O alumnado con necesidades específicas do CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas leva catro anos aprendendo xunto a cans. Con eles e un equipo especializado avanzan no seu percorrido educativo, reforzan a súa autoestima e melloran as súas capacidades físicas e de concentración. Resultados constatados polo Concello e o equipo educativo do centro, e que, en palabras da alcaldesa e concelleira de Educación, Cristina Fernández Davila, mostran que “a terapia con cans é moi exitosa”.
A rexedora e a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, reuníronse coa Subdirectora Xeral de Innovación, Orientación e Formación de Recursos Humanos, Eugenia Pérez, para mostrarlle os bos resultados do proxecto e animala así a exportalo a moitos centros de Galicia. “A nosa experiencia nesta innovadora terapia educativa ten que servir de punto de partida para moitos outras escolas”, explica a alcaldesa, ao tempo que ofrece o coñecemento adquirido nestes anos pola Concellaría de Educación aos centros interesados en implantar este sistema.
A terapia con cans é unha actividade integrada no currículum escolar do CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera, e supón unha sesión individual semanal cos animais, un equipo de profesionais, e o equipo de orientación. A terapia ten distintas metas como a adquisición de habilidades técnicas de estudo, mostrar que a educación é esencial para o futuro da sociedade, e presta especial atención á aprendizaxe da convivencia, e á atención á diversidade. Ademais, durante o curso, tamén se fan sesións grupais co resto do alumnado e co persoal docente que axudan na inclusión dos alumnos e alumnas con necesidades específicas, e reducen o acoso escolar.
O equipo educativo constatou que a terapia supuxo para moitos alumnos e alumnas a recondución da súa conduta, fíxolles retomar os seus estudos e mellorou a convivencia no centro. As familias tamén destacan os resultados da actividade e salientan a evolución do alumnado a nivel persoal, familiar e escolar, así como, unha mellora na comunicación, afectividade, relación social e psicomotricidade dos seus fillos e fillas.
A alcaldesa conclúe que “despois destes anos mantendo esta iniciativa, pódese dicir, co respaldo de datos claros, que a súa implementación foi todo un éxito e que non só mellora a calidade de vida dos e das interesadas, senón que mellora os seus resultados académicos”. Por todo isto, esperan que a reunión mantida coa Subdirectora Xeral sexa un punto de partida para que os cans entren a moitas máis aulas de Galicia.