Venres, 13 Decembro de 2024

«Pontevedra Trail League», a nova aposta deportiva da Deputación de Pontevedra

A iniciativa une o Trail Adventure Muíños do Folón, o Trail do Románico e o Trail do Trega, "unha grande idea coa que promovemos a provincia de Pontevedra como un destino sustentable"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe a primeira edición da Pontevedra Trail League, iniciativa deportiva que conta coa colaboración da institución provincial e que xuntará a tres probas de referencia na provincia como son o Trail Adventure Muíños do Folón, o Trail do Románico e o Trail do Trega. No acto estivo acompañada por Anxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal; Mónica González, concelleira de Deportes de Silleda; Montse Magallanes, concelleira de Deportes da Guarda; Gorka Gómez, deputado de Deportes, e Justi Peixoto, organizador da proba.

Carmela Silva con Justi Peixoto e o deputado de Deportes, Gorka Gómez, na presentación da ‘Pontevedra Trail League’

En rolda de prensa, Silva resaltou que “na Deputación de Pontevedra apostamos por este tipo de actividades deportivas que axudan a promocionar o noso territorio ao mesmo tempo que se desenvolven dun xeito sustentable”. Amais, referiuse á primeira edición desta iniciativa como “unha gran idea que cumpre coa Axenda 2030 e que vai da man da nosa campaña turística, que pon en valor o noso patrimonio natural, amais o facemos desde un punto de vista non pasivo, promovendo a actividade nel”.

A primeira proba da Pontevedra Trail League será no Rosal o 8 de marzo. O Trail Adventure Muiños do Folón será unha carreira de 21 quilómetros para o que tan só quedan ao redor de 60 prazas. A alcaldesa do Rosal, Anxela Fernández, apuntou que “como a proba terá lugar o 8 de marzo, nunha data tan sinalada para todas e todos nós, tentaremos facer de xeito paralelo un recoñecemento á muller no deporte”.

Tras o seu paso polo Rosal o circuíto deportivo chegará a Silleda o 19 de xullo co Trail do Románico, unha proba de 24 quilómetros para a que o prazo de inscrición abrirase no mes de abril, aínda que a inscrición conxunta para as tres probas xa pode formalizarse. A concelleira de Deportes da vila do Deza, Mónica González, afirmou que “é unha das probas deportivas das que máis orgullosos e orgullosas estamos en Silleda porque é unha carreira que vai máis aló do deportivo e que serve para poñer en valor o noso patrimonio natural, histórico e artístico”.

Por último, a Pontevedra Trail League pecharase na Guarda co Trail do Trega o 22 de novembro. Para esta proba, de 18 quilómetros, as inscricións individuais estarán dispoñibles a partir do mes de xullo. Montse Magallanes, concelleira da Guarda, explicou que “xuntar estes tres eventos deportivos é unha idea fantástica e polo tanto gustaríame transmitir o noso agradecemento á empresa organizadora e á propia Deputación de Pontevedra”.

No acto de presentación, Justi Peixoto, organizador da proba, detallou os pormenores da primeira edición desta iniciativa deportiva e anunciou que “a partir da primeira proba a líder e o líder da xeral levarán un maillot identificativo” e que “paralelamente as principais probas organizaremos unha andaina para que as persoas acompañantes das e dos participantes e aquelas persoas que non poidan levar a cabo a proba correndo poidan gozar das paisaxes polas que pasan as tres carreiras”.

Carmela Silva rematou sinalando que “Pontevedra ten a capacidade de acoller grandes eventos deportivos e como aquí somos ambiciosos e ambiciosas teño que dicir que estou segura de que dentro dun tempo falaremos deste programa deportivo como unha referencia nacional e internacional que estea a altura de iconas do trail como Colorado, Isla Bonita, Zegama ou Chamonix”.