O Concello de Nigrán presenta o seu arquivo histórico audiovisual online coa posta en marcha de www.arquivoaudiovisualnigran.org, unha web pioneira en toda a comarca onde se recompilarán imaxes ou vídeos de interese etnográfico ou paisaxístico para o municipio facilitadas pola propia veciñanza. O arquivo arranca con todas as fotografías da exposición ‘Mulleres de Nigrán -1970’ sumadas a máis de 200 que foron entregadas nos derradeiros meses ex-profeso para engrosar este catálogo online, pero o obxectivo é que vaia medrando con novas achegas, polo que o Concello insta á veciñanza a ‘rebuscar no faiado’ na procura de novas ‘xoias’.
Este novidoso proxecto cumpre un dobre obxectivo, por unha banda recuperar e preservar a memoria máis recente do municipio e, por outro, difundila. Así, a través da escolma realizada visibilízase o desenvolvemento económico, social e cultural da localidade dun xeito sinxelo e accesible e coa opción de seleccionar por áreas como temáticas, cronoloxía ou parroquias. Igualmente, a web está deseñada de tal xeito que calquera usuario pode comentar unha imaxe para aportar datos que melloren a súa catalogación (moitas delas carecen de case calquera información). Está aberto tamén á recepción de vídeos, que por motivos de capacidade de almacenamento serán subidos previamente a Youtube para enlazalos á web (figuran varios da antiga Televisión Local).
A día de hoxe, como novidades que non constaban na mostra ‘Mulleres de Nigrán -1970’, os usuarios poderán descubrir fotos de paisaxes irrecoñecibles (especialmente de Panxón), de procesións relixiosas e romarías, da feira do gando na Ramallosa, de traballos no campo, de escolas de nenos, de antigas voltas ciclistas, dun tremendo temporal nunha Foz do Miñor onde daquela había barcos pesqueiros… Imaxes espectaculares que nos retrotraen a épocas pasadas e que explican que é hoxe Nigrán. Moitas fotos recibidas todavía serán subidas ao longo das vindeiras semanas ante a acumulación de documentos.
“A raíz do éxito da exposición ‘Mulleres de Nigrán -1970’ na que recompilamos imaxes con mulleres como protagonistas consideramos que sería interesante crear un arquivo online con todo tipo de fotos ou vídeos que axuden a visibilizar a Historia máis recente do municipio, trátase ademais dun traballo colaborativo entre Concello e veciñanza”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca a conveniencia de que sexa online “para que de verdade resulte facilmente accesible a todas as persoas e para que, precisamente, as familias conserven os seus orixinales e se animen a participar”.
Por este motivo, e para enriquecer este arquivo que contribuirá a fixar a memoria histórica, desde o Concello de Nigrán faise un chamamento á cidadanía para que rebusque no seu álbum familiar prestando especial atención a fotos ou vídeos anteriores a 1970 que retraten oficios tradicionais, antigas escolas, festas veciñais, paisaxes xa desaparecidos… Calquera documento que axude a explicar o desenvolvemento económico, cultural e social do municipio. As vías para achegar son a través da propia web no apartado contacto, a través do mail [email protected] por privado no Facebook Concello De Nigrán (en ambos casos con calidade suficiente) ou ben directamente no Concello (Oficina de Información Cidadá) onde serán escaneadas e entregadas de volta ao momento. No caso de posuír un arquivo numeroso, desde o Concello ofrécese a posibilidade de recollelas a domicilio co compromiso de devolvelas nun prazo de 48 horas. Xunto a foto debe ir toda a información que se posúa dela (ano, nomes, lugar, etc).
“Sabemos que nos fallados e maletas de cada casa hai fotos que son auténticos tesouros que se están a perder e aos que non se lles dá importancia, e este proxecto nace precisamente para eso, para que non queden alí esquecidas, para que todos podamos compartir, fixar e aprender desas marabillosas testemuña da nosa Historia recente”, explica María Villar, responsable de prensa do Concello e deste proxecto sen data de finalización “porque irá medrando infinitamente con todo aquelo que se vaia recompilando”.