A presidenta da Deputación de Pontevedra amosou esta mañá a súa condena, repulsa, e indignación ante o triplo crime machista acometido en Valga. “Todas e todos sentímonos moi conmocionadas e indignadas –manifestou Carmela Silva– porque a noticia terrible de Valga golpéanos como sociedade: o asasinato de Sandra, Alba e Elena. Tres asasinatos machistas, tres feminicidios”.
Silva amosou a súa solidariedade e a do goberno provincial coa familia e amizades das tres vítimas. “Dende a Deputación de Pontevedra –declarou a presidenta– queremos estar ao lado de Valga, ao lado da familia de Sandra, Alba, Elena, deses dous nenos de 5 e 8 anos, e dicirlle que non hai dereito, que é unha inxustiza, que é insoportable e non hai palabras para poder definir toda esta dor que sentimos”. Deste xeito, a presidenta e o goberno provincial sumaranse mañá á concentración convocada ás 12.00 pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

“
Silva: “Estamos fartas de hipocresía. Queremos que se recoñeza alto e claro que existen as violencias machistas. Queremos un compromiso contundente de que non se pacte con aqueles que as negan”
A presidenta instou ás e aos dirixentes políticos a manter un firme compromiso coa igualdade e contra as violencias machistas. “As mulleres que creemos na igualdade estamos moi afectadas.
Queremos que se recoñeza alto e claro que existen as violencias machistas e queremos o compromiso contundente de que non se vai pactar con quen as nega”, asegurou Silva. “Hoxe algúns irán a Valga e farán declaracións condenando os feminicidios. Os mesmos que pactan con Vox, con aqueles que negan a violencia machista e a eles me dirixo para dicirlles que xa está ben. Estamos fartas de hipocresía”.
Desde o coñecemento do asasinato a tiros de Sandra, da súa nai Elena e irmá Alba, as bandeiras das sedes da Deputación de Pontevedra na cidade do Lérez e en Vigo ondean a media hasta.
Ademais, o goberno de Carmela Silva adianta para esta mesma noite a iluminación de violeta do Pazo provincial e da Sede de Vigo prevista para o día 20 de setembro, con motivo da campaña ‘EmerxenciaFeminista’ á que a Deputación de Pontevedra aprobou sumarse no pasado Pleno.