A florista mosense Noelia Sías volve presentarse ao concurso do ‘MAF’ (Mellor Artesán Florista) que se celebrará do 28 setembro ao 1 de outubro en Toledo e no que participarán un total de 24 persoas. Nas 2 últimas edicións ás que se presentou quedou 2ª.
Sías síntese con moitas posibilidades de gañar este ano, tras ter quedado subcampioa en 2019 e 2021 (no ano 2020 non se celebrou por mor da pandemia da COVID-19).
Este ano a mosense Noelia Sías volve participar no ‘MAF’ e desde o Concello de Mos, en nome de todo o municipio, a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, xunto con membros do goberno local, trasládalle todo o apoio da administración e da veciñanza para afrontar coa maior das forzas e o ánimo esta importante competición de índole nacional.
Deste xeito, tras facerse 2 veces co título de segunda mellor florista de España, Noelia Sías loitará en cuestión de días polo primeiro posto.
Noelia Sías é veciña da parroquia de Mos e traballa en Floristería Lola. A florista mosense destaca da súa empresa “as facilidades e colaboración que sempre me dan para que poida formarme, facer cursos novos, participar en competicións como esta… é algo moi de agradecer e que non é frecuente en todas as empresas”. Floristería Lola leva máis de 38 anos en activo en Mos e, tal e como declaraba a rexedora local mosense, “é un referente en toda a provincia de Pontevedra, do que nos sentimos enormemente orgullosos”.
Arévalo, rexedora local mosense, declarou sobre Sías que “é un orgullo para Mos, sendo ademais o Concello da rosa, contar entre a nosa veciñanza coa segunda mellor artesá florista de España que esperamos que en breve se convirta na primeira”. A alcaldesa felicitouna por presentarse novamente a esta importante competición e animouna a seguir levando o nome da localidade mosense ao máis alto do mundo da flor.
Sías, que é veciña da parroquia de Mos, leva 23 anos vinculada ao mundo da floristería. Actualmente, e dende fai case 16 anos, traballa en Floristería Lola, tamén de Mos, e formouse nalgunhas das mellores escolas nacionais do sector florista.
Entre os seus mestres figuran nomes tan destacados a nivel nacional como os de Juan Chamorro, Roberto Silbosa, Daniel Santamaría ou María Jesús Miranda e tamén algúns referentes internacionais como Gregor Lersch, Per Benjamin ou Vadim Kazansky.
O xurado do ‘MAF’ avalía en cada unha das probas aspectos como a técnica, a limpeza, a rapidez, a cor, o estilo actual, a dificultade de elaboración, a actitude dos floristas ou o compañeirismo. Dúas das probas son en grupo e os participantes teñen un tempo máximo especificado para completar cada unha delas.