Luns, 10 Febreiro de 2025

Os colexios de Ponteareas contarán, por primeira vez, co servizo de Aula Matinal

A concellería de Ensino, que dirixe a tenente de alcalde Cristina Fernández, anunciou hoxe a apertura do prazo de inscrición para a aula matinal dos centros educativos públicos tanto no ámbito urbano como no rural. Será a primeira vez que os centros educativos ponteareáns conten con este servizo que contribúe a mellora da conciliación da vida laboral e familiar.

As familias con nenos e nenas no CEIP Feliciano Barrera, CEIP Santiago de Oliveira e CRA A Picaraña (Areas, Moreira, Pías, Ribadetea, Parada e  Portela) poderán realizar xa a inscrición.

Potenciar o desenvolvemento integral do alumnado tanto no aspecto lúdico como educativo e fomentar valores sociais tales como o compañeirismo, traballo en equipo, coidado do material, actitudes de respecto e tolerancia e dinamizar a través de actividades socioeducativas para incentivar a participación activa e o desenvolvemento de habilidades socias, actitudes cooperativas, democráticas e cívicas, son algúns dos obxectivos da aula matinal.

As familias interesadas poderán acceder ao formulario de inscrición, tanto para o rural como para o ámbito urbano a través da seguinte ligazón da páxina web do concello https://ponteareas.gal/servizos/ensino/aula-matinal/

Tamén poderán obter o formulario de inscrición no departamento de Ensino do concello ou nos centros escolares.

Unha vez cuberta a solicitude deberán entregala ou no rexistro do concello de Ponteareas ou a través da sede electrónica (trámites destacados/instancia xeral).

Con esta iniciativa o goberno de Ponteareas amplía os servizos ofrecidos á cidadanía e da un paso máis na equiparación de servizos ofrecidos á veciñanza das parroquias e do centro urbano.

Cristina Fernández insiste na importancia de apoiar ás parroquias “xa que son a identidade dun xeito de vida propio de Galicia e moi representativo en Ponteareas”.