O Concello de Ponteareas vén de convocar ao Consello Municipal da Infancia e da Adolescencia para manter unha nova reunión, nesta ocasión virtual, o vindeiro 18 de xuño ás cinco da tarde. O alcalde ponteareán, Xosé Represas, quere dialogar coa infancia e coa mocidade da vila sobre o tempo de confinamento e a actualidade da desescalada co obxectivo de afondar naquelas preocupacións que os abordaron nestes tempos e coñecer cales foron as súas necesidades.
Xunto á concelleira de Educación e tenenta de alcalde, Cristina Fernández, e o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, recollerán tamén as propostas que ofrezan para o fin do estado de alarma e debatirán sobre o uso do espazo público na nova normalidade.
Ademais, na listaxe da orde do día atópanse puntos como a renovación dos parques infantís e as actividades lúdicas municipais para os menores neste verán de 2020.