15.5 C
Pontevedra
Sábado, 11 de Maio de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaMáis de 150 rapaces e rapazas de toda España visitan Oia coa...

    Máis de 150 rapaces e rapazas de toda España visitan Oia coa Ruta Quetzal

    Un total de 156 rapaces e rapazas de diferentes puntos de España visitaron esta semana o concello de Oia, que foi unha das paradas da edición da Ruta Quetzal deste ano. Baixo o título ‘Expedición Traslatio’, esta experiencia cultural percorre terras portuguesas e galegas con destino a Santiago de Compostela.

    A iniciativa, dirixida por Íñigo de la Quadra-Salcedo (fillo do reporteiro, promotor cultural e deportista Miguel de la Quadra-Salcedo, fundador desta prestixiosa ruta), recalou en terras oienses o pasado mércores, procedente de A Guarda. Durante a súa estadía no municipio, os expedicionarios e expedicionarias percorreron parte do barrio do Arrabal e o Mosteiro de Oia, enclaves de gran valor patrimonial onde puideron descubrir os principais fitos da historia local.

    O grupo, composto por 156 mozas e mozos e máis os seus monitores, baixo a dirección de Íñigo de la Quadra-Salcedo; foi recibido polo concelleiro de Medio Ambiente de Oia, José Manuel Rodríguez. En nome da alcaldesa, Cristina Correa, o edil deulles a benvida e desexoulles unha grata experiencia, confesándolle aos rapaces e rapazas o orgullo que supón para o municipio telos de visita. Xunto a el estivo o director do Mosteiro, Xoán Martínez, quen tamén brindou unha calorosa benvida a todos os participantes.

    O grupo, que percorre diversas localidades galegas e portuguesas na súa “Expedición Traslatio” realizou unha visita ao Mosteiro e á Praza Centinela, pernoctando nas instalacións do CEIP Mestre Manuel García, cedidas polo Concello para albergalos durante a súa estancia.

    Pola súa banda, a Ruta Quetzal, da man de Íñigo de la Quadra-Salcedo, fixo entrega ao Concello dunha placa conmemorativa da visita.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.