12.3 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasO Concello de Tui pon en marcha o programa Feminino Plural

    O Concello de Tui pon en marcha o programa Feminino Plural

    O Concello de Tui presentará o próximo martes, 26 de xullo, o innovador programa Feminino Plural. Desenvolverase ao longo deste mes de xullo, agosto e setembro co obxectivo de impulsar a promoción da igualdade e previr a violencia de xénero. 

    Dende a concellería de Igualdade van desenvolver esta acción cunha equipa multidisciplinar formada por unha xurídica, unha psicóloga, unha axente de igualdade, unha orientadora laboral, unha técnica de prospección e intermediación laboral e traballadoras sociais. Está financiado pola Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, dependente da Consellería de Emprego e Igualdade e cofinanciado polo Concello de Tui.

    Trátase dun programa intensivo e integral que contará cunha metodoloxía baseada na perspectiva de xénero. Brindará ás participantes atención profesional personalizada na  busca da recuperación da identidade e autonomía das mulleres e a restauración dos seus proxectos vitais.

    Feminino Plural vai dirixido, específica e exclusivamente, a mulleres en situación de vulnerabilidade, é dicir mulleres en situación de desemprego menores de 30 anos ou maiores de 45 anos, desempregadas de longa duración, con responsabilidades familiares non compartidas, con diversidade funcional, vítimas de violencia de xénero, inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, pertencentes a unha minoría étnica, entre outras.

    Para participar  no programa deberán contactar co 664 552 493, enviar un  correo electrónico a igualdade@tui.gal ou acudir o próximo martes, 26 de xullo, ás 12 h á presentación do programa na Aula da UNED. Neste encontro ofreceranse os detalles do programa e as mulleres interesadas que poderán participar de xeito integral en todo o programa ou solicitar cita cunha das profesionais da equipa.

    En Feminino Plural compaxinarase a atención especializada e individualizada con obradoiros grupais, co obxectivo de aportar ás participantes as ferramentas  necesarias para acadar a súa independencia e autonomía en todos os ámbitos da súa vida como principal camiño cara unha igualdade real e efectiva.

    O programa celebrarase tanto no centro urbano coma nas parroquias no caso de haber un mínimo de 8 persoas inscritas en cada parroquia.

    Así esta actividade constará de obradoiros, titorías individualizadas, asesoramento xurídico e psicolóxico, orientación laboral ou social. O próximo martes, na presentación, darase a coñecer o programa completo a desenvolver.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.