14.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas reafírmase como referente deportivo unha fin de semana máis

    Ponteareas reafírmase como referente deportivo unha fin de semana máis

    Ponteareas reafirmouse esta fin de semana como referente deportivo, cun grande éxito de acollida e de participación nas probas dos campionatos de natación, ciclismo e tenis disputadas durante sábado e domingo. “Queremos agradecer a todas e todos os ponteareáns o seu gran respaldo e que estiveran con nós nesta gran fin de semana de deporte, na que non só puidemos gozar de diferentes disciplinas senón tamén da nosa contorna e dos espazos da nosa vila”, destaca o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó. Un grande éxito deportivo que se traduce tamén “nun grande éxito para a vila, xa que cada evento convértese nun elemento dinamizador da economía ponteareá, de encontro e de sensibilización”.

    O sábado foi a quenda das e dos apaixonados da natación. A praia fluvial da Freixa acolleu a etapa final do Circuíto Galego Arzúa-Ulloa de Augas Abertas, na que se deron cita as e os principais favoritos da competición celebrada durante todo o verán en distintos puntos de Galicia. Na categoría feminina, a proba de 2500 m foi dominada de principio a fin pola nadadora do Club Natación Ponteareas Alba Ortiz, seguida no podio pola ponteareá Carla Faro e cedendo o terceiro posto á nadadora do CN Arteixo, Alba Gómez.

    Mentres, entre os rapaces, tras unha disputada segunda parte do percorrido, o nadador do Arteixo, Mateo García, facíase co primeiro posto seguido no podio polos deportistas do club ponteareán Lucas Costa e Marcos Martínez.

    Tras a disputa de todas as etapas, Lucas Costa e Alba Ortiz facíanse coa vitoria absoluta do circuíto. No resto de categorías participantes acadaron a primeira posición Marcos del Río e Rosalía García en Máster 1, David Rodríguez e Verónica Redondo en Máster 4, Ramón Vázquez e María del Mar Terceiro en Máster 3 e Manuel Monroy e Dolores Sar en Máster 4.

    O ciclismo foi o protagonista en Ponteareas o domingo coa celebración da etapa final da Volta a Galicia na que Fernando Tercero non cedeu a camisola amarela. En total 124 quilómetros con saída e meta na vila do Tea que convidaban a buscar unha escapada aos participantes e para a que apenas houbo que agardar. Tras unha intensa xornada, Tercero acabou en primeira posición e recibiu a camisola branca de mellor Sub23 na que foi a súa última competición como amateur en España, dado que a vindeira tempada estrearase no pelotón profesional.

    Jorge González, gañador da etapa e das Metas Voantes; Isaac Cantón como rei da Montaña e o ponteareán Manuel Rodríguez, primeiro galego na xeral da Volta a Galicia, tamén subiron ao podio final no que o Telco.On Clima Osés recolleu o premio ao vencedor por equipos. Todos os premiados levaron unha doce lembranza de Ponteareas, xa que o Concello sumou aos trofeos paquetes de rosquillas como promoción do produto típico local.

    A cerimonia de clausura contou coa participación da alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila; o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa; o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó; o presidente da Federación de Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz; o presidente do Club Ciclista Ponteareas, Manuel Gregores, o ciclista Borja Gómez Méndez; e os ex corredores Ezequiel Mosquera e Tony Pérez, entre outros.

    Intenso tamén foi o XIII Torneo Concello de Ponteareas de Tenis, que poñía este domingo fin a varios días de competición con máis de 100 deportistas participantes de todas as idades. Por categorías, Alfonso Santos fíxose coa categoría absoluta individual masculina, Marcos Yáñez coa infantil masculina, Leví Domínguez coa alevín masculina e Màire Grace Ryan coa alevín feminina. Pola súa banda, Hernán Vaquero gañou en benxamín masculino, Alfonso Santos na +35 masculino e Manuel Vázquez na +45 masculino. Os dobres absolutos masculinos foron para Sergio Bouza e Adrián Perdiz.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.