A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, quere recordar á cidadanía que cada semana os veciños poden dispor do servizo de recollida de enseres, referíndose deste xeito a mobiliario voluminoso, colchóns, neveiras ou somieres, entre outros moblaxes de particulares e dos fogares. Todos aqueles que queiran empregar este servizo deberán comunicalo previamente chamando ao número de teléfono 986 64 03 07 e os responsables do servizo indicarán o día e lugar onde depositar na rúa o moble ou enser.
Dende o servizo que presta a empresa FCC lembran a importancia de comunicar previamente a necesidade de chamar sempre para solicitar a recollida dos mobles e enseres, para dun xeito controlado, garantizar que este tipo de residuos voluminosos estean o mínimo tempo posible ocupando a vía pública.
Os electrodomésticos de pouco volume non son considerados enseres e non poderán deixarse na rúa nin nos contedores, tendo que ser depositados no Punto Limpo Municipal ubicado en Areas.
Que deixar no Punto Limpo?
O punto limpo ofrece un amplo horario, de luns a venres de 08:30 h a 13:45 horas e de 16:00 h a 18:00 horas, estando aberto tamén os sábados de 10:00 h a 13:00 horas. Todos e todas as empadroadas en Ponteareas terán dereito a usar sin coste os servizos do Punto Limpo. Dende aceites de fritura a electrodomésticos ou restos de obras menores son recollidos no Punto Limpo Municipal que só poden empregar únicamente particulares.
Todos os restos que os veciños e veciñas queiran deixar neste punto limpo terán que estar perfectamente identificados, xa que non se admite a entrega de residuos cuxo contido sexa descoñecido.
A concelleira Rosa Covelo lembra a “importancia da reciclaxe” e pide a colaboración da cidadanía na selección do lixo depositando cada resto no contedor axeitado e “contribuíndo así na mellora da calidade medioambiental e na construción dunha vila máis sostible e máis respectuosa na liña das directrices recollidas na estratexia de futuro «Ponteareas, Hábitat Saudable»”.
O concello de Ponteareas conta cun total de 135 contedores distribuídos polo centro urbano e 830 no rural. Tamén conta con illas de recollida selectiva (envases/papel/vidro e pilas) sendo 51 no casco urbano e 66 no resto das parroquias. Cómpre salientar que este servizo foi valorado positivamente polos veciños e veciñas na última enquisa do servizo realizada.