Domingo, 9 Febreiro de 2025

A «Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas» abre as súas portas ao público en xeral por primeira vez

Mañá martes arranca en Ponteareas, nas instalacións do ‘Complexo Deportivo Álvaro Pino’, a ‘III Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas’, un evento que este ano e por primeira vez, tal e como adelantaba a tenenta de alcalde e concelleira de Ensino, Cristina Fernández, “poderá ser visitada polo público en xeral de 16 h a 18:30 h de mañá martes, totalmente de balde. 

Logo do éxito da anterior edición, a Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas medra e ofrecerá un total de 29 stands de centros formativos que achegarán aos visitantes información sobre as modalidades que imparten e demostracións prácticas do traballo que realizan dentro do seu curriculum educativo.

Cristina Fernández lembra que esta feira “naceu co obxectivo de amosar a toda a comunidade educativa a oferta de ensinanzas profesionais para que o alumnado poida coñecer de primeira man as materias que se imparten e o perfil profesional para o que se poden preparar”. Unha vez máis o alumnado do CIFP A Granxa e voluntariado realizará visitas guiadas acompañando aos centros visitantes participantes.

“Non sempre é doado decidir como vas encamiñar a túa traxectoria de formación e por iso é imprescindible ofrecer a maior información posible e que vexan por si mesmos exemplos prácticos do froito deses estudos que poden cursar”, explica Cristina Fernández que tamén engade que é indispensable que o alumnado poida conversar cos estudantes e profesorado destas ensinanzas, da súa experiencia e da súa satisfacción.

Este ano a Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas abrirá o martes día 4 e o mércores día 5 e por ela pasarán máis dun milleiro alumnas e alumnos para poder tomar unha decisión o máis axeitada posible en relación aos seus estudos.

Por vez primeira o público en xeral tamén poderá visitar de balde os 29 stands o martes de 16 a 18:30 horas e participar nas demostracións en directo como a do módulo de panadería, a de caracterización de personaxes, a dos músicos dos conservatorios, as medioambientais ou da tirolina ou a de robótica.

Na III Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas poderemos atopar novidades como o stand da rama sociosanitaria e tamén o de Parasanitaria, o de xestión ambiental, stands de ensinanzas de electrónica, arte dramática, idiomas, soldadura, xoiería, moda, restauración, deportes, auxiliar de voo, ilustración, canteiría ou imaxe e son, entre outras moitas modalidades que os centros de ensinanzas profesionais ofertan.

A Escola de Cantería da Deputación un ano máis presente na Feira

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra será unha das protagonistas da terceira edición da Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas, que terá lugar este martes e mércores, 4 e 5 de febreiro, na vila do Condado. Ao longo destes dous días, no complexo deportivo Álvaro Pino, a veciñanza e mocidade de Ponteareas e da comarca vén de coñecer a oferta formativa deste centro da institución provincial.

Máis polo miúdo, representantes da Escola de Cantería presentan as ensinanzas que o centro oferta, é dicir, os títulos de Canteiro e Canteira e de Mestre Canteiro e Mestra Canteira. Para acadar estes títulos, amais de recibir formación para aprender a traballar a pedra e estimular a vocación artística, impártense cursos de modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da arte e construción, así como prácticas de laboratorio e informática.

A formación que recibe o alumnado é eminentemente práctica e así, moitas das súas obras de arte, como cruceiros, monolitos, conxuntos escultóricos, bustos, peanas ou construcións arquitectónicas están a ser situadas en lugares de Galicia, de España ademais de Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal. Ademais, antigos alumnos e alumnas están a traballar en obras emblemáticas como o Capitolio de Washington, a restauración do Chiado de Lisboa, na Catedral de Santiago, a Sagrada Familia de Barcelona ou na Catedral de Westminster, en Londres.

Xunta á Escola de Cantería, participan tamén na terceira edición da Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas vinte expositores de centros de educación secundaria, formación profesional e ensinanzas especiais para coñecer as diferentes alternativas profesionais que dispón o alumnado.