velocíclope, da Compañía Fantoches Baj, con saída dende a Praza de Ribadavia.

Ás 20:15 horas, na Praza da Constitución, Fran Bouza, un auténtico portento do circo clásico e dos malabares, ofrecerá o seu novo espectáculo que a bo seguro deixará asombrado ao público de todas as idades.

Ás 21:45, o Festival trasládase á Alameda Castelao onde a Compañía Maintomano ofercerá o seu espectáculo Ekilibuá, unha actuación para todos os públicos na que se mesturan a teatralidade e os elementos acrobáticos, lanzamento de coitelos, equilbrios e, sobre todo, moita complicidade co público.

Xa ás 22:30 horas a Pista da Xunqueira será o escenario elixido pola Compañía Javier Ariza para o seu espec táculo Carman, un circo de rúa urbaán para toda a familia cun showman e un Seat 600.

A xornada do 5 de agosto rematará ás 23:30 horas na Praza da Torre con Jarabe de Pau e o seu Tributo a Jarabe de Palo, un show musical no que se lembrará, con moito agarimo, as mellores cancións de Pau Donés.

6 de agosto

A segunda xornada do Festival de Artistas de Rúa abrirase ás 19:30 horas na Praza da Constitución con Troula Animación que ofrecerán O show de Fifo ‘Soño’, un espectáculo no que as nenas e nenos axudarán a Fifo a descobrir se vive nun soño ou se sempre ten soño e o farán a través de xogos, bailes, gags e risas.

Ás 20:30 horas na Alameda Castelao, a Caompañía Circo Chosco ofrecerá o seu Forzu2 con aéreos no que o humor e o absurdo son os fíos cos que se cose a trama dun espectáculo de dous atletas que se compenetran realizando trucos imposibles diante do público.

Xa ás 21:30 horas e na Praza de Ribadavia Compañía La Fam Teatre dará a coñecer o seu Aquiles, nome dun xigante articulado de 5,5 metros de altura que irrompe na vila.

Finalmente, o Festival baixará o telón desta vixésimo terceira edición ás 22:30 horas na Praza da Torre coa Compañía Bubble Factory e o seu Magic Bubble un espectáculo no que os números realizados con pompas de xabón mestúranse con gags cómicos pensados para todos os públicos na aposta máis persoal de David Veiga, un dos mellores artistas desta arte no mundo.

O Concello de Salceda e a Escola de Fútbol Denis Suárez levarán a cabo un proxecto de colaboración social

Nos pasados meses a Concellería de Servizos Sociais do Concello de Salceda de Caselas e a Escola de Futbol Denis Suárez reuníronse para levar adiante un proxecto de axuda para as familias máis vulnerables do noso concello. Cómpre salientar que, na actualidade, o departamento de Servizos Sociais conta con 29 menores en situación ou risco de exclusión social.

A Escola xa participou con anterioridade en axudas ás familias de Salceda, no inicio da pandemia Denis Suárez fixo entrega dun donativo para a distribución de cheques para alimentación básica, prazas gratuítas para o Campus que a Escola realiza todos os veráns e no último Nadal facéndose cargo da compra de agasallos de Reis para os menores vulnerables.

A todas estas accións súmase agora o Programa de Apadriñamento de Accións Sociais.

Obxectivos

  • Participar no desenvolvemento integral dos menores de familias en situación ou risco de exclusión social.
  • Participar en diminuír a brecha educativa que existe entre os menores en idade escolar.
  • Investir en garantir unha alimentación sa e equilibrada de menores en situación de vulnerabilidade.
  • Cubrir as necesidades de libros e material escolar de menores en idade escolar non obrigatoria.
  • Apoiar aos menores en risco para que poidan ter un espazo seguro lúdico.

Accións

  • Comedor escolar.
  • Ludoteca.
  • Apoio escolar.
  • A escola en igualdade.
  • Campamentos diúrnos de verán.

Dende o concello queremos agradecer o compromiso da Escola Denis Suárez coa poboación máis vulnerable da nosa vila e a súa preocupación polo benestar dos menores en prol da igualdade de oportunidades.

O Concello de Oia mellora o acceso ao centro de Pedornes

0

O Concello de Oia vén de comezar os traballos no camiño público que comunica a estrada PO-552 co centro da parroquia de Pedornes. Trátase dunha intervencion moi demandada pola veciñanza, que permitirá mellorar o acceso e a seguridade nunha curva pechada que había nesta subida, situada nun tramo próximo ao Calvario.

O Concello financiou esta actuación ao abeiro do Plan Concellos 2022 (liña 1: investimentos) da Deputación de Pontevedra. O investimento total foi de 27.503,42 euros, que inclúen os traballos, a dirección de obra e a coordinación de seguridade e saúde.

A actuación consiste en anchear unha curva pechada que tiña problemas de visibilidade, de forma que se mellora a seguridade e a accesibilidade deste vial.

Para ampliar o camiño foi necesario demoler unha edificiación situada na antedita curva, previa cesión do inmoble por parte da familia propietaria. A continación, os traballos de mellora proseguirán coa urbanización da zona, construíndo beirarrúas.

Balonmán Cañiza, Concello, Asociación de Comerciantes e sector hostaleiro presentan o primeiro Entroido de Verán

0

A Cañiza vaise de Entroido e para corroboralo, esta semana presentouse na Praza Maioro I Entroido de Verán da Cañiza, un acto no que estaban presentes todos os impulsores do proxecto: o Balonmán Cañiza; o alcalde da Cañiza, Luis Piña; hostaleiros e hostaleiras da vila e a Asociación de Comerciantes da Cañiza.

Premer para ampliar

O vindeiro sábado día 30 de xullo dará comezo o Entroido e o fará cun programa dirixido a todos os públicos. Dende as 11:00 h haberá inchables e obradoiros para os máis pequenos na Praza Maior onde, ás 12:00 h, o deseñador de moda Cristóbal Vidal dará o Pregón.

Acompañados pola Charanga Noroeste dará comezo a sesión vermú e pasacalles polas rúas da vila. Xa para ás 19:00 as comparsas e participantes que se inscriban gratuitamente no 616134560, comezarán o seu desfile pola vila competindo por acadar os máis de 1500 € en premios que se repartirán. E para a noite, música a cargo do Dúo Cerbatana Show Latino e dos DJs Javi Moore e Diego Mei.

O Balonmán Cañiza como promotor e organizador atópase “tremendamente ilusionado e agradecido posto que estamos a falar dunha festa que nace do traballo en conxunto do club, a asociación de comerciantes, a hostalaría e o Concello, onde todos eles se volcaron na proposta”.

Están seguros que terá boa acollida posto que “cando se traballa deste xeito é imposible que falle. Estamos seguros de que a xente vai ter moitas ganas de pasar un gran día pola vila, gozando do entroido e que sexa por moitos anos”.

A Deputación celebra os sete anos de mandato para unha provincia “transformada en referente do Estado”

A explanada de Montero Ríos, en Pontevedra, foi hoxe o escenario do tradicional acto de dación de contas do goberno da Deputación, co que cada ano se presenta ante a sociedade da provincia para dar coñecemento do uso dos recursos públicos cos que se está a acadar, en palabras da presidenta Carmela Silva, “unha transformación intelixente da provincia que, honestamente, cremos que entre todos e todas estamos a conseguila”. O multitudinario evento, que contou coa actuación do pianista Alejo Amoedo e da mezzosporano Nuria Lorenzo, concitou destacadas presenzas como a dos alcaldes de Vigo e Pontevedra, Abel Caballero e Miguel Anxo Fernández Lores, así como de Vilagarcía e Redondela, Alberto Varela e Digna Rivas, amais doutros 35 concellos, representando a máis de 600.000 habitantes da provincia. Tamén institucións civís e militares, e asociacións e entidades do tecido económico, empresarial, social, cultural, informativo, turístico ou deportivo do territorio.

A presidenta Carmela Silva detallou os datos máis sobresaíntes destes sete anos, protagonizados pola alianza cos municipios e os eixos da cohesión territorial, a sostibilidade, a transición dixital e a innovación, o reto demográfico, a política para as persoas, os servizos e dereitos, a democratización da cultura e a igualdade. “Fai 7 anos definimos a provincia que queríamos construír –subliñou–, con obxectivos claros, enfocados á transformación, cunha nova forma de relación cos concellos que os convertera en protagonistas; equidade no destino dos recursos”. Lembrou que a Deputación xa é “referente” nestes ámbitos, como tamén na loita  contra o cambio climático “que aínda algúns negan” dentro da implementación da Axenda 2030, e “na atención social a quen máis o precisa”.

Carmela Silva: “Fai sete anos plantexamos un cambio de modelo radical para unha transformación intelixente da provincia e, honestamente, cremos que entre todos e todas estamos a conseguila”

A presidenta lembrou que no discurso de inicio da segunda investidura, “dixemos que asinabamos un novo contrato cos concellos e coa cidadanía, un contrato con alma, entre iguais, co que gañaríamos todas e todos, e  hoxe creo que traballamos moito para poder cumprilo”. Neste senso, incidiu en que este cambio ten sido posible grazas ao “incrible traballo realizado” e agradeceu ao equipo de goberno, aos gabinetes e ao funcionariado, “do que estamos moi orgullosas e orgullosos”, e de xeito especial a implicación do vicepresidente “por saber acordar e ser capaz de que impulsaramos un proxecto transformador”. “Somos un goberno formado por dous grupos políticos –sostivo– que sabe que o que importa é traballar para que a xente viva mellor e fomos quen de facelo”, apuntou.

Carmela Silva subliñou tamén o papel do sector público e privado que colaboran coa institución, así como o da veciñanza da provincia “pola súa complicidade”. Finalmente, louvou aos alcaldes e alcaldesas “que foron sempre colaboradores e colaboradoras e  impulsores do cambio”. “Neste territorio hai grandes alcaldes e alcaldesas que están a facer que esta provincia estea situada nos mellores datos en toda actividade que se realiza”. A presidenta rematou citando a Jane Goodall: “o maior perigo que nos depara o futuro é a apatía”, e sinalou que “nesta administración somos todo o contrario. Vivimos momentos complexos de cambios e dificultades, pero debemos pensar que  hai oportunidades e temos que ser impulsores e impulsoras delas. E  iso aquí é fácil que aconteza, porque todas e todos estamos para plantar cara ao que sexa necesario. Estes son tempos para que as boas persoas saquen o mellor de si mesmas e esta provincia está cheiña de xente boa, intelixente, talentosa e creativa. Non hai quen nos pare”.

Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera, subliñou o labor feito por un goberno “exemplar e unido, cunhas decisións e direccións moi claras que permiten avanzar e non gastar enerxías en desgastes internos e téñoo que agradecer”. “Este goberno –dixo– fai moitas cousas e creo que nalgúns aspectos moi ben, porque en moitas áreas convertémonos en referentes galegos, estatais e internacionais”. “E o logramos porque eliminamos o que tensiona ás deputacións, aqueles tratos de favor ou non igualitarios, o rosario que había e hai noutras deputacións de alcaldes e alcaldesas  pedindo unha cita a ver se conseguen algo, que gastaban enerxías terroríficas que non se poden dedicar a outras cousas. Hoxe os  alcaldes e alcaldesas tedes o Plan Concellos e outros plans que podedes sumar, en igualdade de condicións, e decidides o que queredes”. Lembrou que no horizonte “hai nubeiros” como a Covid, a inflación “e tentamos reaccionar dentro das posibilidades, co ReacPon e outras decisións”. E concluíu lembrando que “esquecer que quen son electos e electas pola cidadanía son os alcaldes e alcaldesas, e crernos os reis do mambo por dispoñer dos cartos, sería o peor erro que se pode cometer e levaría a empeorar toda a acción de goberno dunha forma tremenda”. “Sigo convencido de que as deputacións, ou se cambian ou non teñen sentido e dentro desa situación nós tentamos facelo o mellor posible”.

[su_image_carousel source=”media: 59913,59914,59912,59911,59915″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Sete anos en datos

Desde 2016, a Deputación ten investido 1.177 millóns de euros a través dos distintos Orzamentos,  aliñados coa folla de ruta da Axenda 2030, e conseguiu saldar a débeda de ata 40 millóns herdada a súa chegada ao goberno. Xunto a elo, mobilizáronse nestes anos ata 104 millóns de euros. Amais, é a Deputación de todo o Estado que máis recursos transfire aos Concellos: 511,5 millóns, máis dun 34% fronte á media estatal do 17%. O Plan Concellos é a ferramenta estrela, con 327 millóns de euros en transferencias directas para facer case 3.000 obras en equipamentos, dotacións, servizos ou crear máis de 7.000 empregos.  E únense os plans extraordinarios na busca do equilibrio territorial: o PICEI, o DEPOREMSE, e o Plan de REEQUILIBRIO, e o PLAN REACPON, cun investimento doutros 58,1 millóns que supoñen ata 116 grandes equipamentos: 64 obras de humanización e mobilidade segura, 24 de infraestruturas deportivas, 16 equipamentos socio culturais, 5 reformas de casas do concello, 1 en centros de ensino, 1 en vivendas municipais e outras dotacións. Neste períodocontabilizáronse case 7.000 actos e visitas a concellos e, no eido da cooperación, centos de asistencias desde o SAIM, con solucións tecnolóxicas para achegar a administración electrónica, o servizo do Padrón ou a transformación dixital do ORAL, cunha xestión desconcentrada para medio millón de persoas de 54 concellos e 9 mancomunidades.

Doutra banda, o modelo de Infraestruturas e a Nova Mobilidade, segura e sostible, recoñecido a nivel nacional e internacional, supuxo un investimento de case 130 millóns, formulado en sinerxías e convenios cos concellos e plasmado en centos de actuacións, moitas avaladas con recursos europeos. Noutro eido, a Transición Ecolóxica, a Sostibilidade, o Plan Revitaliza ten despregado milleiros de composteiros, formado a un centenar de mestres e mestras e traballado con máis de 50.000 rapazas e rapaces. Neste intre estase a traballar cos concellos para que poidan aplicar a nova Lei de Residuos. Os mesmos principios de sostibilidade aplícanse aos recursos destinados desde Medio Natural para o coidado do monte, a creación de parques forestais ou os convenios cos sectores produtivos, case 20 millóns, aos que hai que sumar a aposta polo Benestar Animal, no que o Centro de Acollida Caan xa dá servizo a 51 concellos e é líder en adopción de animais: 3,100 nestes sete anos

A Igualdade, bandeira transversal da acción de goberno, tivo un investimento de máis de 14 millóns nos eixos da formación, a loita contra as violencias machistas e a visibilidade das mulleres en todos os ámbitos. Destacan entre eles o coñecemento e a investigación coa Escola María Vinyals ou o traballo conxunto coa Universidade coa Cátedra de Feminismos e coas asociacións, así como ducias de programas cunha grande acollida. Na Política Social apostouse pola dinamización do benestar con axudas a concellos, entidades, asociacións e a cidadanía, e co esforzo de modernización de Príncipe Felipe. Sumado ás liñas pola Covid, e a teleasistencia o investimento foi de 109,6 millóns

No que respecta á Formación, Emprendemento e Emprego,  destináronse máis de 26 millóns para programas de inserción laboral ou contratos en prácticas de primeira oportunidade. Así mesmo, a Rede SmartPeme para asesoramento TIC a empresas e persoas autónomas ten en marcha novas carteiras de ciberseguridade, emprendemento, igualdade e transición ecolóxica. En total, máis de 12.000 asesoramentos a case 2.000 empresas. A iso hai que unir os investimentos nos Viveiros de Barro e Lalín, co asentamento de grandes empresas que xeran actividade económica e emprego.

A estreita relación coa Universidade e con Centros de I+D+I na área de Coñecemento, Ciencia e Investigación, plasmouse en máis de 30 convenios, ao que hai que unir o investimento en Areeiro (20 millóns), referencia fitopatolóxica en España e agora en Portugal, e Mouriscade,(11,5 millóns), referente en investigación gandeira e xenética en apoio do sector primario.

A Cultura recibiu un grande impulso con case 22 millóns para levar a toda a provincia o poder transformador da arte, o teatro, a danza, o audiovisual, o patrimonio, a música e o cinema, coa marca dos Rías BaixasFest e Rías Baixas Film Fest. Amais, a Deputación creou a Escola de Letras, pioneira en Galicia e no Estado, e avalada polo Ministerio para chegar con ela mesmo a  Europa. Dentro desta área a institución xestiona o Museo de Pontevedra, Castro Deza, e o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico de Liñares, e financia outros proxectos museísticos como o MARCO de Vigo. Amais, ten convertido a sede de Vigo nun centro de cultura e igualdade con ducias de actividades cunha moi importante asistencia de persoas. En definitiva, conseguiuse democratizar a cultura levándoa a todo o territorio. Amais, a defensa dalingua e a modernización dixital do patrimonio bibliográfico supuxeron a ampliación da programación e axudas a entidades e concellos para o fomento do galego, amais do Mecenado da Fundación Rosalía e a consolidación do servizo de memoria histórica.

En Turismo, é un feito o modelo de turismo intelixente, baseado nas novas demandas, dixital, verde, accesible, sostible e desestacionalizado, que permitiu consolidar á provincia como o destino máis visitado de Galicia e nos primeiros postos do Estado, co traballo conxunto co sector para a calidade, formación e capacitación. Co programa Tourist Inside abordouse a implantación das TIC, o Big Data, e os novos sistemas de información e tamén a renovación dixital das oficinas de turismo. A potencialidade do interior veuse referendada con proxectos avalados por Europa, como os plans de sostibilidade en destino no Deza e no Condado Paradanta e, doutra banda, asumiuse a recuperación do patrimonio e a dixitalización e musealización dos Castelos de Soutomaior e Sobroso. Por último, o Deporte supuxo un investimento de 35 millóns de euros, co aumento das axudas a clubs e entidades e aproveitando a capacidade de atracción dos grandes eventos deportivos, con centos de programas de deporte sostible e igualitario nos que teñen participado milleiros de persoas, e priorizando o deporte feminino e adaptado.

Adxudicada a redacción do proxecto básico e de execución da obra que converterá a nave de ‘Aceros del Tea’ nun espazo innovador

O Concello de Ponteareas dá novos pasos para que a transformación da nave de Aceros del Tea nun equipamento sociocultural e de lecer innovador sexa unha realidade. Xa se adxudicou a redacción do proxecto básico e de execución, do informe de eficiencia enerxética e da dirección da obra de rehabilitación destas instalacións industriais situadas no corazón do centro urbano, uns traballos que “suporán profundo cambio en toda a contorna e que permitirán seguir recuperando espazos para as persoas nos vindeiros anos grazas ao modelo de xestión urbanística sustentábel e racional que impulsamos dende o Goberno local”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Grazas ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, parte desas instalacións industriais pasan a ser de titularidade municipal e, ademais do actual aparcadoiro, o Concello disporá da torre de oficinas e da nave de 1500 m2 de Aceros, xunto a unha gran balsa de decantación situada entre a nave e a Estación de Autobuses. A empresa adxudicataria terá 15 días para a elaboración do proxecto básico e de execución, que conta cun orzamento de 35 000 euros cofinanciados por fondos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’. Unha vez rematada esta fase procederase á aprobación do proxecto e á licitación da obra. Os traballos de transformación comezarán tras a obtención da autorización por parte da sectorial de Patrimonio, xa en trámite.

O obxectivo do Goberno municipal do BNG-PSOE é converter estas instalacións nun equipamento emblemático, contemporáneo e innovador, recuperando o edificio, respectando a súa imaxe industrial exterior e transformar o seu interior nun espazo excepcional e de referencia para Ponteareas e a zona sur de Galicia, tanto pola orixinal e moderna intervención arquitectónica como polos seus usos.

Como sinala a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote, “esta transformación permitirá converter un espazo industrial que quedou engulido polo centro urbano nunha zona de dinamización e lecer para toda a veciñanza”. Será un espazo versátil que contará cunha extensa praza diáfana e cuberta baixo a nave destinada a todo tipo de eventos sociais e artísticos, concertos, feiras ou festivais; cun escenario ao aire libre con bancadas no que hoxe é a balsa de decantación; e con espazos pechados destinados a aulas, obradoiros, conferencias ou clases maxistrais na torre das antigas oficinas e nunha parte da nave. Ademais, a intervención incorporará a mellora do espazo na Avenida de Galicia e na rúa Carballos, xerando novas zonas peonís, axardinadas e de estancia que darán visibilidade ao conxunto das instalacións e facilitarán o acceso das persoas.

O PP de Ponteareas recupera os seus tradicionais xantares populares logo de dous anos de pandemia

O PP de Ponteareas, logo de dous anos de ‘parón’ por mor da pandemia, volverá a celebrar os seus tradicionais xantares populares. A cita será o vindeiro 31 de xullo no parque Bouza Vella a partir das 13:30 h. Os populares recuperan así estes tradicionais encontros que viñan reclamando afiliados e militantes.

A intención do PP era facela no parque Ferro Ucha pero o Goberno local non concedeu o correspondente permiso “por falta de seguridade debido ás obras, polo que trasladamos a celebración ao parque Bouza Vella”, explica Belén Villar quen agradeceu á Comunidade de Montes de Areas a súa colaboración.

“Imos poder gozar dunha contorna que se atopa en perfecto estado de conservación e isto debémosllo a eles. Contaremos cunha charanga do noso pobo que amenizará a xornada e o menú será de empanada, churrasco e doces, a un prezo popular de quince euros”.

O PP anima a todos os veciños a acudir a esta celebración na que tamén haberá tempo para intervencións políticas na que xa están confirmadas a da propia presidenta local, Belén Villar, o recentemente nomeado presidente provincial do PP, Luís López ‘Lugués’ e a deputada pontevedresa Ana Pastor, entre outros.

O Club Natación Mos pecha a súa participación no Campionato Galego con dez medallas

0

Hoxe celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a recepción ás 5 nadadoras de categoría infantil do Club Natación Mos polos excelentes resultados obtidos no Campionato Galego Infantil disputado a fin de semana do 9 e 10 de xullo.

As homenaxeadas estiveron acompañadas polo seu compañeiro de equipo, o internacional, campión de natación adaptada, Juan Ferrón, pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes, José Areal, demais membros da Corporación Municipal, o coordinador do departamento municipal de deportes en funcións, membros da directiva do Club Natación Mos e familiares.

As nadadoras infantís do Club Natación Mos realizaron un gran Campionato Galego, obtendo un total de 10 medallas:

  • Eva Martínez:
    • Ouro en 100 Libre.
    • 3 pratas en 100 Espalda, 200 Espalda e 50 Libre.
  • Antía Hermida:
    • 2 ouros en 200 Mariposa e 100 Mariposa.
  • Carolina Pereiro:
    • Ouro en 100 Braza.
    • 2 pratas: en 200 Braza e 200 Estilos.
  • Eva Martínez, Carolina Pereiro Antía Hermida e Noa Salgueiriño
    • Bronce en 4×100 estilos (primeira medalla do club en relevos).

[su_image_carousel source=”media: 59886,59885,59884″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

As nadadoras do Club Natación Mos sumaron un total de 183 puntos colocándose na 7ª Posición por Clubes.

As probas nadadas fueron as seguintes:

  • Eva Martínez 50 Libre, 100 Libre, 100 Espalda, 200 Espalda, e relevos de 4×100 Libre 4×200 Libre e 4×100 Estilos
  • Carolina Pereiro 100 Braza, 200 Braza, 200 Estilos, 100 Libre e relevos de 4×200 Libre e 4×100 Estilos
  • Antia Hermida 100 Mariposa, 200 Mariposa, 50 Libre, 100 Libre e relevos de 4×100 Libre e 4×100 Estilos
  • Noa Salgueiriño 200 Estilos, 200 Braza, 100 Libre e 200 Libre e relevos de 4×200 Libre 4×100 Libre e 4×100 Estilos
  • Ainoa Pardavila 100 Libre, 200 Libre, 400 Libre e 800 Libre e relevos de 4×100 Libre e 4×200 Libre

Parte do mérito deste sobresaínte palmarés teno tamén Xouba, seu adestrador. O vindeiro obxectivo é o Campionato de España Infantil en Logroño.

Remata con éxito o Obradoiro de Emprego Dual na Guarda

0

Hoxe venres día 22 de xullo de 2022 o Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda acolleu o acto de clausura do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela VII que tivo lugar nos pasados 9 meses en formato dual, orientado á atención sociosanitaria en institucións e á promoción turística local e información ao visitante. 

No acto de clausura a Concelleira de Desenvolvemento Local e Educación, Fátima Rodríguez, amosou a súa satisfacción polo feito de que o alumnado deste obradoiro tivese a oportunidade de mellorar a súa inserción laboral e formarse na súa propia localidade, indicando que as prácticas realizadas tamén supoñen unha boa maneira de achegarse ao mercado laboral e por en práctica os coñecementos adquiridos ao longo destes 9 meses de obradoiro.

Para o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, o Obradoiro de Emprego é unha ferramenta moi importante para formar a veciños e veciñas da Guarda, a aposta do equipo de goberno municipal é continuar na mellora das instalacións, como as actuais obras de mellora da accesibilidade deste espazo e poder así formando a poboación guardesa sen necesidade de saír da vila.

Este obradoiro está subvencionado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade.

Todas as persoas que participaron no obradoiro beneficiaronse dunha formación específica durante un total nove meses, realizando ademais traballos e servizos de interese xeral e público a prol da sociedade incluídos en cada proxecto, e ademais puideron optar a prácticas en entidades e servizos do propio concello.

Trátase dun programa de formación moderno, dual, orientado a desempregados, para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais permitíu recibir unha remuneración durante nove meses. Esta formación contribuíu tanto ao seu beneficio persoal, mellorando a súa capacitación, como ao  da comunidade.

Ponteareas pon en marcha unha nova edición de ActivaTea, un campamento de verán para mozos de 13 a 17 anos

O Concello de Ponteareas pon en marcha este verán unha nova edición de ‘ActivaTea’, un campamento no que mozos e mozas de 13 a 17 anos poderán gozar dun amplo programa de actividades educativas e de lecer coas durante todo o mes de agosto. As actividades desenvolveranse ao aire libre todos os luns, mércores e venres de 10.00 a 14.00 horas entre o 1 e o 31 de agosto.

Segundo explica Miguel Bouzó, edil de Mocidade, con esta iniciativa o Concello busca dar cobertura “a unha franxa de idade que require dunha maior oferta lúdica e formativa e para a que habitualmente non hai unha gran variedade de opcións e, ao mesmo tempo, continuar favorecendo a conciliación laboral e familiar entre as e os ponteareáns”.

A través do programa ‘ActivaTea’, os rapaces e rapazas participantes poderán gozar de espazos de lecer, convivencia e socialización saudábeis, ao tempo que se fomenta a autonomía e a interacción e o traballo en equipo. Cunha perspectiva eminentemente participativa, os propios mozos e mozas formarán parte do deseño e preparación das actividades, dando cabida así a temáticas que sexan do seu interese.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa entregando a ficha correspondente. Para máis información poderán enviar un correo electrónico a [email protected] ou chamar ao 986 660 765. O campamento terá un prezo de 25 euros.

O Porriño renova o alumeado público da Avenida Domingo

O Concello do Porriño procederá á renovación do alumeado público na céntrica Avenida Domingo Bueno, dende A Pontenova ata o cruce con Antonio Palacios.

A actuación require unha inversión de 39.856 euros, dos cales preto de 30.000 euros financiaranse cunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia, e os restantes con fondos propios.

“Serán 97 as lámpadas que se cambiarán ao longo dos 600 metros de vial”, explicou o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, “As actuais luminarias de vapor de mercurio substituiranse por unhas máis actuais con tecnoloxía LED”.

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo explicou que “esta actuación incrementará a eficiencia enerxética da instalación, reducindo así a emisión de gases de efectos invernadoiro, ademais de supoñer un importante aforro en mantemento e costes e reducir a contaminación lumínica”.

O rexedor insistiu en que ademais do menor impacto ambiental que terá este novo alumeado “mellorarase notablemente a calidade da iluminación, e polo tanto, a seguridade de vehículos e peóns”.

Ponteareas leva a cabo a recuperación integral do Cruceiro do Torreiro, en Moreira

O Concello de Ponteareas vén de rematar a recuperación integral do cruceiro do Torreiro, na parroquia de Moreira, un ben de interese etnográfico que sufrira importantes danos materiais a finais de agosto de 2021 tras impactar contra el un vehículo que circulaba a alta velocidade pola zona. “Con estes traballos quixemos non só recuperar o cruceiro, senón tamén garantir a axeitada conservación e protección deste ben etnográfico que, xunto coa igrexa de San Martiño, supón un importante legado patrimonial”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

O mestre canteiro Manuel Sestelo, da empresa Folla de Acanto, levou a cabo os traballos de recuperación a través dos que, ademais de rehabilitar a reixa de forxa e as gradas do cruceiro, recuperáronse as imaxes de coroación que o cruceiro tiña orixinalmente, Cristo no anverso e a Virxe no reverso. A prioridade era “minimizar os riscos de afección sobre o patrimonio cultural e garantir a documentación, recuperación e conservación de calquera tipo de restos ou materiais de interese etnográfico que puideran aparecer no transcurso da rehabilitación”.

A rehabilitación comezou cunha limpeza superficial do cruceiro con auga e cepillo de fíos naturais, para continuar coa reconstrución tanto do Cristo e da cruz que lle serve de soporte. Logo procedeuse á recuperación das gradas do cruceiro e á rehabilitación da reixa de forxa que protexía o perímetro deste ben etnográfico levantado no ano 1875, sendo abade da parroquia Manuel María Troncoso y Mosquera, tal e como se recolle nunha inscrición situada no pedestal deste ben cultural. Xunto a estes traballos tamén se melloraron a estética e adaptación ao ambiente do cruceiro e se reforzou a súa visibilidade e vistosidade.

Redondela acolle, a partir do 27 de xullo o ‘Mundialito da Xunqueira’ de fútbol sala

0

Redondela acolle a partir do vindeiro mércores, 27 de xullo, a cadraxésimo quinta edición do Mundialito da Xunqueira de fútbol sala organizado pola Concellería de Deportes que dirixe Nacho González e o Redondela Fútbol Sala e que conta coa colaboración do Grupo Casa Paco.

O campionato contará coas categorías Infantil (nados en 2008-2009), Alevín (2010-2011), Benxamín (2012-2013), Promesa (2014-2015), Biberón (2016-2017) e Chupete (2018-2020) e os partidos se disputarán nas pistas da Xunqueira de 19:00 h a 23:00 horas

A potenciación deste torneo, considerado como unha das citas ineludibles no fútbol sala de base da provincia, reflicte “a aposta por fomentar as actividades deportivas entre o sector máis novo da poboación de cara a inculcar estilos de vida sans e saudables”, explica a alcaldesa de Redondela Digna Rivas quen, logo de felicitar á Concellería de Deportes polo seu traballo, quixo transmitir o seu agradecemento “ao Redondela Fútbol Sala, sen o que esta actividade dificilmente se podería levar a cabo” e ao Grupo Casa Paco “aberto sempre á colaboración con este Concello”.

Para máis información, as interesadas e interesados poden dirixirse ao enderezo de correo electrónico [email protected] ou no teléfono 636 714 160.

O Porriño apoia á mocidade no reto de conseguir o seu primeiro emprego

Porremprego acolleu hoxe as xornadas informativas sobre os programas que facilitan a inserción laboral da mocidade organizadas pola concellería de Emprego e Formación.

Máis de trinta mozos e mozas recibiron asesoramento sobre os programas Xuventude Mentoring, Garantía Xuvenil, Nó Rural, Xuventude Crea,  mentoring de SERVEO Industria e Citic Censa da man de catro relatoras especializadas en programas de inserción. Teresa Bernal, Subdirectora Xeral de Programas para a Xuventude da Xunta de Galicia, Carmen Miranda, responsable de selección e desenvolvemento de SERVEO Industria, Iria Castellanos, Titora do programa Xuventude Mentoring CIXUG (Consorcio Interuniversitario de Xestión Universitaria de Galicia) e Ana Alonso, mentora do Programa Xuventude Mentoring e Vice Directora de CITIC HIC Gándara Censa explicaron aos asistentes as diferentes ferramentas das que dispoñen para facilitar o acceso ao mundo laboral.

“Estas xornadas foron un lugar de encontro entre a mocidade que rematou os seus estudos e busca traballo e expertos en mentoring que lles explicaron polo miúdo os programas dos que dispoñen para axudalos”, explicou a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas.

Pola súa  banda, o alcalde Alejandro Lorenzo agradeceu ás poñentes a súa intervención que “seguro será de gran utilidade para estes mozos e mozas que enfrentan o reto de atopar emprego”, e aos participantes desexoulles “que vivan esta etapa , clave na súa carreira profesional, con motivación e ilusión aproveitando as oportunidades que se lles presenten”, reiterando que “neste proceso poden contar co apoio do Concello que, a través de Porremprego, pon á súa disposición orientadores e persoal que lles axudarán e guiarán”.

Gondomar dota de WiFi gratuíto espazos e edificios públicos do municipio

0

O goberno local de Gondomar, que dirixe Paco Ferreira, investiu preto de 30.000 euros na instalación dunha decena de puntos de acceso á rede.

O centro urbano de Gondomar conta xa con dez puntos de acceso á rede  inalámbrica da internet facilitando así cobertura a diferentes espazos públicos e inmobles municipais e o acceso gratuíto a quen se atope na súa liña de alcance.

“Desde o noso goberno temos o compromiso firme de dotar a todo o concello das mellores comunicacións, un obxectivo no que seguimos traballando sen descanso” manifestou o alcalde, Paco Ferreira, quen entende positiva a subvención de 15.000 euros lograda dos fondos europeos para dotar de wifi gratis espazos moi frecuentados pola veciñanza.

Avánzase así na conectividade do municipio, obxectivo prioritario do programa europeo, facilitando o acceso a internet en espazos públicos que no caso de Gondomar serán os parques da Coelleira e As Cercas, a Biblioteca Municipal, a Praza Paradela e a Praza de  Escolas Vellas.

Posta en valor do medio e igualdade, claves na programación do voluntariado ambiental xuvenil de Ponteareas

A posta en valor do medio, a redución de desigualdades e a prevención de adiccións son os eixes centrais dunha nova edición do programa de Voluntariado Ambiental Xuvenil, posto en marcha polo Concello para ofrecer aos case 5.000 mozos de 16 a 30 anos de Ponteareas a oportunidade de gozar, aprender e mellorar os vínculos coa súa contorna dun xeito lúdico e alternativo. Un programa que ano a ano crece e demostra “o éxito e a importancia de iniciativas deste calado, xa que dende a súa posta en marcha en 2016 triplicamos o número de participantes a pesar do difícil que pode ser manter a implicación de rapaces e rapazas a estas idades”, como sinala o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó.

Este verán de novo mozos e mozas participan nunha gran variedade de actividades formativas, prácticas e de dinamización ao aire libre nas que se dará a coñecer un pouco máis a Rede Natura 2000 ou se abordarán cuestións como as especies exóticas invasoras, a sostibilidade, as enerxías renovábeis, os produtos de km0 ou a importancia das 3Rs: redución, reciclaxe e reutilización.

Ademais, ao longo dos vindeiros meses levaranse a cabo limpezas de monte e de río, obradoiros de reciclaxe e reutilización, talleres de enerxías renovábeis, concienciación a pé de rúa, visitas guiadas, mostraxe de flora e fauna ou o Sendeyak no río Tea, “unha das actividades máis refrescantes e que atrae cada ano a unha gran cantidade de mocidade, veciñanza e turistas”.

Outra das claves na programación desta nova edición do Voluntariado ambiental xuvenil será a prevención de adiccións a través de lecer alternativo, o traballo a prol da igualdade e a sensibilización e prevención das violencias de xénero, que se abordará a través dunha actividade de formación.

O programa ofrece unha gran variedade de actividades e aprendizaxes e implica de forma directa a todas e todos os participantes na súa execución, “favorecendo o desenvolvemento integral de mozos e mozas e poñendo en valor a nosa contorna como medio educativo, de integración, económico e de futuro”. “Facemos un énfase especial na formación da nosa poboación xuvenil, incidindo na importancia do tempo libre como recurso para que teñan coñecementos en diferentes áreas e leven a cabo moitas das súas inquietudes, combatendo o sedentarismo, axudándolles a dispoñer des espazos naturais saudábeis,  aumentando a súa autoestima e, por que non, sementando o camiño cara ás súas metas profesionais”, explica Bouzó.

O edil agradece a colaboración co programa das comunidades de montes; de asociacións de veciños e culturais; de servizos como o Distrito forestal, a estación de captura, o de vixilancia do río ou o de protección civil; do servizo de recollida de lixo; e da veciñanza que colabora na transmisión oral da posta en valor dos costumes e tradicións de cada lugar.

O centro Medelo de COGAMI viaxa a Tomiño para participar nunha actividade náutica polo río Miño

0

A temperatura aliouse coas persoas usuarias e profesionais do centro de recursos que COGAMI ten en Medelo, Silleda, para que a experiencia de navegación polo río Miño resultara ser unha xornada do máis atractiva.

Dende a comarca do Deza ata a do Baixo Miño desprazouse un grupo formado por nove persoas, sete usuarias e dúas profesionais, para participar da experiencia dunha xornada de navegación polo río Miño.

No concello de Tomiño estaban agardando a este grupo representantes da asociación Vontade, entidade membro de COGAMI que está situada na comarca do Baixo Miño, para levar unha actividade na que participaba por vez primeira o centro de Medelo e que, trala experiencia vivida, de seguro que volverán repetila en vindeiras ocasións.

Esta actividade desenvólvese en colaboración co Club Sen Amarras, co fin de facilitar que as persoas con discapacidade poidan achegarse e coñecer a riqueza natural e ambiental da comarca do sur da provincia de Pontevedra e de maneira inclusiva. De entre o grupo participante, con idades entre os 27 e 52 anos, unha das persoas era usuaria de cadeira de rodas eléctrica, ningún impedimento para que puidera vivir a experiencia co resto do grupo.

A mosense María del Carmen Barros, graduada con 18 matrículas e unha media de 9,4

0

Onte pola tarde celebrouse no Concello de Mos a recepción a María del Carmen Barros Serodio, unha moza recén graduada pola Universidade de Vigo que sobresae pola excelencia do seu expediente académico.

Na recepción a María del Carmen estiveron presentes, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira mosense de Política Social e Igualdade, Participación Cidadá, Cultura e Turismo, os pais da homenaxeada (Carmen Serodio e Antonio Barros) e demais membros da Corporación Municipal.

María del Carmen Barros é unha estudante oriunda de Mos, parroquia de Tameiga, que fixo a súa formación académica na ensinanza pública. Os primeiros anos da súa educación pasounos no CEIP Pena de Francia, a ESO e o Bacharelato cursounos no IES de Mos e a ensinanza superior na Universidade de Vigo. Nesta última graduouse en xuño deste ano en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, cunha nota media de 9,4488  e 18 matrículas de honra, unha delas no traballo de fin de grao; despois de acceder á universidade cunha nota de 13,110 sobre 14.

Barros tivo ademáis o mellor expediente académico de bacharelato do IES Mos do ano 2018 (vixésima promoción) cunha nota media de 9,210.

Co seu tesón, traballo e perseverancia, María del Carmen quere ser exemplo de que calquer persoa, con esforzo e ilusión, pode – independientemente da seu orixe social e dende a ensinanza pública- acadar os maiores logros na súa formación e oportunidades de futuro.

Desde o Concello de Mos quérese dar visibilidade a este caso pola súa importancia, trascendencia e relevancia; para dárlle a valía que merece a esta moza, ao tempo que pon en valor a ensinanza pública en xeral, e os centros de ensinanza públicos de Mos en particular, así como animar ás xeracións actuais e futuras a que con esforzo todo se acada.

A Concellería de Novas Tecnoloxías oferta cursos de balde en agosto para a rapazada nas aulas CeMIT de Chapela e Redondela

0

A Concellería de Novas Tecnoloxías do Concello de Redondela, que xestiona Olga García Ballesteros, desenvolverá durante o mes de agosto, a través das Aulas CeMIT de Redondela e Chapela, cursos totalmente gratuítos dirixidos á infancia e mocidade con idades comprendidas entre os 6 e 14 anos.

Para un mellor aproveitamento, as e os participantes dividiranse por grupos de idade –de 6 a 8 anos, de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos– ofertando a aula de Redondela un total de 16 prazas por curso e a de Chapela 12 prazas. En ámbolos dous casos as prazas serán asignadas por estrita orde de inscrición que ten aberto o prazo dende o pasado 18 de xullo.

Nestes cursos faranse actividades didácticas que desenvolvan a vista, o oído, o razoamento e a asociación de ideas, co sistema operativo Linux e con Internet.

Aula CeMIT Redondela

A accións formativas contarán cun total de 9 horas lectivas, impartiranse os luns e mércores do 1 ao 31 de agosto segundo os seguintes horarios:

  • Informática nen@s de 6 a 8 anos
    • Horario: 10.00 h a 11.00 h
  • Informática nen@s de 9 a 11 anos
    • Horario: 11.30 h a 12.30 h
  • Informática nen@s de 12 a 14 anos
    • Horario: 13.00 h a 14.00 h

Aula CeMIT de Chapela

As clases desenvolveránse os martes e xoves dende o 2 de agosto ao 30 de agosto.

  • Informática nen@sde 6 a 8 anos
    • Horario: 10.00 h a 11.00h
  • Informática nen@s de 9 a 11 anos
    • Horario: 11.30 h a 12.30 h
  • Informática nen@s de 12 a 14 anos
    • Horario: 13.00 h a 14.00 h


As instancias para participar nos cursos, con matrícula aberta dende o luns 18 de xullo, pódense recoller na páxina web de Redondela (www.redondela.gal), no Centro de Formación A Marisma (ao carón da piscina municipal) e no multiúsos da Xunqueira en Redondela. En Chapela pódense solicitar nas Dependencias dos Servizos Sociais.

A presentación de ditas solicitudes e a documentación precisa, farase nos rexistros habilitados no Concello de Redondela tendo en conta que a selección será por orde de inscrición. Posteriormente, ao alumnado con praza concedida se lle chamará por teléfono para confirmar a súa participación.

Ademais os venres darase o servizo de Aula Aberta, onde calquera cidadán/á poderá achegarse ás aulas (un venres en Redondela, o seguinte en Chapela, e así sucesivamente) para poder facer calquera consulta e aprender a tramitar co concello, trámites na sede electrónica e talleres de informática para adultos (dúbidas, consultas de cidadáns e asociacións). O horario será de 10.00 h a 14.00h.

A Escola de Música de Xinzo abre o prazo de inscrición do vindeiro curso

O período para inscribirse no próximo curso dá Escola de Música de Xinzo (ESMU), que se impartirá entre setembro deste ano e o próximo xuño de 2023, xa deu comezo. Desde este 20 de xullo é posible realizar a matrícula tanto para as clases que se estiveron impartindo durante estes últimos anos como para a nova clase de canto. E, en canto aos alumnos veteranos da ESMU, tamén hai novidades para eles.

Como cada ano, impartiranse as clases de Linguaxe Musical e de Instrumento, a elixir o que o alumno queira aprender a tocar dentro da corda de vento e percusión. A isto súmase a posibilidade de entrar a formar parte da Banda de Música Infantil e, de novo, os máis pequenos —nenos e nenas de entre 5 e 7 anos— teñen a oportunidade de inscribirse no Xardín Musical. Nestas clases, aprenderán música desde unha idade moi temperá e compartirán tempo con futuros compañeiros da ESMU.

Por outra banda, como novidade deste curso, a artista iAlma impartirá clases de canto por 60€ ao mes para alumnos de todas as idades. Para apuntarse a esta e ás anteriores clases mencionadas, é posible contactar coa Escola de Música a través dos números de teléfono 620-061-434 e 652-174-676, ou ben escribir á dirección de correo electrónico [email protected] . O prazo de matrícula conclúe o próximo 31 de agosto.

Ademais, como outra novidade deste ano, aqueles que xa foron alumnos da ESMU no curso 2021-2022 poderán elixir o horario das súas clases antes que os educandos de nova inscrición. Será na reunión de presentación que terá lugar o 1 de agosto ás 20:00h nas instalacións da Escola de Música.

A Cañiza adhírese á Eurocidade do Miño

0

O pasado 23 de abril no Concello de Arbo asinouse un protocolo de Cooperación  para iniciar o proceso de creación da «Eurocidade do Miño» entre os alcaldes de Arbo, Horacio Gil, As Neves, Xose Rodríguez, Crecente, Julio César, A Cañiza, Luís Piña (concellos todos situados no Sur de Galicia) e  a Cámara Municipal de Melgaço (distrito de Viana do Castelo), representado por Manoel Batista.

Unha xuntanza preparatoria para avanzar na posta en marcha  da «Eurocidade do Miño», quinta eurocidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Un amplo territorio, formado polo Val do Miño cunha identidade común, longa tradición de cooperación entre os Concellos e cunha mesma estratexia de futuro.

Neste sentido, o noso Concello dictaminará na Comisión Informativa deste venres 22 de xullo a aprobación desta adhesión no Pleno Ordinario que se celebrará o vindeiro 28 de xullo e que suporá unha nova vía de cooperación transfronteiriza.

Unha colaboración que segundo se recolle na súa declaración constitucional « é un dos medios máis eficaces para a aproximación das poboacións fronteirizas; suprimindo as dificultades que implican todas as fronteiras, promocionando un maior achegamento institucional entre todos, fomentando o desenvolvemento económico, social, cultural, ambiental destas rexións, así como os servizos comúns que servirán como instrumento dinamizador da convivencia e o benestar da nosa veciñanza».

A «Eurocidade do Miño» terá unha zona de influencia directa de 30.000 persoas, sen contar o fluxo indirecto das zonas máis poboadas de Galicia, como Vigo, Pontevedra e Ourense, entre outras grandes poboacións do sur da comunidade.

As Neves multará aos donos que non limparon as súas fincas de maleza

0

O Concello das Neves iniciou o procedemento para multar aos propietarios das fincas que non procederon a retirar a maleza e o arborado prohibido, aumentando así o risco de incendios forestais.

O Goberno local aplicará a Lei de Prevención e Defensa de incendios forestais de Galicia que establece que os donos de todos os teñen a obriga de mantelos en condicións de salubridade, seguridade e limpeza co fin de previr e evitar incendios, tendo que respectar unha distancia de seguridade de 50 metros  libre de maleza, piñeiros, eucaliptos e as especies que regula a normativa.

En base a esta norma, dende o Concello enviáronse preto de 800 notificacións a outros tantos propietarios dándolles un prazo de 15 días para facer a limpeza das súas terras, advertindo de que de non facelo se iniciaría o procedemento sancionador reiterado ata que cumprisen con este obriga. As multas por non retirar a maleza e manter limpas as fincas

En varias ocasións ao longo de todo o ano, por distintos medios, dende reunións a cartas, pasando por publicacións no portal web do Concello e nas redes socias municipais, o Goberno local fixo reiterados chamamentos á responsabilidade dos propietarios e insistiu na necesidade de desbrozar fincas terreos e leiras para evitar, todo o que sexa posible, que no caso de declarase un lume este se propague facilitando, ao mesmo tempo, o traballo dos servizos contra incendios.

Ante a falla de resposta de moitos deles, comunicouselles a  aos propietarios de máis de 1.000 fincas que tiñan que rozalas antes do 31 de maio, tramitáronse as correspondentes denuncias e agora empezará a multarse polo incumplimento desta obriga.

Dacordo coa Lei, as cantidades por infrancións leves son de 100 a 1.000€; no caso de infranccións graves, de 1.001 a 100.000€ e as multas coercitivas, por incumplimentos reiterados, repetiranse cada mes sendo a contías de cada multa o 20% da sanción total fixada para a infracción cometida. Isto supón que se a multa inicial é de 2.000€, o mes seguinte e os sucesivos será de 400 ata que se retire a maleza e se limpen as fincas.

Se seguise sen realizar a limpeza, realizarase a liquidación provisional do que vai custar a execución forzosa dos traballos de limpeza- sen prexuízo da liquidación definitiva-. Neste sentido, a lei sinala que se o custo da limpeza da parcela supera o seu valor catastral, será posible proceder á expropiación da mesma.

‘Faixas de protección’

A estas todas estas reclamacións realizadas dende o Concello, súmanse as medidas que tomou o Goberno local para esixir que se actúe nas ‘faixas de protección’ contra o lume en chan rústico, urbanizble e de núcleo rural. As mesmas, delimitan os devanditos 50 metros libres de matogueira, pino e eucalipto arredor de vivendas e núcleos de poboación.

A normativa establece que casos de que non sexa posible identificar aos donos ou estes se neguen a limpar, o Concello procederá á execución forzosa dos traballos e a Xunta de Galicia iniciará o procedemento sancionador. Como lembra o alcalde, corresponde á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (SEAGA),  vixiar o cumprimento das ‘faixas de protección’ arredor das vías de comunicación, algo que ten unha importancia fundamental para evitar a propagación dos incendios e que os lumes impidan a circulación por estrada.

O Concello de Tui pon en marcha o programa Feminino Plural

O Concello de Tui presentará o próximo martes, 26 de xullo, o innovador programa Feminino Plural. Desenvolverase ao longo deste mes de xullo, agosto e setembro co obxectivo de impulsar a promoción da igualdade e previr a violencia de xénero. 

Dende a concellería de Igualdade van desenvolver esta acción cunha equipa multidisciplinar formada por unha xurídica, unha psicóloga, unha axente de igualdade, unha orientadora laboral, unha técnica de prospección e intermediación laboral e traballadoras sociais. Está financiado pola Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, dependente da Consellería de Emprego e Igualdade e cofinanciado polo Concello de Tui.

Trátase dun programa intensivo e integral que contará cunha metodoloxía baseada na perspectiva de xénero. Brindará ás participantes atención profesional personalizada na  busca da recuperación da identidade e autonomía das mulleres e a restauración dos seus proxectos vitais.

Feminino Plural vai dirixido, específica e exclusivamente, a mulleres en situación de vulnerabilidade, é dicir mulleres en situación de desemprego menores de 30 anos ou maiores de 45 anos, desempregadas de longa duración, con responsabilidades familiares non compartidas, con diversidade funcional, vítimas de violencia de xénero, inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, pertencentes a unha minoría étnica, entre outras.

Para participar  no programa deberán contactar co 664 552 493, enviar un  correo electrónico a [email protected] ou acudir o próximo martes, 26 de xullo, ás 12 h á presentación do programa na Aula da UNED. Neste encontro ofreceranse os detalles do programa e as mulleres interesadas que poderán participar de xeito integral en todo o programa ou solicitar cita cunha das profesionais da equipa.

En Feminino Plural compaxinarase a atención especializada e individualizada con obradoiros grupais, co obxectivo de aportar ás participantes as ferramentas  necesarias para acadar a súa independencia e autonomía en todos os ámbitos da súa vida como principal camiño cara unha igualdade real e efectiva.

O programa celebrarase tanto no centro urbano coma nas parroquias no caso de haber un mínimo de 8 persoas inscritas en cada parroquia.

Así esta actividade constará de obradoiros, titorías individualizadas, asesoramento xurídico e psicolóxico, orientación laboral ou social. O próximo martes, na presentación, darase a coñecer o programa completo a desenvolver.

Dous axentes da Policía Local do Porriño salvan a vida dun home que sufriu un paro cardíaco mentres conducía

Dous axentes da Policía Local do Porriño salvaron a vida dun varón de 80 anos, veciño do Porriño, que entrou en parada cardiorrespiratoria na tarde de onte.

Aconteceu na céntrica rúa Ramirás, cando o home circulaba no seu vehículo. Foi unha viandante a que alertou á Policía ao ver a unha persoa inconsciente no interior dun coche parado no medio da calzada.

A patrulla, equipada cun equipo DESA, desprazouse ao lugar e en tan só dous minutos estaban a prestar atención ao home. Ao chegar puideron comprobar que non respondía aos estímulos polo que procederon a realizar as maniobras de reanimación cardiopulmonar, utilizando o desfibrilador do coche patrulla ata que se estabilizou e foi atendido polos servizos médicos. Cabe destacar que os vehículos da Policía Local están equipados con equipos DESA de primeiros auxilios.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu hoxe aos axentes para agradecer o seu bo facer e o esencial labor que desempeñan. Un agradecemento que estes recibiron e quixeron facer extensivo aos/as cidadáns/as que colaboraron a atender a esta persoa.

150 xoves da Ruta Quetzal visitan o Monte Santa Trega

0

A Ruta Quetzal, con ao redor de 150 xoves de 15 e 16 anos e provenientes de diversos puntos da xeografía española, visitaron este mércores 20 de xullo os lugares máis emblemáticos do Monte Santa Trega, un lugar de gran riqueza cultural e patrimonial do municipio da Guarda.

Os xoves subiron ao Monte Santa Trega para coñecer a súa historia arqueolóxica a través de unha visita polo poboado castrexo de Santa Trega, con máis de dous mil anos de antigüidade que caracterizan a historia deste lugar.

A Ruta Quetzal é un programa de estudo e aventura creado en 1979 por suxerencia do Rei de España naquel momento, Juan Carlos I, e o periodista Miguel de la Quadra-Salcedo, co obxectivo de consolidar entre a xuventude os chave da Comunidad Iberoamericana de Nacións entre todos os países de fala hispana, incluídos Brasil e Portugal. A expedición que levará a cabo este ano os xoves da Ruta Quetzal conmemora o Ano Santo Xacobeo 2022 a través da denominada Expedición Translatio. Con ela, los 150 xoves revivirán  durante dez días a historia do Apóstolo Santiago.

Redondela fiscaliza a actuación da empresa concesionaria do SAF “para que as persoas usuarias dispoñan dun servizo en óptimas condicións”

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asegurou que o Goberno local mantén unha “continua labor de fiscalización” sobre a empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar para comprobar que “en todo momento cumpra coas condicións establecidas no prego de condicións polo que se rexeu a contratación do servizo”.

As reunións coa empresa e os informes que recibe diariamente van encamiñados tamén a comprobar que a empresa cumpre “as condicións laborais das auxiliares no fogar” que para Digna Rivas “son as profesionais máis imprescindibles do servizo” e que as veces “non reciben o recoñecemento que merecen”.

A rexedora local remitiu unha carta ás persoas usuarias nas que subliña que o Concello, “dende o minuto un” está ao tanto das posibles incidencias que se producen no servizo para “darlles solución inmediata e que non afecten á calidade do servizo nin as persoas usuarias do mesmo”. “Esta alcaldesa non se limita a tomar nota das posibles incidencias, senón que actúa en consecuencia para garantir, en todo momento, a prestación dun servizo en condicións”, afirma rotunda Digna Rivas.

Amais de ter esixido documentación da alta laboral das traballadoras na Tesourería da Seguridade Social, o Goberno local ten en marcha outras accións dirixidas reducir “o cambio constante de auxiliares que se está a facer nas familias” e do mesmo xeito desenvolve accións continuadas “de cara a asegurarnos do cumprimento da totalidade do horario das auxiliares e evitar os posibles atrasos na chegada aos domicilios”.

Precisamente neste punto Digna Rivas solicitou á empresa que “o traballo se realice por zonas xeográficas para evitar, na medida do posible, os desprazamentos”.

A alcaldesa de Redondela lembra que o Goberno que preside “ten a obriga de velar polo cumprimento estrito do prego de condicións establecido na contratación e da fiscalización continua da prestación do servizo en condicións óptimas”. “A empresa ten que prestar un servizo acordado e nas condicións estipuladas e o Concello e esta alcaldesa velan, día a día, porque se faga de xeito satisfactorio para os usuarios e usuarias”, conclúe a rexedora local.

Nigrán acolle o concerto ‘Más que voz’

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 23 de xullo ás 22:00 horas no campo de fútbol de Lourido o concerto ‘Más que Voz’, un espectáculo que reúne aos 18 artistas participantes no derradeiro programa televisivo ‘La Voz 2021’. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Deste xeito, o Concello de Nigrán aposta por un show audiovisual único, de case dúas horas de duración, e con Inés Manzano, Laura Gómez, Dan Rain, Marc Fígols, Senipaifos, Andrés Pino, Carmen Lillo, Viku, Julio Benavente, Beli Molina, Alex Sánchez e Carlos Galí no elenco. Son 18 voces completamente diferentes entre si e que compoñen un cóctel perfecto de estilos que van do soul máis puro ao pop-rock máis actual, pasando por baladas, boleros, flamenco ou canción de autor. Entre todos eles suman máis de 300.000 seguidores en redes sociais.

O camiño deste espectáculo empezou cando se xuntaron 7 das voces, en Cardedeu, Cataluña, nunha sala de concertos proporcionada polo concello. Meses máis tarde, reencontráronse no auditorio de Valdepeñas, o que foi o seu segundo escenario, esta vez, xa os 18. Alí foi onde naceu e colleu forma o proxecto “Más que Voz” que agora chega a Nigrán nunhas das súas primeiras paradas da xira por España.

“As mellores voces do momento sumerxerán ao espectador nunha viaxe polos grandes éxitos da Historia da música nun espectáculo único e aberto a todo tipo de públicos”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que a entrada é de balde.

Fase final dos traballos de recuperación das tumbas dos primeiros Marqueses de Mos, na Igrexa de Santa Baia

0

Un gran patrimonio cultural e histórico da parroquia e do Concello de Mos, que caera no esquecemento, volverá a locer en breve en todo o seu esplendor grazas á implicación da Xunta de Galicia a través da consellería de Cultura, da administración local e da comunidade parroquial para poñelo en valor.

Os traballos de posta en valor das tumbas dos primeiros Marqueses de Mos, na Igrexa de Santa Baia (Santa Eulalia), atópanse na súa fase final, e ata alí desprazouse a comprobalo esta mañá a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, acompañada polo cura párroco, David López.

Os corpos dos primeiros Marqueses de Mos atópanse enterrados na Igrexa de Santa Baia (Santa Eulalia) e ante tal xoia do arte sacro o cura párroco, David López, solicitou un proxecto de restauración, que inclúe tamén o presbiterio, (onde se atopan en marcha os traballos de recuperación do que queda das antigas pinturas muráis), e para o que a alcaldesa, Nidia Arévalo, xestionou financiación da Xunta de Galicia, concretamente da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Os sepulcros aínda conteñen os restos, vestimenta incluída, dos primeiros Marqueses de Mos.

No sepulcro da dereita atópase o que fora nomeado primeiro Marqués de Mos polo rei Carlos II de España, o 6 de novembro de 1686: Don Gabriel Sarmiento de Sotomayor, o cal faleceu en 1706, en Gundián, de Petan e foi enterrado alí e os seus restos trasladáronse á Igrexa de Santa Baia (Santa Eulalia) en 1720. No frontal da tumba pódese observar no centro unha decoración polícroma, do que podía ser o escudo do marquesado, con cores vermellas, verdes, brancos e azuis. No perpiaño da esquerda atópase unha cartela na que aínda se pode ler con dificultade: “Aquí esta don Gabriel Sarmiento de Quirós Marqués de Mos e gentil home da cámara da súa maxestade que goza de deus faleceu en xullo no ano de 1706”. Con el atópase a súa esposa, María Bernarda de Alsacia Arember, a primeira marquesa de Mos, que faleceu en 1729. Con todo dela non se mostra inscrición. Quizá á beira dereito do escudo fixésese referencia, pero a policromía nesa zona perdeuse. Pódense ver restos de cor avermellada no interior do arcosolio, moi similares aos que hai no arco de entrada ao presbiterio. No sepulcro ao lado esquerdo consérvase maior policromía: o escudo móstrase máis completo e temos as dúas cartelas a ambos os dous lados. En 1719 dáse sepulcro a D. Juan Correa Sotomayor, arcediano da Catedral de Santiago e en 1739, ao fillo do Marqués, Antonio Bernardo.

Todos os materiais e técnicas empregados axústanse aos criterios de estabilidade, reversibilidade e identificabilidade. Os traballos están supervisados por un Inspector Técnico de Patrimonio da Xunta de Galicia, o cal realizou varias visitas para corroborar que cada paso da intervención sexa o correcto na obra.

Para comezar foi necesario o acondicionamento da zona de traballo, continuouse coa limpeza superficial da contorna do presbiterio, impregnación da superficie total da obra cun tratamento biocida, realizarase a eliminación mecánica de repintes e encalados, e unha vez recuperado o que quedaba de policromía orixinal, realizouse unha limpeza con brochas e pinceis.

Entón comezouse coa fixación da película pictórica. A continuación procedeuse á consolidación dos estratos de morteiro.

Para a recolocación das pedras do sepulcro da dereita cóntase coa axuda dun canteiro, e trátanse as pezas de ferro do arco triunfal. Despois procederase ao resanado de xuntas. Realizarase o rexuntado con morteiro tradicional de cal apagado e area, engadindo pigmentos que permitan unha cor adecuada.

A reintegración pictórica realízase seguindo un criterio diferenciador (Rigattino), e utilizando acuarelas. Ademais limitarase a zonas puntuais, e onde se poida realizar unha lectura correcta. Como protección final aplicarase unha man lixeira sobre toda a superficie pictórica.

Os labores que se realizan no presbiterio, van destinados á recuperación e conservación dos restos das pinturas murais, que quedan, tanto no arco triunfal, a bóveda de canón e os paramentos laterais onde se sitúan dous sepulcros, así como a devolverlle na medida do posible, o valor decorativo que estas posúen no conxunto do templo. Nos paramentos norte e sur, conserva os contrafortes que serven de apoio aos arcos interiores, así como dúas xanelas con dobre derrame no lado norte e tres no lado sur, xa que a terceira dela lado norte desaparecería pola inclusión da capela e a sancristía.

Os obxectivos da intervención son a conservación, restauración e documentación da pintura mural na bóveda, arco triunfal e sepulcros para a súa transmisión ao futuro. Trátase de sanear e devolver a estabilidade aos materiais que constitúen a obra, tanto no que se refire ao soporte como á película pictórica orixinal.

Búscanse promesas do deseño e interesadas na modelaxe para converter Ponteareas nunha gran pasarela

Os voluntarios municipais queren converter Ponteareas nunha gran pasarela para novas e novos creadores. Os participantes no programa Mocidade Viva, que procura promover un lecer saudable e alternativo entre rapazas maiores de 12 anos, buscan persoas interesadas en participar no primeiro desfile de moda organizado ao abeiro deste programa.

Con esta actividade ofrécese a promesas do deseño a oportunidade de dar a coñecer algúns dos seus traballos. Pero tamén será unha oportunidade para as persoas interesadas no mundo da modelaxe, que poderán desfilar lucindo os modelos dos creadores e creadoras participantes.

As persoas interesadas en participar en calquera das dúas modalidades, poden solicitar máis información a través do perfil de Instagram @MVPonteareas ou do teléfono 687 764 516.

Esta proposta é, como salienta o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, “unha clara mostra da iniciativa que teñen os nosos mozos e mozas organizando unha actividade pioneira na vila. Teñen gañas de gozar dun lecer diferente, saudábel, e implícanse para conseguilo”. O edil convida a todas as persoas interesadas no mundo da moda a participar neste gran desfile, pendente de peche de data, e a toda a veciñanza a asistir como público. 

O Porriño clausura o obradoiro de emprego tras formar unha vintena de persoas

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, participou esta mañá no acto de clausura do Obradoiro de Emprego “Porriño Labora” promovido polo Concello do Porriño a través dunha subvención da Xunta de Galicia.

Foron nove meses de actividade nos que os vinte alumnos/as aprenderon un oficio e acometeron importantes obras de mellora no municipio. O obradoiro –dirixido a persoas desempregadas- organizábase en dúas especialidades: dez alumnos formáronse no de albanelería, fontanería e climatización e outra decena o fixo no de carpintería.

“O emprego é un eixo fundamental da nosa acción de goberno. Seguiremos apostando por mellorar a empregabilidade da veciñanza que se atopa en situación de desemprego e facilitar a súa inserción laboral”, explicou o rexedor, “Este modelo formativo permite que estas persoas se formen e incrementen as súas oportunidades de inserción en sectores con demanda mentres reciben unha remuneración polo seu traballo e, á vez, contribúen ao ben colectivo con obras públicas e accións a través das prácticas”.

No mesmo sentido se expresou a concelleira que destacou a eficacia deste modelo de formación e a implicación dos alumnos e alumnas no transcurso do mesmo.

Gondomar acollerá a primeira edición do festival de danza ‘Abanea’

0

A asociación IS·MO Cultura lanza Abanea, festival de danza e movemento que celebrará a súa primeira edición entre o 28 e o 31 de xullo en Gondomar e Allariz, para o que conta co apoio da Xunta de Galicia. Dez serán as compañías e formacións artísticas que participen neste encontro que divide o seu cartel entre as dúas sedes. O municipio pontevedrés concentrará o groso da programación ao celebrar sete funcións durante catro días mentres que o concello ourensán pechará o programa o domingo 31 con dúas actuacións.

O patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para o nacemento de Abanea sitúase na estratexia definida no Plan Integral para a Danza de Galicia, consensuado a través dun proceso de diálogo aberto, participativo e transparente no que estiveron as principais asociacións e entidades do sector para determinar as súas liñas de acción e os seus obxectivos.

Entre as distintas prioridades que recolle esta folla de ruta, destacan a descentralización do circuíto de exhibición de espectáculos de danza e a fomento da colaboración con entidades, colectivos e institucións de fóra de Galicia. Ambos os dous extremos cúmpreos Abanea, xa que este festival inclúe formacións artísticas procedentes de México, Madrid, Cataluña ou País Vasco e divide a súa programación en dúas localidades de provincias diferentes.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu hoxe na Cidade da Cultura de Galicia o equipo organizativo de Abanea, representado por Marta Alonso Tejada, Manu Lago e Lilian Portela, así como polos concelleiros de Cultura dos dos concellos implicados. Na xuntanza abordouse a programación artística do festival e mais o apoio que o certame lle brindará a unha compañía emerxente para acompañala durante dous anos no proceso de creación dun espectáculo. Nesta primeira edición, daráselle este soporte ao colectivo La Incendiaria.

Funcións ao aire libre

Abanea arrincará o xoves 28 en Gondomar da man da compañía vasca Lasala, que ofrecerá a súa peza Alive, e da formación galega Fran Sieira Compañía de Danza, que actuará coa súa obra DeMente. As dúas actuacións desenvolveranse na praza da Paradela de Gondomar ás 21,00 h. A primeira xornada despedirase no parque Ponte de Rosas ás 23,00 h. coa proxección dunha escolma de videodanzas realizadas por profesionais de Galicia. Esta sesión, que se repetirá o domingo en Allariz, conta coa colaboración do programa Buzón de Baile de Radio 3.

Ao día seguinte, o venres 29, será a quenda da formación catalá Ángel Durán Performing Arts, que chegará ao mesmo espazo ás 21.00 h. con The beauty of it, e mais da compañía galega La Macana con Pink Unicorns, obra que reúne en escena ao redor da danza un pai e un fillo, Alexis Fernández e Paulo Fernández, para retratar a relación non sempre sinxela entre xeracións distintas.

Abanea despedirase de Gondomar o sábado 30 recibindo ás 21,00 h. os colectivos La Galga e Eyas Dance Project, ambos os dous procedentes de Madrid, que traen respectivamente as pezas Ludo e Júpiter+Jaguar. O punto e final na praza da Paradela porao Marta Alonso Tejada con Dancin’Queen, espectáculo que conclúe cunha sesión de DJ Afro Brix.

O domingo 31 de xullo rematará a primeira edición do festival ideado por IS·MO Cultura cos dous espectáculos que se poderán ver na Praza do Matadoiro a partir das 21,00 h. O primeiro será Xenérica, do Colectivo Glovo, ao que lle seguirá H.A.R.L.E.M, produción mexicana de Carla Segovia e Guillermo Aguilar que conta coa colaboración de SóLODOS e A Casa Vella. Precisamente, neste espazo situado no lugar de Amiadoso presentará ás 17,00 h. o colectivo La Incendiaria con Mashup, o seu proxecto en proceso de creación.

A Guarda prepárase para acoller a II Mostra Creativa do Baixo Miño

0

O Concello da Guarda segue apostando polo emprendemento e por visibilizar a gran cantidade de marcas e talentos creativos que temos na nosa comarca, xa sexan de artesanía ou en formas máis modernas de expresión.

A II Mostra Creativa do Baixo Miño contará este ano con preto dunha vintena de stands participantes, e as inscricións, que son de balde, continúan abertas ata o vindeiro día 28 de xullo.

A programación deste ano inclúe actividades de todo tipo que terán lugar na Praza de Avelino Vicente (As de Copas) en horario de 10:30h a 15:30h e de 18:30h a 22:30h:

  • 10:30h – Apertura da Mostra Creativa
  • 11:00h – Obradoiro Infantil  Peixe Espada(Asoc. Piueiro)
  • 12:00h – Concerto Terapia de Grupo(Pop-Rock do Baixo Miño)
  • 13:30h – Pasarrúas dende a Praza Avelino Vicente ata o Porto da Guarda
  • 19:00h – Contos Contados para público infantil(Ma Nunú)
  • 20:30h – Concerto Cazacús(Punk-Rock A Guarda)
  • 21:30h – Pasarrúas dende a Praza Avelino Vicente ata o Porto da Guarda
  • 22:30h – Peche da Mostra Creativa

Ata este momento xa confirmaron a súa asistencia a esta segunda edición as seguintes marcas e talentos creativos: Acontravento, Ada Negra, Ana de la Guerra, Coco, Eduar Clothing, La Casa Taller, Littlevero, Luc & Luc – Inma Losada, Mar Jewelrin, Marina San Miguel, Marron Glaçe, Matriz Galega, Sapone di Principessa, Silvia Pérez, Vargas Lemos, Vikensen…

Este ano a Mostra creativa únese á Festa do Peixe Espada organizada dende ORPAGU(29-31 de xullo), compartindo parte da programación, como son os pasarrúas ou a actividade do Obradoiro Infantil sobre o Peixe Espada.

Un dos obxectivos da iniciativa, que tivo a súa primeira convocatoria no 2021, é acadar que a Mostra se poda consolidar como un evento de referencia e con periodicidade anual onde mostrar o gran talento que temos no Baixo Miño. Por isto convidamos a todas as persoas deseñadoras, marcas e artesáns da nosa comarca que desexen participar a que aproveiten os últimos días que restan de inscrición e cubran a ficha de inscrición e a envíen ao correo electrónico [email protected]

Ficha de inscrición

Bases

Parabéns á ponteareá Melania Rodríguez, ouro en dobre mini tramp nos Xogos Mundiais de Birmingham 2022

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixo felicitar en nome de todo o Goberno local á ximnasta ponteareá Melania Rodríguez, que acaba de conseguir a medalla de ouro na categoría de dobre mini tramp nos Xogos Mundiais de Birmingham 2022. A deportista, integrante do Club Ximnasia Burgas, subiu ao máis alto do podio do Legacy Arena tras superar na final á neozelandesa Bronwyn Dibb e á sueca Lina Sjoeberg.

A pesar do altísimo nivel do resto de participantes durante toda a competición, a ponteareá acadou uns grandísimos resultados que reflicten “o enorme traballo diario que hai detrás de todas e todos os deportistas de alto nivel, que se esforzan en cada adestramento e en cada competición para superar todos os límites”. “Para nós e un orgullo contar con deportistas de tan alto nivel que levan o nome de Ponteareas por todo o mundo”, salienta o edil.

Rodríguez acadou o ouro tras executar de forma moi limpa un salto con pirueta barani en prancha de entrada e mortal pirueta en prancha de saída, co que conseguiu os 26,600 puntos necesarios para facerse co máximo metal.

Baiona remodelará o paseo Pinzón

0

O Concello de Baiona sacou a licitación o contrato de obra da remodelación da contorna do paseo Pinzón para unha reforma integral despois de 40 anos por un valor de 1.744.006,88 euros con IVE.

O proxecto será cofinanciado xunto coa Deputación de Pontevedra, que achegará 840.000 euros ao abeiro do convenio acordado en xaneiro dentro do plan Reacpon da Deputación, mentres que os 906.000 restantes correrán a cargo da Tesourería Restante que xa estaba reservada no ordinario. pleno do mes de marzo.

O alcalde considera urxente actuar nesta zona peonil de algo máis de 6.000 metros cadrados para frear o afundimento do terreo que se agrava tras máis de corenta anos de actuación dende o mar sen mantemento. A transformación será total e a solución levarase a cabo segundo o estudo xeotécnico e topográfico realizado na zona para modernizar unha das áreas recreativas máis concorridas da vila, especialmente nos días de marea para observar as ondas.

O proxecto contempla renovar o vertedoiro e dotalo dunha cámara de aire para pór fin ao afundimento do terreo. As baldosas superficiais obsoletas serán substituídas por formigón pulido de cores. Crearase unha zona de xogos para os máis pequenos e zonas verdes. Tamén se renovará toda a iluminación apostando polo máis eficiente.

A intención do alcalde, Carlos Gómez, e do concelleiro de Urbanismo, Víctor Muñoz, é resolver nos próximos días o concurso do proxecto, para comezar as obras despois do verán. Espérase que duren polo menos oito meses.

“O balcón ao Atlántico do noso municipio, unha zona na que se pode contemplar un dos mellores solpores do mundo, será máis accesible e moderno para gozalo durante todo o ano”, destaca o alcalde, Carlos Gómez Prado.

A reforma integral do Paseo Pinzón será a primeira fase dun plan de reordenación de toda a zona situada entre as praias urbanas da Concheira e A Ribeira. “Queremos redefinir toda esa zona dividida en tres espazos illados. Comezamos polo paseo do Pinzón porque é o máis urxente, pero tamén abordaremos A Palma e o paseo da Ribeira para convertelos nun entorno unificado, esteticamente homoxéneo que conserve o carácter histórico e o uso deportivo e de ocio”, conclúe o rexedor.

SmartPeme imparte esta semana dous obradoiros

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, propón dúas novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As formacións tratarán temas como estratexias dixitais para entidades do terceiro sector ou apps para axenciar citas con clientes.

Este mércores 20 de xullo a partir das 12:00 horas, Adrián Fernández, Licenciado en  Comunicación Audiovisual impartirá o taller “Marketing social: estratexias dixitais para entidades do terceiro sector”. Nel ensinará a aplicar as principais estratexias en liña, as ferramentas e as canles máis axeitadas dispoñibles para que as actividades do terceiro sector poidan funcionar no contorno social atendendo aos seus principais obxectivos  e necesidades. O xoves 21 tamén ás 12:00 horas, a Licenciada en  Publicidade e Relacións Publicas, Fátima Faílde impartirá o obradoiro “Apps para axenciar citas no teu negocio“. Nesta formación ensinarase a xestionar os tempos de organización e a produtividade dun negocio gracias a  ferramentas online que axudan a automatizar os procesos de calendarización de citas

As festas de Mos contarán con MORAT como cabeza de cartel

0

Onte tivo lugar a presentación dos actos conmemorativos do patrón de Mos, San Mamede, nas que se inclúe o concerto estrela de MORAT. No acto de presentación celebrado no salón de sesións do Concello de Mos estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Nava Castro, directora da Axencia Turismo de Galicia, Sara Cebreiro, concelleira mosense de Cultura e Turismo, Camilo Grandal, presidente da Comunidade de Montes de Torroso e Kin Martínez, Director da productora Esmerarte.

As entradas para o concerto de MORAT, con subvención autonómica por atoparse incluído no programa musical do Xacobeo 21/22, teñen un custe de 10 euros e xa están á venda nas plataformas on line ataquilla.com e esmerarte.com. Este concerto será un dos tan só 40 que a banda colombiana dá por todo o mundo na súa xira actual.

A rexedora local mosense, Nidia Arévalo, detallou a programación das Festas do Patrón, San Mamede 2022, que se prolongarán desde o día 31 deste mes ata o 18 de agosto, co broche de ouro do concerto de MORAT no Campo de Fútbol das Baloutas.

Arévalo explicou que o programa de actos festivos comezará o 31 de xullo ás 10.00 horas cunha andaina medioambiental pola parroquia de Torroso con saída desde o Centro Dotacional de Torroso.

O 6 agosto ás 20.30 horas haberá un Certame de Bandas de Música no Auditorio do Centro Dotacional de Torroso. Ás 21.30 horas, sardiñada amenizada por SDK de Guláns e sacacorchos de Torroso. E durante todo o día, de 12.00 horas a 20.00 horas, Festa da Auga con hinchables acuáticos de balde para a cativada na contorna do Centro Dotacional de Torroso.

O 7 agosto, día de San Mamede, ás 12.00 horas Misa Solemne na Igrexa de San Mamede de Torroso, seguida de concerto da Banda Xuvenil de Torroso. Ás 21.00 horas concerto de Algarabía Folk na contorna do Centro Dotacional de Torroso, que irá seguido, ás 22.00 horas, do CONCERTO DE XABIER DÍAZ coas Adufeiras de Salitre (subvencionado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia) na mesma ubicación. Continuará a música e ás 23.30 horas chegará a verbena coa orquestra SUAVECITOS.

O 8 agosto ás 12.00 horas oficiarase outra Misa Solemne na Igrexa de San Mamede de Torroso, seguida da actuación do Grupo de Baile e Gaitas Ruada de Torroso. Ás 22.00 horas comezará a verbena COA ORQUESTRA AMÉRICA E O GRUPO FAMA.

O concerto estrela do San Mamede 2022 chegará o 18 agosto ás 22.00 horas no Campo de Fútbol de As Baloutas. MORAT porá o broche de ouro ás Festas do Patrón 2022.

Kin Martínez, Director de Esmerarte, explicou os detalles da venda de entradas do concerto de Morat. Hoxe ás 14.00 horas saíron á venda as 3.000 localidades dispoñibles para este concerto, que se poden comprar desde xa mesmo on line a través de ataquilla.com e esmerarte.com A directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, pechou o acto de presentación facendo referencia á “forte aposta do Xacobeo 21.22 pola música en directo e a música no Camiño, de xeito que desde a Axencia Turismo de Galicia e desde a Xunta de Galicia non podiamos senón apoiar ao Concello de Mos no concerto de MORAT”.