A cidade de Toledo acolleu a sétima edición do concurso ‘Mellor Artesán Florista’, no que competiron 24 profesionais do sector chegados de toda España. Na final, á que chegaron os cinco mellores participantes, resultou gañadora outra galega Patricia Aguín Carballa (Portonovo), segunda Mónica Vilanova (Barcelona), terceiro Andrés Ayllón (Madrid), cuarto Manuel Fernandez (Badaxoz) e quinta a florista galega, Noelia Sías Villaverde (Mos).
O concurso prolongouse durante catro días e os aspirantes tiveron que preparar dez traballos sorpresa diferentes. Nin os concursantes nin o xurado sabían en que ía consistir cada unha das probas, nas que se avaliaban aspectos como a técnica, a limpeza, a rapidez, a cor, a actitude dos floristas ou o compañeirismo. Unha das probas era en grupo, outra era de substitucións e as demais individuais, os participantes tiñan un tempo máximo especificado para completar cada unha delas. O xurado debía valorar o estilo actual dos mesmos e a dificultade da elaboración.
Na última xornada do concurso, os cinco finalistas tiveron que elaborar unha decoración floral efémera nunha escultura tipo escudo medieval para unha exposición alegórica á historia de Toledo. A proba desenvolveuse durante a celebración da cea de gala, á que asistiron o resto de concursantes, organizadores, provedores, prensa e profesionais do sector de toda España e mesmo estranxeiros.
Noelia Sías
Esta foi a terceira dedición á que se presentou a mosense Noelia Sías, nas dous anteriores conseguiu o segundo posto e este ano volve facer pódium co quinto posto. Leva máis de vinte anos vinculada ao mundo da flor e traballa actualmente na Florería Lola de Mos.
Recibiu formación nalgunhas das mellores escolas do sector que hai en España, onde tivo a oportunidade de coñecer, de primeira man, as últimas técnicas e tendencias en arte floral. Entre os seus mestres figuran nomes tan destacados a nivel nacional como os de Juan Chamorro, Roberto Silbosa, Daniel Santamaria ou María Jesús Miranda e tamén algúns referentes internacionais como Gregor Lersch, Per Benjamin ou Vadim Kazansky.