O PP de Ponteareas, logo de dous anos de ‘parón’ por mor da pandemia, volverá a celebrar os seus tradicionais xantares populares. A cita será o vindeiro 31 de xullo no parque Bouza Vella a partir das 13:30 h. Os populares recuperan así estes tradicionais encontros que viñan reclamando afiliados e militantes.
A intención do PP era facela no parque Ferro Ucha pero o Goberno local non concedeu o correspondente permiso “por falta de seguridade debido ás obras, polo que trasladamos a celebración ao parque Bouza Vella”, explica Belén Villar quen agradeceu á Comunidade de Montes de Areas a súa colaboración.
“Imos poder gozar dunha contorna que se atopa en perfecto estado de conservación e isto debémosllo a eles. Contaremos cunha charanga do noso pobo que amenizará a xornada e o menú será de empanada, churrasco e doces, a un prezo popular de quince euros”.
O PP anima a todos os veciños a acudir a esta celebración na que tamén haberá tempo para intervencións políticas na que xa están confirmadas a da propia presidenta local, Belén Villar, o recentemente nomeado presidente provincial do PP, Luís López ‘Lugués’ e a deputada pontevedresa Ana Pastor, entre outros.