13.9 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránA biblioteca de Nigrán é finalista dos premios de arquitectura da Xunta...

    A biblioteca de Nigrán é finalista dos premios de arquitectura da Xunta de Galicia

    A biblioteca municipal de Nigrán suma un novo galardón ao seu brillante palmarés. O edificio do Concello, firmado por Lucas Gándara e Juan Pons, foi seleccionado na cuarta edición do ‘Premios de Arquitectura’ da Xunta como unha das oito mellores construccións realizadas en Galicia nos anos 2020, 2021 e 2022, resultando gañador o conxunto residencial ‘Cornes’ composto por 125 vivendas (Santiago de Compostela).

    Esta distinción entre decenas de proxectos presentados, engádese ao primeiro premio outorgado este ano polo Colexio de Arquitectos de Galicia á mellor obra de nova planta en toda a comunidade autónoma nos anos 2020-2021 e o premio ibérico ‘Technal 2022’ presidido no Xurado por Carme Pinós, Premio Nacional de Arquitectura 2021. Igualmente, a Biblioteca Municipal de Nigrán está sendo obxecto de estudo na Universidade de A Coruña na asignatura de segundo curso ‘Análise Arquitectónica’, tendo recibido con este propósito a visita do seu alumnado.

    “Non podemos estar máis orgullosos. É un edificio multipremiado que nos sitúa no mapa da mellor arquitectura moderna de todo o país e que nos permite medrar culturalmente”, subliña o alcalde, Juan González, quen destaca o investimento de 10.000 € este ano para ampliar a colección de libros ao ter gañado espazo”. Así, actualmente estanse a colocar nas baldas correspondentes un total de 210 exemplares adquiridos recentemente no comercio local. Uns meses antes, a través dunha subvención da Xunta de Galicia, investíranse outros 2.590 € en novidades editoriais e 1.581 € en libros en galego mercados directamente ás editoriais. “Grazas a dispor dunha nova Biblioteca podemos ampliar considerablemente a colección de libros e actualizala, xa que na antiga o espazo era moi limitado e estaba ao máximo de ocupación”, explica. “Hai un ano que está aberta ao público e podemos corroborar que mestura beleza, funcionalidade e harmonía cunha absoluta confortabilidade para o usuario”, subliña o rexedor, quen sinala que o vindeiro ano arrancarán as obras para remodelar a praza coa que linda a biblioteca, proxecto encargado tamén ao estudo Gándara#Pons para manter unha coherencia total entre o interior do edificio e o seu exterior.

    O edificio

    O edificio ocupa unha parcela municipal de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco). O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que teña dúas entradas, con accesos tanto dende o andar baixo como desde o primeiro, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Desde o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa á entrada polo andar baixo.

    Conta con catro alturas, planta irregular, e superficie total construída de 1.260 m2 clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.

    Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior. A cuberta está deseñada como unha terraza onde poder desenvolver actos.

    O mobiliario elixido estivo supervisado polos seus arquitectos e destaca por ser de liñas puras e deseño atemporal, en tons neutros e fabricado en materiais de alta calidade que lle outorgan resistencia e durabilidade. “Cada moble foi elixido atendendo á singularidade do espazo e función que vai ocupar porque se quixo dar unha imaxe unitaria e homoxenea que respectase á singularidade do edificio”, explican desde a adxudicataria Sutega, empresa galega responsable de proxectos similares como o amoblamento da Biblioteca Municipal Princesa Doña Leonor (Boadilla del Monte), a Biblioteca Municipal Los Corrales de Buelna (Cantabria) ou o Arquivo Histórico de Ourense e, xa na comarca, das novas oficinas da Zona Franca de Vigo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.