Mércores, 11 Decembro de 2024

O Concello de Nigrán cancelará todas as actividades deportivas e culturais municipais durante o peche perimetral

Mantén abertas as instalacións públicas para os clubes federados que, dacordo coas normas, poden seguir adestrando ou competindo

O Concello de Nigrán cancela a partir do sábado todas as actividades culturais e deportivas municipais mentres teña vixencia o novo peche perimetral, polo que esta será a derradeira semana ata novo aviso.  O goberno local toma esta decisión atendendo ao protocolo publicado hoxe no DOGA e que entra en vigor desde o 7 de novembro, xa que limita a práctica deportiva ao modo individual e aos clubes federados e, paralelamente, os encontros deben cinguirse aos convivintes.

Igualmente, o Concello manterá abertas as súas instalacións deportivas (pavillón municipal e campos de fútbol de Vilariño e Condomínguez) para os clubes do municipio federados e que, segundo o decreto 179/2020 de 4 de novembro, poden seguir adestrando ou competindo (sería o caso da ED Val Miñor Nigrán, Racing Vilariño, Panxón-Nigrán F.S.  e  Club Baloncesto Nigrán).

“Como sempre, pedimos paciencia, cariño e calma. A Consellería de Sanidade toma estas medidas para impedir que o virus siga propagándose a este ritmo tan rápido e, entre todos, temos que cumprir responsablemente as novas normas para conseguir, de verdade, frealo e pasar un Nadal o menos raro posible”, subliña o alcalde, Juan González.