O Concello de Nigrán contabilizou un total de 4.860 vehículos no primeiro mes de funcionamento do novo parking público de A Ramallosa despois de 5 anos inoperativo. Cunhas cifras que aumentan considerablemente día a día, este aparcadoiro re-municipalizado é empregado na actualizade por unha media de 250 turismos con previsión de superar os 300. O consistorio asumíu desde o 5 de xaneiro a súa xestión directa tras conseguir remunicipalizar esta infraestrutura que antes dirixía a concesionaria ‘Estacionamientos Valle Miñor, S.L.’, empresa liquidada e disolta no 2019.
“O balance non poder ser mellor. A apertura superou incluso as expectativas máis optimistas: o emprega moitísima xente de xeito asiduo e nótase en todas as rúas da contorna coa proliferación de prazas baleiras, todo elo en beneficio do pequeno comercio ao animarse máis xente a vir a Ramallosa”, explica o alcalde, Juan González.
Nesta fase de estudio do seu uso, resulta totalmente gratuíto, permanecendo aberto de 8:00 a 22:00 horas de luns a sábado. Nun futuro rexirase polos prezos públicos xa aprobados, que comprenden as 2 primeiras horas gratis e a partir de ahí 0,02 €/minuto ata un máximo diario de 14,40 €. Adicionalmente, o goberno local liberará ata 90 prazas para os comerciantes deste núcleo urbano, xestión que se fará a través de a asociación de empresarios Ovalmi, para que dentro do horario de apertura poidan aparcar sempre gratuítamente. Igualmente, os usuarios da piscina mancomunada terán tamén unha tarxeta persoal para dispor dun horario algo máis flexible que dúas horas máximo unha vez que rixan os prezos públicos.
O goberno local non considerou en ningún momento outra opción que a xestión pública para que de verdade a súa apertura beneficie económica e socialmente a todo este núcleo onde precisamente escaseaban as prazas para aparcar. “Unha concesionaria lóxicamente busca facer negocio porque é unha empresa, en cambio, desde o Concello o que buscamos é un beneficio social, non o lucro: aparcamento gratuíto para toda aquela persoa que veña a Ramallosa a facer compras, recados, exercicio…”, engade o rexedor.
A posta a punto do parking supuxo para o Concello un investimento de máis de 120.000 € nos traballos de certificación da instalación eléctrica e de seguridade, reposición da maquinaria, axuste da protección contra incendios, instalación de dúas bombas de achique para evitar inundacións na última planta, a propia limpeza de toda a superficie ou a colocación de dous cargadores para vehículos eléctricos. A dirección destes traballos e a tramitación de cara a súa re-municipalización, moi complexa, foi asumida directamente polo edil de Mobilidade, Diego García.
O aparcadoiro súmase ao leira-parking municipal do núcleo urbano de Nigrán, tamén 100 % público e gratuíto e polo que o Concello paga un aluguer de 6.137 € ao ano, e a outra leira no Bulevar de Praia América de 4.000 metros cadrados cecida gratuítamente polos propietarios e con capacidade para máis de 200 coches.
“Somos conscientes do importante que son para os núcleos urbanos as bolsas de aparcamento porque repercuten directamente no pequeno comercio e na propia calidade de vida das persoas, polo que consideramos a re-apertura deste parking da Ramallosa de xeito 100% público un dos grandes logros deste goberno”, resume González.