Domingo, 9 Febreiro de 2025

A Feira das Ensinanzas de Ponteareas esperta a curiosidade do público

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a deputada provincial responsonsable de Centros de Ensino, Noemí Outeda, inauguraban onte a terceira edición da ‘Feira das Ensinanzas Artísticas e Profesionais’ acompañados do inspector territorial de Ensino; do concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, e da concelleira de Benestar Social e Igualdade Verónica Carrera que realizaron unha visita a cada un dos stands dos centros educativos.

Por vez primeira a feira abríu as súas portas para o público xeral e foron moitas as familias que percorreron os stands na procura de información orientada a tomar a mellor decisición académica.

“Espertar a súa curiosidade e que teñan a oportunidade de coñecer a experiencia dos e das propias estudantes dos ciclos é fundamental porque canta máis información teñan mellor poderán decidir o seu futuro en relación á formación e á procura de emprego”, explica o Alcalde Xosé Represas.

Ademais da cidadanía tamén visitaron a feira técnicos e autoridades locais de concellos veciños atraídos pola ampla oferta de stands e polo oportunidade de ver en directo demostracións do traballo para o que se preparan.

Mañá mércores a feira volve abrir as súas portas para o alumnado dos centros educativos que serán guiados polos 29 stands nos que poderán coñecer os traballos de cantería, caracterización, música, actividades na natureza, xoiería, panadaría, auxiliar de voo, arte dramático, robótica, soldadura, sociosanitaria, tapicería, automoción, ilustración e un longo etc de formacións profesionais que poderán cursar.