Xoves, 16 Xaneiro de 2025

A actividade ‘Marcha Nórdica’ estréase en Nigrán co aforo completo

O Concello de Nigrán estreou esta semana a actividade deportiva municipal de ‘Marcha Nórdica’ como parte da súa oferta pública e coa totalidade das 40 prazas cubertas. O deporte foi incorporado por vez primeira á oferta do consistorio tras detectarse unha clara demanda por parte de persoas que participaron no proxecto do Centro de Saúde Val Miñor para baixar a hipertensión mediante esta modalidade de camiñata con bastóns. A actividade ten como punto de partida o pavillón municipal de Panxón e é impartida en dous grupos, martes pola mañá e xoves pola tarde, cunha duración dunha hora e guiados por un monitor especialista. O Concello investíu asemesmo 968 € na adquisición de 20 pares de bastóns para o seu uso durante as clases.

“Os grupos que organizaron en cada municipio do Val Miñor os enfermeiros do Centro de Saúde de A Xunqueira funcionaron moi ben e quedou demostrado o beneficio para a saúde, así que non dubidamos en incorporar esta modalidade deportiva á oferta municipal”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña que, ademais, “é un deporte que favorece especialmente a socialización”.

Os participantes veranse favorecidos de aspectos desta disciplina deportiva como os seguintes: exercitar o 90% dos músculos do corpo ao usar bastóns (nunha andaina ‘normal’ móvese ‘só’ o 60%); reducir a carga sobre as articulacións; fortalecer os músculos relacionados coa postura e a estabilidade da columna; favorecer o equilibrio e en maiores facilitar que se eviten as caídas; axudar á perda de peso ao consumirse ata un 45% de calorías no mesmo espazo de tempo que nunha camiñada sen bastóns; mellorar a capacidade pulmonar ao ser un deporte aeróbico no que se mantén un ritmo elevado e favorecer a coordinación motriz.

Adestramento funcional

Igualmente, o Concello incorporou tamén como novidade este curso o adestramento funcional (para o que hai prazas dispoñibles). Este basease en realizar exercicios que se adaptan aos movementos naturais do corpo humano para traballar de forma global músculos e articulacións (unha das modalidaes máis populares é o crossfit). Unha das súas principais vantaxes é que se adaptan completamente ás condicións físicas de cada persoa, por iso resulta moi efectivo como adestramento persoal: mellora a mobilidade corporal, a axilidade e o equilibrio, desenvolve a saúde cardiovascular, corrixe a postura, fortalece a masa muscular e axuda a manter o peso. O Concello ofrece dous grupos os luns e venres pola tarde (os interesados poden inscribirse chamando a Atención Cidadá no 986365000).

Marcha nórdica e adestramento funcional engadíronse á oferta habitual do Concello de actividade física de mantemento, actividade física para maiores, aerobic-step, ioga, zumba, pilates, taichi, tenis e surf (este último engadido o curso pasado).