10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaÉxito de público na presentación do libro de banda deseñada sobre memoria...

    Éxito de público na presentación do libro de banda deseñada sobre memoria histórica ‘Regreso á Illa de San Simón’

    A alta demanda da publicación coordinada por Kiko da Silva e realizada por autores e autoras do 'O Garaxe Hermético' leva á Deputación a anunciar unha próxima reedición

    O Museo de Pontevedra encheuse o venres ata onde o permitía o aforo do 90 % para a presentación do libro de banda deseñada Regreso á Illa de San Simón, a primeira publicación sobre memoria histórica editada pola pola Deputación de Pontevedra para chegar á xente moza. O éxito non parou aí: a deputada María Ortega anunciou que se fará unha próxima reedición dada a alta demanda recibida tanto no Servizo de Publicacións provincial como na escola do Garaxe Hermético nos días pasados.

    A peza, que conta diferentes historias baseadas nos feitos acontecidos na Illa de San Simón dende 1936 ata 1943 como campo de presos da ditadura, foi coordinada polo ilustrador Kiko da Silva e creada por autoras e autores formados na escola de banda deseñada O Garaxe Hermético: Miguel Rojo e Pablo Prado, Fernando Llor e Ana Pumares, Fonso Barreiro e Antonio Recuna, Eli García, Miriam Iglesias, Iago Fernández Falcón e Damián Gómez Figueras, Zaida Novoa, Mara Méndez, Fernando Llor e Olalla González, Lorena Nikoli, así como Fernando Iglesias ‘Kohell’ e Miguel Porto.

    O obxectivo da iniciativa, segundo explicou a deputada María Ortega no Museo, foi achegarse á xente moza cun formato atractivo e diferente aos que se soen empregar no ámbito da memoria histórica, con colectivos e asociacións formadas principalmente por persoas de maior idade. Neste sentido, a nacionalista amosouse especialmente satisfeita e emocionada polo éxito acadado incluso antes da presentación, que ao seu entender amosa que hai interese por coñecer os feitos do pasado escuro na historia do país e tamén por reflexionar sobre o papel que rapaces e rapazas poden xogar nas reivindicacións de “verdade, xustiza, reparación”.

    Pola súa banda, o coordinador da publicación, Kiko da Silva, falou na presentación da idoneidade de utilizar a banda deseñada (BD) para falar da memoria histórica. Lembrou que a BD acadou a súa madurez a finais do século XX coa obra ‘Maus’ de Art Spiegleman, que fixo que “comece a cambiar todo no gremio” por abordar o holocausto a partir das lembranzas do seu pai, xudeu que sobreviviu a Auschwitz. “Esa obra empezou sendo ‘underground’, pero hoxendía xa é mundialmente coñecida e best seller porque é a única BD que acadou o Pullitzer de xornalismo”, apuntou Da Silva.

    O ilustrador tamén fixo unha reflexión sobre o termo postmemoria da autora Marianne Hirsch, referido á relación entre dúas xeracións e a herdanza do trauma persoal e o colectivo recollido a través a imaxes inquietantes, obxectos, historias, comportamentos e afeccións transmitidos dentro da familia e da cultura xeral.

    Segundo explica Da Silva, o libro sobre San Simón foi feito por autores e autoras que non viviron os feitos na familia directa salvo a excepción de un, Antonio Recuna, familiar do preso coñecido como o ‘Reisiño’, de quen lle chegou o seu interese polo debuxo. “Coñécense as cousas por pesquisas. O terror e o medo facían que non se falase disto na casa, polo que este é un libro desa postmemoria, falar da historia dende a investigación e documentos históricos que fan que non se perda o relato”, subliñou o autor.

    A presentación da BD ‘Regreso á Illa de San Simón’ finalizou coas intervencións das autoras Zaida Novoa e Fonso Barreiro, que explicaron o proceso de creación das historias reunidas na publicación. Neste sentido, o propio Kiko da Silva salientou a calidade e profesionalidade do traballo, que se fixo nun tempo récord.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.