Mércores, 11 Decembro de 2024

Ponteareas busca promesas do deseño e modelos de distintas tallas para o seu gran desfile de moda

Os voluntarios municipais seguen traballando para converter Ponteareas nunha gran pasarela para novas e novos creadores. Os participantes no programa Mocidade Viva buscan persoas interesadas en participar no primeiro desfile de moda organizado ao abeiro desta iniciativa que procura promover o lecer saudábel e alternativo entre rapazas e rapaces maiores de 12 anos.

Un desfile que, como explica o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, busca “axudar ás novas promesas da moda a mostrar o seu traballo” e que xa ten data de celebración: o vindeiro sábado 22 de outubro no parque da Feira Vella. “Queremos ofrecer novas e novos deseñadores a oportunidade de dar a coñecer o que están a facer e a todas aquelas persoas interesadas no mundo da modelaxe que poidan desfilar lucindo os modelos dos creadores e creadoras participantes”, salienta o edil.

A organización busca máis deseñadores e deseñadoras que se animen a participar no encontro, así como modelos de distintas tallas. As persoas interesadas en participar en calquera das dúas modalidades poden solicitar máis información a través do teléfono 687 764 516 ou do correo electrónico [email protected].

Bouzó anima a todas as persoas relacionadas ou interesadas no mundo da moda a participar neste gran desfile que demostra “a gran iniciativa e implicación que teñen os nosos mozos e mozas organizando unha actividade pioneira na vila”. O concelleiro convida tamén a toda a veciñanza a asistir e gozar do desfile como público.