O pasado 23 de abril no Concello de Arbo asinouse un protocolo de Cooperación para iniciar o proceso de creación da «Eurocidade do Miño» entre os alcaldes de Arbo, Horacio Gil, As Neves, Xose Rodríguez, Crecente, Julio César, A Cañiza, Luís Piña (concellos todos situados no Sur de Galicia) e a Cámara Municipal de Melgaço (distrito de Viana do Castelo), representado por Manoel Batista.
Unha xuntanza preparatoria para avanzar na posta en marcha da «Eurocidade do Miño», quinta eurocidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Un amplo territorio, formado polo Val do Miño cunha identidade común, longa tradición de cooperación entre os Concellos e cunha mesma estratexia de futuro.
Neste sentido, o noso Concello dictaminará na Comisión Informativa deste venres 22 de xullo a aprobación desta adhesión no Pleno Ordinario que se celebrará o vindeiro 28 de xullo e que suporá unha nova vía de cooperación transfronteiriza.
Unha colaboración que segundo se recolle na súa declaración constitucional « é un dos medios máis eficaces para a aproximación das poboacións fronteirizas; suprimindo as dificultades que implican todas as fronteiras, promocionando un maior achegamento institucional entre todos, fomentando o desenvolvemento económico, social, cultural, ambiental destas rexións, así como os servizos comúns que servirán como instrumento dinamizador da convivencia e o benestar da nosa veciñanza».
A «Eurocidade do Miño» terá unha zona de influencia directa de 30.000 persoas, sen contar o fluxo indirecto das zonas máis poboadas de Galicia, como Vigo, Pontevedra e Ourense, entre outras grandes poboacións do sur da comunidade.