26.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán abre este mes co Cineclub Val Miñor Alice-Guy

    Nigrán abre este mes co Cineclub Val Miñor Alice-Guy

    O Concello de Nigrán abre este mes de novembro oficialmente co Cineclub Val Miñor Alice-Guy e a figura do escritor Bernardino Graña unha programación especial adicada á memoria no sentido máis amplo do termo e que se extenderá ata decembro con documentais, curtametraxes, exposicións… “Memoria histórica e a memoria dos nosos maiores será o nexo de unión de toda a programación”, explica o alcalde, Juan González.

    Por este motivo, o cineclube regresa este xoves ás 20:30 ao Auditorio Municipal con ‘Canciones para después de una guerra’, un documental do director Basilio Martín Patino baseado na España de posguerra e realizado de forma clandestina en 1971, non sendo estreado ata 1976, despois da morte do dictador Francisco Franco. A comisión de censura, tras varios visionados e un importante número de modificacións no filme, non só aprobara a película, senon que lle concedera a categoría de Interese Especial. Pero… antes do seu estreo no Festival de San Sebastián, foi prohibida e incautada.

    A programación regresa este sábado 30 ás 20:00 horas co documental ‘O home que quixo vivir’, de Xan Leira, sobre o escritor Bernardino Graña, usuario da residencia Stella Maris de Panxón. No mesmo acto, que pon fin á exposición baixo o mesmo título inagurada a inicios de mes, presentarase o libro de Heitor Mera ‘Cartas de Bernardino Graña’. “A obra de Bernardino Graña (Cangas, 27.09.1932) é magna. Poesía, narrativa, teatro, conferencias… Un creador e un intelectual de altura que colaborou na modernización da nosa literatura desde moitos lugares nos que loitar. Puxo toda a súa intelixencia ao servizo do seu pobo” , refire Xan Leira sobre o impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega afincado en Nigrán.

    Xa no mes de novembro, o Auditorio Municipal acolle o día 6 ás 20:00 horas a aproxección do documental ‘Donde acaba la memoria’, dirixido polo veciño de Nigrán e docente na Universidade de Vigo Pablo Romero Fresco. Este constrúe un retrato de Ian Gibson percorrendo Las Hurdes, a Residencia de Estudiantes e Granada coa colaboración de Mike Dibb, Carlos Saura, Roman Gubern e, por descontado, co propio Ian Gibson. “O plan inicial era revisitar o documental histórico de Buñuel en Las Hurdes, pero pronto se fixo evidente que a historia estaba en Ian…”, confesa Pablo Romero, quen despois dun ano de montaxe para converter 50 horas de metraxe nun corte final dunha hora sufriu o roubo da cinta na súa propia oficina. “Esa foi a primeira das moitas mortes de ‘Donde acaba la memoria’ durante case unha década que tamén incluíu o nacemento dos meus dous fillos e cambios de traballo e de país. Pero unha película sobre a perseveranza dunha vida adicada á busca non pode abandonarse así como así”, refire.

    Posteriormente, o 15 de novembro os irmáns José e Ramón Trigo presentarán a exposición e novela gráfica ‘Kartoffel’, ambientada en Vigo no 1943 e que retrata a presencia de nazis en Galicia, particularmente na nosa área.

    O sábado 20 o Auditorio Municipal acollerá desde as 18:00 horas unha homenaxe a Xohana Torres, poeta, dramaturga e escritora en lingua galega (elixida académica no 2001) que elixiu Monteferro para pasar os seus derradeiros anos.

    Xa no mes de decembro, o día 6 proxectarase o documental ‘Negro Púrpura’, a cargo da produtora Illa Bufarda e baixo a dirección de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. Este retrata a Galiza do s. XX a través do cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que abre as portas a unha historia tan curiosa, sorprendente e descoñecida como importante no devir da nosa cultura e da economía dunha época. Caruncho, cornecelo, dentón, cornello, grao de corvo… este fungo de mil nomes conéctanos co resto do mundo e alimenta os relatos dende a porta da veciña ata as multinacionais farmacéuticas e a CIA; dende as pragas medievais, pasando pola medicina popular, ata o LSD.

    A programación remata o martes 7 ás 20:00 no Auditorio Municipal coa proxección da curtametraxe de Aaron Siebert ‘Elas’ e a presentación do Arquivo Histórico Audiovisual de Nigrán en formato web. ‘Elas’ é a tese de fin de Master de Siebert, veciño de Camos, na Eastman School of Music de New York. O traballo, no que tamén é encargado da banda sonora, retrata a dureza da vida da muller galega. 

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.