Domingo, 16 Febreiro de 2025

Ponteareas reforzará a cooperación entre Policía Local e Garda Civil

A Xunta Local de Seguridade de Ponteareas celebrou onte unha reunión extraordinaria a petición do alcalde Xosé Represas de cara a afondar na necesidade de colaboración entre a Policía Local e a Garda Civil e expoñer a situación da policía ponteareá que, na actualidade conta tan só con seis axentes activos e seis auxiliares “claramente insuficiente para atender tres turnos diarios de traballo, sete días á semana”, sinalou Represas.

Na Xunta Local de Seguridade participaron, ademáis do alcalde que a presidiu, o vicesecretario xeral e o asesor da Subdelagación do Goberno en Pontevedra, a xefa da unidade de Violencia de Xénero, o capitán xefe da Garda Civil da 1ª comandancia de Tui, o brigada comandante da Garda Civil do posto de Ponteareas e o secretario municipal, ademais do oficial da Policía Local e do concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Roberto Mera.

O alcalde explicou que das 22 prazas de axentes que existen en plantilla, 12 están vacantes, 3 están de baixa médica prolongada e un atópase en prácticas na Academia de Policía. A maioría das vacantes débense a xubilacións, excedencias e traslados a outros concellos que se produciron no último ano.

Represas lembrou que as prazas de axentes non se poden cubrir de forma inmediata en interinidade e requiren procesos lentos de selección e formación que se poden demorar até un ano e medio. Na actualidade Ponteareas ten convocadas cinco prazas para axentes que se prevé incorporar a mediados de 2020 e a intención é convocar outras cinco nos vindeiros meses que se incorporarían ao Concello en 2021.

Á vista da situación os representantes da Subdelegación do Goberno e Concello, así como os mandos da Garda Civil e da Policía Local, acordaron reforzar a colaboración entre os dous corpos de seguridade para aproveitar con eficacia os recursos humanos dispoñibeis e garantir altos niveis de seguridade en Ponteareas.

Na reunión facilitáronse tamén os datos sobre o índice de delitos en Ponteareas, salientando que se confirma e consolida a tendencia á baixa iniciada xa nos últimos tempos.