Martes, 18 Marzo de 2025

Balonmán Cañiza, Concello, Asociación de Comerciantes e sector hostaleiro presentan o primeiro Entroido de Verán

O sábado 30 de xullo a partir das 11:00 h dará comezo un entroido no que se repartirán máis de 1500 € en premios

A Cañiza vaise de Entroido e para corroboralo, esta semana presentouse na Praza Maioro I Entroido de Verán da Cañiza, un acto no que estaban presentes todos os impulsores do proxecto: o Balonmán Cañiza; o alcalde da Cañiza, Luis Piña; hostaleiros e hostaleiras da vila e a Asociación de Comerciantes da Cañiza.

Premer para ampliar

O vindeiro sábado día 30 de xullo dará comezo o Entroido e o fará cun programa dirixido a todos os públicos. Dende as 11:00 h haberá inchables e obradoiros para os máis pequenos na Praza Maior onde, ás 12:00 h, o deseñador de moda Cristóbal Vidal dará o Pregón.

Acompañados pola Charanga Noroeste dará comezo a sesión vermú e pasacalles polas rúas da vila. Xa para ás 19:00 as comparsas e participantes que se inscriban gratuitamente no 616134560, comezarán o seu desfile pola vila competindo por acadar os máis de 1500 € en premios que se repartirán. E para a noite, música a cargo do Dúo Cerbatana Show Latino e dos DJs Javi Moore e Diego Mei.

O Balonmán Cañiza como promotor e organizador atópase “tremendamente ilusionado e agradecido posto que estamos a falar dunha festa que nace do traballo en conxunto do club, a asociación de comerciantes, a hostalaría e o Concello, onde todos eles se volcaron na proposta”.

Están seguros que terá boa acollida posto que “cando se traballa deste xeito é imposible que falle. Estamos seguros de que a xente vai ter moitas ganas de pasar un gran día pola vila, gozando do entroido e que sexa por moitos anos”.