Domingo, 8 Xuño de 2025

Covelo convida á cidadanía a deseñar xuntos o terceiro Plan de Igualdade de Oportunidades

0

Co obxectivo de fomentar a participación e deseñar o futuro do concello da man da cidadanía o Concello de Covelo convida a toda a veciñanza a participar na reunión que terá lugar o vindeiro xoves día 13 ás 17 horas na sala de usos múltiples do edificio multiúsos do Concello de Covelo.

A concelleira de Igualdade, María Valiñas, anima a homes e mulleres a aportar ideas e suxestións para abodar xuntos o terceiro Plan de Igualdade de Oportunidades de Muleres e Homes de Covelo.

No marco dos anteriores plans de igualdade realizáronse diferentes campañas de concienciación e visibilización dirixidas tanto a nenos e nenas como aos adultos. Ademais no sitio web Covelo coa Igualdade podemos atopar diferentes recursos creados para acadar unha sociedade responsable e comprometida.

O goberno de Covelo quere a cidadanía tome protagonismo e contribúa coas súas ideas a crear un plan a medida das necesidades actuais da nosa poboación, “trátase de facer un plan á nosa medida, que teña en conta as características da nosa poboación e do día a día da vida da cidadanía de Covelo”, engade a concelleira que agradece o intenso traballo e colaboración das profesionais do departamento de servizos sociais.

O Concello de Nigrán creará unha nova horta comunitaria

0

O Concello de Nigrán inicia este mércores a súa andaina para contar cun segundo horto urbano comunitario no parque Vázquez Grela (Nigrán) da man da cooperativa local ‘SomosTerra’ (encargada tamén de dirixir os cultivos nos centros escolares de Nigrán promovidos desde o Consistorio). Este sumarase ao creado na Ramallosa o pasado mes de abril baixo a mesma dirección pero, neste caso, será cultivando directamente 104 metros cadrados de chan e non sobre grandes maceteiros. Os interesados en participar poden inscribirse a través dun formulario web en www.nigran.es. O obxectivo é continuar traballando en equipo e de xeito colaborativo con obradoiros as tardes dos mércores, aínda que nun futuro aquí se podería deixar un pequeno espazo para que cada usuario o empregue libremente.

“A raíz do éxito da situada na Ramallosa moitos veciños nos están demandando más espazos nos núcleos urbanos, por iso esta zona en pleno Nigrán cremos que é a ideal”, explica o alcalde, Juan González. “Queremos promover o autocultivo nunha contorna que actualmente é moito máis urbana que o interior do municipio, fomentar hábitos saudables e potenciar a sensibilidade ambiental. Nos tempos que corren significa tamén un aforro nos petos dos usuarios e unha aposta pola sostibilidade”, engade.

“Será un punto de encontro no que aprender sobre restauración e recuperación de solos, cultivo ecolóxico, asociacións de cultivos, compostaxe e sostibilidade… Empezaremos de cero, delimitando e preparando entre todos o terreo, o que implica que practicamente durante un ano non haberá unha colleita significativa de nada porque o principalserá dotar a superficie das condicións necesarias para producir, así que aprenderemos esas técnicas”, explican Raquel e Diana desde Somos Terra. Polo tanto, como ben admiten, “o reto aquí é recuperar un solo moi danado e pobre en materia organica para convertelo nunha horta productiva, ecolóxica e sana”.

Actualmente 40 familias traballan activamente na horta municipal da Praza Carlos Casares (ao carón da Piscina Mancomunada), onde nestes meses xa recolectaron infinidade de cabaciños e pepinos e tamén xudías, cebolas, leitugas, patacas, pementos, berenxenas, amorodos, tomates, sandías brocoli…

O sistema deseñado para o Concello por Somos Terra implica que, coma na Ramallosa, todos os usuarios realizarán os traballos conxuntamente polo ben común, distribuíndose a posteriori a colleita de xeito equitativo entre todos. Para elo, establécense un calendario de tarefas que os inscritos deben seguir e semanalmente se realizan obradoiros específicos sobre determinados temas hortícolas (compostaxe, rego, especies aormáticas, hortos verticais…) ademais con contar con asesoramente presencial.

“Na Ramallosa está funcionando marabillosamente, non existe o máis mínimo problema á hora de repartir a colleita ou de traballar e a veciñanza respecta totalmente os froitos”, explica Raquel, de Somos Terra, quen engade que os propios usuarios demandaban poder traballar nun lugar máis amplo e directamente na terra, non en macetas con sustrato. “Significa dar un paso máis e ampliar as posibilidades, é como pasar do laboratorio á realidade. Os nosos usuarios xa levaron esta afección tamén aos seus propios balcóns e terrazas, estes coñecementos extenden o autocultivo exponencialmente”, sintetiza.

“A zona verde da Praza Carlos Casares, que non se empregaba para nada e pasaba totalmente desapercibida, transformouse nun punto de encontro onde florecen os mellores valores e dos que como goberno nos sentimos máis orgullosos de promover. Agora queremos levar esta filosofía ao parque Vázquez Grela de Nigrán, descoñecido para unha boa parte da veciñanza e con terreo de abondo para compatibilizar usos”, conclúe o alcalde.

A Deputación celebra unha gala para rendir homenaxe ao deporte

As grandes figuras do deporte da provincia déronse cita onte pola tarde na espectacular gala do deporte, organizada pola Deputación, no exterior da súa sede en Pontevedra para recoñecer a traxectoria e logros acadados no que vai de ano polo deporte provincial. Preto de dous centenares de persoas de federacións, clubs, asociacións e colectivos deportivos do territorio acudiron a esta cita na que a institución provincial rendeu, ademais, especial homenaxe aos 271 deportistas de preto de corenta disciplinas diferentes premiados neste 2022 coas bolsas de Alto Nivel, Alto Nivel + para deportistas con discapacidade e coas bolsas Promesa da Deputación.  “Sodes un orgullo e temos moito que agradecervos por ser quen de levar, con todo o talentazo que tendes, o noso nome, o da provincia, o de todas e todos nós, polo mundo enteiro”, asegurou Carmela Silva.

O evento, conducido polo xornalista Terio Carrera e pola piragüista olímpica Antía Jácome, desenvolveuse na escalinata do Pazo provincial, coas columnas e escaleiras cun espectacular alumeado con leds para a ocasión. A entrada, transformada nun escenario, encheuse dos nomes das preto de corenta disciplinas deportivas e coroouse cunha xigantesca pantalla de leds de 5,5 metros de ancho e 3 de alto na que se proxectaron pezas audiovisuais. Tamén se instalou un animado photocall polo que pasaron todas as persoas convidadas á Gala provincial do Deporte.

© Rafa Estévez

Durante o acto a presidenta, Carmela Silva, enxalzou os logros acadados polo deporte provincial nesta temporada, agradecéndolle todo o seu “esforzo, dedicación e compromiso, elementos que constitúen a receita única para o éxito”. Tamén aproveitou a ocasión para remarcar a importancia da práctica deportiva, “non soamente para medrar como persoas sas, senón por ser un piar fundamental para construír sociedades máis integradoras, cohesionadas, avanzadas e xustas”. Neste eido destacou o “firme compromiso” da Deputación co deporte: “somos a administración pública que máis recursos propios aporta ao deporte en Galicia, con iniciativas tan innovadoras que nos teñen convertido xa na provincia do deporte”.

Jaime Duro (campión do mundo de piragüismo), Ainhoa Reparaz  (campioa de España de atletismo), Manu Garrido (campión do mundo de maratón de piragüismo), Lidia Pérez (bronce nos Xogos do Mediterráneo), Melania Rodríguez (ouro no campionato do mundo de ximnasia), Alfonso Riqueza (tricampeón de España de kickboxing), Diego Romero (campión do mundo de maratón curto de piragüismo), Sara Cortegoso (quinta do mundo de taekwondo), foron algunhas e algúns dos deportistas que tomaron a palabra durante a Gala. Do mesmo xeito fixeron a presidenta da Sociedade Ximnástica de Atletismo, Charo Castro, o presidente do Atlético Guardés, Jesús López, a representante dos Deportes de Inverno, Mónica Touriño e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea. E por suposto, tamén houbo tempo de intercambiar unhas verbas con Iria, Uxía e Roi Rodríguez Huerta, tres irmáns deportistas que comparten o fito de ter acadado unha bolsa da Deputación.

A Gala provincial do Deporte contou coa actuación musical de Sabela Rey e Benjamín Vázquez que interpretaron as pezas “Aí ven o maio”, “O baile de Noro” e “A rianxeira”. Amais, durante o seu transcurso tivo lugar unha exhibición de taekwondo a cargo de deportistas do ximnasio Mace-Sport de Pontevedra. Tamén se proxectaron catro vídeos, un cos nomes das e dos deportistas DepoDan, DepoDAn + e DepoPromesa, outro co saúda de Susana Rodríguez Gacio (DepoDan+ e campioa paralímpica), outro con Martín de la Puente (campión do Open USA Junior) e, finalmente, o vídeo centrado nas mulleres do deporte. O evento rematou cun ágape no vestíbulo do Pazo Provincial.

A mosense Noelia Sías, quinta clasificada no concurso ‘Mellor Artesán Florista’

0

A cidade de Toledo acolleu a sétima edición do concurso ‘Mellor Artesán Florista’, no que competiron 24 profesionais do sector chegados de toda España. Na final, á que chegaron os cinco mellores participantes, resultou gañadora outra galega Patricia Aguín Carballa (Portonovo), segunda Mónica Vilanova (Barcelona), terceiro Andrés Ayllón (Madrid), cuarto Manuel Fernandez (Badaxoz) e quinta a florista galega, Noelia Sías Villaverde (Mos).

O concurso prolongouse durante catro días e os aspirantes tiveron que preparar dez traballos sorpresa diferentes. Nin os concursantes nin o xurado sabían en que ía consistir cada unha das probas, nas que se avaliaban aspectos como a técnica, a limpeza, a rapidez, a cor, a actitude dos floristas ou o compañeirismo. Unha das probas era en grupo, outra era de substitucións e as demais individuais, os participantes tiñan un tempo máximo especificado para completar cada unha delas. O xurado debía valorar o estilo actual dos mesmos e a dificultade da elaboración.

Na última xornada do concurso, os cinco finalistas tiveron que elaborar unha decoración floral efémera nunha escultura tipo escudo medieval para unha exposición alegórica á historia de Toledo. A proba desenvolveuse durante a celebración da cea de gala, á que asistiron o resto de concursantes, organizadores, provedores, prensa e profesionais do sector de toda España e mesmo estranxeiros.

Finalistas do concurso

Noelia Sías

Esta foi a terceira dedición á que se presentou a mosense Noelia Sías, nas dous anteriores conseguiu o segundo posto e este ano volve facer pódium co quinto posto. Leva máis de vinte anos vinculada ao mundo da flor e traballa actualmente na Florería Lola de Mos.

Recibiu formación nalgunhas das mellores escolas do sector que hai en España, onde tivo a oportunidade de coñecer, de primeira man, as últimas técnicas e tendencias en arte floral. Entre os seus mestres figuran nomes tan destacados a nivel nacional como os de Juan Chamorro, Roberto Silbosa, Daniel Santamaria ou María Jesús Miranda e tamén algúns referentes internacionais como Gregor Lersch, Per Benjamin ou Vadim Kazansky.

Digna Rivas reunirase hoxe cos veciños de Trasmañó

0

O Goberno local continuará, hoxe venres 7 de outubro, o programa de reunións cos colectivos veciñais e a veciñanza en xeral das parroquias, nun encontro que terá lugar a partir das 20 horas, no Centro Cultural de Trasmañó.

Con este novo encontro, o goberno socialista, que preside Digna Rivas, reafirma o seu compromiso de manter reunións periódicas coa veciñanza das parroquias para dar a coñecer os proxectos que que desenvolven nas mesmas.

Digna Rivas valorou positivamente as reunións mantidas en Cesantes, Ventosela e Vilar nas que, tanto os colectivos veciñais como as veciñas e veciños, participaron activamente achegando propostas sobre actuacións que consideran necesarias para as súas parroquias ou facendo puntualizacións e matizacións sobre as xa realizadas.

A alcaldesa redondelá considera “imprescindibles” estas reunións “se de verdade se quere gobernar para todos sen ningún tipo de distinción” xa que, insiste, “non se pode facer unha labor de goberno efectiva se non se ten en conta a opinión dos veciños que viven nas parroquias e que, polo tanto, coñecen mellor que ninguén as súas necesidades ou as modificacións que se deben facer sobre obras e traballos que lles afectan directamente”.

O CEIP Carlos Casares de Nigrán conta xa cos patios exteriores renovados

0

O Concello de Nigrán, coa colaboración da ANPA do CEIP Carlos Casares de Vilariño, vén de transfomar dous patios exteriores que dan acceso ao centro educativo pola parte posterior. O Concello realizou un investimento de 10.000 € colocando madeira tratada no chan de ambas zonas e habilitando un banco tipo foso de 2×2 metros no medio e unhas ramplas e tobogán desde a porta de entrada.

A petición desta obra partíu da propia comunidade educativa e o deseño seguíu as pautas do sistema pedagóxico ‘Lupo’ co que traballa o centro, xa que se trataba de dous espazos en desuso e carentes de calquera tipo de atractivo como zona de xogo (coa gran vantaxe de que, aínda sendo un lugar aberto, o teito é cuberto, polo que se pode empregar como patio nos días de choiva). As obras foron realizados durante o verán para non interferir co inicio da actividade educativa en setembro.

“Pasiño a pasiño camiñamos xunto ao arquitecto responsable do sistema Lupo para crear un cole máis inclusivo, naturalizado e que responsa máis as pautas de pedagoxías alternativas como Waldorf ou Montessori. O obxectivo final é chegar a acadar un verdadeiro bosque-escola aproveitando toda a superficie forestal coa que linda”, resume o alcalde, Juan González.

Ponteareas inicia o procedemento para a urbanización da área comercial do Eroski Center

A Xunta de Goberno do Concello de Ponteareas aprobou o pasado luns os estatutos e bases de actuación para o desenvolvemento urbanístico da área comercial situada na parroquia de Angoares, de preto de 30.000 m2, na que se sitúa o Eroski Center. A entidade comercial promove esa urbanización coa que se porá fin a 14 anos de incerteza sobre o futuro do equipamento comercial e sobre as posíbeis consecuencias económicas para o Concello.

O Goberno local explica que no ano 2002 o goberno presidido por Nava Castro concedeu a licenza para a construción do centro comercial. A licenza foi anulada polos Tribunais en 2008 ditándose unha orde de demolición que obrigaba ao Concello a executala asumindo os seus custos. Ademais, de levarse a cabo a demolición, a administración municipal podería enfrontarse a reclamacións económicas de enorme contía por parte da entidade comercial, xa que a construción fora levantada con autorización municipal.

O alcalde en funcións, Roberto Mera, salientou que grazas ao PXOM aprobado por este goberno “damos solución a un gravísimo problema que herdamos de épocas anteriores e que podía prexudicar de xeito extraordinario á veciñanza de Ponteareas. Evitamos o risco de ter que facer fronte a indemnizacións millonarias e damos certeza e tranquilidade a numerosas persoas que traballan nesa actividade”. Mera sinalou que o PXOM tamén vai posibilitar a continuidade de actividades no polígono da Lomba sobre as que pesaban ordes de demolición, ademais de fomentar e atraer novos investimentos comerciais e industriais de emprendedores e empresas que xa amosaron ao Concello o seu interese por instalarse en Ponteareas.

A tenenta de alcalde, Chus Garrote, tamén se amosou satisfeita porque “o Plan Xeral comece a dar os seus froitos con resultados concretos e visíbeis, resolvendo problemas, contribuíndo a un maior desenvolvemento económico e a un crecemento ordenado e sustentábel de Ponteareas”.

Baiona solicitará que se declare o conxunto histórico e a súa contorna como Área REXURBE

0

O Concello de Baiona inicia a análise do casco histórico da vila para adherirse á Área Rexurbe cun obxectivo ben claro: definir o futuro do casco antigo de Baiona, declarado Conxunto de Interese Histórico-Artístico pola Dirección Xeral do Patrimonio en 1993,  e así garantir as distintas axudas para a rehabilitación de vivendas e baixos comerciais.

A área Rexurbe é unha figura prevista na Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, para impulsar a revitalización integral das zonas ou ámbitos con edificacións máis degradadas ou en declive socioeconómico.

A esta iniciativa súmase o que xa é un feito: a aposta do Goberno de España  que achegará de 2 millóns de euros do Ministerio de Industria para o desenvolvemento do Plan de Sustentabilidade Turística do Concello de Baiona. Un proxecto que perimitirá entre outros cousas, prolongar a actividade económica do casco antigo ata na contorna da Capela de Santa Liberata e que conleva consigo a mellora da acesibilidade e da mobilidade entre a zona antiga da vila e a nova. 

A decisión do Concello de Baiona por apostar pola Área Rexurbe, ademais de promover a rehabilitación de edificios, tamén busca que leven a cabo iniciativas de dinamización social, demográfica e económica. O alcalde do municipio, Carlos Gómez Prado, destaca que “é un compromiso electoral do noso partido e unha cuestión na que estamos a traballar. O que buscamos é ordenar o noso patrimonio histórico e axudar a través do financiamento a activación do mesmo”.

Tomiño reactiva os composteiros dos centros de ensino da vila

0

Coa chegada do curso escolar, como cada ano, póñense en marcha os composteiros dos centros de Ensino de Tomiño, composteiros que levan en funcionamento dende 2019 nas 13 aulas de CRA e nos 5 colexios de infantil e primaria do Concello e que o alumnado utiliza para xestionar os biorresiduos das merendas.

Durante o mes de setembro os mestres composteiros percorreron cada un destes centros educativos para darlle un remexido e un regado ao material do composteiro, parado dende o remate do curso pasado, así como para ensinarlles ás e aos mais pequenos como se debe xestionar o residuo orgánico que xeran nas aulas.

Amais, nalgúns casos extraeron compost do curso anterior, mudaron de sitio os composteiros para mellorar a accesibilidade dos mesmos e se lles facilitou o material estruturante necesario para axudar á compostaxe.

En Tebra, instalouse un novo composteiro para a xestión das sobras que se poidan producir no novo servizo de comedor. E o alumnado do centro CEIP Pintor Antonio Fernández acudiu ao Centro de Compostaxe Comunitaria de Goián para aprender novas técnicas de compostaxe: todos os cursos participaron activamente na tarefas de cribado para conseguir un compost máis fino.

A alcaldesa Sandra González celebra a boa acollida que está a ter a compostaxe nos centros educativos, e lembra a importancia deste tipo de actuacións: somos un concello pioneiro na implantación da compostaxe xa que entendemos que é a mellor forma de xestión deste tipo de residuos e é preciso ensinarlle o camiño da sostibilidade ás e aos máis pequenos porque son o futuro do municipio e coas súas accións contribuirán a que Tomiño sexa cada día máis sostible”.

Dende o Concello lembran tamén que xa está en marcha o reparto dos segundos composteiros aos veciños e veciñas que así o demandaron, previa visita dos técnicos ás súas casas, se algunha persoa precisa un segundo composteiro doméstico, debe poñerserse en contacto co consistorio, no departamento de Medio Ambiente, ou co persoal técnico que esta a levar a cabo os seguimentos nas parroquias.

A Guarda presenta a programación de Teatro de Outono

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, organiza este ano o Outono Teatral 2022, no que se representarán na Guarda un total de 6 obras teatrais, 3 para público adulto e 3 para público familiar.

A presentación desta programación realizouse este xoves, contando coa participación do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e da Concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes.

Para Antonio Lomba, “é de salientar a calidade das representacións teatrais que se realizan na Guarda e a complicidade que ten o público guardés coas funcións teatrais, mostra de elo é a gran acollida que teñen as obras de teatro que se realizan na vila, onde cada ano se esgotan as entradas da meirande parte dos eventos que se realizan, gozando case sempre dun aforo completo.”

Para Montserrat Magallanes, concelleira de Cultura, “esta programación é unha programación pensada para todos os públicos, con obras destinadas a público adulto e outras destinadas a público familiar, que permitirán desfrutar do teatro a moitos veciños e veciñas da Guarda, unha aposta pola cultura que ano a ano trae á Guarda a algunhas das mellores compañías de teatro de Galicia, como pode ser Ibuprofeno teatro, A Panadaría ou Caramuxo Teatro.”

O vindeiro sábado 15 de outubro arranca o ciclo de teatro para os meses de outono no Centro Cultural, unha programación que está a consolidarse grazas á grande expectación e afluencia que esta disciplina artística esperta entre o público guardés que destaca por un alto nivel de fidelidade ás propostas. 

Para este ano 2022 fíxose unha aposta decidida por manter o nivel das compañías profesionais escollidas, así como por achegar unha variedade nos temas tratados e na perspectiva e técnicas teatrais empregadas, procurando xerar unha diversidade e ofertar propostas novidosas que sigan atraendo ao público guardés.

Fíxose tamén un importante esforzo para que a oferta de programación non quedara só no público adulto, xa consolidado, senón por atraer a públicos mais novos, dende a mocidade que pode atopar unhas atraentes temáticas novidosa, como as meniñas e meniños e familias para as que se fixo unha coidada selección de historias sen olvidar o toque de humor, buscando así crear o hábito ao teatro desde as idades mais tempranas.

Un total de 6 representacións que a razón de dúas sesións cada mes (unha para público adulto e outra para público familiar) queren consolidar esta oferta cultural e de ocio que tan boa aceptación ten sempre no noso auditorio.

Público adulto e xuvenil

O Ciclo comezará o vindeiro sábado 15 de outubro coa obra “SMOKE ON THE WATER”, unha historia de sexo, drogas e rock&roll que nos traslada á unha posible recreación da vida de Janis Joplin na súa madurez. Esta peza é a última produción de Ibuprofeno Teatro, quen xa estivo na Guarda con propostas como O Furancho, Raclette, A filla de Woody Allen…Nesta ocasión cambia radicalmente o ton e a temática para trasladarnos a unha historia de curte mais sórdido dentro dun enredo amoroso-financieiro con final sorprendente, como é habitual no corte da compañía. É de destacar a calidade do elenco e a música en directo, especialmente para os amantes do rock.

A proposta do mes de novembro, será a función “As que Limpan” o 24 de novembro da exitosa compañía A Panadería, que xa coñecemos polas obras “PAN! PAN!” e “Elisa e Marcela”. As artistas porriñesas escollen novamente a temática de xénero para denunciar as condicións de precariedade laboral das empregadas da limpeza nas grandes cadeas hoteleiras dentro dun sistema de desenrolo baseado no turismo. A súa programación na Guarda vai aparellada cos eventos relacionados co Día internacional contra a violencia machista e conta cunha. Así mesmo esta función forma parte da programación Tornar As Táboas que organiza a Deputación de Pontevedra por toda a provincia para recuperar o pulso teatral despois da pandemia.

Por último, o 10 de decembro continúa a temática de muller cunha proposta totalmente novidosa de Diana Sieira, unha actriz con longo percorrido no mundo do teatro e do circo, pero que chega por primeira vez ata a Guarda con The Witch, unha novidosa proposta chea de forza, na que estando ela sola sobre o escenario entabla unha proposta participativa establecendo un diálogo/xogo co público para recuperar o debate sobre a persecucións as mulleres menciñeiras na Idade Media.

Para asistir a calquera destas funcións é preciso reservar entrada previa cunha semana de antelación a través do lugar web www.eventbrite.es (https://www.eventbrite.es/o/concello-da-guarda-35370803503) . En caso de dúbida ou dificultades coa plataforma o público pode achegarse ata as oficinas do Concello en horario de 9 a 14 h.

Público infantil e familiar

Para acudir ás representacións pensadas para as crianzas non será preciso reservar con antelación previa, estando eso si a entrada condicionada ao límite de aforo sentado

Nesta ocasión seguíuse a mesma premisa que para público adulto de programar unha función cada mes e achegar unha diversidade de historias que van dende a tradición de O Quixote da Compañía Pedras de Cartón (29 de outubro),  a ternura da tradicional historia das Fabas Máxicas da compañía Caramuxo Teatro (12 de novembro) e o humor e desenfado de Fran Rei con Superheróe (4 de decembro)

Todas as representacións realizaranse no Centro Cultural respetando o mesmo horario de 20:00h. Nas opcións de público adulto e 18:00h. No Público familiar

A programación de Outono Teatral é subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2022.

O Porriño rehabilitará os polígonos residenciais de Torneiros

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e as concelleiras Antía Carrera e Carolina González, mantiveron onte unha reunión coa veciñanza dos polígonos residenciais de Torneiros e a Asociación de Veciños de Torneiros para determinar as necesidades dos bloques de vivendas da zona declarada como `Entorno Residencial de Rehabilitación Programada´, a fin de elaborar da maneira máis exhaustiva e detallada un proxecto de rehabilitación integral da zona.

O Concello do Porriño, a través da concellería de Urbanismo, está a elaborar este proxecto para acceder ao programa de axudas a actuacións de rehabilitación a nivel de barrio convocadas pola Xunta de Galicia con cargo aos fondos NextGenerationEU.

Así a veciñanza destes inmobles poderían optar a subvencións para a mellora e rehabilitación das súas vivendas, en especial as de aislamento, fachada, cambio de cubertas e retirada de elementos de amianto.

“Estamos facendo un estudo ambicioso, que contemplará todas as necesidades dos 50 bloques de vivendas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo. O rexedor informou aos asistentes de que estes días notificarase en todos os bloques para acordar unha reunión cos veciños e a visita dos técnicos a cada un deles, a fin de concretar bloque por bloque as deficiencias que presentan. “O estudo está avanzado pero non queremos deixar nada atrás e para iso precisamos a colaboración de todas as comunidades de veciños e propietarios”.

Axudas para rehabilitación de inmobles, edificios ou vivendas unifamiliares da ERRP

No caso das vivendas as axudas poden acadar o 40 % do investimento, cun máximo de 3.000 euros. As actuacións subvencionables inclúen a mellora ou rehabilitación do inmoble que deberá obter un aforro enerxético polo menos do 7 % , unha reducción no consumo de Enerxía primaria non renovable do 30 % ou adecuar aos requisitos do CTE os elementos da envolvente.

Se se trata de edificios, os beneficiarios serán particulares ou comunidades de propietarios, e as axudas poden acadar o 80 % do custo, cun máximo de 18.800 euros por edificio , contía que se incrementa en 12.000 euros máis en caso de retirada de elementos con amianto. As actuacións están dirixidas á mellora ou rehabilitación (do edificio ou de vivenda dentro do mesmo), sobre todo as tocantes á cuberta ou fachada, e en calquera caso, deberán conseguir unha reducción do consumo de enerxía primaria non renovable do 30% e ademais unha reducción da demanda enerxética anual global da calefacción e refrixeración da vivenda ou edificio do 25 % ou 35 %.

Destacar que no caso de persoas en situación de vulnerabilidade económica a axuda pode acadar o 100 %.

O Museo de Pontevedra acolle a visita de medio cento de maiores de Nigrán

0

Medio cento de maiores de Nigrán gozaron esta mañá da exposición temporal ‘Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional galega’ (Museo de Pontevedra) e posterior visita e xantar en Pontecaldelas coincidindo coa feira deste municipio pontevedrés. Esta excursión do Concello de Nigrán forma parte do programa de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade.

O grupo realizou unha imaxe xunto a foto e a recreación da vestimenta dunha labrega de Camos en 1926, constituíndo esta unha das estampas máis icónicas da fotógrafa americana en Galicia a principios de século. A continuación, desprazáronse en autobuses a Pontecaldelas para desfrutar da súa tradicional feira e realizar un paseo pola ribeira do río Verdugo. Neste mesmo municipio foi o xantar no Asador A Fracha (A Reigosa).

O Goberno local de Nigrán entende que viaxar non só serve para descubrir lugares novos, senón que aporta moitísimos beneficios especialmente útiles para as persoas maiores, como a mellora do ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver problemas, estimulación da actividade cerebral e reconstituínte da memoria e da atención”.

O Festival Mundial de Ilusionismo Galicia Ilusiona chega a Ponteareas

O Festival Galicia Ilusiona, patrocinado por Turismo de Galicia a través do Xacobeo 21-22, continúa o seu percorrido por cada recuncho das catro provincias e este venres 7 de outubro fará unha parada na vila do Tea.

O Multiusos do Auditorio Municipal de Ponteareas acollerá, dende as 18.00 horas, a actuación de Dani García, un dos magos de rúa máis prestixiosos do panorama nacional. Os seus espectáculos semellan estar inmersos nunha obra de teatro á que se sumaron os mellores efectos máxicos. Trátase dun artista que é quen de, sen falar, sorprender a todas e todos os asistentes. Mestura a mímica cos efectos máis novidosos e cunha maxia dinámica, divertida e xuvenil.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, asegura que “esta é unha oportunidade única e animo a toda a veciñanza a que goce desta xornada maxia para todos os públicos na vila que de seguro que non deixará a ninguén indiferente”.

Covelo continúa fomentando a natalidade con axudas

0

Co obxectivo de apoiar ás familias o goberno de Covelo aproba por, sexto ano consecutivo, as axudas á natalidade. As familias que, nos seis meses previos á adopción ou nacemento, estean empadroadas no Concello de Covelo recibirán 500 € de axuda co compromiso de empadroar ao fillo.

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, explica que con esta medida, ademais, preténdese fixar poboación. “A oferta de servizos como a escola infantil cun amplo horario, o colexio con comedor escolar, a aula matinal para poder deixar aos cativos e cativas dende primeira hora da mañá e a oferta por parte da ANPA de actividades extraescolares lúdicas, didácticas e deportivas xusto no remate do horario escolar son parte dos apoios que as familias atopan no noso Concello para poder conciliar a vida laboral e familiar”.

Ademais, Castillo adianta que tamén se veñen de aprobar ás axudas para adquisición de material e libros. Esta axuda, que tamén se aproba por sexto ano consecutivo, vai dirixida ao alumnado de educación infantil.

Co obxectivo de contribuír nos gastos que supón a escolarización, o Concello de Covelo ofrece o seu apoio ás familias de rendas máis baixas que estean empadroadas no concello durante a totalidade do curso escolar.

Prema aquí para obter máis información e os formularios de solicitude.

A praza de abastos de Ponteareas contará coas dúas plataformas elevadoras renovadas

O Concello traballa na renovación interior da praza de abastos de Ponteareas, un edificio construído na década dos 70, con tres plantas de uso comercial de máis de 1.200 metros cadrados cada unha. O Goberno local vén de sacar a licitación a renovación das dúas plataformas elevadoras para transporte de mercadorías que van dende o soto ata as diferentes plantas, dous ascensores hidráulicos “nos que se detectaron na última revisión unha serie de deficiencias tanto na plataforma como na estrutura de soporte, danos causados principalmente pola corrosión”, como explican dende a Concellaría de Promoción Económica.

Con esta actuación procederase á substitución dos equipos elevadores por aparatos de transporte vertical exclusivo de mercadorías con paradas fixas e con guías ríxidas, sen dispositivos de mandos no interior do habitáculo e preparados para unha carga máxima de 750 kg cada unha. A renovación manterá a situación actual das plataformas dentro das instalacións da praza de abastos e axustarase ao oco existente.

O proxecto de renovación de plataformas elevadoras de praza de abastos sae a licitación por un importe de máis de 133.000 euros que serán financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra. As obras terán un prazo de execución de dous meses. As persoas e empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro martes 11 de outubro.

A senda fluvial do río Miño en Tui verase mellorada grazas á Deputación de Pontevedra

0

A Deputación de Pontevedra vai mellorar un treito de medio kilómetro de senda á beira do río Miño en Tui, entre o lavadoiro da mariña –preto do casco vello da vila- e a praia da Metralla, nunha actuación que terá un investimento de preto de 52.000 euros. O percorrido xa acondicionado integrarase como parte do itinerario do futuro ‘Anel Verde do Miño’, a rede de sendeiros que conectará preto de 196 kilómetros de vías peonís e ciclables polas dúas beiras do Miño impulsada polo AECT Rio Minho.

Na mañá de hoxe o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez e o alcalde de Tui Enrique Cabaleiro visitaron a zona de actuación e destacaron a aposta conxunta tanto da Deputación, o Concello e o AECT Rio Minho por fomentar o turismo sustentable e de natureza no territorio transfronteirizo dentro da marca ‘Rio Minho’.

O deputado Uxío Benítez salientou que a senda que se vai realizar en Tui é unha das pezas  do proxecto “angular de traballo” para os próximos anos na Deputación e o AECT para a zona miñota, o ‘Anel Verde do Río Miño’. Destacou que o anel será unha das propostas principais nas candidaturas para conseguir fondos europeos no próximo marco financeiro 2021-2027, e engadiu que sumará diferentes intervencións nos concellos da conca do Miño dende Crecente ata A Guarda pola parte galega e por Caminha ata Melgaço nunha ruta circular.

Benítez salientou que o medio kilómetro de senda que se acondicionará en Tui permitirá enlazar a curto prazo con outro treito xa previsto, o que permite o cruce co río Louro –financiado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil- , e que dará conexión ao casco vello de Tui coa praia de Guillarei.

Pola súa banda, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, -acompañado da concelleira de Turismo- subliñou que a creación da senda entre a marina e a Metralla é “unha das nosas prioridades”, polo que agradeceu á Deputación e o AECT o financiamento da obra, “indispensable para despois ligar o inicio co seguinte treito financiado pola Confederación”. “Cumprimos esa folla de ruta de seguir poñendo en valor o noso espazo natural, gañalo para as persoas, unha obra moi demandada hai moitos anos, que empeza a ser realidade”, salientou.

Paneis explicativos e bancos

A actuación, cualificada como ‘branda’ para non interferir nas áreas protexidas da ‘Red Natura 2000’, consiste na mellora dunha senda existente na marxe do río Miño, cunha lonxitude de 442 metros, facendo máis accesible a plataforma de tránsito -pavimentada con xabre con algún treito encaixonado en madeira-.

A senda localízase próxima ao centro histórico de Tui e tamén á traza do camiño xacobeo portugués, estando divida en dúas partes: unha primeira entre o lavadoiro da marina e Santo Domingo, na que o itinerario queda marcado polos muros do camiño, e unha segunda ata a praia da Metralla, no que a senda terá 2,5 metros de ancho, con drenaxe lateral, e saburra artificial compactada.

O sendeiro sinalizarase con paneis indicadores para divulgar a propia senda a contorna da rede natura que se pretende  valorizar, e ademais, contará con bancos de pedra de granito gris para permitir ás persoas visitantes deterse e admirar a paisaxe. A actuación ascende a preto de 52.000 euros e o inicio das obras será inminente.

A final da XXVII Liga Galega de Fútbol Sala chega a Redondela

0

A terceira e última xornada da liga Galega de Fútbol Sala para persoas con discapacidade intelectual tivo lugar onte 5 de outubro nas instalacións do pavillón municipal e no pavillón ‘A Marisma’ de Redondela. Unha cita que enfrentou a 11 equipos de toda Galicia, cun total de 120 deportistas que competiron en 2 categorías: competición e adaptada.

Entre os integrantes da competición atopábanse a Fundación Celta Integrada, o equipo San Rafael, Juan XXIII e ASDAN; este último representado a Redondela. Por outra banda, na competición adaptada xogaron os equipos ASPANAEX, Juan María, Fundación Celta Integra “A”, Fundación Celta Integra “B”,  Saladino Cortizo “A”, Saladino Cortizo “B” e San Rafael.

Ao evento deportivo acudiu a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, para apoiar e agradecer o traballo que fai a Federación Galega de Deporte Adaptado. En palabras da alcaldesa “a federación realiza un gran traballo e pon o punto de atención sobre o deporte adaptado organizando disputas de alto nivel. Este tipo de encontros demostran o valor dos deportistas galegos”.

Durante o evento atopábanse a secretaria da federación, Susana García, e o director técnico da Federación, Domingo Salinas, quen lembrou que “despois do parón provocado pola pandemia, este ano 2022 retomamos aos poucos as actividades que vimos desenvolvendo cada ano. Desde a Federación estamos moi agradecidos á total colaboración do Concello de Redondela sempre que solicitamos facer calquera evento de deporte adaptado”.

Susana García tamén quixo “agradecer a extraordinaria disposición do Concello de Redondela á hora de acoller esta final. Sempre nos sentimos ben arroupados cando organizamos partidos en Redondela”.

María Castro, concelleira de Economía e Emprego, xunto con Olga García, concelleira de Ensino e Xuventude, foron as encargadas de repatir os trofeos aos gañadores. No ‘Cadro de Honor’ os gañadores foron o equipo redondelán ASDAN na categoría de competición non adaptada, seguido do Celta Integra; na categoría adaptada o gañador foi o equipo Celta Integra “A”, seguido do Juan María.

Digna Rivas, pola súa banda, agradeceu á Federación que elixira Redondela engadindo que “a Federación Galega de Deporte adaptado pode contar con Redondela para todos cantos eventos deportivos queiran realizar”.

Apicultura Niño do Corvo estará presente na “I Feira de produtos do Rosal”

0

O Rosal continúa este mes de outubro cunha programación moi especial, a tradicional Festa de Outono, que chegará ao Concello do Baixo Miño os días 11 e 12 de outubro con actividades para todos os públicos.

Os vindeiros 11 e 12 de outubro haberá unha  grande oportunidade para coñecer e apreciar o patrimonio artístico e cultural do Rosal coas dúas primeiras citas das II Xornadas de Patrimonio: o martes ás 20.00h o Centro Social acollerá a charla “Cerámica para vivir e vivir da cerámica” a cargo da ceramista Susana González Amado. E o mércores a partires das 18.00 horas na renovada Praza do Calvario terá lugar unha demostración cabaqueira de fabricación de tellas tralo pregón a cargo de Susana González Amado.

A Festa de Outono rematará o mércores 12 cunha morea de actividades. Ás 11.00 h terá lugar a inauguración da I Feira de Produtos do Rosal, un espazo de encontro e tamén de exposición, degustación e venda, no que estará este ano Apicultura Niño do Corvo.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salienta a importancia de ter creado esta Feira de Produtos do Rosal coa vontade de ofrecerlles ás produtoras e produtores rosaleiros unha plataforma na que poder dar a coñecer os seus produtos, establecer contactos e mesmo crear sinerxías”.

A rexedora anima á veciñanza a que participe e goce de todas as actividades das coñecidas como Festas do Pilar que o mércores retomarán a súa actividade ás 17.00 horas. Ese será o momento das e dos máis pequenos, que poderán desfrutar do espectáculo de monicreques “O conto de Barriga Verde”.

O programa rematará co Memorial Irmáns Flores. Un encontro de murgas populares que  interpretará, dende ás 19:30 horas, as creacións musicais de José e Emilio Flores Costas, dúas persoas que interviñeron moi activamente na formación persoal e musical de moitos veciños. Será unha sentida actuación na honra de dous rosaleiros que participaron e crearon colectivos que abranguen calquera manifestación de música popular galega e que cunha soa gaita foron quen de ensinar e divertir a todo un pobo.

Apicultura Niño do Corvo

Marcos Rodríguez Portela, xerente de Apicultura Niño do Corvo valora moi positivamente esta iniciativa indicando que “é unha maneira de que os nosos veciños coñezan os produtos locais e facelos partícipes do traballo que desenvolven moitas empresas na nosa zona, con produtos locais e de proximidade”.

A empresa Apicultura Niño do Corvo, situada na rúa Ramón Franco número 21, no Rosal, é unha empresa dedicada á venda de material, formación e asesoramento para apicultores e para persoas que lles guste e quéiranse iniciar no mundo da apicultura.

Na actualidade, elabora o mel de “Niño do Corvo”, proveniente de máis dun centear de colmeas que posúe a empresa en zonas boscosas da Comarca do Baixo Miño, o xardín do sur da provincia de Pontevedra.

A escola de Valiño de Vilasobroso terá unha bonificación do ICIO

0

O pasado 27 de xullo, a Entidade Local Menor de Vilasobroso rexistrou ante o Concello de Mondariz o proxecto de “Reforma, modernización e adecuación do edificio da Escola de Vilasobroso”.

Na liquidación provisional do ICIO, que inclúe a resolución do Concello de Mondariz, non se recollía ningún tipo de bonificación, cando o proxecto que se está a executar reúne os requisitos de interese social e cultural ás que se refire o art. 7.1 da ordenanza municipal que regula o ICIO (BOP nº 247 do 28/12/2006).

Esta ordenanza fiscal establece que “desfrutarán dunha bonificación de ata o 50 % da cota do Imposto as construcións, instalacións e obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración. Corresponderá dita declaración ó Pleno da Corporación, previa solicitude do suxeito pasivo, por voto favorable da maioría simple dos seus membros, nos termos en condicións previstas no artigo 104.2 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais.”

É por isto que, tanto a ELM de Vilasobroso coma AporM solicitan ante o Pleno da Corporación Municipal que o Pleno do Concello de Mondariz bonificase co 50 % da cota do ICIO a liquidación provisional deste imposto municipal para este proxecto da ELM de Vilasobroso, dado que nela concorren os requisitos fixados polo art. 7.1 da ordenanza municipal que regula o imposto de construcións, instalacións e obras. Este aforro vaille permitir investir a entidade en melloras na obra que está a realizar na escola de Valiño.

Esta iniciativa foi aprobada por unanimidade dos membros da corporación, o que suporá que a ELM de Vilasobroso aforrará 4.831 € en impostos por esta obra.

Aumento da bonificación

A segunda proposta de acordo presentada polo grupo pretendía iniciar os trámites necesarios para modificar a ordenanza municipal do ICIO de forma que contemple a posibilidade de bonificar o 95 % do imposto que prevé a Lei Reguladora das Facendas Locais (art. 103.2.a) nas obras de interese social, cultural, histórico-artísticas ou de fomento do
emprego que se tramiten no noso termo municipal. Esta modificación da ordenanza permitiría pasar do 50 bonificación do ICIO a escola de Valiño de Vilasobroso% o 95 % da bonificación, polo tanto as entidades sociais: asociacións culturais, traídas de auga… podería facer un mellor aproveitamento deses recursos económicos en beneficio dos veciños, temos que ter en conta que en moitos casos estas entidades suplen as carencias do Concello. Esta proposta foi rexeitada polo grupo de goberno formada polo BNG-PSOE, co apoio de Ciudadanos e do seu socio de investidura, o PP.

O auditorio de Nigrán ofrecerá este sábado a obra ‘O que hai que ver!’

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 8 de Outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a obra ‘O que hai que ver!’ da compañía de teatro Fulano, Mengano e Citano. A actuación encádrase no programa cultural da Deputación de Pontevedra ‘Tornar ás Táboas’. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Reflectir a realidade e facelo con humor son os principios que guiaron a Fulano, Mengano e Citano durante a súa longa traxectoria sobre os escenarios de toda o panorama galego. Nas súas representacións, o espectador pasa unha velada en grao sumo agradable, con risas sostidas e contaxiosas, onde se mestura a reflexión e a crítica construtiva sobre as realidades actuais mesturado nun sinxelo traballo de escenificación, no que a sátira se une ao humor intelixente. ‘O que hai que ver!’ é unha das súas obras fetiches e está protagonizada por Marcos Alonso, Suso Pando e Manuel Pombal.

Sinopse

‘O que hai que ver!’ é unha combinacion dalgúns dos mellores sketchs da historia de Fulano, Mengano e Citano. A maiores aparecen outros, de nova creación, aos que se lle engaden unha serie de cancións orixinais cargadas de ironía. Un show que no seu conxunto forma un ‘todo’ variado, dinámico e sorprendente, seguindo a liña de humor que caracteriza á compañia. Un espectáculo que conta, en clave satírica, unha serie de historias próximas, actuais e sorprendentes, nas que o humor se funde co teatro para crear un cóctel explosivo destinado a lograr que os espectadores gocen coa risa.

Ponteareas busca promesas do deseño e modelos de distintas tallas para o seu gran desfile de moda

Os voluntarios municipais seguen traballando para converter Ponteareas nunha gran pasarela para novas e novos creadores. Os participantes no programa Mocidade Viva buscan persoas interesadas en participar no primeiro desfile de moda organizado ao abeiro desta iniciativa que procura promover o lecer saudábel e alternativo entre rapazas e rapaces maiores de 12 anos.

Un desfile que, como explica o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, busca “axudar ás novas promesas da moda a mostrar o seu traballo” e que xa ten data de celebración: o vindeiro sábado 22 de outubro no parque da Feira Vella. “Queremos ofrecer novas e novos deseñadores a oportunidade de dar a coñecer o que están a facer e a todas aquelas persoas interesadas no mundo da modelaxe que poidan desfilar lucindo os modelos dos creadores e creadoras participantes”, salienta o edil.

A organización busca máis deseñadores e deseñadoras que se animen a participar no encontro, así como modelos de distintas tallas. As persoas interesadas en participar en calquera das dúas modalidades poden solicitar máis información a través do teléfono 687 764 516 ou do correo electrónico [email protected].

Bouzó anima a todas as persoas relacionadas ou interesadas no mundo da moda a participar neste gran desfile que demostra “a gran iniciativa e implicación que teñen os nosos mozos e mozas organizando unha actividade pioneira na vila”. O concelleiro convida tamén a toda a veciñanza a asistir e gozar do desfile como público.

“Violencia Zero” chega a Covelo

0

A Deputación de Pontevedra continúa a espallar o programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” por toda a provincia, nesta ocasión cunha acción protagonizada pola artista lucense Andrea Valle e co acompañamento musical da violinista Elena Fernández. Á representación que tivo lugar esta mañá no Auditorio Municipal de Covelo, asistiu á deputada provincial, Ana Mejías, e o alcalde Juan Pablo Castillo, xunto a un grupo de alumnas e alumnos de primaria do CEIP Antonio Blanco Rodríguez, que participaron activamente nunha dinámica moi pedagóxica e interactiva para a rapazada.

“Costuras” trata sobre os males, as dores do corazón e todo aquelo que nos afecta de maneira persoal. “Hai males que non teñen cura e só podemos remendalos, coselos e esquecelos”. Este recital fala de como unha persoa se rompe, como transita de maneira diferente pola dor e como, finalmente, se asume a situación, ponse en perspectiva e acaba por superarse. Desde o feminismo esta representación relaciónase coa aflición que sofren as mulleres dende diferentes perspectivas, posto que todas, nalgún momento sofren ou sufrirán violencia machista, misóxina, maltrato físico, psicolóxico, salarial ou incluso na infancia; situacións que provocan pena, dor ou desconsolo e son complicadas de superar.

Andrea Valle, natural de Os Ancares (Lugo), iniciou a súa carreira na escrita, como ela mesma di “comecei a escribir por covarde e continuei por valente”. A artista recorda que cando era nena custáballe moito expresarse verbalmente, polo que sempre lle escribía cartas e notas ás persoas que lle importaban. Grazas ao apoio incondicional da súa familia e amigos comezou a mostrar o que escribía, ata converter os micros abertos de Santiago no seu fogar. Máis tarde chegaron os Slam Poetry, no que acadou en dúas ocasións o segundo posto. Recentemente participou en  dúas antoloxías poéticas, Poesía galega novísima, e Mujer, brujas, luna llena.

Violencia Zero xa pasou por Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei, Agolada, A Lama, Oia, Moaña, Caldas de Reis, As Neves, Redondela, Salceda, Fornelos, o centro Príncipe Felipe, Tui,  Meis, A Cañiza, Baiona. Tras a parada de hoxe en Covelo, chegará ós concellos de Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

A actividade ‘Marcha Nórdica’ estréase en Nigrán co aforo completo

0

O Concello de Nigrán estreou esta semana a actividade deportiva municipal de ‘Marcha Nórdica’ como parte da súa oferta pública e coa totalidade das 40 prazas cubertas. O deporte foi incorporado por vez primeira á oferta do consistorio tras detectarse unha clara demanda por parte de persoas que participaron no proxecto do Centro de Saúde Val Miñor para baixar a hipertensión mediante esta modalidade de camiñata con bastóns. A actividade ten como punto de partida o pavillón municipal de Panxón e é impartida en dous grupos, martes pola mañá e xoves pola tarde, cunha duración dunha hora e guiados por un monitor especialista. O Concello investíu asemesmo 968 € na adquisición de 20 pares de bastóns para o seu uso durante as clases.

“Os grupos que organizaron en cada municipio do Val Miñor os enfermeiros do Centro de Saúde de A Xunqueira funcionaron moi ben e quedou demostrado o beneficio para a saúde, así que non dubidamos en incorporar esta modalidade deportiva á oferta municipal”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña que, ademais, “é un deporte que favorece especialmente a socialización”.

Os participantes veranse favorecidos de aspectos desta disciplina deportiva como os seguintes: exercitar o 90% dos músculos do corpo ao usar bastóns (nunha andaina ‘normal’ móvese ‘só’ o 60%); reducir a carga sobre as articulacións; fortalecer os músculos relacionados coa postura e a estabilidade da columna; favorecer o equilibrio e en maiores facilitar que se eviten as caídas; axudar á perda de peso ao consumirse ata un 45% de calorías no mesmo espazo de tempo que nunha camiñada sen bastóns; mellorar a capacidade pulmonar ao ser un deporte aeróbico no que se mantén un ritmo elevado e favorecer a coordinación motriz.

Adestramento funcional

Igualmente, o Concello incorporou tamén como novidade este curso o adestramento funcional (para o que hai prazas dispoñibles). Este basease en realizar exercicios que se adaptan aos movementos naturais do corpo humano para traballar de forma global músculos e articulacións (unha das modalidaes máis populares é o crossfit). Unha das súas principais vantaxes é que se adaptan completamente ás condicións físicas de cada persoa, por iso resulta moi efectivo como adestramento persoal: mellora a mobilidade corporal, a axilidade e o equilibrio, desenvolve a saúde cardiovascular, corrixe a postura, fortalece a masa muscular e axuda a manter o peso. O Concello ofrece dous grupos os luns e venres pola tarde (os interesados poden inscribirse chamando a Atención Cidadá no 986365000).

Marcha nórdica e adestramento funcional engadíronse á oferta habitual do Concello de actividade física de mantemento, actividade física para maiores, aerobic-step, ioga, zumba, pilates, taichi, tenis e surf (este último engadido o curso pasado).

O Porriño reafirma a súa colaboración coas ANPAS

O Concello do Porriño vén de resolver as axudas municipais dirixidas a asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolven accións no eido da educación. A administración local dispuxo un total de 21.000 euros para axudas ás ANPAS do municipio e efectuou xa o primeiro pago, 80 %, ás asociacións beneficiarias.

En total foron tres as Anpas que solicitaron e xustificaron as axudas:  a ANPA do CEIP Plurilingüe de Atios que o fixo para o Aula Madruga, a do CEIP Cruz Budiño, para actividades extraescolares e saídas culturais, e a ANPA Oliveira para saídas culturais.

Cabe destacar que estas achegas suspendéranse os dous últimos cursos escolares pese a contar con partida no orzamento. O novo executivo local decidiu retomalas ao consideralas vitais para o correcto funcionamento da comunidade educativa.

A concelleira de Educación, Carolina González, quixo destacar “o fundamental labor que desenvolven as asociacións de nais e pais dentro da comunidade educativa,  sobre todo no tocante á organización de actividades extraescolares tan importantes para os alumnos e alumnas e para facilitar a conciliación familiar”.

Xornada solidaria do Club Ciclista Ponteareas para visibilizar a enfermidade Piel de Mariposa

Este pasado domingo, 2 de outubro, o Club Ciclista Ponteareas – Escuela Borja Gómez Méndez organizou, por tercer ano consecutivo, unha xornada solidaria de convivencia para seguir dando visibilidade á enfermidade Piel de Mariposa.

Con isto, o Club quere seguir fortalecendo valores tan importantes para a vida, dando ás de vida aos nosos amigos @pieldemariposa, á devandita xornada tamén se sumaron os compañeiros que na devandita xornada dominical competían no CX “XII TROFEO VILLA DE GIJON”.

Volve a «Festa da Colleira» á parroquia de Sela, Arbo

0

Un ano máis a Asociación Virxe do Carme de Sela organiza a tradicional Festa da Colleita na Feira en Sela, no municipio de Arbo ós días 11 e 12 de outubro. A xornada Festiva arranca o martes día 11 de outubro ás 20:00 horas coa actuación do DJ. Deivis e Pégate, mentras as persoas asistentes poderán degustar chourizos asados de maneira tradicional.

O mércores 12, o día grande deste evento ás 11:00 horas misa solemne na honra a Santa Isabel e San Martiño e ofrecemento dos froitos da colleita. A partir das 12:00 horas sesión vermuth con pulpo, degustación de viño novo amenizado pola Charanga Noroeste.

Ás 17:00 horas tradicional Desfile de Tractores adornados con froitos e motivos da colleita e agricultura, percorreran as rúas da parroquia é as 18:00 horas o VII Concurso de Postres Caseiros.

O fin da xornada a Asociación ofrecerá chocolate gratis para todos os asistentes.

Antigüidade, arraigo e tradición

A Festa da Colleita é una vella tradición que se remonta á década dos anos 70 do pasado século. Segundo os máis vellos da parroquia comezou no ano 1972 coa finalidade de ofrecer como agradecemento a Santa Isabel e San Martín os productos da colleita do outono.

Os participantes son veciños e veciñas da parroquia de Sela, que pouco a pouco, e co transcurso dos anos, foron sumando participantes de toda a vila de Arbo, doutros concellos limítrofes e do país veciño, Portugal.

A celebración xira en torno aos froitos propios da terra cultivados polos campesiños. Durante o oficio relixioso e a procesión, ocupan un lugar destacado as medas de palla, as espigas de millo e as cabazas colocadas nas paiozas, a augardente e outros licores propios, en clara alusión ao ambiente rural e tradicional que se pretende evocar.

Durante toda a xornada un augardenteiro destila bagazo que ofrece aos visitantes, xunto con postres caseiros e viño novo, mentres desfrutamos do desfile de tractores, que substitúen aos carros de bois dos primeiros anos, adornados polos lugareños para facer un percorrido pola parroquia e dar así a benvida ao outono.

«A colleitaz175 é un evento onde a veciñanza participa unida para amosar que Sela é unha parroquia singular, ao igual que a súa Festa, única en toda a comarca do Condado-Paradanta.

«Ostras. O peche do mar», novo documental do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy de Redondela

0

O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy presenta o vindeiro 9 de outubre no multiusos da Xunqueira de Redondela o documental Ostras. O Peche do mar, un traballo impulsado pola directiva da entidade e dirixido polo redondelán Fernando Carreira ‘Cuchi’. A peza audiovisual é unha análise do conflito vivido na parroquia entre finais de 1955 e inicio de 1956.

Esta presentación no multiusos de Redondela será un segundo pase da peza audiovisual logo da  estrea no mes de xuño na illa de San Simón e que rapidamente completou o seu aforo. Agora preténdese que os veciños que non puideron estar na estrea poidan gozar coa súa presentación e proxección no multiusos de Redondela. O colectivo cumpre de esta forma,  o seu compromiso de intentar chegar a o máxima número de veciños posible e de contar este relato que forma parte da historia do noso pobo.

Naquel período, en plena ditadura, intentouse a creación dun parque ostrícola na praia de Cesantes, que atopou a oposición da veciñanza e estivo liderada polas mariscadoras, principais afectadas da parcelación do areal, xa que era unha fonte de ingresos fundamental nun tempos duros. Na peza recóllense testemuñas de protagonistas, información do iniciativa e, incluso, das institucións públicas que impulsaron o proxecto. A prensa da época recolleu uns feitos que conmocionaron o concello e nos que existiu unha gran participación veciñal.

O programa de actos dará comezo ás 18:00 h coa presentación que correrá a cargo do presidente da asociación, José Antonio Martínez e o acto estará amenizado polo grupo de Camerata da Ría. Unha vez rematada este primer pase, falará Manuel López, membro da asociación que se encargou da documentación para este documental e realizárase un pase do documental  Ostras. O peche do mar.

O presidente da asociación dará as grazas a todos os colaboradores da iniciativa , con especial atención as mariscadoras, algunhas en vida e outras, desgraciadamente  xa finadas, tamén os científicos do CSIC, Javier Guerra e Antonio Figueras, e como non, a Miguel Borines e o director do documental Fernando Carreira ‘Cuchi’. Logo volverá a actuar o grupo Camerata da Ría que pecharán o acto.

O obradoiro Vikensen de Tomiño, entre os finalistas dos premios nacionais de artesanía 2022

0

O obradoiro de torneado de madeira Vikensen de Tomiño é unha das tres candidaturas galegas que optan como finalistas aos XV Premios Nacionais de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo na categoría de emprendemento na que tamén participa o obradoiro de Santiago Besteiro, Monterroso, especializado no coiro. A Fundación Artesanía de Galicia –dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economia, Industria e Innovación da Xunta de Galicia– opta ao Premio Promociona para Entidades Públicas polo Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra cada mes de xullo nos Pendellos de Agolada desde o ano 2012.

Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados anualmente a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. O seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento e competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán.

Os Premios constan de 5 categorías, tres delas para proxectos de artesáns –Premio Nacional de Artesanía, Premio Produto e Premio Emprendemento– e dúas que recoñecen o labor de promoción por parte de entidades públicas e privadas.

Finalistas galegos

O obradoiro de Santiago Besteiro (Monterroso), baseado no traballo co coiro en combinación con outros materiais, opta ao Premio Emprendemento, categoría na que xa resultara finalista na edición de 2020. Santiago Besteiro Design dedícase ao deseño, desenvolvemento e elaboración de pezas artesás de alta calidade realizadas con materiais naturais e biodegradables. Un proxecto no que prima a investigación con novas formas e materiais, un deseño simple e funcional e ofrecer os máis altos estándares de calidade.

Obradoiro Santiago Besteiro, Monterroso

Actualmente, traballa realizando prototipado e investigación de novos produtos para clientes coma Loewe ou deseñadores e tamén mantén dúas liñas de produtos: por unha banda a marroquinería e, pola outra, pezas escultóricas e dedicadas á decoración de interiores.

O outro obradoiro de Artesanía de Galicia que opta nesta edición ao Premio Emprendemento é Vikensen (Tomiño), un obradoiro especializado en torneado de madeira impulsado por Aitor Martínez. Este torneiro deseña e tornea pezas en madeira impulsado en grande medida pola intuición, en relación ao propio material e aos seus desexos. No traballo de Aitor recoñécense os trazos dos grandes referentes do sector e, sobre todo, destaca a paixón que –dende os seus comezos como carpinteiro e creador de xoguetes de madeira– soubo trasladar cara á elaboración de pezas máis contemporáneas. Vikensen é un obradoiro que toma unha nova dirección, enfocándose máis no mundo da decoración e na creación de ambientes e desenvolve pezas cuxa finalidade está nelas mesmas e nas persoas que as mercan.

O Premio Promociona para Entidades Públicas está pensado para recoñecer a contribución notable á promoción da artesanía desde as institucións. Nesta edición, a Fundación Artesanía de Galicia resultou finalista en recoñecemento ao evento Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada, dende o ano 2012.

O programa de actividades amplíase edición tras edición, dándolle acollida a obradoiros da marca Artesanía de Galicia, postos de produtos gastronómicos con denominación de orixe, charlas e conferencias, talleres participativos para o público infantil e adulto, exposicións, cursos de formación especializada e presentación de diferentes proxectos intersectoriais. Unha programación que lle permitiu converterse nunha cita ineludible no calendario de eventos de interese artesanal de Galicia.

Na edición de 2022, convidáronse deseñadores de alto prestixio e representantes de importantes empresas comercializadoras nacionais e internacionais, co obxectivo de abrir novas oportunidades de negocio entre los artesáns galegos.

Nos anos 2020 e 2019, a Fundación Artesanía de Galicia resultou finalista polo seu proxecto Artesanía no Prato dirixido á busca de sinerxías entre artesanía e gastronomía.

Máis de 7.000 persoas pasaron pola oficina de turismo de Oia este verán

0

Un total de 7.404 persoas pasaron pola oficina de turismo de Oia durante a tempada de verán, servizo que este ano se estendeu desde o 19 de xuño ata o 18 de setembro. Estas cifras supoñen un notable incremento respecto dos resultados do ano pasado, volvendo a niveis de afluencia previos á COVID-19.

Concretamente, os 7.404 visitantes deste verán supoñen un aumento do 52% respecto ao ano pasado, no que se rexistraron 4.846 (sendo en 2021 o período de apertura entre 18 de xuño e o 17 de setembro). Deste xeito, Oia continúa na súa senda de recuperación e volve a acadar totais semellantes aos rexistrados en veráns anteriores á pandemia (7.027 visitantes en 2018 e 8.218 en 2019).

Segundo a información recompilada polo persoal da oficina de turismo, das 7.404 visitas contabilizadas, un total de 3.988 correspondéronse con peregrinos, o que supuxo o 54% das persoas usuarias totais. Neste Ano Xacobeo destaca especialmente o incremento deste perfil de visitante, pois duplicáronse as cifras acadadas no verán de 2021 (1.996 peregrinos). Así pois, o Camiño converteuse, durante este verán, na principal motivación turística expresada polas persoas usuarias do servizo.

Procedencia

No que respecta ao lugar de orixe dos visitantes que fixeron uso da oficina, dos procedentes do territorio español (4.393 persoas) recibíronse principalmente turistas doutras localidades galegas e das comunidades de Madrid, Andalucía, Castela e León e Comunidade Valenciana. En canto a turismo internacional (2.960 persoas), os máis frecuentes foron os visitantes de países como Portugal, Estados Unidos, Alemaña, Italia, Reino Unido e Polonia.

Ademais de ofrecer atención a turistas e peregrinos, a oficina de información turística situada na Praza Centinela, no barrio histórico do Arrabal, prestou servizo a un total de 51 veciños e veciñas.

O Concello de Oia asumiu o servizo deste ano contando cunha axuda da Deputación de Pontevedra que cubriu o 66,75% do custo total da contratación do servizo (5.340 euros concedidos ao abeiro das subvencións destinadas ao financiamento dos custos e dotación de persoal para a realización de tarefas de información en oficinas de turismo adheridas á Rede de Oficinas de Turismo Info Rías Baixas durante o ano 2022).

O Concello de Covelo convida a coñener o río Alén e as súas historias

0

A Concellería de Turismo do Concello de Covelo informa da apertura do prazo de inscrición para o roteiro do río Alén e Barcia de Mera que terá lugar este domingo día 9 de outubro.

De trazado lineal e dificultade doada, as e os participantes percorrerán 10 quilómetros para descubrir a riqueza natural das ribeiras do río Alén. O punto de encontro será os muíños de Portafurado en Barcia de Mera ás nove da mañá e o número de teléfono para realizar a inscrición o 654 500 652.

Vintecinco participantes coñecerán o roteiro do río Alén que percorre parte do territorio da parroquia de Barcia de Mera tendo como eixo o cauce fluvial e o val de aluvión deste río que aporta as súas augas ó río Tea (ambos forman parte da Rede Natura 2000, a rede europea de espazos naturais protexidos), constituindo no seu conxunto unha das redes fluviais mellor conservadas do sur de Galicia en canto a calidade das súas augas, os seus hábitats de ribeira, e especies animais e vexetais.

Ao comezar o roteiro atopamos o conxunto abacial de San Martiño de Barcia de Mera, unha obra de altísimo valor patrimonial. De seguido percorremos a barcia do Alén ata a aldea de Caxil e Alén, onde o roteiro chega ata a capela de San Xoán de Mosteiro e o seu cruceiro. Alí comeza unha fermosísima circular no bosque e matogueira de ribeira atlántica, visitando a ponte medieval do Alén e a “Fonte Santa”. O camiño de volta retornaremos ós muíños de Portafurado pola mesma senda.

O Concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde en colaboración coa Deputación de Pontevedra e dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada, “as visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano. Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes, concelleira de Turismo.

O Concello oferta rutas guiadas cada primeiro fin de semana de mes ao serradoiro dos Carranos, cada segundo fin de semana de mes cos roteiros e completa a súa oferta coas excursións, tamén guiadas, áo Museo Pazo da Cruz e as experiencias de observación de estrelas.

As rutas do Museo Pazo da Cruz

As excursións e visitas do Museo Pazo da Cruz son guiadas polo propietario e director do Museo Etnográfico Pazo da Cruz, Maximino Fernández Sendín.  Con saída dende a praza Mestre Cerviño na que se explicará a historia e principais características do Cruceiro dos Aflixidos de Cerviño,  a continuación visita ó Museo Etnográfico Pazo da Cruz en A Hermida, á Casa Leónides en A Graña, ós Chozos da Serra do Suído e á Capela da Xestosa. O desprazamento realizarase en autobús.

O serradoiro dos Carranos

O Serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo. O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o serradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa e un pequeno almacén. Tamén podemos apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí. A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación  xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.

http://www.concellodecovelo.es/carranos/index.html

Observar as estrelas

Para os interesados nas experiencias de observación das estrelas en plena natureza, ofrécense saídas dende a Igrexa de San Salvador de Prado para facer parte da Ruta de As Estrelas ata a Serra do Faro na parroquia de San Salvador de Prado, onde se atopa o miradoiro e observatorio astronómico Alto do Castelo, recentemente declarado paraxe Starlight. As e os participantes poderán contar con telescopios adecuados e coas explicacións de técnicos  da Asociación Galega de Astronomía.

Apoio unánime da Corporación da Guarda á moción socialista contra o veto europeo á pesca de fondo

0

O Grupo Municipal Socialista presentou a moción por urxencia debido a que é necesario reclamar a inmediata suspensión da medida adoptada pola Comisión Europea ata que estean dispoñibles novos informes científicos. A portavoz do Grupo Municipal Socialista, Montserrat Magallanes, indicou que esta medida se adoptou sen escoitar ao sector pesqueiro, sen escoitar ás empresas e sen escoitar aos traballadores do mar. Debemos ter en conta que o sector pesqueiro galego é referente mundial na aposta pola sostibilidade medioambiental.

Ademais nestes momentos nos que Europa atravesa unha situación difícil por mor da guerra de Ucraína, as administracións temos que alertar do compromiso de dispoñibilidade dos produtos do mar.

O Grupo Municipal Socialista propuxo na súa Moción que o concello da Guarda iniciase unha recollida de sinaturas en apoio ao sector pesqueiro e de rexeitamento da medida adoptada pola Comisión Europea que veta a pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental, esta recollida de sinaturas realizarase en diferentes inmobles municipais, como a Casa dos Alonso ou a Praza de Abastos, tamén estará dispoñible na Confraría de Pescadores e na nave da asociación Redeiras Atalaia.

Ponteareas amplía a súa rede de calor con biomasa para abastecer a novos edificios municipais

Ponteareas continúa apostando pola innovación e a sustentabilidade no eido enerxético. O Concello vén de sacar a licitación as obras de ampliación da rede de calor pública, coa que se busca chegar e abastecer a edificios de titularidade municipal, incrementando e optimizando a potencia de produción dispoñible.

“Con esta nova iniciativa estamos dando novos pasos para facer de Ponteareas unha vila máis verde e sustentábel, xa que esta ampliación permitirá substituír en novos edificios o subministro de gasoil ou electricidade por biomasa de lasca producida en montes próximos, xerando aforro enerxético, investindo na contorna, fomentando o emprego local, aproveitando os nosos recursos naturais, reducindo o risco de incendios e garantindo unha contaminación cero”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Coa ampliación 2 da fase I da rede pública urbana de calor con biomasa poderase dar servizo e cubrir as necesidades de calefacción ou de aire acondicionado do Centro de Dinamización Empresarial, xa en fase de rehabilitación; do futuro Centro Cívico situado na Praza Maior e do edificio de usos múltiples que albergará a antiga nave de Aceiros do Tea.

O Goberno municipal do BNG-PSOE sinala que o aumento de potencia favorecerá o paso cara a unha economía baixa en carbono, dará pulo ao uso de enerxías renovábeis na vila e mellorará a eficiencia enerxética dos edificios e instalacións municipais de Ponteareas. “A posta en marcha da rede de calor sitúanos como un concello pioneiro e innovador que aposta pola sustentabilidade non só como unha ferramenta para o aforro económico, senón tamén para diminuír as nosas emisións a atmosfera”, explica a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote.

As empresas e persoas interesadas en presentar a súa oferta poderán facelo a través de sede electrónica ata o vindeiro 18 de outubro ás 23.59 horas. O desenvolvemento desta actuación estará cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’. As obras, que terán un prazo de execución de 12 semanas, saen a licitación por case 305.000 euros.

Redondela aumenta o número de colectores de tapóns de plástico

0

O Concello de Redondela, a través das concellerías de Servizos Sociais e Medio Ambiente, que xestionan a alcaldesa Digna Rivas e Alberto Álvarez, respectivamente, puxo en contacto a ámbalas dúas asociacións coa empresa galega ‘Redivivus’ especializada neste tipo de accións.

Redondela conta dende o ano pasado con catro colectores específicos para a recollida de tapóns de plástico, contedores claramente diferenciados de calquera outro pola súa forma de corazón e que serán xestionados polas asociacións Lenda e Andaina de cara a conseguir fondos que contribúan ao mantemento das súas actividades.

A posta en marcha destes catro primeiros colectores de tapóns, dos que dousestán instalados en Redondela e outros dous en Chapela, permiten que as asociacións Lenda, –dedicada a atender ás necesidades, formación e inserción de persoas maiores con discapacidade– e Andaina, –que fan a mesma labor pero con nenos e nenas–, “poidan obter uns ingresos adicionais e que as persoas da asociación desenvolvan unha actividade máis ao encargarse da xestión dos contedores e da recollida dos tapóns”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Éxito e continuidade

Despois de un ano en funcionamento, o éxito foi tal que as asociacións demandan un aumento no número de recolectores para continuar coas actividades. No que levamos de trimestre recolléronse xa un total de 4162 kg de plástico en Chapela e Redondela, case o dobre que o primeiro ano.

Joaquín Fernández, educador da Asociación Lenda explica que, “están desexando que poñan máis corazóns de reciclaxe. Na nosa asociación, o alumnado encargase de clasficar o plástico, unha actividade que axudou a concienciar sobre o medio ambiente e coa que os alumnos e alumnas acabaron collendo unha resposabilidade maior da que esperabamos. Adican 4 horas semanais á clasificación e fóra do horario lectivo están pendententes dos contedores para saber cando están cheos.” Fernández engadía que “outras asociacións e concellos chamaban para coñecer a iniciativa e mostraron interese. Nós explicamos o proceso, porque sabemos que esta é unha boa labor”.

A Concellería de Medio Ambiente, consciente da popularidade, encargarase de poñer a disposición de todos os veciños e veciñas da Vila máis recolectores. “Colocaremos polo menos dous recolectores máis de cara á nadal”, explica Alberto Álvarez.

A Asociación Andaina encárgase de recoller os tapóns, entre outras actividades. Así o explicaba Antonio García, presidente da asociación: “os exercicios resultantes desta iniciativa tiveron unha continuidade que nos sorprendeu. Soemos ir a recoller cada dúas semanas os tapóns. Os nenos e nenas collérono como un traballo máis e aprenden do proceso, porque saben que están facendo unha boa lobor”.

A alcaldesa Digna Rivas quixo trasladar ás dúas asociacións o agradecemento de toda a cidadanía de Redondela “polo seu traballo incansable e solidario a prol das persoas que máis o precisan, labor para a que sempre poderán contar coa colaboración deste Goberno”, concluíu.

ECOYOUTH impulsa a sustentabilidade no Porriño con actividades para a mocidade

O Porriño acolle esta semana múltiples actividades dirixidas á mocidade no marco do proxecto europeo ECOYOUTH, no que participa o IES Ribeira do Louro.

A primeira delas será un seminario sobre reciclaxe que se desenvolverá mañá mércores, de 11 h a 13 h, no Centro Cultural Municipal. O obxectivo desta actividade é crear conciencia e ensinar aos mozos e mozas hábitos de reciclaxe, sobre todo nas zonas rurais.

Participa como moderador Rafael Alonso, enxeñeiro municipal do Concello do Porriño; Ana Pazó, licenciada en Bioloxía, Mestra Composteira; Amador Ordóñez, profesor do IES Ribeira do Louro e coordinador do proxecto europeo ECOBUILD. _Playing to Ecobuild for learning to protect Environment_,  e Manuel Viñas, enxeñeiro forestal xefe de servizo de FCC Aqualia e delegado dos servizos para o Consorcio de Augas do Louro.

O venres, ás 14:30 h no Restaurante Manolo,  celebrarase unha mesa redonda centrada na xestión de residuos industriais, contaminación ambiental e aforro enerxético. Na mesma compartiranse opinións e melloras e falarase de futuras colaboracións entre a industria e o Concello do Porriño a tal fin. Participarán Amador Ordóñez e Juana Ibernón, profesores do IES Ribeira do Louro, José Angel Lorenzo, gerente do Cluster do Granito, David Sobral, secretario xeral da FEGAPE, Carolina González e Rafael Alonso, en representación do Concello do Porriño e representantes de ACIPOR e AHOSPOR.

Por último, o sábado terá lugar a Andaina ECOYOUTH que sairá ás 9 horas do Concello do Porirño e está dirixida á mocidade, a partir dos 14 anos de idade. A andaina, que ten o obxectivo de promover o valor paisaxístico e cultural da zona, estará guiada por persoal experto en sendeirismo e na natureza para profundizar nos puntos máis importantes do seu percorrido, entre eles as Gándaras de Budiño.

Para participar nas actividades é necesaria inscrición previa que pode facerse a través das seguintes ligazóns:

Seminario de Reciclaxe

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScZby-XSnACZDreJjeFmQOqnjonvMUt3j3W8OfvbTIPHkEPmA/viewform?usp=sf_link

Mesa Redonda

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScj-5eF1FH24PNKypbDMw2MDOEJMIdhLiCt1RTqC3B3zG_8Fw/viewform?usp=sf_link  

Andaina ECOYOUTH

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdsV23yiWoN32CK38AS_PN1AnCTOn9cJ9gURX24ek0j3FJTcA/viewform?usp=sf_link

Arranca un novo obradoiro de emprego na Guarda

0

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, destacou que desde o Concello seguirase apostando por inverter esforzos e fondos municipais para desenvolver todas aquelas accións formativas que, coma neste caso, podan brindar aos guardeses oportunidades de mellorar as súas posibilidades de inserción laboral, sobre todo naqueles sectores nos que poda existir unha alta demanda de profesionais.

Pola súa parte o Delegado territorial, Luís López, puxo de manifesto a aposta polo emprego da Xunta e agradeceu aos/ás participantes a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos para outorgarse máis oportunidades no mercado e amosouse convencido de que aproveitarán este ano completo ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser fundamentais para o seu futuro profesional.

A Concelleira de Formación e Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez, destacou que o proxecto de obra que se levará a cabo no Obradoiro está en liña coas actuacións de posta en valor do Camiño Portugués da Costa que está levando a cabo o Concello, xa que  permitirá desenvolver melloras en varios puntos do noso Camiño e polo tanto embelecer aínda máis o noso tramo. Estes/as alumnos e alumnas, xunto cos docentes que os/as acompañarán, terán a oportunidade de deixar a súa pegada e contribuír a que a peregrinaxe  a Santiago pola costa resulte aínda máis atractiva do que é actualmente.

O obradoiro de emprego “Manuel B. Portela VIII” contará coas especialidades de Albanelería e Forestal-Xardinaría, en cada unha das cales se formará a un grupo de 10 alumnos/as, obtendo ao remate do Obradoiro tres certificados de profesionalidade por cada unha das especialidades.   Esta iniciativa conta cun investimento da Xunta de Galicia que ascende a 504.000 euros, así como con financiación municipal.

As Neves celebra a XVI Festa do Tinto das Rías Baixas

0

A programación abrangue gastronomía, música, andainas, xogos, propostas de cultura urbana, actuacións e actividades para cativos.

As Neves celebra dende o vindeiro martes, día 11 de outubro, a XVI Festa do Tinto das Rías Baixas que, como nos tres últimos anos, terá o seu día central mércores 12.

Se a edición de 2021 foi a da volta á normalidade, superando as restricións impostas pola pandemia da COVID, este 2022 é o tempo da aposta pola calidade, apuntou a concelleira de Cultura Rocío Barreiro, no acto de presentación, hoxe na Casa da Xuventude das Neves.

Barreiro, que estivo acompañada polo alcalde accidental, Marcelino Couto, e representantes das catro adegas das Neves que estarán presentes nesta edición –Viña Nora, Chan de Vide, Señorío de Rubiós e Entrevideiras– subliñou a concurrencia, un ano máis, de representantes de toda a Denominación de Orixe Rías Baixas, a unha cita que, como o tinto, “colleu corpo e aspira a ser unha referencia no sector”.

A concelleira e o alcalde accidental lembraron que o o espazo gastronómico e de degustación, na Praza Maior estará aberto durante todo o día e haberá mesas para xantar, postos e pulpeiros, e que o día 12, o espazo de xogo para os cativos estará aberto toda a xornada.

Martes 11

As actividades arrancarán o día 11 ás 20:00 h coa ‘Apertura da Festa’,ca actuación musical do Grupo de Pandereteiras Saia da Lá. Ás 21:00 h será o Concerto de Sheila Patricia Trío e pechará a noite cunha sesión de música a cargo de DJ Belindos Music.

Mércores 12

O mércores 12, o día comezará cedo coa ‘Ruta da Festa do Tinto Rías Baixas’, que sairá dende o pavillón de deportes e percorrerá parte do Concello. As persoas interesadas en coñecer parte desta natureza e paisaxe poden inscribirse en Ataquilla.

Ás 11:00 h será apertura da Festa co concerto da Coral Ventos do Val de Petelos, comezará a festa; seguida da recepción de autoridades, ás 11:45h. na Casa do Concello. De contado, ás 12:00h. Pregón ‘Emprendedores da Terra’, a cargo de Alejandra González e Antonio Méndez.

Ao redor das 13:00 h será a quenda do grupo Ronco&Fol, e xusto logo do xantar, ás 15:15h. actuación de ‘Habelas Hailas, que dará paso ás 17:00h. a Actividade Infantil, con Contos ambientais, Miña Casiña meu lar de Caxoto.

Tamén ás 17 h e ata as 20:00 h: Obradoiros de Graffiti, Skateboard, Danzas Urbanas e estampación de camisetas,  na Casa da Xuventude, con ‘Vella Escola’.

Ás 19:00 h terá lugar o concerto do Grupo Ghavetta ata o peche da festa ás 20:30h.

A Feira do Viño do Rosal abre a inscrición á cata dirixida polo experto Pedro Ballesteros

0

A Feira do Viño do Rosal xa está a ultimar os detalles para celebrar o seu 30 aniversario cunha volta á normalidade e moreas de actividades para todos os públicos. Como ven sendo habitual, a cata comentada dará o pistoletazo de saída a unha feira “na que retomamos esa convivencia que tanto botabamos en falta durante a pandemia e na que haberá viño da DO Rías Baixas subzona do Rosal combinado con moita música, gastronomía e moito lecer para maiores e cativos e cativas”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A cata comentada de nove viños será este venres 7 de outubro ás 12.30 horas no Restaurante Juan e estará dirixida por Pedro Ballesteros, primeiro español Master of Wine, enxeñeiro agrónomo con mestrado en Viticultura e Enoloxía e unha das persoas que máis sabe de viño no mundo. Ballesteros é columnista en varios xornais e revistas en España e Bélxica e escribe regularmente para publicacións de viños no Reino Unido e en Italia, traballando en catro idiomas. Ademais, preside algúns concursos internacionais, incluíndo os prestixiosos DWWA de Decanter, 5Stars de Vinitaly, Concours Mondial Bruxelles ou Bacchus, entre outros.

Activo nos campos de promoción e educación, Ballesteros é membro do Consejo do Instituto Master of Wine, da xunta directiva da Unión Española de Catadores, do Consello da Federación Internacional de Xornalistas de Viño, do Comité Vino del Basque Culinary Centre, así como mebro da Gran Orde de Cabaleiros do Viño. Entre os seus últimos traballos bibliográficos destaca o seu libro ‘Comprender o viño’, unha obra na que Pedro Ballesteros proponse axudarnos a coñecer e entender os principais caldos españois, xa que para el os viños contan o pasado máis ou menos recente, pero tamén poden apuntarnos algo sobre o futuro, as súas posibilidades e as súas saídas comerciais.

As persoas interesadas en participar na cata comentada deberán inscribirse previamente a través dun formulario web. A participación nesta actividade terá un custo de 10 euros por participante e tras a inscrición a organización contactará coas 30 primeiras persoas inscritas para xestionar a recepción e validación da transferencia obrigatoria para o acceso á cata. Para calquera dúbida as persoas interesadas poderán poñerse en contacto a través do teléfono 619 960 240 ou do correo electrónico [email protected].

As Festas de Setembro manteñen Ponteareas chea de vida

Ponteareas afianzouse durante o último mes como un referente de lecer. As Festas de Setembro remataron esta fin de semana despois de 30 días cunha ampla programación de actividades para todas as idades e todos os gustos que encheu as rúas ponteareás de vida durante todo o mes.

“Foron xornadas coas que a vila volveu gozar das súas festas con normalidade e por todo o alto, un éxito de participación que nos enche de orgullo e nos fai continuar traballando en ofrecer a veciñanza e visitantes un amplo programa de actividades, atraendo público e dinamizando Ponteareas”, explica o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.

En total foron máis de 40 propostas culturais e deportivas coas que se percorreron diferentes recunchos da vila, nas que a música tivo un papel destacado, así como as competicións de natación, ciclismo ou tenis, os tradicionais globos de San Miguel ou a recuperación da Feira Tradicional dos Remedios tras dous anos de parón a causa da crise sanitaria. “Pechamos o verán dinamizando as nosas rúas, cunha ampla oferta de actividades para experimentar, gozar e compartir, que encheron de vida as rúas da vila e deron un importante pulo ao comercio local”, recalca o edil.

Nestes días de festexo nos que se celebraron a Festa dos Remedios e San Miguel, dúas datas moi sinaladas en Ponteareas, “enchéronse as butacas en todos os espectáculos, as prazas abarrotáronse de xente bailando e desfrutando da música, de familias gozando de atraccións tamén inclusivas e con descontos ofertados polo Concello ou de todas as competicións deportivas que a vila acolle durante este mes”.

Aberto proceso extraordinario para cubrir 4 prazas na Escola Infantil Municipal da Guarda

0

O Departamento de Servizos Sociais abre do 3 ao 7 de outubro un proceso extraordinario para cubrir 4 prazas a xornada completa na Aula de 0-1 anos da Escola Infantil Municipal.

Os pais/nais ou titores dos nenos/as interesados deberán presentar a solicitude do 3 ao 7 de outubro.

Para maior información dirixirse o Departamento de servizos sociais do concello da Guarda en horario de 9.00 a 14.00 h.

Nigrán adica outubro ao ‘Mes da Memoria Histórica’

0

O Concello de Nigrán, como cada ano desde 2015, celebrará durante todo outubro o ‘Mes da Memoria Histórica’ como recordo do tráxico suceso da ‘Volta dos Nove’ na comarca (15 de outubro de 1936). A programación, como ven sendo habitual, concentrará neste mes diferentes actos culturais que van desde a proxección de longametraxes ou documentais, a presentación de novos libros de investigación ou sendas homenaxes polo aniversario da propia ‘Volta dos Nove’ e os 70 anos da publicación de ‘Longa noite de Pedra’. Todo é no Auditorio Municipal con entrada de balde ata completarse o aforo.

“Coma sempre, trátase dunha programación cun fin divulgativo e educativo e está dirixida a manter viva a nosa memoria. Para que non se repita o peor da nosa Historia debemos coñecer episodios vergoñentos do noso pasado recente vinculados coa Guerra Civil e a represión franquista”, considera o alcalde de Nigrán, Juan González, quen precisamente como historiador recolleu moitos destes episodios no seu libro ‘Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939′.

A longametraxe ‘La trinchera infinita’, a través do cineclub Val Miñor Alice Guy, abrirá a programación este domingo 9 de outubro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal. O filme de Jon Garaño, Aitor Arregi e José Mari Goenaga protagonizado por Antonio de la Torre e Belén Cuesta retrata a vida dun home escondido na súa propia casa durante 30 anos por medo á represión franquista (desgraciadamente estes casos non foron anecdóticos en España e os seus protagonistas foron coñecidos como ‘topos’). O cine regresa o domingo 16 de outubro á mesma hora e lugar con ‘Mientras dure la guerra’, película de Alejandro Amenabar que retrata a postura do célebre escritor Miguel de Unamuno (protagonizado por Karra Elejalde) que pasa de apoiar públicamente a rebelión militar do 36 a cuestionala e rechazala ante a deriva sanguiñolenta da mesma.

Unha parte importante da programación consiste na presentación de novos libros de investigación que abordan a represión e a sublevación na provincia, polo que estarán presentes os seus autores e se establecerá un coloquio posterior. Así, a través do Instituto de Estudos Miñoranos, o mércores 12 ás 19:00 horas será o turno de ‘Alejandro Viana, un galego á fronte do rescate de refuxiados republicanos’, de Roberto Mera. O domingo 23 ás 19:00 José Antonio Uris e Víctor Manuel Santidrián presentan ‘A porta do inferno. O campo de concentración de Camposancos’ que se acompañará da proxección do documental de Antonio Caeiro ‘Aillados. A memoria dos presos de 1936 na illa de San Simón’. A programación a pechará o mércores 26 ás 20:00 horas ‘Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)’ de Xosé Álvarez Castro, tamén en colaboración co IEM. Paralelamente, o Concello ofrecerá no IES Val Miñor e IES Proval unha charla de Carlos Meixome sobre o seu libro ‘Catas na Memoria’, agasallando a ambos centros con diversos exemplares.

Un dos actos estrela será a proxección o xoves 20 de ‘La carcel de curas’, documental vasco de 2021 de Oier Aranzabal, Ritxi Lizartza e David Pallarés que narra a historia da viaxe real ao que foron sometidos 53 relixiosos de Madrid, Galicia, Cataluña e País Vasco no seu traslado forzoso ao devandito penal de Zamora, que foi o único cárcere de curas do mundo. Á proxección acudirán os seus directores e algún dos relixiosos represaliados co fin de establecer un coloquio posterior.

Igualmente, o Concello colaborará con Lucenza-Ateneo para ofrecer o venres 14 de outubro no Auditorio Municipal un acto en homenaxe ao 70 aniversario da publicación de ‘Longa noite de pedra’ de Celso Emilio Ferreiro, libro clave para comprender a literatura galega contemporánea. Este título e o conxunto da obra fan referencia á prisión padecida polo autor no Mosteiro de Celanova no 1937, porén, alén da dimensión anecdótica ou persoal, esta longa noite de pedra tense identificado repetidamente coa longa ditadura franquista.

O 15 de outubro, como cada ano, o Concello participará nos actos en homenaxe aos asasinados na ‘Volta dos 9’ en Baiona e celebrará o seu particular ás 12:00 horas no Xardín da Memoria (ao carón do Pavillón de Panxón). O suceso tivo lugar o 15 de outubro de 1936, cando se executaron a nove veciños do Val Miñor (cinco deles de Panxón) como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes, a súa asistenta Dolores Samuelle e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños de todo o Val Miñor detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e como vinganza, os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baiona. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquelo que sucedeu.