O Concello de Nigrán ven de estrear esta semana unha nova electroliñeira con catro subministradores de carga rápida en Panxón (ao carón do Pavillón) o que convirte ao municipio no primeiro de España en número de dispositivos. Así, esta súmase á outra tamén de Iberdrola inaugurada o pasado mes de outubro ao carón do Centro de Negocios do parque empresarial Porto do Molle e á semi-rápida gratuíta disposta no 2018 polo propio Concello ao lado da Casa Consistorial. Así, a localidade ostenta o récord de electroliñeiras en espazos públicos de España. Esta nova é exactamente igual á de Porto do Molle, con 4 postos e estando operativa as 24 horas e tamén de de carga rápida (50 Kw/hora) o que permite completar o 80% da batería en só media hora.
“É un orgullo para Nigrán ser o municipio de España con máis electroliñeiras de uso público. Desde 2018 fomos pioneiros ao ofrecer unha municipal e gratuíta ao carón do consistorio con dúas tomas, agora sumamos estas dúas de Iberdrola con capacidade para 4 vehículos cada unha, polo que 10 coches poderán esta a cargar simultáneamente en Nigrán”, explica o alcalde, Juan González, quen xunto ao edil de Vías e Obras, Rubén Rial, e a de Educación, Marina Vidal, estrearon esta mañá a electroliñeira de Panxón cargando unha furgoneta munical acompañados dun representante de ACEUVE (empresa instaladora de Iberdrola en Galicia e con sede en Porto do Molle).
As dúas electroliñeiras de carga rápida en Nigrán as explota Iberdrola a un prezo de mercado de 30 céntimos kw/hora (supón unha media de 10 € por batería cargada ao 80%, para o que se precisa menos de 30 minutos). Todo o ciclo (posibilidade de reserva do conector, pago, información de prezos e ubicación …) se xestiona de forma sinxela a través da aplicación de Iberdrola para Android e IOS. “Obviamente son prezos moi asequibles que supoñen un desembolso para o consumidor de entre 1,5-2 € por 100 qm, polo que estes vehículos ademais de ser ecolóxicos resultan moi rendibles económicamente”, destacan desde Iberdrola.
“Non só somos unha referencia en termos de incentivar a sostibilidade medioambiental entre a veciñanza, é que isto fará que moitos usuarios se despracen ex-profeso a Nigrán para cargar o seu turismo en menos de media hora”, sinala o alcalde, quen incide en que o goberno local aprobou no 2018 unha bonificación do imposto de rodaxe nun 50% aos vehículos híbridos ou a gas (GLP) e nun 75% aos eléctricos ou híbridos enchufables, etiquetados estes últimos pola DGT como ‘0 emisións’.
“Panxón é un punto neurálxico que facilita moito a loxística do usuario que de despraza ao pavillón, á praia ou a comer, este é un motivo máis para elixir Nigrán, en cambio, Porto do Molle é un parque empresarial tecnolóxico no que, lóxicamente, se demandaba este servizo porque moitas empresas dispoñen deste tipo de vehículos”, sinala o rexedor, quen incide en que “se trata de promover entre a veciñanza a compra de vehículos sostibles; é un transporte moi silencioso e o 100% eléctrico non produce ningún tipo de emisións, é unha labor da administración promover o uso de enerxías limpas e facilitar o acceso a elas mediante este tipo de iniciativas”.