14.6 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación celebra unha gala para rendir homenaxe ao deporte

    A Deputación celebra unha gala para rendir homenaxe ao deporte

    As grandes figuras do deporte da provincia déronse cita onte pola tarde na espectacular gala do deporte, organizada pola Deputación, no exterior da súa sede en Pontevedra para recoñecer a traxectoria e logros acadados no que vai de ano polo deporte provincial. Preto de dous centenares de persoas de federacións, clubs, asociacións e colectivos deportivos do territorio acudiron a esta cita na que a institución provincial rendeu, ademais, especial homenaxe aos 271 deportistas de preto de corenta disciplinas diferentes premiados neste 2022 coas bolsas de Alto Nivel, Alto Nivel + para deportistas con discapacidade e coas bolsas Promesa da Deputación.  “Sodes un orgullo e temos moito que agradecervos por ser quen de levar, con todo o talentazo que tendes, o noso nome, o da provincia, o de todas e todos nós, polo mundo enteiro”, asegurou Carmela Silva.

    O evento, conducido polo xornalista Terio Carrera e pola piragüista olímpica Antía Jácome, desenvolveuse na escalinata do Pazo provincial, coas columnas e escaleiras cun espectacular alumeado con leds para a ocasión. A entrada, transformada nun escenario, encheuse dos nomes das preto de corenta disciplinas deportivas e coroouse cunha xigantesca pantalla de leds de 5,5 metros de ancho e 3 de alto na que se proxectaron pezas audiovisuais. Tamén se instalou un animado photocall polo que pasaron todas as persoas convidadas á Gala provincial do Deporte.

    © Rafa Estévez

    Durante o acto a presidenta, Carmela Silva, enxalzou os logros acadados polo deporte provincial nesta temporada, agradecéndolle todo o seu “esforzo, dedicación e compromiso, elementos que constitúen a receita única para o éxito”. Tamén aproveitou a ocasión para remarcar a importancia da práctica deportiva, “non soamente para medrar como persoas sas, senón por ser un piar fundamental para construír sociedades máis integradoras, cohesionadas, avanzadas e xustas”. Neste eido destacou o “firme compromiso” da Deputación co deporte: “somos a administración pública que máis recursos propios aporta ao deporte en Galicia, con iniciativas tan innovadoras que nos teñen convertido xa na provincia do deporte”.

    Jaime Duro (campión do mundo de piragüismo), Ainhoa Reparaz  (campioa de España de atletismo), Manu Garrido (campión do mundo de maratón de piragüismo), Lidia Pérez (bronce nos Xogos do Mediterráneo), Melania Rodríguez (ouro no campionato do mundo de ximnasia), Alfonso Riqueza (tricampeón de España de kickboxing), Diego Romero (campión do mundo de maratón curto de piragüismo), Sara Cortegoso (quinta do mundo de taekwondo), foron algunhas e algúns dos deportistas que tomaron a palabra durante a Gala. Do mesmo xeito fixeron a presidenta da Sociedade Ximnástica de Atletismo, Charo Castro, o presidente do Atlético Guardés, Jesús López, a representante dos Deportes de Inverno, Mónica Touriño e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea. E por suposto, tamén houbo tempo de intercambiar unhas verbas con Iria, Uxía e Roi Rodríguez Huerta, tres irmáns deportistas que comparten o fito de ter acadado unha bolsa da Deputación.

    A Gala provincial do Deporte contou coa actuación musical de Sabela Rey e Benjamín Vázquez que interpretaron as pezas “Aí ven o maio”, “O baile de Noro” e “A rianxeira”. Amais, durante o seu transcurso tivo lugar unha exhibición de taekwondo a cargo de deportistas do ximnasio Mace-Sport de Pontevedra. Tamén se proxectaron catro vídeos, un cos nomes das e dos deportistas DepoDan, DepoDAn + e DepoPromesa, outro co saúda de Susana Rodríguez Gacio (DepoDan+ e campioa paralímpica), outro con Martín de la Puente (campión do Open USA Junior) e, finalmente, o vídeo centrado nas mulleres do deporte. O evento rematou cun ágape no vestíbulo do Pazo Provincial.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.