22.2 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación celebra os sete anos de mandato para unha provincia "transformada...

    A Deputación celebra os sete anos de mandato para unha provincia “transformada en referente do Estado”

    O goberno de progreso da Deputación rende contas ante a sociedade nun acto multitudinario que reuniu a alcaldes e alcaldesas que representaron a máis de 600.000 habitantes da provincia

    A explanada de Montero Ríos, en Pontevedra, foi hoxe o escenario do tradicional acto de dación de contas do goberno da Deputación, co que cada ano se presenta ante a sociedade da provincia para dar coñecemento do uso dos recursos públicos cos que se está a acadar, en palabras da presidenta Carmela Silva, “unha transformación intelixente da provincia que, honestamente, cremos que entre todos e todas estamos a conseguila”. O multitudinario evento, que contou coa actuación do pianista Alejo Amoedo e da mezzosporano Nuria Lorenzo, concitou destacadas presenzas como a dos alcaldes de Vigo e Pontevedra, Abel Caballero e Miguel Anxo Fernández Lores, así como de Vilagarcía e Redondela, Alberto Varela e Digna Rivas, amais doutros 35 concellos, representando a máis de 600.000 habitantes da provincia. Tamén institucións civís e militares, e asociacións e entidades do tecido económico, empresarial, social, cultural, informativo, turístico ou deportivo do territorio.

    A presidenta Carmela Silva detallou os datos máis sobresaíntes destes sete anos, protagonizados pola alianza cos municipios e os eixos da cohesión territorial, a sostibilidade, a transición dixital e a innovación, o reto demográfico, a política para as persoas, os servizos e dereitos, a democratización da cultura e a igualdade. “Fai 7 anos definimos a provincia que queríamos construír –subliñou–, con obxectivos claros, enfocados á transformación, cunha nova forma de relación cos concellos que os convertera en protagonistas; equidade no destino dos recursos”. Lembrou que a Deputación xa é “referente” nestes ámbitos, como tamén na loita  contra o cambio climático “que aínda algúns negan” dentro da implementación da Axenda 2030, e “na atención social a quen máis o precisa”.

    Carmela Silva: “Fai sete anos plantexamos un cambio de modelo radical para unha transformación intelixente da provincia e, honestamente, cremos que entre todos e todas estamos a conseguila”

    A presidenta lembrou que no discurso de inicio da segunda investidura, “dixemos que asinabamos un novo contrato cos concellos e coa cidadanía, un contrato con alma, entre iguais, co que gañaríamos todas e todos, e  hoxe creo que traballamos moito para poder cumprilo”. Neste senso, incidiu en que este cambio ten sido posible grazas ao “incrible traballo realizado” e agradeceu ao equipo de goberno, aos gabinetes e ao funcionariado, “do que estamos moi orgullosas e orgullosos”, e de xeito especial a implicación do vicepresidente “por saber acordar e ser capaz de que impulsaramos un proxecto transformador”. “Somos un goberno formado por dous grupos políticos –sostivo– que sabe que o que importa é traballar para que a xente viva mellor e fomos quen de facelo”, apuntou.

    Carmela Silva subliñou tamén o papel do sector público e privado que colaboran coa institución, así como o da veciñanza da provincia “pola súa complicidade”. Finalmente, louvou aos alcaldes e alcaldesas “que foron sempre colaboradores e colaboradoras e  impulsores do cambio”. “Neste territorio hai grandes alcaldes e alcaldesas que están a facer que esta provincia estea situada nos mellores datos en toda actividade que se realiza”. A presidenta rematou citando a Jane Goodall: “o maior perigo que nos depara o futuro é a apatía”, e sinalou que “nesta administración somos todo o contrario. Vivimos momentos complexos de cambios e dificultades, pero debemos pensar que  hai oportunidades e temos que ser impulsores e impulsoras delas. E  iso aquí é fácil que aconteza, porque todas e todos estamos para plantar cara ao que sexa necesario. Estes son tempos para que as boas persoas saquen o mellor de si mesmas e esta provincia está cheiña de xente boa, intelixente, talentosa e creativa. Non hai quen nos pare”.

    Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera, subliñou o labor feito por un goberno “exemplar e unido, cunhas decisións e direccións moi claras que permiten avanzar e non gastar enerxías en desgastes internos e téñoo que agradecer”. “Este goberno –dixo– fai moitas cousas e creo que nalgúns aspectos moi ben, porque en moitas áreas convertémonos en referentes galegos, estatais e internacionais”. “E o logramos porque eliminamos o que tensiona ás deputacións, aqueles tratos de favor ou non igualitarios, o rosario que había e hai noutras deputacións de alcaldes e alcaldesas  pedindo unha cita a ver se conseguen algo, que gastaban enerxías terroríficas que non se poden dedicar a outras cousas. Hoxe os  alcaldes e alcaldesas tedes o Plan Concellos e outros plans que podedes sumar, en igualdade de condicións, e decidides o que queredes”. Lembrou que no horizonte “hai nubeiros” como a Covid, a inflación “e tentamos reaccionar dentro das posibilidades, co ReacPon e outras decisións”. E concluíu lembrando que “esquecer que quen son electos e electas pola cidadanía son os alcaldes e alcaldesas, e crernos os reis do mambo por dispoñer dos cartos, sería o peor erro que se pode cometer e levaría a empeorar toda a acción de goberno dunha forma tremenda”. “Sigo convencido de que as deputacións, ou se cambian ou non teñen sentido e dentro desa situación nós tentamos facelo o mellor posible”.

    Sete anos en datos

    Desde 2016, a Deputación ten investido 1.177 millóns de euros a través dos distintos Orzamentos,  aliñados coa folla de ruta da Axenda 2030, e conseguiu saldar a débeda de ata 40 millóns herdada a súa chegada ao goberno. Xunto a elo, mobilizáronse nestes anos ata 104 millóns de euros. Amais, é a Deputación de todo o Estado que máis recursos transfire aos Concellos: 511,5 millóns, máis dun 34% fronte á media estatal do 17%. O Plan Concellos é a ferramenta estrela, con 327 millóns de euros en transferencias directas para facer case 3.000 obras en equipamentos, dotacións, servizos ou crear máis de 7.000 empregos.  E únense os plans extraordinarios na busca do equilibrio territorial: o PICEI, o DEPOREMSE, e o Plan de REEQUILIBRIO, e o PLAN REACPON, cun investimento doutros 58,1 millóns que supoñen ata 116 grandes equipamentos: 64 obras de humanización e mobilidade segura, 24 de infraestruturas deportivas, 16 equipamentos socio culturais, 5 reformas de casas do concello, 1 en centros de ensino, 1 en vivendas municipais e outras dotacións. Neste períodocontabilizáronse case 7.000 actos e visitas a concellos e, no eido da cooperación, centos de asistencias desde o SAIM, con solucións tecnolóxicas para achegar a administración electrónica, o servizo do Padrón ou a transformación dixital do ORAL, cunha xestión desconcentrada para medio millón de persoas de 54 concellos e 9 mancomunidades.

    Doutra banda, o modelo de Infraestruturas e a Nova Mobilidade, segura e sostible, recoñecido a nivel nacional e internacional, supuxo un investimento de case 130 millóns, formulado en sinerxías e convenios cos concellos e plasmado en centos de actuacións, moitas avaladas con recursos europeos. Noutro eido, a Transición Ecolóxica, a Sostibilidade, o Plan Revitaliza ten despregado milleiros de composteiros, formado a un centenar de mestres e mestras e traballado con máis de 50.000 rapazas e rapaces. Neste intre estase a traballar cos concellos para que poidan aplicar a nova Lei de Residuos. Os mesmos principios de sostibilidade aplícanse aos recursos destinados desde Medio Natural para o coidado do monte, a creación de parques forestais ou os convenios cos sectores produtivos, case 20 millóns, aos que hai que sumar a aposta polo Benestar Animal, no que o Centro de Acollida Caan xa dá servizo a 51 concellos e é líder en adopción de animais: 3,100 nestes sete anos

    A Igualdade, bandeira transversal da acción de goberno, tivo un investimento de máis de 14 millóns nos eixos da formación, a loita contra as violencias machistas e a visibilidade das mulleres en todos os ámbitos. Destacan entre eles o coñecemento e a investigación coa Escola María Vinyals ou o traballo conxunto coa Universidade coa Cátedra de Feminismos e coas asociacións, así como ducias de programas cunha grande acollida. Na Política Social apostouse pola dinamización do benestar con axudas a concellos, entidades, asociacións e a cidadanía, e co esforzo de modernización de Príncipe Felipe. Sumado ás liñas pola Covid, e a teleasistencia o investimento foi de 109,6 millóns

    No que respecta á Formación, Emprendemento e Emprego,  destináronse máis de 26 millóns para programas de inserción laboral ou contratos en prácticas de primeira oportunidade. Así mesmo, a Rede SmartPeme para asesoramento TIC a empresas e persoas autónomas ten en marcha novas carteiras de ciberseguridade, emprendemento, igualdade e transición ecolóxica. En total, máis de 12.000 asesoramentos a case 2.000 empresas. A iso hai que unir os investimentos nos Viveiros de Barro e Lalín, co asentamento de grandes empresas que xeran actividade económica e emprego.

    A estreita relación coa Universidade e con Centros de I+D+I na área de Coñecemento, Ciencia e Investigación, plasmouse en máis de 30 convenios, ao que hai que unir o investimento en Areeiro (20 millóns), referencia fitopatolóxica en España e agora en Portugal, e Mouriscade,(11,5 millóns), referente en investigación gandeira e xenética en apoio do sector primario.

    A Cultura recibiu un grande impulso con case 22 millóns para levar a toda a provincia o poder transformador da arte, o teatro, a danza, o audiovisual, o patrimonio, a música e o cinema, coa marca dos Rías BaixasFest e Rías Baixas Film Fest. Amais, a Deputación creou a Escola de Letras, pioneira en Galicia e no Estado, e avalada polo Ministerio para chegar con ela mesmo a  Europa. Dentro desta área a institución xestiona o Museo de Pontevedra, Castro Deza, e o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico de Liñares, e financia outros proxectos museísticos como o MARCO de Vigo. Amais, ten convertido a sede de Vigo nun centro de cultura e igualdade con ducias de actividades cunha moi importante asistencia de persoas. En definitiva, conseguiuse democratizar a cultura levándoa a todo o territorio. Amais, a defensa dalingua e a modernización dixital do patrimonio bibliográfico supuxeron a ampliación da programación e axudas a entidades e concellos para o fomento do galego, amais do Mecenado da Fundación Rosalía e a consolidación do servizo de memoria histórica.

    En Turismo, é un feito o modelo de turismo intelixente, baseado nas novas demandas, dixital, verde, accesible, sostible e desestacionalizado, que permitiu consolidar á provincia como o destino máis visitado de Galicia e nos primeiros postos do Estado, co traballo conxunto co sector para a calidade, formación e capacitación. Co programa Tourist Inside abordouse a implantación das TIC, o Big Data, e os novos sistemas de información e tamén a renovación dixital das oficinas de turismo. A potencialidade do interior veuse referendada con proxectos avalados por Europa, como os plans de sostibilidade en destino no Deza e no Condado Paradanta e, doutra banda, asumiuse a recuperación do patrimonio e a dixitalización e musealización dos Castelos de Soutomaior e Sobroso. Por último, o Deporte supuxo un investimento de 35 millóns de euros, co aumento das axudas a clubs e entidades e aproveitando a capacidade de atracción dos grandes eventos deportivos, con centos de programas de deporte sostible e igualitario nos que teñen participado milleiros de persoas, e priorizando o deporte feminino e adaptado.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.