8.6 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelDúas interesantes publicacións para os máis cativos da man de Antonio García...

    Dúas interesantes publicacións para os máis cativos da man de Antonio García Teijeiro e Paula Carballeira

    Aproveitamos este tempo estival para facer dúas publicacións interesantes para os máis pequenos da casa, os últimos traballos de dous dos nosos grandes referentes na literatura infantil e xuvenil: o poeta e narrador Antonio García Teijeiro, e a dramaturga, actriz, contadora e narradora Paula Carballeira.


    Antonio García Teijeiro, «Que demo de monicreque!»

    Non podemos deixar pasar a ocasión de recomendar «Que demo de monicreque!», un deses traballos delicados e certeiros cos que Antonio García Teijeiro é quen de sorprendernos e que supón un achegamento moi particular ao mundo da creación. O autor xoga coa poesía, co mar como escenario, coa fantasía e coa maxia das palabras, para darlle forma a un conto que nace cando, a unha praia afastada onde un Poeta sen inspiración se ve incapaz de escribir, chega Martiño. Martiño é un monicreque mariñeiro e “pescador de palabras”, segundo el mesmo di, que arrastra unha maleta máxica coa que será quen de axudar ao Poeta cunha serie de xogos e de elementos fantásticos cos que espelir a súa ansia creativa.

    Deste xeito tan peculiar, García Teijeiro fálanos do proceso creativo e de toda esa maxia que o rodea, dos mundos que se encerran dentro das palabras a agardar polo escritor, da forza e necesidade da comunicación e, sobre todo, de como nos momentos máis escuros e nos que nos sentimos completamente derrotados, sempre haberá lugar para unha pinga de esperanza á que aferrarnos con forza para saír adiante.

    Convértese, deste xeito, nun canto á amizade, á colaboración e á solidariedade desinteresada. E faino –non debemos esquecer que estamos diante dun poeta de primeira magnitude–, cunha linguaxe cálida, precisa e delicada, que reforza aínda máis o valor da palabra do que falabamos máis arriba. Complementan un traballo tan fermoso as ilustracións de Xosé Cobas, un dos grandes referentes neste eido, que representan un contrapunto perfecto ao traballo de García Teijeiro: trazos suaves, colorido e unha desbordante imaxinación.

    Antonio García Teijeiro

    «Que demo de monicreque!»

    Ilustracións de Xosé Cobas

    Editorial Galaxia


    Paula Carballeira, «Trece avisos. Contos para ler pola noite»

    O que Paula Carballeira nos propón neste novo volume é un achegamento ao medo. Os “trece avisos” de que nos fala no título son outros tantos contos breves sobre pantasmas, ánimas en pena ou aparicións. Mais, como tamén anuncia no subtítulo, pódense “ler pola noite” sen que por iso teñan que nos provocar pesadelos. E cal é o segredo? Pois velaí a cuestión: o medo avisa cando chega. Faise anunciar. E de maneiras moi diferentes. Deste xeito, o libro podería considerarse como unha pequena guía para que o medo, cando veña, non nos pille desprevidos.

    Os misteriosos golpes na porta ou nos vidros da fiestra, o olor a cera, o sopro de aire frío que sentimos nas costas, o ritmo acelerado do noso corazón, os pasos no faiado, o arrepío que percorre o noso lombo, esa sensación de que hai algo canda a nós pero que non vemos… Todas estas, e outras moitas manifestacións que preceden ao medo, son outros tantos avisos que nos poden axudar a enfrontarnos a el e a superalo.

    Paula mergúllase na nosa tradición oral, que tan ben coñece, para darlle forma a este monllo de relatos, pero tamén, segundo confesa no propio libro, baséase na súa experiencia persoal de medorenta incorrixible e máis en narracións recollidas ao longo das súas moitas actividades en colexios e institutos. E para presentalos emprega unha linguaxe sinxela e directa, sen adobíos, moi semellante á lingua oral da que proceden as máis destas historias. Todo un reto para os lectores máis afoutados…

    Paula Carballeira

    Trece avisos. Contos para ler pola noite

    Ilustracións de Iria Fafián

    Xerais

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.