Concello de Nigrán e Aqualia, empresa xestora do Servizo Municipal de Auga de Nigrán, celebraron onte o Día Mundial da Auga cunha excursión dos alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP Da Cruz de Camos, á ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) de Nigrán, situada na parroquia de Priegue. Na visita, na que participou o alcalde, Juan González, a propia xefa de Servizo, Marián Lago, explicou aos nenos e nenas algunhas claves do funcionamento do servizo.
Lago, dunha maneira práctica, visual e ilustrativa, faloulles aos e ás escolares sobre importancia social e repercusión ambiental do sistema de abastecemento. Así, nenos e nenas puideron comprender de primeira man e paso a paso como chega a auga dende o embalse de Zamáns e o tratamento que recibe ata ser apta para o consumo. A ETAP de Nigrán pode depurar de xeito constante 200 litros/segundo.
“Dende o Concello de Nigrán estamos totalmente satisfeitos co traballo que desenvolve Aqualia no municipio, temos a máxima confianza nesta concesionaria e, precisamente, traballamos xuntos para que a rede de abastecemento chegue no menor espazo posible de tempo a tódalas áreas”, indica González, alcalde de Nigrán.