14.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoO obradoiro Vikensen de Tomiño, entre os finalistas dos premios nacionais de...

    O obradoiro Vikensen de Tomiño, entre os finalistas dos premios nacionais de artesanía 2022

    A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, opta ao Premio Promociona para Entidades Públicas polo encontro 'Corazón da Artesanía' que se celebra nos Pendellos de Agolada, mentres que o obradoiro de coiro de Santiago Besteiro (Monterroso) e o obradoiro Vikensen (Tomiño), de torneado de madeira, competirán polo Premio Emprendemento

    O obradoiro de torneado de madeira Vikensen de Tomiño é unha das tres candidaturas galegas que optan como finalistas aos XV Premios Nacionais de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo na categoría de emprendemento na que tamén participa o obradoiro de Santiago Besteiro, Monterroso, especializado no coiro. A Fundación Artesanía de Galicia –dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economia, Industria e Innovación da Xunta de Galicia– opta ao Premio Promociona para Entidades Públicas polo Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra cada mes de xullo nos Pendellos de Agolada desde o ano 2012.

    Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados anualmente a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. O seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento e competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán.

    Os Premios constan de 5 categorías, tres delas para proxectos de artesáns –Premio Nacional de Artesanía, Premio Produto e Premio Emprendemento– e dúas que recoñecen o labor de promoción por parte de entidades públicas e privadas.

    Finalistas galegos

    O obradoiro de Santiago Besteiro (Monterroso), baseado no traballo co coiro en combinación con outros materiais, opta ao Premio Emprendemento, categoría na que xa resultara finalista na edición de 2020. Santiago Besteiro Design dedícase ao deseño, desenvolvemento e elaboración de pezas artesás de alta calidade realizadas con materiais naturais e biodegradables. Un proxecto no que prima a investigación con novas formas e materiais, un deseño simple e funcional e ofrecer os máis altos estándares de calidade.

    Obradoiro Santiago Besteiro, Monterroso

    Actualmente, traballa realizando prototipado e investigación de novos produtos para clientes coma Loewe ou deseñadores e tamén mantén dúas liñas de produtos: por unha banda a marroquinería e, pola outra, pezas escultóricas e dedicadas á decoración de interiores.

    O outro obradoiro de Artesanía de Galicia que opta nesta edición ao Premio Emprendemento é Vikensen (Tomiño), un obradoiro especializado en torneado de madeira impulsado por Aitor Martínez. Este torneiro deseña e tornea pezas en madeira impulsado en grande medida pola intuición, en relación ao propio material e aos seus desexos. No traballo de Aitor recoñécense os trazos dos grandes referentes do sector e, sobre todo, destaca a paixón que –dende os seus comezos como carpinteiro e creador de xoguetes de madeira– soubo trasladar cara á elaboración de pezas máis contemporáneas. Vikensen é un obradoiro que toma unha nova dirección, enfocándose máis no mundo da decoración e na creación de ambientes e desenvolve pezas cuxa finalidade está nelas mesmas e nas persoas que as mercan.

    O Premio Promociona para Entidades Públicas está pensado para recoñecer a contribución notable á promoción da artesanía desde as institucións. Nesta edición, a Fundación Artesanía de Galicia resultou finalista en recoñecemento ao evento Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada, dende o ano 2012.

    O programa de actividades amplíase edición tras edición, dándolle acollida a obradoiros da marca Artesanía de Galicia, postos de produtos gastronómicos con denominación de orixe, charlas e conferencias, talleres participativos para o público infantil e adulto, exposicións, cursos de formación especializada e presentación de diferentes proxectos intersectoriais. Unha programación que lle permitiu converterse nunha cita ineludible no calendario de eventos de interese artesanal de Galicia.

    Na edición de 2022, convidáronse deseñadores de alto prestixio e representantes de importantes empresas comercializadoras nacionais e internacionais, co obxectivo de abrir novas oportunidades de negocio entre los artesáns galegos.

    Nos anos 2020 e 2019, a Fundación Artesanía de Galicia resultou finalista polo seu proxecto Artesanía no Prato dirixido á busca de sinerxías entre artesanía e gastronomía.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.