Luns, 9 Xuño de 2025

A xornada da escola María Vinyals dá luz ás referentes femininas no emprendemento

Sacar á luz o imprescindible camiño que están a abrir as mulleres referentes nos eidos da innovación tecnolóxica, o emprendemento e a transformación dixital fronte ás desigualdades que seguen a marcar estes ámbitos foi o obxectivo da nova xornada promovida no marco da Axenda 2030 pola Deputación de Pontevedra e a Cátedra Iberoamericana da USC, que acolleu a Escola de Igualdade María Vinyals no Castelo de Soutomaior. A presidenta provincial, Carmela Silva, reclamou no foro que as mulleres ocupen a metade do espazo que lles pertence “nestes eidos fundamentais na construción do novo mundo que estamos a vivir” e destacou a necesidade  deste debate “para crecer e seguir creando redes coas que seguir a construír ideas e proxectos e poder transformar o mundo”. A nova cita da Escola, que tivo como broche final a participación da referente en Intelixencia Artificial Amparo Alonso, congregou no Castelo a máis dun cento de persoas, entre elas alumnado e docentes do IES Luis Seoane de Pontevedra, centro referente en igualdade.

Na súa intervención, Carmela Silva incidiu en que se non se cumpre o transversal ODS número 5 da igualdade –“e non se vai cumprir no 2030”-, non se poderá cumprir “ningún outro”. Lembrou neste senso que os datos sobre a presencia das mulleres en eidos como as novas tecnoloxías seguen a ser “intolerables”, e puxo como exemplo o descenso das matriculacións de mozas nas carreiras STEAM, “algo moi preocupante, porque se non estamos nesas titulacións que están a construír a nova relación humana, non vamos a estar dirixindo o mundo, dirixirano eles por nós”. Referiuse tamén ao feito de que as mulleres son maioría na universidade, teñen mellores resultados académicos e son tamén maioría as que aproban procesos selectivos para a administración pública, “pero logo non somos capaces de chegar aos lugares onde se lidera e toman as decisións –afirmou-, tanto no mundo da empresa, da administración ou nas novas tecnoloxías”. “Hai un sistema que nos impide pasar dese enorme coñecemento que acumulamos a dirixir o mundo en igualdade. Queremos ocupar o 50% pero póñennolo realmente difícil. A sociedade estase perdendo construír un mundo mellor”, sinalou.

Fronte a esta situación, a presidenta quixo poñer en valor o feito de que “si hai mulleres e potentísimas, que están aportando moito”. “Mulleres que están a ser capaces de construír equipos e unir diferentes miradas e capacidades, diferentes coñecementos desde os empresariais ata a xestión do público”, destacou. De aí a necesidade de dar visibilidade a estas líderes nos distintos eidos “para que as nenas e os nenos poidan ter referentes, moi particularmente as nenas”. Neste senso, louvou a presencia no Castelo do alumnado do IES Luis Seoane, “que van ter a estas grandes referentes para no futuro decidir a que se queren dedicar. Non esiximos máis que ter un gran abano para tomar decisións libres”.

Pola súa parte, María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana, subliñou  que “a sociedade ten que darse conta de que sen o ODS 5 non se pode avanzar” e indicou que coa xornada de hoxe “imos ver que ese liderado das mulleres en todos os eidos que busca este obxectivo 5 é unha realidade, pero unha realidade agochada”. “O que queremos é enfocalas, poñerlles rostro e que as nenas e nenos vexan que hai referentes femininas en ámbitos masculinizados, non masculinos”, apuntou. Pola súa banda, a directora do evento, María Xosé Rodríguez-Galdo lembrou que as mulleres “levamos a innovación nos xenes, porque hai algo realmente innovador que son as amas de casa; se miramos cara atrás, sempre foi un traballo tremendamente innovador. Non é estraño que ás mulleres nos preocupe o tema da innovación, porque é un herdo que recibimos e que é moi importante que o proxectemos”.

“Innovación tecnolóxica e xénero” foi o tema central da primeira das mesas de debate, que coordinou a experta en transformación dixital no sector público Mar Rodríguez. Nela, María Camacho, directora de Negocio da firma Plexus TEC incidiu en que “temos que romper barreiras e ten que haber políticas que incentiven que as mulleres esteamos en todos os niveis das empresas tecnolóxicas” e puxo como exemplo o permiso de paternidade de 16 semanas. Ademais, lembrou a importancia de “encontros coma este, que son fundamentais e fanse moi pouco”. Pola súa banda, Berta Caro, directora de Desenvolvemento Corporativo de Tecalis, afondou na “transformación dixital, que xa está nas nosas vidas e na que debe haber mulleres para poder mellorala”. Tamén puxo o foco nas power skills “como a intelixencia emocional, a resiliencia ou xestión eficiente do tempo” que teñen “favorecido moitísimo a entrada das mulleres no sector”. Ana Malde, executiva de Accenture, falou do que supón “o momento da maternidade” para as mulleres traballadoras e deixou claro que “o fomento da igualdade ten que partir da administración pública, o seu papel é fundamental para poder combater a nosa discriminación nas empresas”. Sandra Castro, executiva de contas de Fuell, subscribiu as palabras de Malde e engadiu que “as empresas temos unha responsabilidade enorme en romper estereotipos de xénero”. Tamén se referiu á importancia da “sororidade” e á loita contra o síndrome da impostora.

A segunda das mesas puxo de relevo distintas experiencias no “Emprendemento feminino e a innovación no sector primario”. Teresa Táboas, arquitecta e administradora de Sementares SL, manifestou que “ás veces tocamos na clave errada, e hai que interpretar a melodía destes tempos complexos na clave exacta de Re, Recuperar, Repensar e Revolucionar o rural coa forza das mulleres”. “Precisamos rachar –dixo- con esa diferenciación de rural e urbano. O momento actual precisa Reconducir esa diferenciación e falar só de territorio”. Sandra Amézaga, secretaria da Asociación Mulleres Salgadas, incidiu na ”falta de visibilidade” das mulleres do mar en Galicia, e neste senso lembrou a iniciativa do seu colectivo para crear un Observatorio Galego de Xénero do Sector Pesqueiro “que ofreza estatísticas e un diagnóstico deste sector, que é un descoñecido, e axude a implementar políticas adecuadas”. Pola súa banda, Elisa Rubí Cano, socia da Adegas Terra de Asorei e profesora de Química, apuntou que o gran déficit neste sector para as mulleres “está no mundo das persoas técnicas”. “No día a día no campo e o coidado da viña son homes –sinalou-. Hai enólogas, e nas bodegas van entrando mulleres, pero no sector do coidado da viña non”.E Silvia Chaves Freire, xerenta en Transportes e Madeiras Chaves, engadiu que no seu sector “queda moitísimo por traballar e hai que visibilizar ás mulleres que están, tanto en postos de xerencia como as condutoras, que cada vez son máis, para darlle a oportunidade a outras de atopar un nicho laboral”.

Pola tarde, a xornada continuou coas aportacións realizadas por tres mulleres emprendedoras que iniciaron os seus proxectos aliñadas coa universidade. Eva López Barrio, coordinadora do programa Innovatia 8.3 da Universidade de Santiago foi a moderadora da mesa na que Catalina Fernández de Ana, directora xeral de Hifas da Terra; Diana Lameiro, directora do Centro Lingoreta e Vanesa Redondo, promotora de Proplantaee, amosaron a súa experiencia profesional neste eido.

Imaxe da conferencia de Amparo Alonso

Conferencia de Amparo Alonso

A clausura da xornada correu a cargo da catedrática e autoridade en materia de Intelixencia Artificial en España, Amparo Alonso, quen defendeu xa no seu título que “a IA debe ser feminista”. Na charla, incidiu en que “a tecnoloxía non é inocua en cuestións de xénero e que podemos encontrarnos con algoritmos e moitas veces con conxuntos de datos do mundo real, que están nesgados, xa que a sociedade está nesgada”. “É importante –apuntou- que teñamos isto en conta, para ‘vixiar’ que os sistemas de Intelixencia Artificial non dean resultados nesgados, que perpetúen ou mesmo fagan crecer as desigualdades de xénero”. Sinalou que esta é unha das consideracións que se tratan na regulación que se está a construír na Unión Europea, “da que se ocupará tamén a futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial da que se fala estes días nos medios”.

Alonso referiuse ao custe económico da desigualdade na economía ao subliñar que a igualdade “é un valor fundamental da Unión Europea” e a súa mellora ”podería levar a un incremento no PIB de ata 3,15 trillóns de euros en 2050”. Neste senso lembrou que “no 66% das empresas TIC non hai mulleres directivas” e apuntou que “en 2021 o 45% dos empregos estaban relacionados co ámbito dixital”. A catedrática puxo a vista no 2025, cando o 84,6% do emprego da Unión Europea e o 69,8% en España “será realizado por persoas con formación media e alta en tecnoloxía”. Así, destacou a necesidade de “incluír a informática na educación dende as primeiras etapas, sensibilizar ao profesorado sobre o xénero nas TIC ou visibilizar a profesionais que sirvan como referentes”. A charla tamén versou sobre os nesgos de xénero na linguaxe como o uso e a tipoloxía de metáforas empregadas, as descricións nesgadas ou o grao de presencia e ausencia das mulleres nos textos escritos.

Cortado ao tráfico provisionalmente un dos carrís da Avenida Santa Mariña

0

A empresa que realiza os traballos de humanización da Avenida Santa Mariña deu conta na mañá de onte da aparición dunha incidencia nas obras, totalmente allea ao Concello, que fixeron preciso o corte dun dos carrís de circulación na antedita vía. Por parte da empresa sinalouse á necesidade de atallar o problema de “xeito inmediato polo que non houbo tempo para transmitir á cidadanía a realización deste corte de tráfico”, explicou a alcaldesa Digna Rivas.

O tráfico rodado está sendo regulado por semáforos e o Goberno local conta con que o venres estea totalmente restablecida á normalidade. Digna Rivas agradeceu “a comprensión da veciñanza ante os inconvenientes que orixina toda obra de calado e que, como en este caso, atopase con imprevistos aos que é preciso darlle unha resposta o máis rápida posible”.

Rivas lembrou que tanto ás obras que se realizan na Avenida Santa Mariña como as que se desenvolven na Praza de Ponteareas “transformarán as dúas principais vías de entrada ao casco urbano convertendo eses espazos en lugares máis agradables para a cidadanía e gañando zonas de ocio e desfrute para as veciñas e veciños”.

Nigrán ofrece unha excursión á Ribeira Sacra este domingo

0

O Concello de Nigrán ofrece este domingo 25 de setembro unha excursión á Ribeira Sacra lucense para os empadroados no municipio, independientemente da súa idade. O prezo é de 38 € e inclúe transporte en autocar, viaxe en catamarán polo río Sil, almorzo en restaurante, paseo en bus turístico, visita a unha adega da zona e guía. A saída realizarase ás 8:30 horas desde a Casa do Concello. Os interesados deben anotarse o xoves 22 de setembro na Oficina de Turismo de Panxón (de 9:00 a 13:00 horas). As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.  

Os nenos amosarán a súa garra e valentía na Gladiator Family

0

O Rosal quenta motores para participar na 15K Atlántico que se celebrará o vindeiro 2 de outubro cunha proba pensada e deseñada para divertirse en familia. O sábado 1 de outubro chega a Portecelo a Gladiator Family, unha animada carreira de obstáculos dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos, ambos incluídos, acompañados sempre dunha persoa adulta.

O Concello do Rosal colabora con Banco Mediolanum e Noko 360 na organización desta proba que comezará ás 16.30 horas e se desenvolverá na Explanada do Horizonte. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca “o noso compromiso por potenciar e promover o deporte participativo, animar aos máis pequenos e pequenas a divertirse coa actividade física e a incluíla na súa vida cotiá. E nada mellor que facelo cun día para desfrutar en familia facendo deporte”.

O percorrido e os obstáculos da carreira estarán adaptados á idade de cada neno e nena participante e anímase ás e aos acompañantes a que se impliquen e sorteen tamén todas as probas. A carreira non terá carácter competitivo e haberá un agasallo ao rematar para cada un dos cativos e cativas.

Será entretemento en familia e solidario: a inscrición terá un custo de 2 euros por parella que irán destinados de forma íntegra á Asociación Down Vigo ao abeiro do programa Aproxima de Banco Mediolanum. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse enchendo un formulario web ata o vindeiro 28 de setembro ás 23.59 h. Haberá prazas limitadas.

A Cañiza incorpora unha nova ruta de sendeirismo

0

O pasado 18 de setembro, o Concello da Cañiza inaugurou a nova ruta de sendeirismo de “Fontefría PR-G 206”, incluída no plan de reordenación de sendeiros do concello. Por primeira vez o Concello da Cañiza consigue a homologación de rutas de sendeirismo diante da Federación Galega de Montañismo: a PR-G 206 e a PR-G 207.

Cun percorrido de 7,7 km  de lonxitude, a ruta discorre polas parroquias de Achas e Petán, situando o punto de inicio no alto de Fontefría, a 790 m de altitude, do que se parte en dirección Norte. O sendeiro  transcurre por unha zona chaira con pasteiros nos que se atopan varios túmulos megalíticos, coñecidas como mámoas. Continúa por camiños entre repoboacións de piñeiro silvestre con lagoas estacionais e o regato de Portapiñeiros. Nestas zonas chairas e húmidas existen varias turbeiras.

É unha das 3 rutas que o Concello recuperou dentro do seu Plan de Reordenación de Sendeiros, xunto coa ruta da Cidade Castrexa das Grades e a ruta de Luneda. Unha actuación cun inventimento de máis de 30.000 €, financiada ao 100 % polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, e que ten por obxectivo poñer en valor o noso potencial paisaxístico,  aproveitar ao máximo os nosos recursos naturais e orientalos hacia o turismo rural de forma desestacionalizada, para impulsar a nosa economía.

Con estas tres iniciativas e xunto co Sendeiro do Río Ribadil, pertencente ao Espazo Natural Rede Natura 2000 e a ruta PR-G 165 Sendeiro das fragas e levadas do Calvo e Deva, o Concello da Cañiza completa a súa REDE DE SENDEIROS, axeitada a  unha zona cun potencial e valor ecolóxico e natural de alto nivel.

Según manifestou o alcalde Luis Piña “a posta en marcha deste Plan de Reordenación de sendeiros era unha asignatura pendente  da gobernanza da Cañiza e unha actuación prioritaria no eido medioambiental e turístico para poder aproveitar ao máximo os nosos recursos endóxenos, neste caso as nosas paisaxes, camiños e lugares con encanto, que estamos seguros serán capaces de atraer a camiñantes e turistas e que axudará a impulsar a nosa excelente oferta gastronómica e vitivinícola”.

A Deputación presenta mañá o libro ‘Castelao. Plástica e pensamento 1903-1916’

A Deputación de Pontevedra vai presentar mañá mércores 21 o libro ‘Castelao. Plástica e pensamento 1903-1916’ de Xesús Andrés López Piñeiro no Arquivo Provincial. Trátase dunha impresión institucional do ensaio de Editorial Galaxia que fala do percorrido artístico e político de Daniel Rodríguez Castelao nunha época concreta da súa vida, na que pasa do pensamento conservador ao nacionalismo.

A presentación terá lugar no vestíbulo do Arquivo Provincial (Rúa Pai Amoedo) ás 19.30 horas con entrada libre ata completar cabida. Estarán presentes a deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Memoria e Lingua María Ortega, o director xeral de Galaxia Francisco Castro, o prologuista Xosé Manuel Pazo Blanco, e tamén o propio autor Xesús Andrés López Piñeiro. Repartiranse exemplares entre as persoas asistentes.

Segundo explica o escritor, Castelao é un dos referentes de Galiza tanto no eido político como no literario, pero tamén na plástica, onde se converteu no “elo necesario” para conquistar o papel relevante que a xeración dos Novos tivo entre a arte europea, e foi dos poucos que soubo ver o papel do realismo na arte e que pelexou a contracorrente contra o costumismo. “Mais isto é preciso explicalo entrelazando a obra co seu pensamento”, sinala López Piñeiro.

Para a Deputación o conxunto da obra de Castelao e todos os estudos que se fan sobre el son de importancia chave: como artista, ilustrador,  escenógrafo, pensador, ensaísta, autor de textos literarios, dramaturgo e político, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é a figura máis simbólica e representativa do século  XX en Galicia e deixou unha profunda pegada na sociedade galega “como ferramenta e vehículo de concienciación e afirmación da identidade diferencial de Galicia”, sinala a deputada María Ortega.

Carolina Rodríguez e Carmen Lemos, gañadoras do concurso de relatos breves Remata o Conto

A creación literaria ten premio en Ponteareas. O Concello entregou estes días os premios ás e aos gañadores do certame de relatos breves Remata o conto, unha iniciativa de gran tradición na vila que se convoca cada ano coincidindo coa Feira do Libro. Nesta edición as gañadoras dos primeiros premios do concurso foron Carolina Rodríguez Domínguez na categoría infantil e Carmen Lemos González na de adulto.

O xurado, composto por Isabel Blanco, Susana Lamela e Esmeralda Quiroga, decidiron outorgar por unanimidade estes premios que completaron na categoría infantil Naiara Rodríguez Domínguez e Uxué Rodríguez, que acadaron o segundo e terceiro posto, respectivamente. Laura Domínguez Merino e Daniel Costa Melón foron a segunda e o terceiro clasificado na categoría adulto.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destaca “a calidade literaria, a orixinalidade e a corrección lingüística que cada ano nos atopamos entre os relatos participantes. Para nós é un orgullo contar cunha canteira de creadoras e creadores tan potente en todos os xéneros e de todas as idades”.

Unha época de esplendor literario en Ponteareas que se traduce na aparición de autores e autoras novas que, como salienta o edil, “dende o Concello potenciamos coa posta en marcha de obradoiros de escrita creativa e convocando premios de creación e de investigación e publicando volumes cos textos premiados”.

Fernando Groba quixo trasladar a todas e todos os galardoados os parabéns do Concello por este premio e animounos a seguir traballando e gozando do pracer de escribir e da literatura.

O Concello de Baiona lembra que o prazo de arranxo de problemas coa TDT é ata o 30 de setembro

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Novas Tecnoloxías, lembra a veciñanza que se está a activar a rede móbil de nova xeración en Baiona e pode producirse algún problema de visualización das canles da TDT.

Infórmase á veciñanza de que de detectasen algún tipo de problema na visualización das canles da TDT poden poñerse en contacto coa empresa ata o vindeiro 30 de setembro a través de: email:[email protected] ou a través do número de atención gratuíto para a cidadanía: 900 833 999. Este servizo leva dispoñible para a veciñanza dende fai meses.

Llega700 xestiona as incidencias na recepción da sinal TDT causada por activación das tecnoloxías da banda de 700 MHz no seu municipio de forma gratuíta para os seus usuarios. Infórmase de que o servizo móbil de nova xeración sobre a banda de frecuencia de 700 MHz dos principais operadores móbiles atoparase dispoñible na súa localidade en datas próximas. Nunha fase inicial, antes da súa plena dispoñibilidade, verificaremos a calidade do servizo ofrecido aos cidadáns. A tecnoloxía prestada sobre a banda de frecuencia de 700 MHz, anteriormente utilizada pola Televisión Dixital Terrestre (TDT), permite ofrecer unha mellor cobertura en interiores e a maior extensión de cobertura posible.

Esta rede chega para mellorar a velocidade de conexión a internet, servizos de televisión, vídeo e música baixo demanda, así como decenas de novos servizos que verán a luz nos próximos anos para aproveitar o gran potencial da tecnoloxía. A prestación dos servizos móbiles nesta banda pode conlevar a aparición de determinadas afectacións na recepción do sinal de TDT dos usuarios da nosa localidade, debido a que se utilizaba anteriormente para o servizo de televisión.

Para liquidar as devanditas afectacións, en caso de chegar a producirse, os operadores móbiles han confiado na nosa empresa, chega700, para resolver calquera tipo de afectación que poida producirse a calquera usuario de TDT e en calquera punto do territorio nacional que se vexa afectado por este motivo. Con tal fin, habilitamos un teléfono de atención gratuíto ao que poden recorrer todos os usuarios que necesiten solicitar a actuación nas súas instalacións para a solución das afectacións e, deste xeito, que poida restablecerse o servizo TDT con total normalidade.

Unha vez iniciada a prestación do servizo mencionado, neste número de teléfono atenderase calquera solicitude de solución de afectación que presenten os seus veciños, sendo atendidas inmediatamente e coa máxima celeridade.

Tras a notificación da afectación por parte dos veciños, un técnico cualificado desprazarase onde se detectou a afectación e procederá a realizar os labores de acondicionamento necesarias para liquidala. Todo iso sen custo algún para a veciñanza.

O Concello da Guarda súmase ao Día Mundial do Alzheimer

0

O Concello súmase este ano á chamada realizada dende AFAGA Alzheimer, para que as entidades locais se sumen de xeito solidario ao Día Mundial do Alzheimer.

Deste xeito o día 21 de setembro e coincidindo co Día Mundial do Alzheimer o Concello da Guarda participa iluminando de cor verde a fachada do consistorio municipal en apoio e solidariedade coas persoas afectadas por esta doenza.

O Alzheimer é unha enfermidade neurodexenerativa caracterizada clínicamente polo deterioro progresivo de múltiples funcións cognitivas e neuropatolóxicamente pola presencia de ovillos neurofibrilares e placas senís hipocampo-neocorticales. É a causa máis frecuente de todas as demencias.

Ponteareas reafírmase como referente deportivo unha fin de semana máis

Ponteareas reafirmouse esta fin de semana como referente deportivo, cun grande éxito de acollida e de participación nas probas dos campionatos de natación, ciclismo e tenis disputadas durante sábado e domingo. “Queremos agradecer a todas e todos os ponteareáns o seu gran respaldo e que estiveran con nós nesta gran fin de semana de deporte, na que non só puidemos gozar de diferentes disciplinas senón tamén da nosa contorna e dos espazos da nosa vila”, destaca o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó. Un grande éxito deportivo que se traduce tamén “nun grande éxito para a vila, xa que cada evento convértese nun elemento dinamizador da economía ponteareá, de encontro e de sensibilización”.

O sábado foi a quenda das e dos apaixonados da natación. A praia fluvial da Freixa acolleu a etapa final do Circuíto Galego Arzúa-Ulloa de Augas Abertas, na que se deron cita as e os principais favoritos da competición celebrada durante todo o verán en distintos puntos de Galicia. Na categoría feminina, a proba de 2500 m foi dominada de principio a fin pola nadadora do Club Natación Ponteareas Alba Ortiz, seguida no podio pola ponteareá Carla Faro e cedendo o terceiro posto á nadadora do CN Arteixo, Alba Gómez.

Mentres, entre os rapaces, tras unha disputada segunda parte do percorrido, o nadador do Arteixo, Mateo García, facíase co primeiro posto seguido no podio polos deportistas do club ponteareán Lucas Costa e Marcos Martínez.

Tras a disputa de todas as etapas, Lucas Costa e Alba Ortiz facíanse coa vitoria absoluta do circuíto. No resto de categorías participantes acadaron a primeira posición Marcos del Río e Rosalía García en Máster 1, David Rodríguez e Verónica Redondo en Máster 4, Ramón Vázquez e María del Mar Terceiro en Máster 3 e Manuel Monroy e Dolores Sar en Máster 4.

O ciclismo foi o protagonista en Ponteareas o domingo coa celebración da etapa final da Volta a Galicia na que Fernando Tercero non cedeu a camisola amarela. En total 124 quilómetros con saída e meta na vila do Tea que convidaban a buscar unha escapada aos participantes e para a que apenas houbo que agardar. Tras unha intensa xornada, Tercero acabou en primeira posición e recibiu a camisola branca de mellor Sub23 na que foi a súa última competición como amateur en España, dado que a vindeira tempada estrearase no pelotón profesional.

Jorge González, gañador da etapa e das Metas Voantes; Isaac Cantón como rei da Montaña e o ponteareán Manuel Rodríguez, primeiro galego na xeral da Volta a Galicia, tamén subiron ao podio final no que o Telco.On Clima Osés recolleu o premio ao vencedor por equipos. Todos os premiados levaron unha doce lembranza de Ponteareas, xa que o Concello sumou aos trofeos paquetes de rosquillas como promoción do produto típico local.

A cerimonia de clausura contou coa participación da alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila; o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa; o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó; o presidente da Federación de Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz; o presidente do Club Ciclista Ponteareas, Manuel Gregores, o ciclista Borja Gómez Méndez; e os ex corredores Ezequiel Mosquera e Tony Pérez, entre outros.

Intenso tamén foi o XIII Torneo Concello de Ponteareas de Tenis, que poñía este domingo fin a varios días de competición con máis de 100 deportistas participantes de todas as idades. Por categorías, Alfonso Santos fíxose coa categoría absoluta individual masculina, Marcos Yáñez coa infantil masculina, Leví Domínguez coa alevín masculina e Màire Grace Ryan coa alevín feminina. Pola súa banda, Hernán Vaquero gañou en benxamín masculino, Alfonso Santos na +35 masculino e Manuel Vázquez na +45 masculino. Os dobres absolutos masculinos foron para Sergio Bouza e Adrián Perdiz.

Parlamentarios europeos mergúllanse na experiencia de cooperación transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño

0

A Eurocidade Cerveira-Tomiño acolleu este luns a visita dunha delegación composta por 46 persoas e encabezada polos cinco deputados do Parlamento integrantes do grupo da Alianza Libre Europea (ALE) Jordi Solé, tamén primeiro vicepresidente da agrupación; a galega Ana Miranda; o francés François Alfonsi; a catalana Diana Riba e o italiano Pernicola Pedicini.

Nun encontro coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e co presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, a delegación procedente de Bruxelas mergullouse na experiencia de cooperación transfronteiriza da Eurocidade e coñeceu de primeira man o futuro Parque da Amizade, o primeiro parque transfronteirizo de lecer de Europa. “Seguimos traballando para poñer na axenda europea este proxecto de espazo en común que, aínda hoxe sen unión física, está sendo trazado dun xeito cohesionado e complementario”, salientou a rexedora tomiñesa. Unha estratexia común que tamén destacou o alcalde luso, quen explicou que o futuro parque transfronteirizo responde “á vontade dos dous concellos de crear un verdadeiro espazo público europeo e de consolidalo a través da unión peonil e ciclable”.

Tras a visita ao futuro parque transfronteirizo, a delegación visitou a Bienal de Arte de Cerveira para rematar cunha recepción na casa do Concello de Tomiño, no que ambos rexedores trasladaron algúns dos exemplos de cogobernanza, participación pública e cooperación transfronteiriza que caracterizan á Eurocidade Cerveira-Tomiño.

A visita ten por obxectivo achegarse á realidade sociopolítica galega dentro dun proxecto de “apoio aos sectores produtivos, avaliación da situación da cooperación transfronteiriza e de modelos de xestión dos concellos, así como do emprego de fondos europeos”, como explicou a eurodiputada Ana Miranda. O Grupo da Alianza Libre Europea (ALE) no Parlamento Europeo reúne aos eurodeputados e eurodeputadas que promoven a causa das nacións, rexións e minorías desfavorecidas sen estado de Europa. A favor dunha Europa dos pobos, promoven a diversidade cultural e lingüística na Unión Europea. Membros do Grupo Verdes/Alianza Libre Europea, conforman un grupo parlamentario común cos Verdes de Europa dende 1999, o cuarto grupo en importancia na cámara europea con 71 deputados e deputadas.

20 mulleres fórmanse en Mos para reducir as fendas dixital e de xénero

0

A concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro, visitou ás 20 alumnas que comezaban nas aulas da Axencia de Colocación de Mos a acción formativa enmarcada no programa ‘Galegas Dixitais’.

Hoxe inciuose o curso ‘Galegas Dixitais’, no que participan 20 mulleres en situación de desemprego. Unha oportunidade única para que as mulleres, a través dunha formación gratuíta, adquiran as competencias dixitais necesarias para o seu día a día, para a súa empregabilidade e para o emprendemento.

O programa, está organizado por Beproject Consultores e Ara Formación, e ten como principal obxectivo mellorar as capacidade dixitais de mulleres, favorecer a capacidade de empregabilidade, impulsar o emprendemento e desenvolvemento rural e reducir a fenda de xénero. Está financiado polos Fondos europeos NextGenerationEU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as alumnas participantes serán obsequiadas cun ordenador portátil, co que poderán por en práctica todo o aprendido.

Esta é a primeira das 3 accións formativas deste programa que están previstas na Axencia De Colocación De Mos, polo que as interesadas en inscribirse nas vindeiras poden chamar ao teléfono 986 487786 ou escribir ao correo electrónico [email protected].

Visitas teatralizadas inclusivas e de balde para coñecer o Castro de Troña

O Concello de Ponteareas organiza en colaboración coa Deputación de Pontevedra dúas visitas teatralizadas ao Castro de Troña que serán de balde e abertas a todos os públicos. As actividades, postas en marcha ao abeiro do programa Historias Cavadas do ente provincial, buscan “achegar ao público de xeito ameno e didáctico a historia, o valor cultural, o contexto social e o significado artístico, patrimonial e simbólico de xacementos arqueolóxicos tan importantes como o que temos na nosa vila”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

As visitas serán totalmente accesíbeis e inclusivas, podendo solicitar tamén asistencia de intérprete de lingua de signos. Os encontros serán o vindeiro domingo 25 de setembro en horario de mañá, ás 12.00 horas, e o xoves 29 a partir das 17.00 horas. Haberá dispoñibles 30 prazas dispoñíbeis por visita. As persoas interesadas poden realizar xa a súa inscrición e reserva na Biblioteca Municipal de Ponteareas ou a través do 986 660 765.

Da man do teatro e da escenificación da compañía Troula Animación, o público poderá comprender de forma didáctica e divertida o importantísimo papel que ten este xacemento arqueolóxico como testemuño do pasado e o indispensábel labor de recuperación e respecto que se realiza para sacalos á luz, mantelos en perfectas condicións e que continúen a súa historia cara ao futuro.

A Xunta renovou fontes e lavadoiros en Crecente

0

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de rematar as obras de restauración e recuperación da arquitectura tradicional dos fonte-lavadoiros de Pazo do Casal e da Rastrada, ambos no Concello de Crecente, cunha achega de 30.000 euros da Axencia Turismo de Galicia.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, supervisaron o remate desta dobre actuación, que foi financiada polo Goberno galego ao abeiro da orde de axudas para a mellora de infraestruturas turísticas en concellos de ata 10.000 habitantes.

“A Xunta sempre colabora cos concellos nas súas necesidades e, no caso de Crecente, que entre os moitos plans que ten en marcha aposta polo embelecemento e a recuperación da arquitectura tradicional, desta volta era necesario mellorar a imaxe e devolver a beleza destes fonte-lavadoiros das parroquias de Albeos e Quintela, xa que ademais son moi empregados pola veciñanza”, detallou o representante autonómico.

O recinto do Pazo do Casal, emprazado no lugar de Pazo (Albeos), debía ver mellorada a súa estrutura e corrixir certo deterioro e filtracións ao tempo que se recuperaba a súa estética de antano e se melloraba o acceso. Mentres, no lavadoiro da Rastrada, situado en Fonte (Quintela), optouse por suprimir unha estrutura de formigón existente na cuberta para devolverlle o seu esplendor e a realización doutras melloras.

En ambos casos, optouse por unha solución construtiva similar consistente na demolición dos elementos deteriorados ou en formigón, a construción de novos piares en pedra granítica do país, a instalación de senllas estruturas en madeira de pino galego e a cubrición con material cerámico ao tempo que se dotaban de nova sinalización. Ademais, no caso de Pazo do Casal tamén se procedeu á reconstrución dun muro de cachotería existente no acceso peonil e á renovación das vellas canalizacións.

O Concello de Redondela dá solución a avarías eléctricas arrastradas desde hai máis de cinco anos

0

O Goberno socialista, que preside a alcaldesa Digna Rivas, vén solucionar múltiples problemas que, dende hai máis de cinco anos, afectaban a rede de alumeado público. Os problemas viñan dados por deficiencias tanto no cableado soterrado coma o aéreo, que provocaban frecuentes fallos na prestación deste servizo básico e cuxa solución viña sendo longamente demandada pola veciñanza das distintas zonas afectadas.

Rivas lembrou que a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o Concello contratou a tres persoas “como reforzo para o servizo eléctrico de cara a acometer un plan de reparación que dera solución a numerosos problemas no alumeado público que se remontaban a máis de 5 anos”.

A alcaldesa Digna Rivas recomendou a AER “prudencia e mesura” logo de que a Agrupación de Electores afirmara que os tres traballadores contratados “dedicáronse case exclusivamente á iluminación das festas” cando a realidade, explica Digna Rivas, traballaron arreo xunto co resto do persoal do servizo “reparar deficiencias no alumeado que afectaban á veciñanza e aos que AER, que dirixiu a Concellería de Alumeado durante dous anos, non foi quen de dar solución”.

“As contratacións deste persoal –insiste Digna Rivas– non se fixeron para que levaran a cabo, exclusivamente, un cambio de luminarias –proxecto que se desenvolverá en vindeiras datas e no que se investirán preto de 70.000 euros–, senón para reforzar o cadro de persoal e poder acometer un plan de reparación global da rede”.

Así, dende o mes de abril, a Concellería dirixida agora por Vicente Lamas e co reforzo das tres persoas contratadas ao abeiro do Plan Concellos, procedeu á substitución do cableado soterrado, caixas de fusibles e farois con problemas na estrada de Peinador dende o cruce do Camiño da Milixosa ata o Camiño da Lagoa; na Avenida de Vigo; en Cedeira no treito de estrada nacional comprendido entre a Estrada á Estación e a rotonda de Vilavella; na rúa Telmo Fernández cara a Praza da Constitución e rúa Prata; en Cabanas, en dirección á praia e na rotonda da entrada á autoestrada; na Avenida Redondela dende a rúa Alexándre Bóveda ata o alto da Encarnación e, nesa mesma vía, arranxáronse problemas dende a entrada a autoestrada ata o límite con Vigo, e finalmente, na estrada do Muro cara ao Porriño.

A estas reparacións de cableados soterrados sumáronse tamén as realizadas no tendido aéreo que, debido ao seu mal estado, fundamentalmente a empalmes no cableado e deficiencias nas caixas de fusibles, provocaba deficiencias no servizo e as continuas queixas da veciñanza.

Nesta liña foi preciso substituír 432 metros lineais de cableado antigo por un novo RZ Trifásico. Así, no Camiño Xestal Lamosa,en Trasmañó, cambiáronse preto de 35 metros; na subida Cidadelle, Chapela, máis de 95 metros; Camiño Zacande, en Cesantes (37 metros); estrada da Teixeira, O Viso (60 metros); camiño dos Lagos do Viso, O Viso, (20 metros); camiño do Penedo, Cabeiro, (55 metros); na estrada Pazos, Reboreda, (30 metros) e no xestal Lamosa, Trasmañó, (100 metros).

Paralelamente a estes traballos de reparación, a Concellería traballou arreo na mellora do alumeado público no camiño da Costa, Chapela, unificando a iluminación ao darse varios tipos de farois e colocándose, a maiores, dúas farolas longamente solicitadas pola veciñanza. Mentres, no paseo da Praia da Punta, en Cesantes, cambiábanse 22 farois con máis de 30 anos de antigüidade unificándose tamén o alumeado ao existir varios tipos de farois.

Mateo García e Alba Ortiz vencen na etapa final do circuíto galego de augas abertas

A praia fluvial da Freixa acolleu este sábado, 17 de setembro, a etapa final do circuíto galego de augas abertas. Nela déronse cita os principais favoritos para a vitoria final do circuíto, que se desenvolveu durante este verán e visitou diferentes localidades de Galicia.

En mulleres, a proba de 2500 metros foi dominada de principio a fin pola nadadora xixonesa do CNPonteareas Alba Ortiz de Guinea. Acompañárona no podium a tamén pontereana Carla Faro e en terceiro lugar a nadadora do CNArteixo Alba Gómez.

Entre os mozos, Lucas Costa e Mateo García destacáronse nos primeiros metros e xogáronse a vitoria na segunda parte do percorrido. A vitoria final caeu ao lado do nadador de Arteixo Mateo García, completando o pódium Lucas Costa e Marcos Martínez, ambos os do club do condado.

Tras a disputa de todas as etapas, Lucas Costa e Alba Ortiz, ambos os do CNPonteareas facíanse coa vitoria absoluta do circuíto.

Nas diferentes categorías máster tamén se decidiron as posicións finais do circuíto, vencendo Marcos do Río e Rosalía García en categoría máster-1, David Rodríguez e Verónica Redondo en categoría Máster-4, Ramón Vázquez e María del Mar Terceiro en máster-3 e Manuel Monroy e Dores Sar en máster-4.

[su_image_carousel source=”media: 61680,61679,61678,61675,61666,61677″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

SmartPeme imparte esta semana 7 novos cursos de formación

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana novas accións formativas online, da súa carteira de obradoiros. Nos talleres explicarán que é o malware, a factura electrónica, o CRO, ferramentas dixitais para hostalaría, tecnoloxía blockchain e bitcoins, plan de márketing dixital ou posicionamento SEO.

Este luns 19 de setembro, Manuel Freire, Experto Universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, impartirá o taller “Ciberseguridade – Qué é o Malware”  co que se inicia unha serie de talleres co obxectivo de dar a coñecer o Malware, que tipos de Malware empregan os ciberdelincuentes ou como podemos saber se estamos infectados dun.

O martes 20, terá lugar a acción Como facturar electronicamente para as empresas e administracións públicas. Este obradoiro  ten como obxectivo demostrar que a factura electrónica é unha solución máis económica e eficaz que a factura convencional, reducindo custos (papel, medios de comunicación, etc.) e tempo de xestión administrativa de calquera autónomo ou empresario. O encargado de conducilo será Jose Luís Taboada, enxeñeiro Informático con máis de 20 anos de experiencia e especializado en sistemas informáticos.

O mércores 21 de setembro, na quenda da mañá, Esther Garcinuño, Diplomada en Ciencias Empresariais impartirá o taller “CRO: como mellorar as ventas da túa web”. Neste obradoiro analizarase este concepto, aprenderase a identificar por que os usuarios non converten no sitio web ou o coñecemento de técnicas básicas para transformar visitantes en clientes. Pola tarde, Sonia Torres, Técnica de Empresas e Actividades Turísticas versará sobre “Ferramentas dixitais para restauración e hostalería”. As ferramentas dixitais convertéronse nun aliado imprescindible para a reapertura e competitividade dos establecementos de restauración. Aportan solucións para a promoción, comercialización, distribución, xestión, seguridade ou experiencia dos usuarios.

 

O xoves 22 ofrécense tamén 2 obradoiros. O primeiro será as “Blockchain e criptomoedas“ pola mañá, co que se inicia unha serie de catro obradoiros informativos sobre a tecnoloxía blockchain. No primeiro destes obradoiros veremos en que consiste a tecnoloxía blockchain e como grazas a ela estamos ante o que se chama “o internet do valor”: unha forma de transmitir valor a través da rede. O obradoiro será impartido, de novo, polo experto Manuel Freire. A segunda formación será a partir das 17.00 h, no que Adrián Fernández, Licenciado en Comunicación pola Universidade de Barcelona, ensinará que é un plan de márketing dixital, a súa importancia, para que serve e como crear o noso paso a paso cun exemplo real, no curso: “O teu plan de márketing dixital paso a paso”.

Finalmente, o venres 23 celebrarase o derradeiro dos obradoiros. Laura Carrera, Graduada en Publicidade e Relacións Públicas versará sobre “SEO para redes sociais”. Neste taller ensinarase a mellorar o posicionamento SEO dunha web grazas ás redes sociais.

A Xunta colabora coa Fundación Pazo de Mos na difusión da historia, a arte e a cultura de Galicia

0

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, achegouse o venres pola tarde ata o Pazo de Mos, acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e demais membros do goberno local, para asinar co presidente da Fundación Pazo de Mos, Manuel Castro, un convenio polo que a Xunta vai colaborar coa entidade na difusión da historia, a arte e a cultura de Galicia.

O acordo polo cal o Goberno galego contribúe cos gastos de funcionamento desta fundación ten por obxectivo apoiar as súas actividades, entre as que se inclúen desde visitas e formacións ata exposicións, concertos ou espectáculos de artes escénicas. “Desde o ano 2006 a Fundación Pazo de Mos, grazas á implicación e esforzo dos veciños, fai un importante labor para dinamizar a vida cultural deste municipio e ofrecer unha programación diversa e de calidade”, salientou Román Rodríguez.

Neste senso, o responsable autonómico de Cultura agradeceu o traballo veciñal e o seu compromiso co legado da nosa Comunidade participando en eventos como o Festival Intercéltico O son do Pazo que se acaba de celebrar.

Por outra banda desde o Concello de Mos aproveitouse tamén para asinar coa Fundación Pazo de Mos o convenio anual polo que a administración local apoia á fundación con 10.000 euros. Neste senso, a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, destacou “o compromiso incondicional do Concello de Mos co seu patrimonio histórico, cultural e arquitectónico, por iso continuamos a senda de apostar por axudar á Fundación Pazo de Mos”. Ademais Arévalo agradeceu enormemente “a man sempre tendida da Xunta de Galicia e da consellería de Cultura en particular, apoiando e premiando o esforzo que desde a administración local e colectivos mosenses facemos para poñer en valor a cultura galega e o Camiño de Santiago”.

O obxecto deste convenio é establecer as bases de colaboración entre o Concello de Mos e a Fundación Pazo de Mos, polo que a Fundación se compromete á cesión de uso das instalacións do Pazo de Mos para a realización de actos institucionais por parte do Concello e reunións nas instalacións do Pazo de Mos, principalmente a celebración de sesións plenarias coa periodicidade establecida así como reunións puntuais con asociacións, veciños, actividades culturais, deportivas…

Reforma integral da biblioteca

Con esta contribución, amplíase o compromiso da Consellería co municipio de Mos, que se reflicte na achega de 250.000€ para a reforma integral da biblioteca municipal, o que permite seguir impulsando os servizos culturais de proximidade.

Tamén nos traballos arqueolóxicos que están actualmente en execución no Castro de Pereiras, que o conselleiro visitou, e que se realizan en colaboración co Concello e a Comunidade de Montes de Pereiras co fin de consolidar e poñer en valor os restos atopados nas anteriores campañas.

A actuación na parroquia mosense de Pereiras encádrase na estratexia de Xunta de Galicia para coñecer mellor o noso pasado.

Tomiño volve mollarse polos ríos participando na limpeza simultánea impulsada por Adega

0

Un ano máis o Concello de Tomiño implícase coa limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega ao abeiro do Proxecto Ríos. Será participando na iniciativa ‘Móllate polos ríos’, unha xornada de retirada de lixo á beira do río coa que se busca concienciar á sociedade da necesidade de manter limpos de residuos os cursos fluviais do municipio como premisa para garantir a súa saúde. Nese camiño cara a sensibilización, o Concello celebrará este ano a xornada o luns 26 de setembro para acadar unha maior implicación do alumnado tomiñés.

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, convida a toda a veciñanza e a grupos ou asociacións a que se unan á vixésimo quinta edición desta iniciativa que en quendas anteriores mobilizou a miles de voluntarios e voluntarias e nas que se retiraron decenas de toneladas de residuos. Máis información na web  https://proxectorios.org/projects/xv-limpeza-simultanea-de-rios-mollate-polos-rios/.

A actividade está aberta a todos os públicos. Todas as persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través da páxina web do Concello. Mentres, as asociacións e centros educativos que desexen implicarse poderán facer a súa inscrición a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ao teléfono 986 62 20 01, extensión 6. Se algún grupo está interesado en participar outro día diferente, pode e debe comunicalo, para facilitarlle material e organizar a xestión do recollido.

Recoméndase levar roupa cómoda para camiñar, protección solar en caso de que o tempo o demande e gorra e calzado para a auga ou de recambio por se se molla durante a actividade.

Concello e Instituto Galego da Vivenda e Solo asinan un convenio para apoiar a rehabilitación do patrimonio da vila

O Concello de Ponteareas segue a facer un esforzo por captar fondos cos que transformar Ponteareas na vila do futuro. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, asinou este venres coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, un convenio de colaboración co Instituto Galego da Vivenda e Solo que permitirá financiar a rehabilitación e conservación do edificio situado no número 39 da Praza Maior.

Trátase dun financiamento sen xuros de case 790.000 euros que permitirán ao Concello iniciar as obras do futuro Centro Cívico de Ponteareas sen ter que adiantar nin depender de recursos propios ata a percepción da subvención do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat saudábel’. “Somos un concello pioneiro que levamos moito tempo colaborando co IGVS. Para nós é unha ferramenta fundamental que nos permite afrontar grandes obras dunha forma planificada e así destinar o orzamento anual do Concello a mellorar a realidade da veciñanza”, recalcou Fernández Davila.

Deste xeito o Concello continúa a dar pasos para dotar a Ponteareas de servizos necesarios e dos que na actualidade as e os ponteareáns carecen. É o caso do Centro Cívico no núcleo urbano, o primeiro edificio público de Ponteareas que contará con 900 m2 destinados a servizos municipais e actividades sociais, como espazos para a mocidade, salas de reunións, espazos para obradoiros e cursos, servizo de atención temperá ou unha oficina de información.

O Goberno municipal destaca o grande avance deste proxecto. O Concello ten previsto sacar xa a licitación nas vindeiras semanas as obras de execución, polo que os traballos de rehabilitación iniciaranse antes de que remate o ano e con previsión de que a finais do ano 2023 poidan desfrutar das instalacións todos os veciños.

O Multiúsos da Xunqueira, escenario da presentación do Proxecto Argos. Memoria e Patrimonio baixo a ría

0

A Casa do Concello de Redondela foi escenario da presentación do Proxecto Argos. Memoria e patrimonio baixo a ría, iniciativa conxunta do Concello redondelán e do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy que busca poñer o foco de atención sobre a necesidade de documentar e protexer o patrimonio subacuático para evitar o seu saqueo e desaparición.

O acto de presentación estivo presidido pola alcaldesa Digna Rivas, acompañada pola concelleira de Patrimonio, María Castro, e membros do Obradoiro de Estudos Locais. Rivas destacou a importancia deste proxecto que, baseándose na experiencia dos achados da ría de Ribadeo dos que se da conta nunha extraordinaria reportaxe “chama a atención sobre o concepto ‘patrimonio’ visto dende un xeito global” xa que, segundo a rexedora redondelá “adoitamos considerar patrimonio só o que está a vista cando, a nosa ría ao igual que a de Ribadeo, contén numerosas testemuñas da historia que é preciso catalogar, documentar e protexer”.

Unha vez máis, di a alcaldesa, “o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy amosa a súa capacidade de traballo á hora de defender a nosa historia a través da protección do noso patrimonio, nunha labor altruísta e, sen dúbida, impagable”.

O Proxecto Argos será presentado o sábado 24 de setembro ás 19 horas no multiúsos da Xunqueira nun acto que contará cos relatorios Proxecto Argos, a cargo de José María Sanjurjo Peña, presidente do Club de Actividades Subacuáticas Illa Pancha; Arqueoloxía Subacuática entre Galicia e Asturias, impartido por David Fernández Abella, investigador da Universidade de Santiago de Compostela e director do Proxecto Argos; Que historia nos conta a cerámica da ría?, por Miguel Busto Zapico, investigador, Grupo PRINMA, Universidade de Granada e A busqueda do tesouro de Rande. Breve historia das expedicións, a cargo de Yago Abilleira Crespo, investigador de historia naval en Pontevedra.

De seguido procederase á proxección do documental, dirixido por Manuel Vázquez González Memoria e patrimonio baixo a Ría e, finalmente, realizarase unha visita a exposición instalada na sala número 1 do Multiúsos da Xunqueira, mostra que poderán visitar todas as persoas interesadas ata o vindeiro 15 de outubro.

Covelo e a UVigo promoven o coñecemento científico entre a cidadanía

0

O Concello de Covelo e a Universidade Vigo veñen de asinar un convenio de colaboración para promover o desenvolvemento científico e tecnolóxico na procura dunha aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade.

O alcalde, Pablo Castillo, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel J. Reigosa, asinaron o convenio co obxectivo de realizar actividades e proxectos que fomenten o coñecemento da contorna, promover a mellora da saúde e tratar temas de interese local a través de cursos, conferencias e seminarios dirixidos a persoas maiores de 55 anos.

Este xoves, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, formalizou esta colaboración co Concello de Covelo asinando o convenio co alcalde, Pablo Castillo, egresado da Universidade de Vigo, en concreto da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Espallar o coñecemento máis aló dos campus

No acto de sinatura, o reitor destacou a importancia de “democratizar o coñecemento e ofrecer formación ao longo de toda a vida” pero lembrou que, se ben o Programa Universitario para Maiores leva anos sendo unha iniciativa moi exitosa nos tres campus, “queremos facer país tendo unha presenza en todas os lugares da xeografía galega que nos sexa posible”.

Neste sentido, o rexedor de Covelo subliñou a importancia deste contacto estreito cos “concellos pequenos”, que permite “abrir a Universidade a toda a súa contorna”.

Enmarcado no proxecto “Mareas de coñecemento e experiencia” da Uvigo, permitirá o desenvolvemento de tres seminarios con temáticas diferentes. O primeiro deles versará sobre tecnoloxía e uso de ferramentas no telefono móbil. O segundo arredor da arte e historia, afondando no patrimonio histórico cultural de Covelo cunha sesión teórica e divulgativa e unha segunda sesión práctica na que o alumnado visitará os xacementos relacionados co impartido.

O terceiro seminario abordará a Saúde e o Benestar. Os hábitos alimenticios e a mellora da saúde a través dunha alimentación axeitada serán os principais aspectos a tratar, sempre na procura da dunha mellora calidade de vida tanto para as persoas asistentes como para as persoas coas que conviven e ás que coidan.

Mareas de coñecemento

Mareas de coñecemento e experiencia é un proxecto itinerante de formación universitaria que naceu ao abeiro do Programa de Maiores da Universidade. A súa finalidade é achegar a formación, a ciencia e a cultura á poboación rural maior de 50 anos, levando aos concellos da contorna un programa que aborda eidos como a xeografía, a arte e a historia; a ciencia e medio ambiente; a saúde e o benestar ou as tecnoloxías, adaptando sempre os contidos ás demandas dos concellos implicados.

Este programa de democratización do coñecemento, que conta cunha subvención da Consellería de Política Social e Xuventude, xurdiu no marco da Rede Galega de Programas Universitarios para Maiores en 2018 co fin de afrontar dende o eido universitario os retos do envellecemento da poboación e acadar obxectivos comúns na aprendizaxe ao longo da vida. Deste xeito, trátase de deseñar e organizar actividades formativas e de extensión cultural destinadas ás persoas que, por motivos xeográficos ou económicos, non poden asistir aos Programas Universitarios para Maiores nas sedes oficiais dos tres campus.

Tras o seu paso ao longo dos últimos cursos por Ribadavia, Leiro, Gondomar, Nigrán, Forcarei ou Tui, e despois de dous anos marcados pola pandemia, este curso bota andar nos concellos do Rosal, Covelo e Celanova e, en próximas datas, arrancará tamén en Moaña.

O alcalde, Pablo Castillo, explica que 15 persoas están a recibir, nestes días, formación relacionada coas TIC, as App e as ferramentas dixitais, que foron os contidos máis demandados polo concello.

PROGRAMA

Seminario I «Tecnoloxía uso de ferramentas no telefono móbil»

María Rodríguez Damián y Amparo Rodríguez Damián. Profesoras da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo .

  • 14 de setembro, de 16.30 a 19.00 h. Sesión teórico-práctica 1: «O teléfono móbil. Configuración básica. WhatsApp e Videollamadas. Lecturas código QR. Aplicaciones de banca electrónica y pago»
  • 15 de setembro, de 16.30 a 19.00 h. Sesión teórico-práctica 2 «Outras aplicacións. Calendarios de vacinación e medicacións, Petición de citas médicas, Localización de persoas, etc.»

Seminario II «Arte e historia»

Elisa Pereira García. Profesora do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo

  • 19 de setembro, de 16.30 a 18.30 h. Sesión divulgativa: «Patrimonio do concello de Covelo. Mámoas e petroglifos, Cruceiro Santísimo Cristo dos Aflixidos »
  • 20 de septembro, de 16.30 a 19.30 h. Sesión práctica: «Visita as Mámoas e os petroglífos, Cruceiro Santísimo Cristo dos Aflixidos (Cerviño)»

Seminario III «Saúde e benestar»

José Luis García Soidán. Profesor na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

da Universidade de Vigo

  • 21 de setembro, de 16.30 a 18.30 h. Sesión divulgativa: «Contorna natural. Alimentación e saúde»
  • 22 de setembro, de 16.30 a 19.30 h . Ruta cardio-saudable dende ruta do Rio Alen a Barcia de Mera. A andaina durará en torno a dúas horas.

O Rosal acolle a visita dunha unidade móbil de doazón de sangue o vindeiro 20 de setembro

0

O Rosal inicia o curso escolar cunha nova visita este mes de setembro dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará no concello o vindeiro martes 20 para todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade. O autobús estará situado na rúa Ramón Franco, nº 4, fronte á sucursal de Abanca, e os rosaleiros e rosaleiras poderán doar sangue de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Todas as persoas que desexen doar sangue poderán solicitar cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

Aínda que o persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que se achegan a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recoméndase non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios.

Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.

Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos…

Noelia Sías regresa ao concurso nacional do Mellor Artesán Florista con moitas ilusións de lograr o pimeiro posto

0

A florista mosense Noelia Sías volve presentarse ao concurso do ‘MAF’ (Mellor Artesán Florista) que se celebrará do 28 setembro ao 1 de outubro en Toledo e no que participarán un total de 24 persoas. Nas 2 últimas edicións ás que se presentou quedou 2ª.

Sías síntese con moitas posibilidades de gañar este ano, tras ter quedado subcampioa en 2019 e 2021 (no ano 2020 non se celebrou por mor da pandemia da COVID-19).

Este ano a mosense Noelia Sías volve participar no ‘MAF’ e desde o Concello de Mos, en nome de todo o municipio, a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, xunto con membros do goberno local, trasládalle todo o apoio da administración e da veciñanza para afrontar coa maior das forzas e o ánimo esta importante competición de índole nacional.

Deste xeito, tras facerse 2 veces co título de segunda mellor florista de España, Noelia Sías loitará en cuestión de días polo primeiro posto.

Noelia Sías é veciña da parroquia de Mos e traballa en Floristería Lola. A florista mosense destaca da súa empresa “as facilidades e colaboración que sempre me dan para que poida formarme, facer cursos novos, participar en competicións como esta… é algo moi de agradecer e que non é frecuente en todas as empresas”. Floristería Lola leva máis de 38 anos en activo en Mos e, tal e como declaraba a rexedora local mosense, “é un referente en toda a provincia de Pontevedra, do que nos sentimos enormemente orgullosos”.

Arévalo, rexedora local mosense, declarou sobre Sías que “é un orgullo para Mos, sendo ademais o Concello da rosa, contar entre a nosa veciñanza coa segunda mellor artesá florista de España que esperamos que en breve se convirta na primeira”. A alcaldesa felicitouna por presentarse novamente a esta importante competición e animouna a seguir levando o nome da localidade mosense ao máis alto do mundo da flor.

Sías, que é veciña da parroquia de Mos, leva 23 anos vinculada ao mundo da floristería. Actualmente, e dende fai case 16 anos, traballa en Floristería Lola, tamén de Mos, e formouse nalgunhas das mellores escolas nacionais do sector florista.

Entre os seus mestres figuran nomes tan destacados a nivel nacional como os de Juan Chamorro, Roberto Silbosa, Daniel Santamaría ou María Jesús Miranda e tamén algúns referentes internacionais como Gregor Lersch, Per Benjamin ou Vadim Kazansky.

O xurado do ‘MAF’ avalía en cada unha das probas aspectos como a técnica, a limpeza, a rapidez, a cor, o estilo actual, a dificultade de elaboración, a actitude dos floristas ou o compañeirismo. Dúas das probas son en grupo e os participantes teñen un tempo máximo especificado para completar cada unha delas.

A Feira do Viño do Rosal celebra os seus 30 anos de vida por todo o alto

0

A Feira do Viño do Rosal prepárase para celebrar as súas tres décadas de vida cun evento no que haberá unha morea de actividades para todos os públicos nunha contorna única. “Trinta anos non se cumpren todos os días. E queremos facelo por todo o grande, cunha morea de actividades para todos os públicos, na renovada Praza do Calvario e retomando esa convivencia que tanto botabamos de menos na pandemia”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o acto de presentación, que contou coa participación do presidente da Cofradía Cabaqueiros do Viño do Rosal, Enrique Costas, e de numerosos representantes das adegas e empresas participantes na feira.

Vólvese a unha feira presencial na que a gastronomía e as exposicións tamén se sumarán como elemento esencial e na que se contará de novo cun pregoeiro de altura, o valenciano Pedro Ballesteros, o primeiro español Master of Wine, enxeñeiro agrónomo con mestrado en Viticultura e Enoloxía e unha das persoas que máis saben de viño no mundo. El dará o pistoletazo de saída á feira o venres 7 cunha cata ás 12.30 h e co pregón durante o acto inaugural ás 20.00 h. O concerto de Moon Cresta porá o peche á primeira xornada.

Xa o sábado 8 as casetas abrirán ás 11.30 horas para dar paso ás 12.00 h ao showcooking dos chefs Iván Méndez e Álex Iglesias no marco do proxecto de cooperación transnacional Eurochef, do que forma parte Eu Rural. Ás 13.30 h concerto lixeiro con Blues do País ao abeiro do proxecto Música e Viño no teu Camiño, promovido por Eu Rural dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Pola tarde é a quenda dos máis pequenos, que desfrutarán da maxia co Mago Paco ás 17.00 h. Logo virá un clásico da Feira, o grupo de gaitas Airiños do Folón, que deixarán paso ao concerto de peche da xornada, o do grupo Broken Peach.

Xa o domingo 9 o día arranca cos xogos da empatía, “porque somos terra de viños, pero tamén de inclusión. Con estes xogos porémonos todos e todas do outro lado e comprobaremos como é xogar ao baloncesto en cadeira de rodas, xogar á petanca a cegas por parellas, correr cos ollos pechados… Todo un reto e unha forma de sensibilizar a toda a veciñanza”, explicou a rexedora. O concerto lixeiro das Pandereteiras Tremelique ás 13.00 h acompañará ao público mentre se toma un bo viño do Rosal. O broche de ouro da Feira correrá a cargo de Awen, que ofrecerá un concerto a partir das 20.00 h.

Fernández Callís quixo agradecer a todo o colectivo de adegas “todo o seu esforzo, non só por levar traballando 30 anos na Feira do Viño do Rosal, senón tamén por manter vivo un dos principais sectores económicos do noso municipio”. Pola súa banda, o presidente da confraría, Enrique Costas, quixo enxalzar “o labor de todas e todos os que achegades a vosa axuda para visibilizar o noso traballo e que os nosos veciños e veciñas se sintan orgullosos. Sabemos que os éxitos dos viños do Rosal son éxitos para o territorio e para as persoas que viven nel”.

O Concello habilitará un servizo de autobús. Nos vindeiros días darase a coñecer percorridos e horarios.

A Xunta renova máis de 60 ecógrafos nos hospitais públicos galegos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña visitou o servizo de radiodiagnóstico do Hospital Universitario de Ourense, para coñecer os novos equipos de ecografía instalados neste centro dentro do proceso de renovación de máis de 60 ecógrafos, levado a cabo pola Xunta de Galicia no último ano, mediante un investimento de 5,3 millóns de euros.

En particular, a Xunta licitou o ano pasado dous contratos de subministracións: un para adquirir 48 novos ecógrafos para os servizos de radiodiagnóstico dos hospitais públicos galegos e un segundo para facerse con 16 ecógrafos destinados, na súa meirande parte, aos servizos de urxencias. Logo de formalizarse os contratos coas distintas empresas adxudicatarias a comezos deste ano, os equipos están xa instalados.

As contratacións realizadas teñen achegado novo equipamento de ecografía á totalidade dos hospitais da rede pública galega, incluíndo aos sete hospitais comarcais, que teñen recibido todos eles cando menos un novo ecógrafo, ben sexa para urxencias ou para radiodiagnóstico.

En concreto, na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras instaláronse trece ecógrafos. Tres nos servizos de urxencias dos tres hospitais públicos, e dez nos servizos de radiodiagnóstico.

Nove novos ecógrafos no Universitario de Ourense

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego visitou está maña o Hospital Universitario de Ourense, onde se instalaron nove novos equipos,  cun investimento de máis de 900.000 euros. Ademais do de urxencias, oito deles en funcionamento nas distintas áreas funcionais do Servizo de Radioloxía e Radiodiagnóstico do Hospital Universitario de Ourense, un servizo central de referencia moi especializado, que cobre desde as necesidades diagnósticas do sistema músculo esquelético ou vascular, da mama, abdomen, etc.

Parte dos novos equipos son ecógrafos doppler color de prestacións avanzadas, (Canon Aplio i800) e supoñen un investimento superior aos 100.000 euros, que permiten obter imaxes de gran precisión, con microcorte dinámico intelixente, microvascular intelixente superior, frecuencia ultra alta de microfluxo, asi como imaxes 4D ou de endoscopia virtual.

Comesaña comprobou en Ourense o funcionamento dos novos ecógrafos instalados, nunha visita na que estivo acompañado polo xerente desta área sanitaria, Félix Rubial, e polo xefe do servizo de radiodiagnóstico, Manuel Fernández Carrera.

Fondos europeos para renovación de tecnoloxía sanitaria

Esta contratación responde ao obxectivo de mellorar a oferta asistencial á poboación das sete áreas sanitarias de Galicia, aumentando e modernizando a capacidade radiodiagnóstica de todos os hospitais públicos galegos, como medio para mellorar o diagnóstico e seguemento dos seus usuarios e usuarias.

O equipamento obxecto destes expedientes de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Estes contratos forman parte do proceso de renovación do equipamento sanitario emprendido nesta lexislatura e ao que a Xunta de Galicia destinou 60 millóns de euros nos Orzamentos do ano 2021, e máis de 90 nos Orzamentos do vixente ano.

En particular, o goberno galego investiu máis de 4’3 millóns de euros na adquisición de 37 novos equipos radiocirúrxicos e adquiriu sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci, por un importe de 20,5 millóns de euros para as sete áreas sanitarias. Ademais, ven de adxudicar outro contrato por 1,4 millóns de euros para renovar un total de 97 lámpadas cirúrxicas no conxunto de hospitais públicos do Sergas e está a piques de resolver outro por valor de 3 millóns de euros, licitado en maio deste ano, para substituír máis de 50 mesas cirúrxicas dos hospitais galegos que contan con máis de 15 anos de antigüidade. Por outra banda, a Xunta está a tramitar este ano contratos por valor de máis de 60 millóns de euros destinados a canalizar os fondos Next Generation da Unión Europea para a renovación e ampliación de equipamento sanitario de diagnóstico por imaxe, radioterapia e medicina nuclear en todas as áreas sanitarias.

As rúas de Redondela acollen mañá sábado a I Contrarreloxo por Equipos de ciclismo ‘X Aniversario C.A.R.’

0

Máis de 32 equipos teñen confirmada xa a súa participación na I Contrarreloxo por equipos de ciclismo ‘X Aniversario C.A.R.’ organizada pola Concellería de Deportes do Concello de Redondela, que xestiona Nacho González e que se disputará nun percorrido urbano de 5 quilómetros con final na Portela.

“Trátase dun tipo de proba moi interesante de seguir por parte das persoas afeccionadas ao ciclismo ao disputarse polas rúas da vila, o que facilita a asistencia de público”, explica a alcaldesa Digna Rivas para quen “a organización de probas deportivas, como neste caso unha contrarreloxo por equipos de ciclismo, non só buscan permitir á cidadanía gozar da espectacularidade deste deporte, senón fomentar entre os máis novos a práctica deportiva”.

A proba dará comezo ás 20 horas do sábado 17 de setembro, unha hora máis que axeitada dados os prognósticos meteorolóxicos que prevén para esta fin de semana altas temperaturas.

Tanto a alcaldesa de Redondela como o concelleiro de Deportes, agradeceron a colaboración de Rodavigo, patrocinadores da proba “que, nunha ocasión máis, están abertos á colaboración con este Concello e contribúen a que, actividades deste nivel, poidan ser posibles”.

A proba conta tamén coa colaboración da Asociación Deportiva C.A.R. (Club Atletismo Redondela) que cumpren dez anos de andaina “e que desenvolven un extraordinario traballo de promoción do atletismo e de inculcar valores como o traballo en equipo, a solidariedade e o compañeirismo, tan importantes como a propia actividade deportiva”, argumenta a alcaldesa de Redondela.

Tradición e modernidade sobre o escenario co concerto de Xisco Feijoo este sábado 17 en Ponteareas

Despois de máis de 30 anos facendo un incesante traballo de recuperación etnográfica e colaborando en máis de 20 discos e espectáculos de artistas de proxección internacional, Xisco Feijoo chega esta fin de semana a Ponteareas coa súa primeira achega musical en solitario, ‘Peixe’, que inclúe unha peza do mesmo nome galardoada co premio aRi[t]mar á mellor canción galega do ano 2021.

Será este sábado 17 de setembro ás 21.00 horas no auditorio da Feira Vella ao abeiro das Festas de Setembro do Concello de Ponteareas, onde presentará un espectáculo preñado da esencia máis fonda da música tradicional interpretada dende unha ollada contemporánea. Unha visión dominada polas novas tecnoloxías pero con respecto e posta en valor das orixes máis puras e ancestrais.

“Queremos celebrar o noso mes grande de festas non só con espectáculos e lecer para todos os públicos e gustos, senón tamén cun programa que reafirma o compromiso do Concello coa nosa cultura e a nosa lingua”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

O concerto forma parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, impulsada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), polo que terá un curso de 3 euros. As localidades estarán a venda de forma anticipada venres e sábado de 11.00 a 14.00 horas na biblioteca municipal e o sábado a partir das 19.30 horas e tata o comezo do espectáculo na propia Feira Vella.

Cantante, premiado bailador, coreógrafo, presentador de televisión, mestre da ETRAD ou coordinador da sección de canto da Orquestra Folk de Galicia SondeSeu son algunhas das súas máis destacadas facetas como artista total, traballador tenaz a prol do canto e do baile tradicional. En todas elas é quen de deixar a súa pegada: a esencia máis fonda da música de creación colectiva, a partir da experiencia e a investigación, pero dende unha óptica moderna e renovadora. Entre os seus traballos atópanse colaboracións con Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Kepa Junquera, Berrogüetto, Rodrigo Romaní ou Tanxugueiras, coas que traballou como actor e bailador en ‘Midas’.

Por outra banda, o Concello informa de que se adía a celebración do LV Concurso de Gaitas do País, prevista para este sábado 17 pola tarde e que incluía ruada dos grupos participantes polo centro urbano previa ao certame.

“Tornar ás Táboas” regresa este outono á provincia

O outono chega co mellor teatro á provincia da man da segunda edición do programa “Tornar ás Táboas”, que a Deputación puxo en marcha no 2021 para reactivar a escena teatral e achegala aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Neste 2022 ampliouse o orzamento para esta actividade, tal e como destacou hoxe a presidenta provincial Carmela Silva, que pasa de 80.000 euros a 126.000 euros co obxectivo de incrementar o número de funcións, consolidar o proxecto “e levalo a todo o territorio”. Deste xeito, explicou a presidenta, chégase aos 47 concellos, 11 máis que na anterior edición. “A xente demanda teatro, o que ocorre e que non hai quen o promocione, por iso a Deputación de Pontevedra impúlsao para que chegue ao conxunto do territorio”.

Nesta segunda edición, que dá comezo neste mes de setembro e finalizará en decembro, volve o teatro da man da Deputación aos concellos da provincia con máis forza, máis espectáculos e novas localizacións dentro da programación de “Con-Fiando Cultura”. Este ano “Tornar ás Táboas” volve apoiar ás nosas compañías, garantindo o acceso á programación cultural en todos os recunchos da provincia.  “Os pequenos concellos teñen máis dificultades para ter teatro e nós queremos democratizar a cultura. A cultura ten que chegar a todos os concellos”, subliñou Carmela Silva.

A institución, fomenta este programa con concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes e conta con compañías profesionais da provincia para ofertar o mellor teatro en todo o territorio. Participan 25 compañías que ofrecerán 47 espectáculos. As representacións darán comezo o 23 de setembro en Rodeiro e finalizarán o 18 de decembro en Caldas de Reis e Arbo, destacando neste percorrido, unha función moi especial para a rapazada do Centro Príncipe Felipe o vindeiro 29 de setembro.

Gondomar oferta máis de 600 prazas nas súas escolas deportivas municipais

0

O Concello de Gondomar porá en marcha un ano máis as súas escolas deportivas en colaboración coa Deputación de Pontevedra.

A partir do próximo mércores 21 abriráse o prazo de inscricción para as disciplinas de: judo, balonmán, baloncesto, patinaxe artística, psicomotricidade e multideporte, taekwondo, GAP, ximnasia de mantemento, xadrez e marcha nórdica.

O goberno local ten feito dende a súa chegada unha aposta decidida polo deporte en xeral e particularmente polo deporte de base, co incremento de orzamentos e melloras constantes das intalacións deportivas e a posta en marcha de outras novas.

O alcalde da vila, Paco Fereira, destacou que “Gondomar xa é un referente no deporte base en Galicia, e proba de elo é que algúns dos e das deportistas de Gondomar que actualmente están competindo a nivel autonómico, nacional e incluso internacional deron os seus primeiros pasos no deporte nas nosas escolas municipais”. “Gondomar e unha vila que vive o deporte como ferramenta para unha vida máis saudable e para a socialización e por tanto seguiremos traballando para ampliar as nosas escolas tanto en numero de prazas como de disciplinas”.

Vovle “A Biblioteca Viaxeira” de Salvaterra

Un ano máis o Concello de Salvaterra de Miño pon en marcha o seu programa “A Biblioteca Viaxeira” a través do programa ler conta moito, co fin de achegar a todas as parroquias actividades dinamizadoras da lectura.

O programa deste ano arranca o próximo 21 de setembro na Biblioteca Municipal e visitará Porto, Pesqueiras, Fornelos e Lira.

Todos os interesados en participar so tedes que apuntarvos no 637 108 343 ou no correo [email protected].

O Concello de Salceda mantén o apoio ao tecido asociativo con máis de 126.000 euros

O Concello de Salceda de Caselas asinou este mércores os convenios de colaboración coas asociacións co que percibirán 126.751,40 € que servirán para axudar aos colectivos a sufragar os seus gastos de funcionamento e actividades. O acto de sinatura celebrouse no Auditorio Municipal e contou coa presenza da Alcaldesa Verónica Tourón, a tenente de alcaldesa Loli Castiñeira e o Concelleiro de Cultura e Asociacionismo Álex Rodríguez.

Nos máis de 126.000 euros que se destinan, asináronse convenios cos centros culturais (900 €), os coros (700 €), as asociacións de veciños (400 €), os entroidos do Castro Barreiro e da Feira (1.600 €), a Asociación de Amigos e Amigas da Música de Salceda (22.000 €), o CEP Altamira (1.200 €), o IES Pedras Rubias (2.400 €) e a Asociación de Xubilados e Xubiladas e Pensionistas (3.000 €).  No eido deportivo, 22.551,40 € son para as Escolas Deportivas, 18.000 € para o Caselas C. F., 4.550 € para os Clubes de Balonmán e Baloncesto e 400 € para o Club Ciclista Aragonta.

Tamén reciben axudas por segundo ano a Escola de Fútbol Dénis Suárez e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias (AFAGA) con 15.000€, A asociación de Persoas Voluntarias de Protección Civil con 1.500€, a Asociación de Comerciantes e Industriais e a Asociación Cultural, Deportiva e Ecoloxista TrezeCatorze con 900€ e a Asociación de Mulleres Rurais Caselas 400,00€.

As subvencións de maior importe son as que reciben a Asociación de Amigos e Amigas da Música, que engloba a Escola de Música de Salceda así como a Banda de Música, movendo en total máis de 400 persoas de tódalas idades, e as Escolas Deportivas, con cerca de 500 participantes. Considérase tamén fundamental o apoio ás actividades dos centros escolares públicos, que a pesares de non estar dentro das competencias dos Concellos reciben tamén unha aportación municipal.

Álex Rodríguez, concelleiro de Cultura e Asociacionismo indicou “dende o Concello mantemos a nosa aposta polo asociacionismo nos diferentes eidos, sendo conscientes da importancia destas entidades no dinamismo da nosa vila e das nosas parroquias, máis se cabe nesta volta a normalidade logo das restricións impostas pola pandemia”

Os convenios supoñen un importante esforzo financeiro, mais o Concello considera estratéxico continuar apostando polo tecido asociativo, que tanto dinamismo ofrece durante todo o ano, tanto na vila como nas parroquias. Este ano ademais, é un ano moi importante, xa que as asociacións retornaron ás súas actividades habituais logo do parón obrigado pola pandemia da COVID 19.

O Concello colabora ademais durante todo o ano coas diferentes asociacións con préstamo de material, cartelería, doazóns para os centros culturais, asesoramento e información nos trámites con outras administracións, etc.

Verónica Tourón, alcaldesa, finalizou declarando que “estes convenios de colaboración permitirán axudar ao noso tecido asociativo local, cubrindo as súas demandas máis esenciais e suporán un apoio importante para as asociacións como ferramentas de participación social e mellora do noso benestar comunitario”.

Tanxugueiras e LaMontagne & Pico Amperio actuan este domingo en Oia

0

Oia acollerá este domingo un dos concertos do Xacobeo, que traerá a Tanxugueiras e ao dúo LaMontagne & Pico Amperio. A cita musical terá lugar na Eira do Convento (Santa María de Oia) a partir das 20:00 horas.

A programación dos “Concertos do Xacobeo”, organizada pola Xunta de Galicia e o Xacobeo 21-22, permitirá ao público oiense gozar de dúas recoñecidas formacións musicais que, nos seus respectivos traballos, mesturan con mestría innovación e tradición.

O espectáculo deste domingo será gratuíto e de entrada libre. Comezará ás 20.00 horas coas propostas de LaMontagne e Pico Amperio para, posteriormente, continuar coa actuación das Tanxugueiras.

Tanxugueiras

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fusionándoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vogal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.

O trío recolle o legado das pandereteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzarllo de novo ao mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que as fixo triunfar xa en escenarios de varios países.

Aválanas éxitos como Midas, Figa, Averno (colaboración con Rayden) ou Terra (con máis de 11.000.000 de escoitas nas plataformas dixitais a finais de xaneiro de 2022), tema co que se alzaron como favoritas do público no Benidorm Fest, competindo por ir a Eurovisión con artistas como Rigoberta Bandini, Chanel, Varry Brava ou Javiera Mena. Todo forma parte do seu novo disco Diluvio, que veu a luz a finais de xullo de 2022 e co que presentan un potentísimo show. Nel móstrase a nova sonoridade creada pola banda, da que xa deron parte en directo en Manresa, Castellón, ou Porto e Setúbal (Portugal). Son o son dun pobo internacionalizado. Son a cultura tradicional na pista de baile. Son todos os mundos nun. Porque para Tanxugueiras “non hai fronteiras”.

Laura LaMontagne & Pico Amperio

Pola súa banda, Laura LaMontagne inicia o seu proxecto con Pico Amperio (DJ e produtor) en xullo de 2019 entre Santiago de Compostela e Lugo. Viñan de experiencias moi dispares: Pedro (Teo, 1995) formou parte do colectivo Hip Hop Ateneu e dos grupos Pura Mestura e Furnier; mentres que Laura (Lugo, 1993) experimentou en recitais de poesía de Compostela, en concertos en solitario e noutros proxectos previos dos que formou parte.

Melodías suaves, bucles vogais, percusións marcadas e atmosferas rasgadas son elementos esenciais da súa particular expresión artística. Na súa proposta mestúranse música medieval galaico-portuguesa, ambiente hip hop e poesía, con especial atención ás obras de Martín Códax, Airas Nunes, Rosalía de Castro, Luz Fandiño e Xela Arias.

O Concello reforza as rúas peonís como lugar de estancia coa colocación de máis de 20 bancos

O goberno municipal de Ponteareas continua avanzando na recuperación do espazo público para as persoas e na redución do tráfico a motor e da contaminación no centro urbano. Nas últimas semanas instaláronse 21 bancos repartidos por un total de nove rúas peonís da vila, que se engaden aos 57 bancos, tanto en madeira como en pedra, instalados nos últimos tres anos nos traballos de humanización do Paseo Matutino, a Praza Dr. Fernández Vega, diante do Mercado, a rúa San Roque, a Rúa Redondela, a Praza de Bugallal ou o Complexo Deportivo Álvaro Pino e o Centro de Saúde.

A estes bancos sumaranse antes de fin de ano outros 17 na rúa Trobador Xoán García de Guillade e no camiño escolar até preto do alto da Gloria, actualmente en obras. O goberno do BNG-PSOE salienta que “en pouco máis de tres anos Ponteareas incrementou en case o triplo o número de bancos en rúas, pasando de 33 a 87, e case nun 50% o total de bancos incluíndo parques e prazas, pasando de 194 a 289”.

Segundo o goberno municipal a colocación deste novo mobiliario urbano persigue varios obxectivos.

O espazo público como lugar de estancia

Para o goberno local as rúas non deben ser unicamente lugares destinados aos desprazamentos senón tamén un espazo para a estancia e a relación social. Os bancos contribúen a ese obxectivo e atenden ás necesidades de segmentos sociais máis vulnerábeis e fráxiles como as persoas maiores. As beirarrúas moi estreitas e as rúas con coches ocupando toda a calzada condenan a moitos maiores a recluírse nas súas casas ao non poder percorrer treitos longos até prazas ou parques. O mesmo acontece coas persoas que pola súa idade ou saúde precisan bancos para realizar paradas, descansar e continuar os seus paseos. Agora, a veciñanza da contorna de rúas peonís como Virxe dos Remedios, Concha Brey, Vidales Tomé, Morales Hidalgo, Esperanza ou Arxentina pode saír dos seus fogares sen atrancos nin riscos, desfrutar do espazo público, relacionarse socialmente e pasear con bancos nos que descansar.

Por iso, o Goberno prevé continuar coa instalación de máis bancos nos vindeiros meses, para paliar un déficit histórico que se reflicte en exemplos tan significativos como a Avenida de Castelao e a Avenida Bouza Brey onde, en máis dun quilómetro de percorrido, só existen dous bancos.

Calmado do tráfico

A colocación do mobiliario urbano e o pintado da calzada con simboloxía peonil executado recentemente en numerosas rúas peonís tamén persigue o calmado do tráfico de vehículos autorizados. As actuacións realizadas axudan a que eses condutores autorizados, como repartidores ou usuarios de garaxes, entendan que a rúa é un espazo destinado ás persoas. O mobiliario foi colocado de forma que obriga a circular moi lentamente e con precaución, ao ter que sortear de forma zigzagueante os bancos, mellorando así a seguridade.

O Concello lembra que as actuacións nestas rúas son transitorias ou de urbanismo táctico mentres non se acometan os traballos de humanización definitivos. Nas vindeiras semanas o Concello presentará os proxectos de transformación definitiva de 9 rúas do centro urbano.

Redondela recibe o diploma con distinción de ouro do programa «Praias sen fume»

0

O Monte Real Club de Iates de Baiona foi o escenario escollido pola Consellería de Sanidade para facer entrega dos diplomas acreditativos do programa sanitario «Praias sen fume» que fomenta os areais libres de tabaco. O Concello de Redondela, representado polo concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, recolleu o diploma con distinción de ouro, galardón que salienta que todos os areais do municipio están declarados como praias libres de fume.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, agradeceu que por parte da Consellería se recoñeza un logro “que non é feito da casualidade, senón dunha planificación minuciosa por parte do Goberno local para que, os nosos areais, sexan saudables no máis amplo sentido do termo”.

Rivas lembrou que, amais dos beneficios que ten para a saúde e para a comodidade das familias que durante o verán gozan dos areais redondeláns, “declarar as praias sen fume é unha extraordinaria contribución ao medio ambiente”. As veces, sinala a alcaldesa de Redondela, esquecémonos dun dato tan básico como alarmante que é o feito de que unha soa cabicha dun cigarro tarda ata 12 anos en desintegrarse e contamina ata 10 litros de auga mariña”. Se ese número o aplicamos aos centos de cabichas que eran deixadas nas praias, “estamos a falar dun elemento altamente contaminante que, afortunadamente, podemos solucionar con pequenos xestos”.

O CEIP de Tebra estrea comedor escolar

0

O alumado do CEIP Plurilingüe de Tebra xa dipón de comedor escolar. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia, César Pérez Ares, visitaron este xoves o centro educativo para coñecer de primeira man unhas novas instalacións coas que se dá resposta a unha demanda da comunidade educativa.

O Concello investiu máis de 7.400 euros nas obras de posta en marcha deste servizo que, como salienta a rexedora, “supón dar un paso máis na nosa aposta por favorecer unha maior conciliación laboral e familiar entre os nosos veciños e veciñas”. “Con estas novas instalacións pechamos un ciclo e conseguimos que, por primeira vez, todos os centros educativos do municipio dispoñan de comedor escolar”, explicou González.

Para a adecuación das instalacións, o Concello colocou unha nova instalación eléctrica, de fontanaría e saneamento, cambiou todas as luminarias por un sistema LED que garanta a eficiencia enerxética, pintou o espazo, instalou as mosquiteiras e matamoscas esixidos pola normativa e dotou ao comedor de todo o mobiliario necesario. Pola súa banda, centro educativo e ANPA colaboraron proporcionando os electrodomésticos precisos para o desenvolvemento do servizo. Mentres, a Xunta de Galicia será a encargada da xestión do cátering do comedor.

Covelo ofrece un curso de manipulación, transformación e comercialización de produtos do medio rural

0

A concelleira de Formación e Emprego do Concello de Covelo, Lourdes Enes, informa da celebración dun curso de manipulación, transformación e comercialización de produtos vinculados co medio rural. O curso terá lugar os días 26, 27, 28, 29 e 30 de setembro de 2022 de 16:30 a 20:30 horas na casa cultural da Lamosa, Covelo.

O prazo de inscricións xa está aberto e deberán formalizarse no número de teléfono do Concello de Covelo 986650027 (ext. 4) ou 986594033 de luns a venres de 8:00 a 14:00 horas.

Este novo curso ofértase para un máximo de 15 participantes en situación de desemprego ou traballadores en activo.

Esta é unha iniciativa do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación realizado en colaboración co Concello de Covelo.

Volven as clases de defensa persoal no Porriño

As clases de autodefensa para mulleres, impulsadas pola Concellería de Igualdade, volven este sábado tras o parón estival. Impartiranse no ximnasio “Jovhen Sport”, de 10 a 12 horas.

Dende o Concello do Porriño convidamos a todas as mulleres interesadas en recibir esta formación a acudir a estas clases, que son totalmente gratuítas e para as que non se require inscrición previa. Tan só é necesario acudir á hora sinalada anteriormente con roupa deportiva e ganas de aprender.

 O curso, organizado polo Concello coa colaboración do Ministerio de Igualdade, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero e á Policía Local, conta con monitores de defensa persoal que, en colaboración con axentes da Policía Local, ensinan ás participantes técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais.

O Concello de Tui recibe a medalla de ouro ‘Praias sen fume’

0

O Concello de Tui recibiu a medalla de ouro de praias sen fume ao contar coa totalidade dos seus areeiros libres de tabaco.

O pasado venres tivo lugar en Baiona o acto de entrega destas distincións, onde o concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, recibiu o diploma acreditativo de mans do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

En concreto no Concello de Tui son as praias de Areeiros, en Guillarei, e do Penedo, en Caldelas, as que forman parte da Rede Galega de Praias sen Fume. Este programa ten un fin educativo, de promoción da saúde e de protección do medio ambiente, sendo o seu cumprimento voluntario. Deste xeito, busca promocionar unha vida sen tabaco e desnormalizar o seu consumo na sociedade mediante a promoción turística dunhas praias nas que tamén se respecte e coide o medio ambiente.

Ismael Diz, concelleiro de Medio Ambiente, amosou a satisfacción que supón este distintivo para Tui ao verse incluído nun selecto grupo de 214 areais en 80 concellos. Diz fixo unha valoración ‘moi positiva’ dun proxecto que o goberno local vén desenvolvendo dende a pasado mandato. Agora recolle os seus froitos “continuando con constancia e coa aposta pola saúde e por facer máis inclusivas para todos as praias de Tui”.

Pertencer a esta rede compromete aos concellos a colocar toda a sinaléctica e materiais de difusión que recoñecen a estes espazos libre de fume. Tamén implica desenvolver actividades e accións encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco.

A inscrición na III edición do concurso “O Enxeño Engaiolado” estará aberta ata o 30 de setembro

0

Con motivo do día Internacional do Libro, o Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura e do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal, convocou a III edición do Concurso de Relato Curto e Conta Infantil “ O Enxeño Engaiolado”.

“Esperamos que os veciños e veciñas de Baiona anímense a participar e demóstrenos todo o seu talento neste concurso que naceu  durante o confinamento, por este motivo ten  este título tan especial. Con esta terceira edición pretendemos seguir incentivando e premiando a capacidade artística, literaria e creativa dos participantes, e contribuír con iso ao desenvolvemento e implicación dos baioneses para que deixen voar a súa imaxinación”, comenta a concelleira de cultura, Miriam Costas.

Na categoría de relato curto, o certame está aberto á participación de todas as persoas maiores de 16 anos que deberán presentar un relato breve cunha extensión comprendida entre 1.500 e 4.500 palabras. En canto á de conto infantil,  poderán participar as persoas de entre 12 e 16 anos que deberán presentar unha historia cunha extensión  mínima de dous folios e máxima de catro.

Os participantes de ambas as categorías deberán realizar os escritos a dobre espazo en Arial de 12 puntos. Os orixinais que deberán ser inéditos, poden estar escritos en galego ou castelán. Os orixinais enviaranse por correo electrónico á dirección [email protected] en formato PDF e asinados cun pseudónimo. Nun correo aparte co mesmo pseudónimo, enviarase outro arquivo cos datos persoais do autor ou autora (nome e apelidos, DNI e teléfono). O prazo para presentación de traballos, abriuse o sábado 23 de abril coincidindo co Día do Libro, e permanecerá aberto ata o 30 de setembro do 2022.

O xurado, composto por especialistas no ámbito bibliotecario e literario, concederá  aos gañadores na categoría de relato curto tres premios consistentes en cheques-librería trocables en librerías de Baiona ata o 31 de decembro de 2022. O primeiro premio consistirá nun vale de 300 €; o segundo premio, 200 € e, finalmente, o terceiro premio, 100 €. En canto á categoría de conto infantil, entregarase un único premio de 100€.

As obras gañadoras publicaranse na páxina Web do Concello de Baiona: www.baiona.gal.

O fallo do xurado farase público no Concello de Baiona e na Biblioteca o día 19 de outubro de 2022. Ese mesmo día comunicarase a forma de entrega dos premios.