10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeEleccións 12XGonzalo Caballero destaca que "somos o cambio con garantías" e augura que...

    Gonzalo Caballero destaca que “somos o cambio con garantías” e augura que “o 12X haberá en Galicia un presidente socialista”

    O candidato socialista sinala que “os que recortaron os servizos públicos non poden pilotar a reconstrución” e chama a “meter a Feijóo no baúl dos recordos”

    O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, apelou hoxe a todos os galegos a sumarse ao “cambio con garantías”, a un “cambio tranquilo, confortable” que non irá “contra ninguén” senón que traballará para que “ninguén quede atrás”.

    “Somos a mellor opción para o futuro de Galicia”, subliñou o líder dos socialistas galegos, quen chamou a “meter a Feijóo no baúl dos recordos” a partires do 12 de xullo. Sobre todo, como dixo, porque quen durante 11 anos “recortou os servizos públicos, privatizou a sanidade e destruíu o emprego non pode agora pilotar a reconstrución” de Galicia trala pandemia.

    É por iso, remarcou Gonzalo Caballero, “os socialistas saímos a gañar” estas eleccións, “con forza e con ilusión”, para construír “un goberno de progreso” na Xunta. “Porque Galicia -argumentou- é a nosa razón e o noso compromiso”, e “se en abril o cambio era necesario” para poñer fin á senda de “recortes e retrocesos” de Feijóo, “agora é imprescindible”.

    Sobre todo, porque despois de frear a curva dos contaxios da covid en virtude das medidas tomadas polo goberno progresista en España, agora temos que “frear a curva da desigualdade” e “non deixar a ninguén na cuneta”. “As nosas receitas son máis necesarias que nunca”, evidenciou o candidato socialista á Presidencia da Xunta, consciente de que “somos a única garantía fronte aos recortes da dereita”.

    Así pois, Gonzalo Caballero chamou aos galegos a “non resignarse ao PP de Casado, Ayuso e Feijóo”. “As eleccións do 12 de xullo son moi importantes. Se non acertamos na resposta que queremos, estarémonos laiando durante outros catro anos dos recortes de Feijóo”, advertiu.

    “Catro semanas para o cambio”

    Neste escenario, Gonzalo Caballero fixo fincapé en que “quedan catro semanas para o cambio” e para ter en Galicia un goberno que “defenda os servizos públicos e faga política pensando na cidadanía”. “Necesitamos revitalizar Galicia tralo diagnóstico en branco e negro que nos deixa Feijóo”, engadiu.

    En concreto, referiu como os 11 anos de Feijóo en Galicia deixan 70.000 ocupados menos, unhaa 500 camas menos nos hospitais públicos, 2.000 millóns de recortes na sanidade pública e tan só 26 vivendas públicas construídas. “Galicia necesita abrir unha etapa de progreso e de oportunidades e o PP non é quen de facer política para remontar unha crise como esta”, incidiu.

    Para poñer en marcha medidas que “a prol da xustiza social, a igualdade, os dereitos dos nenos e dos maiores” e pular pola creación de emprego e a mellora da economía, Gonzalo Caballero comprometeu un pacto político, cos axentes sociais e co municipalismo para “reconstruír o país”. Para “orientar” ese traballo, ademais, avanzou que contará con Xoaquín Fernández Leiceaga como conselleiro de Facenda do goberno autonómico.

    Ademais, asegurou que un goberno progresista en Galicia “esclarecerá todo o ocorrido nas residencias de maiores” durante a crise da covid, porque 132 persoas faleceron en Galicia dentro dos xeriátricos. “Con responsabilidade, sen demagoxia, pero entendendo que o dereito á dignidade implica dar información a quen perdeu a un ser querido”, concluíu, antes de remarcar que é “un compromiso” que fará realidade.

    Finalmente, o líder do PSdeG puxo en valor como o goberno progresista dispuxo o pago das nóminas a 270.000 galegos a través dos ERTE, como 70.000 autónomos de Galicia percibiron axudas, que se prohibiron os desafiuzamentos e o corte de subministracións durante a pandemia e a aprobación do ingreso mínimo vital.

    E a resposta de Feijóo a este “escudo protector” da cidadanía, recordou, foi “a confrontación. “É corresponsable da estratexia de Casado, Álvarez de Toledo e Ayuso”, remachou Gonzalo Caballero, antes de recriminar a súa “irresponsabilidade” ao pedir o levantamento do estado de alarma o pasado 3 de maio. “Feijóo é PP en vena”, criticou.

    Fronte a este xeito de actuar, Gonzalo Caballero reivindicou que o PSdeG-PSOE ten “un proxecto de país” que terá en conta á cidadanía. E engadiu que, despois de que as forzas progresistas gañaran en Galicia todas as eleccións do pasado ano, o vindeiro 12 de xullo haberá unha nova vitoria nas urnas que terá como resultado un presidente socialista.

    “Hoxe hai máis motivos”

    Pola súa banda, a número dous pola provincia de Pontevedra, Isaura Abelairas, destacou de Gonzalo Caballero que é “reivindicativo” e “un traballador incansable” e resaltou que o PSdeG ten “gañas, experiencia e coñecemento” para afrontar o cambio.

    A continuación, a cabeza de cartel por Lugo, Patricia Otero, puxo en valor as medidas do goberno de España nesta crise, como o pago dos ERTE, as axudas a autónomos ou o ingreso mínimo vital.

    “Temos mil e un motivos para saír á rúa e dicir que non é igual que gobernemos uns ou que gobernen outros”, incidiu, e criticou a “inacción” de Feijóo fronte ao traballo dunha maioría de alcaldes socialistas na súa provincia e do presidente da deputación. “Só nos queda desbancar ao PP da Xunta”, arengou, convencida de que Gonzalo Caballero será o próximo presidente.

    Tamén interveu Marina Ortega, quen encabeza a candidatura ourensana, e sinalou que a súa provincia parece “o experimento macabro do PP”, á vista do pacto subscrito por Feijóo para manter a Baltar á fronte da Deputación e situar a Jácome no concello.

    Por iso, tras “unha década perdida” para Galicia, chamou a situar na Presidencia da Xunta a “unha persoa moi formada e moi recoñecida” como Gonzalo Caballero.

    Finalmente, Pablo Arangüena, número un pola Coruña, tomou a palabra para subliñar que “se hai tres meses había vimbios e motivos para o cambio” agora “hai os mesmos vimbios e moitos máis motivos”.

    “Se despois de once anos recortou todo o que podía recortar e máis en sanidade e servizos públicos, que non fará se segue gobernando tras o 12X na crise que seguirá á pandemia?”, inquiriu, convencido de que Feijóo “deixaría Galicia como un bonsái” a base de tesoiras. Fronte a isto, comprometeu unha nova política para reconstruír Galicia ao lado da cidadanía.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.