10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas amplía a súa rede de calor con biomasa para abastecer a...

    Ponteareas amplía a súa rede de calor con biomasa para abastecer a novos edificios municipais

    Ponteareas continúa apostando pola innovación e a sustentabilidade no eido enerxético. O Concello vén de sacar a licitación as obras de ampliación da rede de calor pública, coa que se busca chegar e abastecer a edificios de titularidade municipal, incrementando e optimizando a potencia de produción dispoñible.

    “Con esta nova iniciativa estamos dando novos pasos para facer de Ponteareas unha vila máis verde e sustentábel, xa que esta ampliación permitirá substituír en novos edificios o subministro de gasoil ou electricidade por biomasa de lasca producida en montes próximos, xerando aforro enerxético, investindo na contorna, fomentando o emprego local, aproveitando os nosos recursos naturais, reducindo o risco de incendios e garantindo unha contaminación cero”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

    Coa ampliación 2 da fase I da rede pública urbana de calor con biomasa poderase dar servizo e cubrir as necesidades de calefacción ou de aire acondicionado do Centro de Dinamización Empresarial, xa en fase de rehabilitación; do futuro Centro Cívico situado na Praza Maior e do edificio de usos múltiples que albergará a antiga nave de Aceiros do Tea.

    O Goberno municipal do BNG-PSOE sinala que o aumento de potencia favorecerá o paso cara a unha economía baixa en carbono, dará pulo ao uso de enerxías renovábeis na vila e mellorará a eficiencia enerxética dos edificios e instalacións municipais de Ponteareas. “A posta en marcha da rede de calor sitúanos como un concello pioneiro e innovador que aposta pola sustentabilidade non só como unha ferramenta para o aforro económico, senón tamén para diminuír as nosas emisións a atmosfera”, explica a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote.

    As empresas e persoas interesadas en presentar a súa oferta poderán facelo a través de sede electrónica ata o vindeiro 18 de outubro ás 23.59 horas. O desenvolvemento desta actuación estará cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’. As obras, que terán un prazo de execución de 12 semanas, saen a licitación por case 305.000 euros.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.