A tarde do 5 de xaneiro, o Concello de Nigrán e a Cafetería Coffe&Meal (Hotel Val Convention) únense nunha “Tarde Solidaria coa Anemia de Fanconi”. Toda a recadación destinarase á Fundación Anemia de Fanconi, que apoia a pacientes con Anemia de Fanconi e fomenta a investigación para atopar unha cura.
“Esta xornada presenta un dobre obxectivo, por unha banda a recadación de fondos para continuar na procura de tratamentos eficaces e, por outro, a sensibilización social sobre a necesidade de incrementar as doazóns de medula” declara César Comesaña, organizador do evento e paciente de anemia de Fanconi de Nigrán.
A esperanza está na investigación e aínda queda moito por facer, a Anemia de Fanconi é unha enfermidade tan rara como grave que padecen unhas 150 persoas en España e só en Nigrán hai cinco casos dos poucos que hai diagnosticados en Galicia.
Este evento solidario terá lugar na cafetería Coffee&Meal do hotel Val Miñor Convention, que sita na rúa Rosalía de Castro, 6. Será mañá mércores 5 de xaneiro, de 16 horas a 21 horas.