Luns, 10 Febreiro de 2025

Ponteareas destina preto de 100.000 euros para a inserción laboral de titulados universitarios e ciclos formativos

O Orzamento 2020 do Concello de Ponteareas, aprobado esta semana, destina 97.000 euros para que titulados e tituladas universitarias ou de ciclos formativos poidan realizar prácticas profesionais remuneradas en distintos departamentos do Concello. As prácticas realizaránse durante o presente ano 2020, desempeñando funcións da propia formación.

Ás titulacións que demandará o Concello son as relacionadas con distintos servizos municipais, “destinos nos que ás mozas e mozos poidan pór en práctica por primeira vez a faceta laboral para completar a súa formación teórica, unha formación remunerada que favorece aos estudantes e á institución municipal” sinalou a concelleira de Emprego e Formación, Vanesa Fernández.

Este programa de inserción laboral ten como finalidade ofertar aos menores de 30 anos unha oportunidade laboral relacionada, dentro dos distintos departamentos e servizos municipais, coa formación académica universitaria ou de formación profesional recibida.

Con esta iniciativa, o goberno local tamén pretende contar cunha maior presenza e participación no día a día do Concello de persoal técnico dentro das categorías máis altas do organigrama municipal para o que é preciso ser titulado universitario.

O Goberno local prevé realizar este programa a través da colaboración coa Fundación Universidade Empresa Galega, prestando os servizos no Concello de Ponteareas.

Un mínimo de 10 titulados universitarios e de ciclos poderán beneficiarse desta primeira práctica laboral remunerada. O alcalde Xosé Represas explicou que cada estudante “exercerá no departamento municipal relacionado coa súa carreira e ao ser o primeiro emprego isto permitirá que se familiaricen coa profesión ao tempo que o Concello se beneficia do seu traballo e coñecementos técnicos”.