Mércores, 12 Febreiro de 2025

O trompetista Esteban Batallán clausurará o VIII Festival Groba que encherá Ponteareas de música entre o 15 e o 21 de agosto

Para garantir a seguridade sanitaria importa pola COVID-19, o público deberá reservar butaca con antelación para escoitar os mellores músicos de fóra e de dentro das nosas fronteiras

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, acompañado da deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, do concelleiro de Cultura Fernando Groba e do director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba, presentaron hoxe no salón de plenos do Concello o cartel do VIII Festival Groba que, entre o 15 e o 21 de agosto e por oitavo ano consecutivo, encherá Ponteareas coa música das estreas absolutas do prolífico Mestre Rogelio Groba e será escenario no que se dean cita os mellores músicos do mundo.

Organizado co apoio da Fundación Groba, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, o Festival Groba ten como obxectivo divulgar a música clásica e facela chegar a cada recuncho e persoa que neses días visite Ponteareas.

Baixo as estrictas normas de seguridade sanitaria e distanciamento social este ano o Festival Groba presenta a novidade de ter como convidado especial encargado do concerto final ao trompetista Esteban Batallán solista da Sinfónica de Chicago que ofrecerá a estrea absoluta do concerto para trompeta e orquestra Concertino Rococó do Mestre Groba.

“É unha fortuna poder ofrecer un ano máis o Festival Groba. Este ano máis ca nunca fixemos un esforzo especial para poder garantír a seguridade e non privar así ao público desta ocasión única no ano”, explica o Alcalde Xosé Represas.

Pola súa banda a deputada provincial Victoria Alonso deu os parabéns ao Festival por cumprir un ano máis sendo unha cita obrigada no calendario cultural e salientou o necesario que é a oferta cultural para a cidadanía, sendo unha boa compañeira de vida, tal e como quedou demostrado nos tempos de corentena.

Totalmente de balde volveremos gozar das grandes figuras da música clásica como a viola coreana Kyoungmin Park, o pianista Federico Colli, o violín de Josef Spacek e Damián Hernández, pianista. Tamén volveremos gozar da voz e da arte da soprano Laura del Rio que estreará dúas obras do mestre Groba e do piano de Elisa D´Auria así como do violinista Pablo Vidal ou do clarinete de Spyros Fakiolas, así o relatou na súa intervención o director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba; e Alba Reirís, a cellista ponteareá recuperará os microconcertos do mestre Groba.

A chelista Anastasia Kobekino ofrecerá outra das novidades tocando no convento de Canedo as seis suites de Bach o domingo 18.

A Orquestra de Cámara Galega actuará o sábado na sesión de apertura, o xoves e os concertos de cámara dos solitas serán o luns, o martes e o mércores.

Todo no auditorio municipal e previa reserva no número de teléfono 618 705 639 ou no enderezo electrónico [email protected], así o salientou o concelleiro de Cultura Fernando Groba quen tamén pide a colaboración da cidadanía no cumprimento estricto das normas especialmente nas entradas e saídas do auditorio.

“Seguimos centrados en ter unha programación que permita gozar das e dos mellores músicos para dar visibilidade e respaldo ás e aos nosos músicos, porque en Galicia temos grandes profesionais e moito talento”, engadíu Rogelio Groba.

O Festival Groba adapta, así, a súa programación para que se garantan todas as normas sanitarias sen renunciar ao pracer único de desfrutar da mellor música clásica de balde e sen saír de Ponteareas.

O programa do Festival pode consultarse a través destas dúas ligazóns https://www.festivalgroba.com/ga-artistas https://www.festivalgroba.com/ga-artistas