11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA Deputación leva este sábado a Ponteareas o espectáculo 'X Xela'

    A Deputación leva este sábado a Ponteareas o espectáculo ‘X Xela’

    A asistencia é gratuíta e é preciso reservar praza a través da plataforma que xestiona o público dos eventos municipais

    A Praza da Feira Vella será este sábado 2 en Ponteareas o escenario do espectáculo ‘X Xela’, un evento co que a Deputación contribúe ás festas de San Miguel organizadas polo Concello e co que a institución provincial pretende poñer en valor o galego e conmemorar as Letras Galegas dedicadas este ano a Xela Arias baixo o lema ‘365 días en galego’.

    A asistencia ao espectáculo, que se celebrará a partir das 21 horas, é libre mais é preciso reservar entrada a través da plataforma eventbrite.es que xestiona todos os eventos con público do Concello de Ponteareas. As prazas concederanse por orde de solicitude.

    ‘X Xela’ é dun espectáculo multidisciplinar no que todo tratará en torno a obra da autora Xela Arias misturando tres formatos: música, poesía e fotografía. Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, “será un show dinámico, atractivo e 100% feminino para homenaxear a unhapoeta tan singular”.

    A parte musical do evento correrá a cargo da Banda da Loba, unha formación galega que está a revolucionar a música galega coa mestura de música e literatura, que musicará poemas de Xela Arias dende formatos máis tenros ata o punk rock pasando polo country ou o bolero. A parte de fotografía tómase das imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria.

    A parte poética de ‘X Xela’, comisariada por Tamara Andrés, contará con tres poetas que representan, comparten a forza e a linguaxe poética da homenaxeada: Helena Salgueiro, Estíbaliz Espinosa, e Nuria Vil, todas elas rebeldes e denunciadoras de desequilibrios que lanzarán “frases coma frechas”. “O espírito de Xela estará moi presente”, subliña a comisaria.

    O espectáculo ‘X Xela’ xa pasou da man da Deputación pola praza da Ferrería en Pontevedra o pasado mes de xuño. De forma paralela, a institución provincial ten en marcha outras actividades relacionadas con Xela Arias, como a mostra fotográfica aberta no Museo Verbum de Vigo ata o 29 de outubro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.