Sábado, 8 Febreiro de 2025

Nigrán colabora coa Fundación Menela para facer accesible o Pazo de Pías na Ramallosa

O Centro Castro Navás realizou pictogramas que foron colocaron hoxe nas distintas estancias do albergue

O Pazo Pías de San Pedro da Ramallosa en Nigrán é desde hoxe máis accesible para todos os peregrinos e peregrinas que realizan o Camiño Portugués da Costa, un dos itinerarios máis escollidos para chegar a Santiago de Compostela. Facer esta ruta máis accesible desde o punto de vista cognitivo é un dos obxectivos do proxecto ‘Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos’, unha iniciativa promovida pola Fundación Menela que se enmarca dentro do programa O teu Xacobeo e que conta coa colaboración do Concello de Nigrán mediante a subvención directa de 4.000 €.

Baixo este obxectivo de construír unha sociedade máis igualitaria para todas as persoas, esta mañá representantes e usuarios de Menela, xunto co alcalde de Nigrán e a concelleira de Servizos Sociais, colocaron nas estancias do albergue Pazo Pías preto de 50 pictogramas, uns apoios visuais que facilitan a comprensión do entorno a persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e outras dificultades de comunicación. Lugares como a capela, a sala de reunións, os baños, a recepción, as habitacións, o comedor… teñen desde hoxe cadanseu pictograma.

“Adoitamos dicir que as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo son pensadoras visuais, polo que os apoios e adaptacións do entorno deben basearse nestas claves que o dotan de maior significado e melloran a comunicación”, explican desde a Fundación Menela, entidade de referencia para a atención de persoas con este trastorno. De feito, destacan que o uso de pictogramas non so beneficia as persoas con TEA, senón tamén as persoas con discapacidade intelectual, maiores, persoas que non saben ler e escribir, ou aquelas que descoñecen o noso idioma. En todos os casos, a comprensión facilitada do entorno as fai máis capaces e lles achega seguridade e autonomía.

“Desde o Concello estamos plenamente concienciados coas necesidades especias das persoas con trastorno do espectro autista. Un Camiño e un municipio accesible desde o punto de vista cognitivo é tamén parte do noso programa ‘Un Nigrán para Todos’, no que ademais participa a Fundación Menela xunto con outras entidades”, incidíu o alcalde, Juan González, quen destaca que a propia casa consistorial foi dotada na reforma de 2016 de pictogramas para facilitar a identificación de cada departamento.

A iniciativa ‘Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos’ deste ano 2021 permitíu tamén que un grupo de 20 persoas con TEA do Centro de adultos Castro Navás compartise a experiencia do Camiño Portugués da Costa desde Nigrán ata Pontevedra (no 2019 foi desde A Guarda ata Nigrán e o obxectivo é que no 2022 alcancen Santiago de Compostela).