O Concello de Ponteareas dá novos pasos para que a transformación da nave de Aceros del Tea nun equipamento sociocultural e de lecer innovador sexa unha realidade. Xa se adxudicou a redacción do proxecto básico e de execución, do informe de eficiencia enerxética e da dirección da obra de rehabilitación destas instalacións industriais situadas no corazón do centro urbano, uns traballos que “suporán profundo cambio en toda a contorna e que permitirán seguir recuperando espazos para as persoas nos vindeiros anos grazas ao modelo de xestión urbanística sustentábel e racional que impulsamos dende o Goberno local”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.
Grazas ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, parte desas instalacións industriais pasan a ser de titularidade municipal e, ademais do actual aparcadoiro, o Concello disporá da torre de oficinas e da nave de 1500 m2 de Aceros, xunto a unha gran balsa de decantación situada entre a nave e a Estación de Autobuses. A empresa adxudicataria terá 15 días para a elaboración do proxecto básico e de execución, que conta cun orzamento de 35 000 euros cofinanciados por fondos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’. Unha vez rematada esta fase procederase á aprobación do proxecto e á licitación da obra. Os traballos de transformación comezarán tras a obtención da autorización por parte da sectorial de Patrimonio, xa en trámite.
O obxectivo do Goberno municipal do BNG-PSOE é converter estas instalacións nun equipamento emblemático, contemporáneo e innovador, recuperando o edificio, respectando a súa imaxe industrial exterior e transformar o seu interior nun espazo excepcional e de referencia para Ponteareas e a zona sur de Galicia, tanto pola orixinal e moderna intervención arquitectónica como polos seus usos.
Como sinala a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote, “esta transformación permitirá converter un espazo industrial que quedou engulido polo centro urbano nunha zona de dinamización e lecer para toda a veciñanza”. Será un espazo versátil que contará cunha extensa praza diáfana e cuberta baixo a nave destinada a todo tipo de eventos sociais e artísticos, concertos, feiras ou festivais; cun escenario ao aire libre con bancadas no que hoxe é a balsa de decantación; e con espazos pechados destinados a aulas, obradoiros, conferencias ou clases maxistrais na torre das antigas oficinas e nunha parte da nave. Ademais, a intervención incorporará a mellora do espazo na Avenida de Galicia e na rúa Carballos, xerando novas zonas peonís, axardinadas e de estancia que darán visibilidade ao conxunto das instalacións e facilitarán o acceso das persoas.