A programación das festas de setembro virá este ano cargado de música, actividades e moi bo humor da man dos humoristas Federico Pérez e Marcos Pereiro, que porán en escena o espectáculo «Os Tristes» na Praza Maior o venres día 6 ás 21:30 horas para dar paso logo a música de orquestra.
A ruada dos xigantes e cabezudos acompañados de música tradicional xa espertará na mañá do propio venres o ambiente festivo no centro urbano.
Non faltarán as citas fixas de cada setembro, como a Feira Tradicional dos Remedios, o Festival Folclórico e os globos de San Miguel, que volverán despegar dende a Praza Bugallal o domingo 29.
A cidadanía poderá desfrutar dunha ampla e variada programación para toda a familia, pensada para que durante todo o mes todos os públicos atopen actividades do seu interese. Animación infantil, ruadas, exaltación de produtos tradicionais, concertos, xogos tradicionais e festivais completan a oferta lúdica e cultural.
As orquestras amenizarán as verbenas nos días 6, 7 e 8 de setembro, así como o 28, 29 e 30, festivo local, no que La Fórmula será a encargada de pechar as festas na Praza Maior.
As xornadas deportivas e eventos especiais súmanse a esta programación que a concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, e a concellería de Eventos, que dirixe Cristina Fernández, irán detallando ao longo destes días.
“Actividades participativas e para tódolos públicos é o obxectivo principal desta programación festiva, na que quixemos contar coas orquestras nos días festivos e con múltiples actividades de entretemento para o resto do mes”, explica Cristina Fernández.
O concello distribuirá, como xa é habitual, nas instalacións municipais os trípticos coa programación das festas de setembro para que toda a cidadanía a poida desfrutar.