ADEGA convoca un ano máis a Limpeza Simultánea de Praias, que desta volta acada a súa XI edición, e terá lugar na fin de semana do 14 e 15 de outubro. Esta xornada de voluntariado ambiental ten o propósito de concienciar a sociedade na loita contra a contaminación mariña.
Foron chamados a participar nesta limpeza simultánea de praias e denunciar esta problemática ambiental os centros de ensino, escolas de surf e mergullo, clubs de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos do litoral, e entidades de todo tipo de Galiza, tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares, este ano o Concello da Guarda adheriuse a esta limpeza e acollerá este evento na xornada do sábado día 15 de outubro a partires das 11:00h na Praia do Codesal.
As limpezas serán ecolóxicas, non mecanizadas, e tratarán de eliminar boa parte dos residuos que están nas praias coa idea de chamar a atención da sociedade sobre a súa contaminación procedente nomeadamente de terra adentro. As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no modelo “usar e tirar”, a deficiente xestión dos residuos que xeramos e a falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. Todo iso provoca que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedentes en parte da industria do mar (pesca, extraccións…), pero tamén dos nosos fogares.
Podes realizar a túa inscrición chamando ao Concello da Guarda ao 986 61 00 00.